10.4 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaPreto de 120 persoas iniciaron hoxe as actividades formativas do programa "Tic...

    Preto de 120 persoas iniciaron hoxe as actividades formativas do programa “Tic Emprendes” da Deputación

    Tic Emprendes fomenta a formación e o emprendemento da xente máis nova para loitar contra o despoboamento nos concellos con maiores problemas demográficos

    Preto de 120 persoas de entre 16 e 30 anos, a maioría delas mulleres (74), participan hoxe luns, 15 de marzo, nas primeiras seis actividades formativas do programa da Deputación “Tic Emprendes”, co que a institución provincial busca fomentar o emprendemento entre a xente máis nova dos concellos con menos habitantes da provincia a fin de frear o despoboamento. Estas accións se desenvolverán por primeira vez de xeito telemático debido á situación sanitaria e está previsto que en abril se inicien outras dúas novas accións formativas con outras 30 persoas participantes.

    Máis polo miúdo, a actividade formativa con maior demanda é a do curso de márketing dixital, con dous grupos de 17 persoas, seguida da relativa á organización e xestión de almacéns, cun total de 30 alumnos e alumnas. O resto de cursos están enfocados ás novas tecnoloxías e abordan temáticas como a creación de contidos dixitais (imaxe, vídeo e videoxogos), con 19 alumnas e alumnos; a creación e xestión de tendas en liña (18) e as aplicacións móbiles (17 persoas). Doutra banda, en abril desenvolveranse outros cursos de márketing dixital e de venda de produtos e servizos turísticos.

    Todas estas actividades, de carácter gratuíto, son parte do total de 26 accións enmarcadas nos 11 itinerarios formativos de que consta o programa “Tic Emprendes”, que se prevé que forme a un total de 390 mozas e mozos ata o ano que ven. A iniciativa está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e conta cun orzamento de máis de 700.000 euros.

    O programa ten como obxectivos fomentar o emprendemento entre a xente máis nova, promover a formación cara o emprego e loitar contra o despoboamento, propoñendo alternativas que fixen a xente moza nas zonas con maiores problemas demográficos. En concreto, céntrase nos 31 municipios da provincia de Pontevedra que contan cunha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes ou, no seu defecto, entre 5.001 e 10.000 habitantes con saldo negativo na última década. Son Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario Moraña, As Neves, Pazos, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, Oia, O Rosal, Silleda, Valga e Vila de Cruces.

    En cada itinerario ofrécese formación en materias específicas de cada zona, titorías personalizadas para a busca de emprego, e asesoramento para a creación da propia empresa. Ademais, o programa ten como metas que o 15% das persoas mozas participantes comecen unha iniciativa emprendedora, que o 30% obteña un emprego e que o 80% permaneza no seu lugar de residencia. O programa, con contidos e actividades que poden consultarse na ligazón https://www.depo.gal/tic-emprendes, mantén aberta a inscrición para participar en próximas accións formativas que se irán desenvolvendo. Esta formación é gratuíta e as persoas interesadas poden acadar información no correo ticemprendes@depo.gal ou nos teléfonos 886 217 320 e 986 804 100 (extensión 47320).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.