Domingo, 1 Xuño de 2025

Nigrán ofrece a obra de teatro ‘La molinera de Arcos’

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 18 de novembro ás 20.00 horas no Auditorio Municipal a nova proposta escénica dinamizada desde o Espazo +60 Afundación A Coruña. O seu grupo de teatro, dirixido por Víctor Díaz Barús, representará unha adaptación da obra de teatro ‘La molinera de Arcos’, de Alejandro Casarón. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

No 1985 Víctor Díaz Barús forma o grupo de teatro do Espazo +60 Afundación A Coruña, e ese mesmo ano e con motivo do XXV aniversario da inauguración do Centro, debutan coa obra de Molière, ‘Casamiento a la fuerza’. No ano 1992, empezan a prodigarse con saídas e, a partir deste ano, o grupo adquire unha gran notoriedade, grazas a un vídeo promocional que se realiza co fin de entrar en circuítos culturais e que chega a distintas produtoras de ámbito estatal que solicitan a algún dos seus integrantes para que pasen a formar parte de elencos de series e anuncios. Na actualidade o grupo de teatro está integrado por 16 actores, con idades comprendidas entre os 61 e os 88 anos que farán pasar un bo intre con esta obra sinxela, atractiva para todos os públicos e chea de humor.

Salvaterra prepárase para acoller a IX edición da Festa do Viño Espumoso

A punto de rematar o mes de novembro e comezar cos preparativos do Nadal chega unha das festas imprescindibles da programación do Concello de Salvaterra de Miño. O vindeiro día 2 e 3 de decembro celébrase a novena edición da Festa do Viño Espumoso D.O Rías Baixas. Como en edicións anteriores será no recinto da muralla baixo unha carpa que albergará os protagonistas desta festa, os espumosos.

En total serán dez as adegas participantes que ofrecerán os seus viños espumosos e todo acompañado de tapas diversas ademais de doces, cafés e chocolates. Unha festa que a punto está de celebrar os dez anos e que mantén a mesma filosofía, por en valor os viños espumosos da nosa comarca, un produto que ano a ano vai gañando adeptos.

Ademais de viño e gastronomía, este ano tamén haberá música para amenizar a festa. O público poderá desfrutar con grupos como Somoza Trío, La Comisaría, Nacional 81, Urbano Cabrera, Manuel Madarnás, Demasiadas Luces y pocas sombras, entre outros.

A inauguración terá lugar o sábado día 2 de decembro ás 12:00 da mañá coa actuación de A.C. Pontenova e a apertura dos stands. Ese mesmo día ás 18:30 horas haberá un coloquio sobre espumosos a cargo de Luis Paadín e Alejandro Paadín, Ambassadeurs du Champagne de España e formadores homologados de cava.

Ademais non faltará o tradicional degüelle a sable e brindis despois do acto de nomeamento de novos cofrades da Cofradía do Viño do Condado do Tea e Espumosos.

Chega a X edición do Trail do Trega

0

O Concello da Guarda acolleu a presentación do X Trail do Trega, o cal esgotou dorsais e reunirá esta fin de semana a máis de 600 corredores. Nesta décima edición os participantes terán a oportunidade de correr e compartir experiencias xunto a Luis Alberto Hernando, triplo campión do mundo de trail e padriño oficial da proba.

A primeira proba en celebrarse será a andaina, que sairá o sábado 18 ás 16:00 horas desde a Alameda da Guarda. Tras ela, ás 19:30 horas celebrarase unha charla-coloquio con Luis Alberto Hernando, con entrada libre para todos os interesados.

O domingo 19 dará saída ás 10:00 horas o Gran Trail, onde os corredores realizarán dezanove quilómetros por unha das zonas máis espectaculares de Galicia, o Monte Santa Trega. Ás 10:15 horas sairá o Mini Trail, cunha distancia de doce quilómetros. Tras finalizar as probas daranse os premios da Pontevedra Trail, onde os participantes nas tres carreiras que a compoñen, Trail do Aloia, Trail Adventure Muiños do Folón e Trail do Trega, recibirán un agasallo “finisher”, ademais, entregaranse os podios finais.

Á presentación do evento asistiron o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, o concelleiro de deportes, Celso Fariñas, Daniel Benavides, Delegado da Xunta de Galicia na Provincia de Pontevedra, así como diferentes representantes das Comunidades de Montes de Camposancos e A Guarda, e Serafín Martínez Acevedo, director da carreira.

As inscricións para as ambas distancias atópanse esgotadas e a pesar de abrir novas prazas para os últimos afortunados este martes, non duraron nin unha hora. Desde a organización da proba animan a todos os rexistrados a gozar esta fin de semana de trail por unha contorna espectacular, e a celebrar este décimo aniversario da carreira.

O Porriño conta cunha futura promesa de Moto4

O piloto porriñés Iker Rodríguez aspira esta fin de semana a ser Campión de España en Moto4. Será no circuíto de Montmeló onde disputará a última proba da temporada.

O porriñés, que será o máis novo dos participantes na proba, chega á última xornada a un punto do seu compañeiro, Andrés García, e con tres vitorias ás súas costas. Pase o que pase en Montmeló, xa ten asegurado o salto á cilindrada superior e o ano que vén competirá en PreMoto3.

Pese á súa idade, Iker conta xa cunha sólida traxectoria. Aos tres aniños de idade subiuse a unha moto por primeira vez, con nove proclamouse Campión de España de SuperMotard e agora con doce pode ser o primeiro piloto galego que se faga co campionato nacional de velocidade na súa primeira temporada en Moto4.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, despediu onte a Iker antes de saír cara Montmeló. “Iker é o claro exemplo da importancia de loitar polos teus soños e facelo con responsabilidade, constancia e esforzo”, apuntou o alcalde, “O seu pobo está ao seu lado para apoialo no que se propoña porque os seus éxitos sentímolos nosos. Estamos moi orgullosos de ti Iker”.

Baiona continúa coa programación de “Baiona lila”

0

A GalEscola de Baiona acolleu onte o contacontos “Entre Arrolos e Contiños”, de Bea Campos. As crianzas gozaron dunha mañá distinta con esta entretida actividade.

Este contacontos encádrase dentro do “Baiona Lila”, a programación organizada polo Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no concello de Baiona.

Oia adquire un novo vehículo eléctrico coa axuda da Xunta

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello de Oia, que recibiu unha axuda de máis de 28.000 euros grazas ao Fondo de Compensación Ambiental para a compra de un vehículo.

Trátase dun vehículo eléctrico con distintivo ambiental de cero emisións que contribuirá a que os responsables do servizo de vías, obras e medio ambiente do municipio poidan cumprir coa súa labor dunha forma máis eficiente, confortable e sustentable.

Reguera destacou que esta dotación permitirá manter os recursos naturais e as infraestruturas de Oia. Por iso, sinalou a importancia da “colaboración entre a Xunta e os concellos para que poidan prestar servizos de calidade á cidadanía”, como neste caso co obxectivo de garantir a protección ambiental. 

Esta achega ao concello de Oia foi posible grazas ao Fondo de Compensación Ambiental que desde 2010 permite que os concellos se beneficien das explotacións eólicas instaladas na súa contorna. No marco deste fondo, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

“Estou seguro de que esta inversión vai permitir aos traballadores do concello de Oia mellorar a súa produtividade e levar a cabo proxectos que antes resultarían moito máis difíciles e custosos”, concluíu o delegado.

Alcaldesa de Redondela e delegado do Goberno en Galicia visitan as obras de reposición da AP-9 en Chapela

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada dos concelleiros Roberto Villar, Antonio Cabaleiro e Iván Valles, recibiu esta mañá en Chapela ao delegado do Goberno en Gaicia Pedro Blanco con quen supervisou as obras de reposición de viarios afectados pola ampliación da AP-9 nesta parroquia redondelá.

Rivas agradeceu esta primeira visita oficial do Delegado do Goberno con motivo destes traballos “tan agardados e tan necesarios cos que se salda unha débeda coa veciñanza de Chapela logo do castigo sufrido polas obras de ampliación”. Estas obras, recalcou, “chegan tarde, pero chegan, e esa era a miña loita e a de todos os colectivos, asociacións e veciñanza de Chapela”.

Pola súa banda o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou que o Goberno de Pedro Sánchez salda unha débeda con Redondela e coa mellora da calidade de vida da veciñanza deste concello que vive ao carón da autopista AP9.

O delegado sinalou que o Goberno avanza con paso firme para completar os compromisos ligados á ampliación de capacidade desta vía e que suman 15 millóns de investimentos en Redondela. As tres actuacións son a construción do novo centro educativo de Chapela, que xa está funcionando; a reposición de viarios, que está en execución, e a instalación de pantallas antirruído, que conta xa coa información pública aprobada e está pendente da aprobación definitiva previa á licitación.

Durante a visita insistiu: “este Goberno é un Goberno que escoita e que dá resposta ás demandas da veciñanza de Chapela, poñendo punto e final un problema que afectaba de maneira importante á calidade de vida da cidadanía da contorna da AP-9”, afirmou.

O delegado incidiu na relevancia dunha actuación que “conseguirá facer máis habitable Chapela coa mellora de espazos públicos, a creación de novos servizos e favorecendo a mobilidade segura e sustentable tanto de peóns como de vehículos, “porque neste Goberno seguimos a apostar pola comunicación útil e poñemos sempre ás persoas no centro”, engadiu Pedro Blanco.

As actuacións comprendidas nas obras son:

  • Adecuación e mellora dos camiños Penisal, Torreiro, Camiño dá Igrexa e Pasán, mediante a reposición do firme, disposición de beirarrúas, creación de zonas axardinadas e sendas peonís. Dótase de continuidade ao Camiño dá Igrexa ata a rúa Pasán.
  • Ampliación da pasarela peonil de Chapela, que cruza sobre a autoestrada AP-9.
  • Reordenación da sección transversal do paso superior sobre a autoestrada da rúa Pasán para permitir a disposición dun itinerario peonil sobre o mesmo.
  • Tamén se adecúa a contorna do IES Chapela, mediante a disposición dunha dársena para subida e baixada de estudantes que viaxan en vehículo privado, e que actualmente non dispoñen de espazo habilitado na avenida de Redondela para realizar esta operación.
  • Ampliación do paso superior de Trasmañó, mellorando deste xeito o itinerario peonil que discorre sobre o mesmo.
  • Reposición e mellora de Camiño Mouriño, repoñendo o firme e construíndo beirarrúas.

As obras inclúen ademais as debidas actuacións de integración ambiental, estética e paisaxística, e son compatibles coa actuación de disposición de pantallas antirruido neste tramo.

O BNG de Ponteareas asegura que o tripartito de Castro presenta un orzamento “para vivir de rendas” do anterior goberno

Tras a primeira reacción nos pasados días, o BNG analizou o borrador de orzamentos para o 2024 en Ponteareas, que irá a Pleno extraordinario o vindeiro luns 20. Na súa valoración, o BNG sinalou que coa presentación pública dos orzamentos, o goberno liderado polo PP protagonizou “un espectáculo bochornoso e lamentable de mentira, manipulación e engano a cidadanía cun desfile de cifras que ninguén cre”.

“A pouco que se consulte a documentación oficial, descóbrese que o tripartito mente e oculta datos para maquillar as cifras do orzamento. Falan de aumentos estratosféricos, pero a realidade píntalles a cara. Anuncian, por exemplo, subas na partida de actividades culturais e festivas que superan o 550%, cando en realidade nin sequera duplican a partida anterior”, relata o Bloque. “Menten tamén ao dicir que as axudas a casas e centros culturais aumentan, pois a partida é exactamente a mesma da que dispuñan no orzamento prorrogado para este 2023 e que non executaron ao decidir deixar ás parroquias sen subvencións”.

Investimentos

O BNG destaca a drástica redución en investimentos no Orzamento para 2024. “Fronte aos 3,7 millóns do anterior orzamento, o tripartito prevé só 2. Pero deses 2 millóns, o 86% caéronlle nas mans ao actual goberno por xestións e aprobacións logradas polo goberno anterior. Nava Castro e os seus deixan claro que van vivir das rendas do traballo feito por nós”, sinala o Bloque.

O BNG reafirma esa postura en relación ás partidas de nova creación que anuncia o goberno. Así, reivindican que “o Centro de Emprendemento, Dinamización e Coworking, do que agora presume o PP, foi unha aposta do BNG que executamos grazas á obtención de fondos europeos. O mesmo coa Residencia de Artistas, que se trata do edificio que o BNG adquiriu para rehabilitar e destinar a Centro Cívico con fondos europeos, e que o PP cambiou de uso co risco actual de perder financiamento externo”.

Nesa liña, o goberno recoñece agora que excluíndo as axudas públicas, “a maior fonte de ingresos de transferencias correntes producirase grazas ao desenvolvemento do Plan Urbanístico, aprobado polo goberno BNG. Os que están no goberno primeiro criticárono e rexeitárono; agora aprovéitanse dos seus beneficios para seguir vivindo de rendas”.

Enerxía eléctrica

“O goberno minte unha vez máis cando fala do orzamento para a enerxía eléctrica. Din que a previsión do goberno anterior era unicamente de 300.000 euros, cando os propios documentos oficiais do Concello recollen no 2022 a partida de 568.650 euros. En calquera caso, o tripartito anuncia que contemplan 800.000 euros, cando nas pasadas semanas a alcaldesa aseguraba que o consumo actual tras a suba da luz é de 1,3 millóns”. O BNG pídelle a alcaldesa “que aclare se mentía cando falaba de 1,3 millóns ou se agora elaboran un orzamento sen contemplar a partida necesaria”.

Recortes sociais e á mocidade

O grupo líder da oposición lamenta que o goberno “encha a boca” falando de orzamentos sociais e para a mocidade, cando a realidade é “calamitosa”. Segundo denuncia o Bloque, mentres moitas familias ponteareás pasan situacións económicas complexas, “o goberno de Castro reduce as axudas de emerxencia social, elimina as axudas a asociacións de interese social e non ten en conta a situación actual para dotar dunha partida suficiente o Centro de Reparto de Alimentos. Ademais, reducen á mínima expresión a partida destinada á mocidade, pasando de máis de 42.000 a 6.000 euros”.

Nova documentación pese a advertencia da Interventora

Como xa adiantou os pasados días, o BNG denuncia o proceso “apresurado e opaco do goberno para fuxir do diálogo. Presentaron o borrador de orzamento esgotando o prazo mínimo legal, con erros e co informe desfavorable da Interventora municipal, que ademais advertiu da escasa marxe de tempo para revisar ben a documentación.”

“A menos de 18 horas da celebración da Comisión de Contas e Facenda, o goberno aínda enviou nova documentación propondo modificacións no orzamento que recibiramos, o que deixou en evidencia que o documento presentado ás presas non contaba nin co acordo entre os partidos que forman a coalición” indica o BNG.

Ademais, lamentan que “na propia comisión nin a alcaldesa nin o concelleiro de Facenda foron capaces de dar explicacións claras e concisas sobre determinadas partidas creadas no orzamento, demostrando o seu descontrol, a súa incapacidade e o seu escurantismo na xestión do diñeiro municipal”.

A formación nacionalista informou que “malia ás presas do goberno de Castro para evitar a participación”, o BNG dará a coñecer nos vindeiros días as súas propostas alternativas “co obxectivo de mellorar a vida das veciñas e veciños de Ponteareas”.

Mos integrarase no sistema VioGén de seguimento integral en casos de violencia machista

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presidiu hoxe a Mesa local contra a violencia de xénero na que se adoptaron dous importantes acordos: a inclusión do Concello de Mos no sistema VioGén e a proposta de creación dunha mesa de traballo para a redacción dun protocolo coordinado entre os organismos públicos municipais para a detección, seguimento e intervención de casos de violencia de xénero.

Nidia Arévalo estivo acompañada polo concelleiro de Igualdade, Leo Costas; a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro e a concelleira de Educación Julia Loureiro. Amais dos representantes do Goberno local, na Mesa atopábanse tamén o xefe  territorial da consellería de Emprego e Igualdade, José Antonio Rodríguez; a xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, Manuela Vilaboy; persoal técnico de Servizos Sociais do Concello, persoal do CIM, persoal do Servizo de Atención Temperá, Policía Local, Garda Civil, Emerxencias do Concello de Mos, Traballador Social do Centro de Saúde, Direccións do IES de Mos, CEIP de Petelos, e CEIP Pena de Francia; a Directora do Centro de Emerxencias, Elena Molanes e unha representante da EMUME (Equipo de Mulleres e Menores) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Belén de la Morena.

[su_image_carousel source=”media: 78941,78937,78940,78939,78938″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén), da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior, púxose en funcionamento conforme á Lei Orgánica “de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero”, sendo os seus obxectivos: aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero, integrar toda a información de interese que se estime necesaria, facer predición do risco e, atendendo ao nivel de risco, realizar seguimento e protección ás vítimas en todo o territorio nacional, e efectuar un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do “Subsistema de Notificacións Automatizadas”, cando se detecte algunha incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima. Buscando, finalmente, establecer unha tupida rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio nacional.

A Mesa local contra a violencia de xénero serviu tamén de foro para presentar a programación organizada polo Concello de Mos para conmemorar o vindeiro 25N. O CIM de Mos, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da Violencia contra a muller, organiza este ano 2023, no que os casos no que vai de ano xa superan os casos de violencia do ano pasado, sendo una realidade durísima que nos ten que facer reflexionar sobre a importancia na prevención e sensibilización da sociedade contra a violencia machista, unhas accións e actividades neste eido dirixidas especialmente á xuventude e á poboación xeral. As iniciativas organizadas son, para o 21 de novembro, unha chala informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual no IES de Mos, concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade. O 24 de novembro, ás 11:00h, acto de homenaxe e minuto de silencio en recordo das vítimas de violencia, en Puxeiros. 29 de novembro, charla a cargo de Noelia Míguez para o alumnado do IES. O 1 de decembro, charla para familias de María Couso, Licenciada en Pedagoxía e fundadora de PlayFunLearning, ás 18:30h. E ademais no mes de decembro realizaranse obradoiros nos centros educativos.

Este domingo celébrase o VIII Concurso de Pintura ao Aire Libre “Pinta Tui”

0

Este domingo, 19 de novembro, dende as 10 h, as rúas de Tui acollen a celebración do VIII Concurso de pintura ao aire libre “Pinta Tui”. A intención é promover e achegar o arte e a cultura aos visitantes e incentivar a dinamización turística e as actividades do Concello. Está organizado por Efectos, co patrocinio do Concello de Tui e distintas casas comerciais.

Neste certame pode participar calquera persoa interesada inscribíndose ata este sábado, día 18 ás 18.00 h, por correo electrónico en [email protected], ou en [email protected], así como presencialmente na Oficina de Turismo. Establécense tres categorías en función da idade: infantil para menores de 11 anos, xuvenil para persoas de entre 12 e 17 anos, e adulta para maiores de 18 anos.

O estilo e a técnica serán libres: óleo, acrílico, acuarela, carboncillo, tintas, ceras, etc. Sobre lenzo ou o soporte máis adecuado para cada técnica. Os e as artistas deberán acudir provistos de todo o material necesario para a execución da súa obra. Previo ao comezo a organización selará os soportes, cun tamaño mínimo de 40 cm e un máximo de 120 cm, na Oficina de Turismo.

As obras deberán ser pintadas o propio domingo, reflectindo calquera paisaxe ou motivo relacionado con Tui. Deberán ser entregadas antes das 18.00 h do propio domingo na Casa do Concello de Tui, onde se fará entrega dos premios tras a deliberación do xurado ás 19.00 horas.

Todas as obras premiadas e as dos artistas que o desexen exporanse proximamente na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez.

Na categoría de maiores de 18 anos, establécense seis premios, que oscilan dende os 800€ formado por 600€ de material de pintura e 200€ en metálico e unha comida ou cea para dúas persoas na taperia Tapas e Viños, do primeiro premio, e os 100€ en material de pintura e unha comida ou cea para dúas persoas no Restaurante La de José Luis, que corresponden ao sexto premio.

Na categoría de entre 12 e 17 anos establécense cinco premios, dende os 300€ en material de pintura e dous menús na Cafetería Santa Columba, para o gañador ou gañadora do primeiro premio, ata os 50€ en material de pintura e unha Tarta San Telmo nº 1 (4 racións) de Pasteleria El Santo do quinto premio.

Finalmente haberá tres premios para os menores de 11 anos de idade e todos os nenos participantes recibirán un agasallo de lambetadas ofrecido por Gominolas Nitos.

O Rosal avanza na renovación do alumeado público

0

O Rosal continúa avanzando na renovación da totalidade das luminarias públicas do municipio. O Concello vén de sacar a licitación por máis de 1,2 millóns de euros os traballos de mellora da eficiencia enerxética e adaptación do alumeado municipal. “Continuamos traballando para investir en necesidades cotiás da nosa veciñanza ao tempo que deseñamos un futuro para O Rosal máis verde e sostible”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello leva tempo traballando na actualización de toda a rede de alumeado público, un proxecto para o que foi quen de captar case 1,2 millóns de euros de fondos europeos NextGenerationEU ao abeiro do Programa DUS 5000 do Ministerio para a Transición Ecolóxica, destinado a investimentos en proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico.

Con estas melloras, o Concello poderá regular intensidades e consumos das luminarias públicas, rematando coa contaminación lumínica e permitindo un aforro enerxético estimado do 72 %, “o que suporá un importante descenso na partida que o Concello dedica cada ano á iluminación”.

Por outra banda, coas obras de renovación da rede de alumeado acabarase coa obsolescencia da maior parte da iluminación pública, unha instalación municipal con moitos anos de vida que ao longo do ano precisa dun gran número de reparacións. Deste xeito, diminuirase o consumo enerxético anual en polo menos 860.000 kWh/ano e reducirase a emisión de gases de efecto invernadoiro en polo menos 448 tCO2 eq/ano.

A licitación contempla a actuación sobre as 2.814 luminarias, das que se substituirán 2.463 por outras de nova tecnoloxía LED que disporán de redución de nivel de iluminación para axustar segundo os diferentes horarios nocturnos e tipos de vías, implantando a telexestión en todas elas. Nas luminarias que non se substitúan, procederase a cambiar a fonte de alimentación para integralas no novo sistema. Ademais, tamén se axeitarán e renovarán os cadros de mando, entre outras actuacións.

As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 19 de decembro.

O Concello de Covelo e a Asociación Covelonatural lanzan a curtametraxe documental “Pedras e Uces. A Paixase Identitaria”

0

“Din que os de aquí teñen algo especial. Falan e escriben dunhas xentes do sur da Dorsal” así comeza a curtametraxe “Pedras e Uces. A Paisaxe Identitaria”. Na voz de Miguel Fernández, mozo da parroquia de Maceira, a Asociación para o Desenvolvemento do Alto Tea Covelonatural e o Concello de Covelo queren amosar ao mundo a riqueza etnográfica, histórica, medioambiental e paisaxística destas terras.

Producido e dirixido polo biólogo, fotógrafo e guía de montaña, Julio Eiroa, a curtametraxe forma parte dunha serie documental que relata a importancia da identidade da paisaxe e das xentes que viven nas serras do Sur da Dorsal Galega (Serra do Suído, Serra do Faro de Avión e Serras do Montouto e A Paradanta).

As pedras presentes nos valados das cavadas, nos pasos, nos chozos, nos sesteiros, nos foxos do lobo ou nos currais son testemuñas da riqueza agrogandeira e atesouran a vida pasada das xentes das serras do sur da Dorsal Galega.

Foto © Julio Eiroa

A través da voz dun neno como símbolo da herdanza recollida e do relevo xeracional, Covelonatural ínstanos a coñecer a riqueza do monte, a non deixar de agasallar aos nosos fillos e fillas o coñecemento da terra, as historias vividas e as posibilidades de dar vida que ten a fauna e flora da montaña pero tamén cada pedra que os nosos antergos colocaron. As uces son a parte viva dos nosos montes que dependendo da época do ano nos permiten coñecer unha parte da historia e do hábitat ou outra. A hostilidade do inverno coa maleza baixa convídanos a investigar as estruturas e a historia das pedras. A frondosidade da primavera a fauna e flora en plena efervescencia.

A presidenta de Covelonatural, Carla Díaz Tielas, explica que “Pedras e Uces. A Paisaxe Identitaria” é a segunda curtametraxe desta iniciativa que a finais do ano ano 2020 comezaba a súa andaina coa publicación da curta “Turbeiras de montaña”, tamén ideada e producida por Julio Eiroa. No 2022 Covelonatural ofertou actividades grupais guiadas para coñecer as turbeiras e vivir en primeira persoa cada unha das escenas da primeira curtametraxe na Telleira e Chans de Fontefría (Serra do Montouto) ou en Chan de Lamacabreira (Serra do Suído).

Foto: © Covelonatural

Concello e Covelonatural reforzan con esta iniciativa os traballos iniciados por investigadores como Estanislao Fernández de La Cigoña ou Paula Ballesteros, entre outros, e o recoñecemento de “Paisaxe Gandeira” que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do goberno de España realizou no ano 2015 no marco do proxecto “Cien paisajes culturales en España”. “Dar apoio a iniciativas que catalogan, estudan e difunden a riqueza natural do noso Concello é fundamental para a posta en valor do territorio e para a súa promoción”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

Julio Eiroa explica que, a través tamén de GESDOGAL (Grupo de Estudos para a Defensa do Sur da Dorsal Galega), formada por antropológos, arquitectos e biólogos para a divulgación en clave científica da riqueza dos valores ambientais, culturais e patrimonias do Sur da Dorsal Galega; está reinventariando o patrimonio etnográfico, histórico e medioambiental, dixitalizando tamén arquivos de persoas que levan anos estudando a riqueza destas terras.

Baiona presenta o seu calendario oficial 2024

0

Doce meses para promocionar Baiona a través das pinturas do veciño Jorge Trigo Somoza. As paisaxes e veciñanzas baioneses retratados a través do pincel deste veciño baionés que promocionou a Vila que o viu nacer por numerosas galerías nacionais e internacionais chegarán aos fogares baioneses para dar a benvida ao novo ano 2024.

Os cadros pintados por este veciño mostran e poñen o valor a riqueza da Real Villa. Jorge Trigo Somoza lévanos coa súa mirada a través das súas pinturas para percorrer os belos recunchos de Baiona e a súa xente do mar: centra a súa obra en paisaxes do mar facendo homenaxe aos mariñeiros, reflectindo o seu parte humana nos rostros e nas mans, e sen deixar de lado as paisaxes potenciando luces, sombras e reflexos.

O autor comezou a pintar desde moi neno plasmando nos seus lenzos mariscadores, percebeiros, recolectores de algas e, sobre todo, mariñeiros nos barcos de pesca, transmitindo sempre nas súas pinturas o sentimento e a humildade da realidade galega e baionesa, os gaiteiros e mariñeiros son clave da súa identidade, e neles describe moi ben o son a través das cores así como o duro esforzo do traballo no mar.

O artista expuxo en numerosas ocasións por todo o territorio nacional e internacional pero aínda non lle brindarían a posibilidade de expoñer na súa vila natal. O rexedor en canto tivo coñecemento diso buscou a maneira para que a obra de Trigo sexa coñecida en Baiona.
Jorge Trigo Somoza conta con exposicións tanto individuais como colectivas a nivel nacional(Madrid, A Coruña, Pontevedra, Ourense, Lugo, Marbella, Melilla Vitoria) e internacional como O Porto(Portugal), París (Francia), Nova York (Estados Unidos), Londres (Reino Unido) e Fontvieille (Mónaco).
No acto de presentación oficial do Calendario do Concello de Baiona 2024 o autor quixo facer entrega ao Concello do cadro da súa autoría que forma parte da portada do calendario titulado “Aquí, na Real Vila de Baiona”. Trátase dunha obra cunha medida de 1,55x 1,20 cuxa técnica é acrílico sobre tea teen aparécena representadas baixo o pincel de trigo varios elemntgos representativos de Baiona como son entre outras: a fortaleza de Monterreal, os arcos do Praia Ribeira, a Carabela Pinta. Tamén figuran representadas as distintas bandeiras dos pobos hermanados con Baiona…
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, agradece a Jorge Trigo Somoza, que cedese a imaxe das súas obras para ilustrar o calendario de 2024 e esta obra tan representativa do noso municipio. En opinión do rexedor, o calendario é unha xanela aberta a Baiona. Vázquez Almuiña destacou o traballo de Jorge Trigo Somoza a quen cualificou como “home tenaz, traballador, afable, amante do seu pobo e das súas tradicións que sempre achegou o seu granito de area para facer máis grande o nome de Baiona”.

O rexedor baionés espera que a todos e todas lles guste a temática escollida para o ano 2024, como son as marabillosas pinturas da nosa vila e as súas xentes, así como o recoñecemento ao traballo do noso querido veciño Jorge Trigo”. O alcalde, agradeceu que “o artista quixese compartir cos baioneses parte da súa obra”. Así mesmo, quixo tamén agradecer a “xenerosidade” ao artista e a “dedicación” coa que “leva traballando” para facer realidade esta cesión e este calendario, que os baioneses poderán gozar nas súas casas”.

Jorge Trigo Somoza, explicou que leva “toda unha vida pintando e que para el segue sendo un “orgullo ser baionés”, por iso é polo que a maioría das súas obras “evoquen paisaxes e veciñanzas da localidade e fose o seu desexo, durante todo este tempo, que parte da súa obra quede na súa vila natal”.

Comeza a campaña “Nadal entre todos” en Arbo

0

O Concello de Arbo, un ano máis pon en marcha a campaña solidaría “Nadal entre todos”. Esta campaña solidaría pretende recoller  alimentos non perecederos (conservas, azucar, cacao, galletas, pasta, legumes……), alimentos típicos das datas de Nadal (turrón, galletas, mazapáns…) e produtos de hixeñe (champú, xel, pasta de dentes, cepillo de dentes…) para este ano 2023.

Os produtos recollidos serán  distribuidos entre  ás familias con menos recursos  do municipio de Arbo.

A entrega de alimentos e produtos  entregaranse no Concello de Arbo de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas ou o 2 e 3 de decembro en “ArboNadal Mercadillo Solidario” e distribuiranse a través  ás familias con menos recursos  de Arbo.

O Concello agradece, un ano máis, a gran solidariedade mostrada por veciños e veciñas cada Nadal, e animan a tod@s a aportar o seu kilo de solidaridade.

Redondela organiza un flashmob contra a violencia de xénero

0

Dentro da programación co gallo do 25N, a Concellería de Igualdade do Concello de Redondela, que dirixe Iria Vilaboa, convida á veciñanza de todas as idades a participar na actividade Danza na Rúa contra a Violencia Machista. Trátase dunha flashmob participativa que se celebrará o domingo 26 de novembro ás 12.00 horas na praza de Ponteareas.

O tema escollido para esta ocasión é Lisístrata (Varre vasoira) de Fillas de Cassandra. A coreografía, realizada por Pau Izard, pode consultarse na páxina web do Concello de Redondela e nas redes sociais. No titorial están todos os pasos de baile e as explicacións realizadas pola propia coreógrafa.

Na actividade participará o alumnado dos diferentes grupos e escolas de baile do municipio, e a concelleira anima tamén á veciñanza de todas as idades “a practicar o baile coa familia e amigos e unirse a esta celebración contra a violencia machista”. No caso de chuvia a actividade trasladarase ao pavillón municipal de Redondela.

Tui clausura o Programa Integrado de Emprego cunha inserción laboral do 70 %

0

O 70 % do centenar de persoas participantes no Programa Integrado de Emprego clausurado esta semana en Tui incorporáronse ao mercado laboral. O éxito desta acción, na que case de duplicou o obxectivo marcado inicialmente foi posto de relevo no acto de clausura no que participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, e o xefe territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualade, José Antonio Rodríguez, entre outros.

Neste acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro reafirmou o compromiso do Concello de Tui coa posta en marcha de instrumentos e mecanismos de empregabilidade convencido da súa “necesidade e utilidade”. Lembrou os tres Programas Integrados de Empregos desenvolvidos nos últimos anos, e os tres Obradoiros de Emprego, aos que este mesmo mes se sumará un cuarto, e agradecía á Xunta de Galicia que cofinanciado tantos instrumentos de empregabilidade en Tui que suman máis de 2,5 millóns de euros nos últimos catro anos, o que dicía “tamén reflicte o compromiso da Xunta nesta materia”.

A concelleira de Emprego e Formación, Ana Núñez, abría o acto salientando a importancia do traballo realizado dende o mes de xaneiro co centenar de persoas que participaron no programa, e que permitiu acadar unha inserción laboral do 70 %, o que dicía “é un gran logro”.

Pola súa parte o xefe territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualade, José Antonio Rodríguez, cualificaba de “éxito rotundo” a cifra de ocupación acadada, e salientaba coma “Tui é un concello implicado na aposta polo emprego”. Tamén avanzaba que dende a Xunta seguirán apostando polo emprego.

Dende o mes de xaneiro cando se puxo en marcha o Programa Integrado de Emprego de Tui tiña coma obxectivo mellorar a empregabilidade e os perfís profesionais das persoas participantes, mellora as súas habilidade sociolaborais e as competencias na busca de emprego, facilitar a inserción laboral e axudar a mellor o currículo con formación específica e atención individualizada.  Para iso  impartiron 923 horas de formación realizando 31 accións de formación transversal e específica e 41 accións formativas en ámbitos moi diversos dende manipulador de alimentos, competencia dixitais, manexo de carretilla elevadora, atención ao cliente, limpeza industrial… Realizaron tamén unha importante labor de prospección e intermediación, para o que contactaron con 96 empresas de distintos sectores, intermediaron en 505 ofertas de emprego e acadaron 95 contratacións de 71 persoas. Tamén asinaron 13 convenios de prácticas que permitiron que 32 persoas puideran realizar prácticas en distintas empresas e facilitaron amais contratacións directas.

No acto de clausura puido coñecer a experiencia que supuxo para as persoas participantes este Programa Integrado de Emprego, pero tamén para algunhas das empresas que traballaron estreitamente coas técnicas do programa.

Dende o Concello de Tui realízase unha valoración moi positiva desde Programa Integrado de Emprego, e agardan que as trinta persoas que aínda non se incorporaron ao mercado laboral poidan atopar en breve un posto de traballo grazas á formación e as ferramentas que recibiron nos últimos meses. Resaltan tamén coma outra ferramenta, coma é un novo obradoiro de emprego, se porá en marcha nas próximas semanas.

Mos asina a cesión da parcela en San Eleuterio para construir vivenda protexida

0

O proxecto de nova Vivenda Protexida VPO en San Eleuterio xa ten luz verde tras asinase ante notario, por parte da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e de Margarita Cabaleiro Viñas, Xefa Provincial do IGVS en representación do Instituto Galego de Vivenda e Solo, a cesión da parcela municipal en San Eleuterio ao IGVS.

A formalización desta cesión permite o inicio da redacción por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo do proxecto de Vivenda Protexida en Réxime de Alugueiro 100 % pública en San Eleuterio.

Fai uns meses que se aprobaba inicialmente no Pleno Ordinario do Concello de Mos, por unanimidade de votos favorables de todos os grupos integrantes da Corporación Municipal, a cesión da parcela municipal en San Eleuterio ao IGVS. Tras a aprobación en Pleno someteuse ao período de exposición pública tras o cal, faise agora efectiva a cesión definitiva da parcela segregada en San Eleuterio, camiño do Covelo s/n, Pedraucha, parroquia de Tameiga ao IGVS mediante a sinatura ante notario. Nesta parcela construiranse as primeiras Vivendas Protexidas en San Eleuterio. Trátase dunha parcela de 2.000 metros cadrados.

Esta parcela de 2.000 metros cadrados forma parte dun terreo de 6.000 metros cadrados, de titularidade e propiedade municipal na súa integridade. É por elo que foi necesario parcelar a parte que se lle cede ao IGVS.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida abriuse o pasado 1 de xuño para a inscrición dos interesados neste tipo de vivenda en Mos.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida continúa activa para que todos os interesados poidan anotarse. O Concello tramita as solicitudes no rexistro oficial autonómico de Vivenda Protexida de Galicia para que a Xunta inicie os trámites pertinentes, xa que para acceder a unha vivenda protexida é imprescindible estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.

O Plan de Vivenda Protexida en Mos concreta San Eleuterio como a zona na que desenvolver de xeito máis inminente o Parque de Vivenda Protexida no municipio. Para elo prevese actuar de xeito inmediato nun solar de 2.000 metros cadrados de propiedade municipal, que se lle cede á Xunta de Galicia a tal fin; e no que se levará a cabo o remate da FASE 2 de San Eleuterio.

Neste solar de 2.000 metros cadrados construiranse as primeiras vivendas, unha vez sexa efectiva a posta a disposición da parcela á administración autonómica por parte do Concello de Mos. A Xunta, unha vez que dispoña da parcela, encargará a redacción do proxecto de construción.

Este Plan de Vivenda Protexida en Mos compleméntase co proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, que xa se atopa iniciado e en execución e co que se transformará totalmente esta zona. É financiado pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a través dun Plan HURBE. Polo tanto, o plan de actuación abarca un total de 25.000 metros cadrados, entre as actuacións de Vivenda Protexida en San Eleuterio e o HURBE de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

Aínda que a zona de actuación máis inminente para establecer o novo Parque de Vivenda Protexida en Mos é San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, Concello e Xunta informan de que seguirán a traballar e explorar outras zonas de cara ao futuro, tendo en conta o crecemento poboacional e a demanda existente na localidade mosense. Este Plan de Vivenda Protexida en Mos supón unha gran oportunidade residencial no municipio. O desenvolvemento de solo residencial no municipio é una das prioridades e apostas fortes do goberno local e da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.

As voces de Cantares do Brueiro chegan ao auditorio do Rosal

0

O Rosal chega á fin de semana cunha proposta cultural única: achegarse ás voces de Cantares do Brueiro, impregnadas do engado emocional que arroupa o mimo da labranza cantora. Este domingo 19 de novembro o coro subirase ao escenario no auditorio municipal do Rosal coa súa proposta ‘Si cantan, es ti que cantas…’, un espectáculo musical creado con moito agarimo e paixón por todas e todos os seus integrantes.

Baixo a batuta do seu director, Tino Baz, a partir das 19.30 horas o público poderá gozar da música tradicional popular galega mesturada con pezas propias e clásicas galegas de autores e autoras moi coñecidas para todos e todas, seguindo a liña marcada dende o seus inicios alá polo ano 2014. Unha homenaxe á canción popular galega e ao canto coral cun coidado moi especial achegado polas preto de 30 voces que compoñen o coro.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a gozar deste concerto único de balde e apoiar o traballo realizado por Cantares do Brueiro ao longo dos anos “para manter viva a tradición da música popular galega. É un orgullo poder desfrutar do seu talento e das súas voces nunha vila con tanta tradición musical como é O Rosal”.

A Deputación transformará a praza de Santa María de Liñares, en As Neves

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este mércores no seu despacho do Pazo Provincial ao alcalde das Neves, Jose Manuel Alfonso, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de 475.000 euros, o 90 % do orzamento, os traballos para o acondicionamento integral da Praza de Santa María de Liñares. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante (53.000 euros). Un proxecto que supón un novo exemplo do municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación, que neste caso transformará un dos centros neurálxicos da vida social das Neves.

A obra, valorada nun total de 530.000 euros, supón a transformación integral da praza coa que se uniformarán os espazos, priorizarase a mobilidade peonil e limitarase o tránsito de vehículos. A actuación centrarase principalmente en tres ámbitos: a contorna da igrexa, a contorna da fonte e a parada de autobús. Arredor do templo, crearase unha alameda con pavimento de xabre, plantaranse novas árbores, crearanse novos espazos de convivencia con elementos de mobiliario urbano e mellorarase o acceso aos principais edificios, como son a igrexa e o centro cultural. Na fonte, construirase un banco arredor do cal circulará a auga do manancial, plantaranse novas árbores e substituirase o pavimento actual por un de xabre. Na zona da parada do autobús, instalarase unha nova marquesiña e modificarase o viario para facilitar o xiro do autocar. En resumo, unha intervención integral e transformadora que dotará á veciñanza das Neves dun espazo actualizado con plataforma única na que os peóns e os ciclistas serán protagonistas, no que o asfalto cederá o seu espazo á zonas verdes e arboradas cunha iluminación axeitada e nas que haberá máis áreas de estancia para fomentar as relacións entre os veciños.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Meis realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

Un acordo subscrito entre a Deputación de Pontevedra e o Concello das Neves que fala de municipalismo, de autonomía aos alcaldes para que escollan que proxectos desenvolver e da colaboración entre institucións para a transformación dos concellos e da provincia para que sexan máis respectuosos cos peóns e co medio ambiente.

ACUAES inicia as obras de saneamento e depuración de Ponteareas

A sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (ACUAES), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, iniciou as obras de mellora do saneamento e depuración de Ponteareas nas que se investirán 14,1 millóns de euros.

A actuación enmárcase no convenio asinado o 28 de xaneiro de 2022 entre ACUAES, a Consellería de Infraestruturas e Movilidad da Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas para o financiamento, execución e explotación das obras, cuxo obxectivo é aumentar a capacidade da actual depuradora e colectores e eliminar as verteduras contaminantes ao río Tea.

En virtude do devandito acordo vai actuar na estación depuradora e tamén no sistema de saneamento do Concello mediante a execución de dous colectores e a rehabilitación do último tramo do Colector Interceptor del Río Xinzo, xa construído.

A pesar das incesantes e cuantiosas choivas das últimas semanas, as obras iniciáronse a bo ritmo. Os traballos realizados ata o momento foron a talla e a roza na contorna da EDAR e comezouse o movemento de terras na parcela para poder iniciar a obra civil do novo edificio de pretratamiento.

Nos próximos días comezará a execución da obra de colectores xerais, da que xa se comezou a roza nalgunhas das parcelas afectadas.

A depuradora contará cun novo pretratamiento, un novo edificio de control, un novo decantador e reactor biolóxico, que se sumarán ao decantador e biolóxico existentes, que serán remodelados para integralos na nova planta. Con iso conseguirase aumentar a capacidade de tratamento, pasando dos 13.000 habitantes equivalentes actuais aos 20.000 de deseño, á vez que mellorarán as condicións da vertedura final ao leito do río Tera e as de explotación, coa introdución de equipos de desodorización e de alta eficiencia enerxética.

Na rede de saneamento van executar dous colectores perimetrais do núcleo urbano de Ponteareas, Colector Perimetral Norte e Colector Perimetral Sur, e vaise a realizar a limpeza e a rehabilitación do último tramo do Colector Interceptor del Río Xinzo, incorporando un novo pozo de bombeo ata a EDAR.

Finalizadas as obras, en setembro de 2025, o Concello asumirá a xestión da súa explotación.
A actuación beneficiarase dos fondos FEDER dentro do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE), sendo a achega do Concello de Ponteareas do 30 por cento mentres que a Consellería de Infraestruturas e Movilidad da Xunta de Galicia financiará o 20 % restante.

Chourizos e castañas asadas no Magosto Popular de Arbo

0

O Magosto Popular, organizado polo Concello de Arbo, que xa vai pola súa sétima edición, terá lugar o vindeiro domingo 18 de novembro a partir das 18:00 horas na praza do Concello.

Espérase unha gran asistencia de veciños da vila e moitos visitante doutras zonas, atraídos por unha festa tradicional que arraiga a cultura popular galega.

A esencia deste magosto segue sendo a mesma que outrora, todo vira contorna ás castañas asadas e os chourizos, que o Concello ofrece de forma gratuíta, acompañados da música tradicional galega ofrecida por grupos folclóricos de Arbo.

En palabras do alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito, «esta festa tradicional, que foi recuperada coa chegada do actual goberno, está a ser un evento moi concorrido no que tanto os veciños como os visitantes poden gozar do manxar típico do outono e tamén dun ambiente moi agradable».

Un total de 30 quilos de chourizos e 80 quilos de castañas foron asados de forma tradicional na pasada edición.

Dende o Concello de Arbo, recordan que Arbo e un municipio ao que vir durante os  meses do Ano, e convidan a todos/as a pasar unha tarde divertida degustando castañas e chourizos.

Nova proxección do Ciclo Mestre Mateo na Guarda

0

O Concello da Guarda acolle unha nova proxección ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta ocasión, a veciñanza poderá asistir ao pase do filme “Onde máis doe”, finalista na categoría documentais na gala dos Mestre Mateo, nunha sesión que terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural ás 20:30 horas.

Dirixido por Manane Rodríguez, o filme, que fora estreado o pasado 2022 no OUFF – Ourense Film Festival e finalista na categoría documental nos Premios Mestre Mateo, retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos á súa ex parella, asasinou a golpes de pala ao seu fillo de 11 anos. Un ano despois un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar á nai. Manane Rodríguez asume a dirección e o guión neste filme producido por Xabier Bermúdez que conta coa música de Nani García.

Ademais da Guarda, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os de Caldas, Baiona, O Grove e A Estrada. Estes municipios exhiben, ademais de “O corpo aberto”, “María Casares, a muller que viviu mil vidas” e “Unicorn Wars”, recoñecidos respectivamente como mellor longametraxe, documental e filme de animación na última edición dos Mestre Mateo, e do citado filme “Onde máis doe”, os documentais “A foreign song” (César Souto) e “No somos nada” (Javier Corcuera), así como a película de animación “Valentina” (Chelo Loureiro) e as longametraxes “Live is life” (Dani de la Torre), e “Código Emperador” (Jorge Coira).

Nigrán acolle un novo espectáculo dos bolechas o sábado

0

A nova obra de monicreques ‘Os Bolechas en Familia visitan unha galería de arte’ chega a Nigrán este sábado 18 de novembro ás 12:00 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde ata completar o aforo e o Concello agasallará a cada familia co libro ‘Que ben nos tratan en Nigrán!’, un conto protagonizado por estes populares personaxes de Pepe Carreiro editado polo Concello de Nigrán co obxectivo de educar en igualdade. O espectáculo está orientado a un público cativo de entre 5 a 12 anos, pero tamén é unha opción para pasalo ben en familia.

Neste teatro de monicreques, os irmáns visitan unha galería na que coñecen a un pintoresco artista e os seus cadros abstractos e surrealistas, mais non acaban de entender este tipo de arte e prefiren pintar cadros máis figurativos e realistas. Despois de darlle moitas voltas, e coa axuda do público, deciden debuxar aos seus antepasados.

Deste xeito, a obra pretende fomentar o interese pola arte e polo coñecemento da familia e os nosos devanceiros, sen perder a diversión dos nenos e nenas. Os Bolechas son referentes na promoción e uso do idioma galego, polo que é unha perfecta alternativa de ocio en galego, que tamén motiva o coñecemento dos nenos e nenas, ao mesmo tempo que se reforza a arte como un elemento potenciador do noso patrimonio e de lembranza e honra dos antepasados.

Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O Campo da Feira de Tomiño trasnfórmase nun espazo de referencia da vila

0

Tomiño continúa dando pasos na recuperación do espazo público para uso e desfrute da veciñanza. Neste camiño, o Concello completou a transformación do Campo da Feira nunha área moderna e contemporánea coa creación dun espazo de referencia da actividade social e saudable, xerando un lugar de encontro xuvenil no que se fomentan as relacións interxeracionais, a actividade física, a promoción dos hábitos de vida saudables ou o comercio local.

“O espazo público é un dereito de todos os veciños e veciñas e con este novo proxecto transformador seguimos traballando nunha senda que comezamos a trazar xa no 2010 con diferentes actuacións por todo o concello”, explicou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora salientou ademais que con esta iniciativa “contribúese a mellorar a vida de tomiñeses e tomiñesas, a cambiar os seus hábitos de mobilidade, a fomentar as relacións sociais e reforzar o sentimento de comunidade”.

O obxectivo era completar a integración do Campo da Feira no núcleo urbano de Tomiño, mellorando a súa accesibilidade e tecendo espazos públicos que favorezan o paseo, o lecer e a convivencia e convertendo unha zona marxinal e pouco utilizada nun verdadeiro pulmón verde, epicentro da actividade social xuvenil do municipio.

A través desta actuación o Concello creou unha contorna saudable no interior do parque do Campo da Feira, eliminando barreiras arquitectónicas e propoñendo un lugar totalmente accesible coa creación de espazos para realizar actividade física ao aire libre. Así, dotouse unha área para a práctica de skate; deseñouse unha área de xogos activos para fomentar a autonomía, coordinación e as habilidades sociais de nenos e nenas e instalouse unha mesa para desfrutar dunha modalidade deportiva diferente: o futtoc.

O novo tapiz verde de céspede permeable serve de escenario para o xogo e as actividades impulsadas dende a OMIX de Tomiño e o novo mobiliario urbano permite unha estancia confortable para as persoas maiores, con mesas e bancos para a práctica de xadrez ou outros xogos baixo a sombra de árbores centenarios. A mellora da iluminación garante ademais a seguridade do espazo.

Trátase dunha intervención realizada pensando tamén nun Tomiño máis sostible, con pavimentos drenantes que facilitan a hidratación do chan para o desenvolvemento das especies arbóreas e como ferramenta para diminuír o grao de contaminación fluvial, e cunha zona de compostaxe para a recollida de residuos orgánicos promovida ao abeiro do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

O Concello investiu case 220.000 euros na transformación deste espazo, nunha actuación financiada con fondos europeos NextGenerationEU a través dunha liña de axudas para a realización de accións destinadas á promoción de vida saudable ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia convocadas desde o Ministerio de Sanidade coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

O programa da Deputación “Da túa man” chega a Oia, A Guarda, Covelo e Crecente

A Deputación de Pontevedra segue fomentando novas medidas para apoiar e impulsar o comercio e a hostalería da provincia a través do programa “Da túa man” (rural II), que se desenvolve na Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Monte, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa. Deste xeito, a institución provincial acaba de sacar a licitación o subministro de bolsas e mochilas reutilizables para repartir nos establecementos, e, polo outro, o deseño e lanzamento de accións de difusión en soportes dixitais, cun orzamento total de 70.000 euros.

Por unha banda, a Deputación de Pontevedra destinará 30.000 euros a novos deseños de bolsas e mochilas para o comercio de proximidade e para a comunidade escolar como alternativa sostible e reutilizable ás de plástico ou papel. Para a súa elaboración empregaranse materiais compostables ou reciclados da propia actividade comercial e hidrosolubles. Inclúe o seu deseño, produción e distribución destas bolsas, que contarán ademais con códigos QR que terán asociadas diferentes campañas de sensibilización e porán en valor as características relativas ao comercio de proximidade, o compromiso coa sostibilidade e o desenvolvemento da comunidade local.

O contrato incluirá o subministro de preto de 20.000 unidades de bolsas e mochilas sostibles con deseños individualizados para o proxecto “Da túa man” (rural II). Delas máis de 6.000 serán bolsas de bioplástico compostable; 2.400 unidades de mochilas de plástico reciclable e reutilizable e 11.200 unidades de bolsas de algodón 100% reciclable e reutilizable.

Pola outra banda, a Deputación tamén contratará o deseño e lanzamento de dúas accións de difusión en soportes dixitais para este proxecto. Estas iniciativas porán en valor as características relativas ao comercio de proximidade, o compromiso coa sostibilidade e o desenvolvemento da comunidade local empregando os soportes dixitais, que permiten chegar a novos públicos, así como involucrar á cidadanía nunha estratexia global de comunidade. Estas actividades, que contan cun orzamento de 40.000 euros, executaranse nos concellos da Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.

O programa “Da túa man” (rural II), que conta cun orzamento de 500.000 euros financiados con fondos europeos, busca visibilizar e modernizar ao pequeno comercio e á hostalería local adaptándoo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías e o desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular, así como unha mellora no acondicionamento dos espazos que sirva para ofrecer un servizo óptimo á poboación local e de foco de atracción de visitantes. Así mesmo, preténdese crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e o produto de km 0.

Ademais destas dúas iniciativas que acaba de lanzar a Deputación, “Da túa man (rural II)” abrangue outros proxectos como a adaptación da accesibilidade á contorna comercial, a instalación de illas ecolóxicas con contedores e de dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais, a posta en marcha dunha rede de comercio retallista, produtores locais e provedores, a instalación de sinalética integrada e diferentes accións formativas.

A Deputación investirá case 1 M€ para a transformación da zona do Salgueiral, no centro de Redondela

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinaron este martes un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de 740.000 euros, o 75 % do orzamento, os traballos para reurbanización da zona do Salgueiral, no centro da localidade de Redondela. O Concello, pola súa banda, achega o 25 % restante (245.000 euros). “Hoxe asinamos algo máis que un convenio, rubricamos un compromiso de cooperación leal entre o Concello e a Deputación en beneficio da veciñanza, activamos un proxecto que mellora a calidade urbana do centro de Redondela e constatamos que imos da man para executar proxectos importantes para a veciñanza de Redondela”, declarou o mandatario provincial durante a súa primeira visita institucional ao concello redondelano.

A obra, valorada nun total de 982.000 euros, servirá para reurbanización integral da rúa das Cardosas, da rúa Salgueiral e a súa continuación pola avenida Ernestina Otero, no centro de Redondela. Unha intervención que consistirá na reorganización das beirarrúas para crear un itinerario peonil continuo, seguro e accesible. Ao mesmo tempo, incorporaranse elementos de calmado de tráfico, crearase unha plataforma única na contorna da zona verde que conecta co parque, repararanse todos os pavimentos e substituirase a capa de rodadura das calzadas. Completarase a actuación coa plantación de novas árbores e plantas ornamentais e coa renovación da iluminación de todo ámbito con tecnoloxía LED. “Temos unha obra que é un paso adiante na transformación de Redondela, un claro exemplo de que entendemos que é a Deputación, que ten que estar á disposición dos concellos”, declarou o mandatario provincial.  

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Meis realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

Esta foi a primeira visita institucional de Luis López a Redondela como presidente da Deputación. “Claro que non é a primeira vez que estou en Redondela, unha vila marabillosa. Pero si que debuto aquí como presidente da Deputación, e síntome ademais moi orgulloso de poder activar un proxecto que suporá un paso adiante para o centro de Redondela”, destacou López.

Neste sentido, insiste o dirixente en que a sinatura deste acordo “é un exemplo de que na somos municipalistas convencidos e que cremos na autonomía dos alcaldes e alcaldesas para que poidan escoller os proxectos e investimentos”. Unha proba deste compromiso, sinalou o presidente, é a filosofía dos recentemente aprobados Orzamentos provinciais, que “reservan un de cada tres euros para apoiar directamente aos concellos”, concluíu o presidente da Deputación, que agarda que esta sexa “a primeira de moitas visitas” a Redondela.

Covelo e Fundación Celta de Vigo agasallan á veciñanza o partido contra o Cádiz

0

O Concello de Covelo convida a toda a cidadanía a participar na actividade gratuíta organizada en colaboración coa Fundación Celta de Vigo Eurorregión Celeste o vindeiro luns día 4 de decembro coincidindo co partido que desputará o Celta de Vigo contra o Cádiz.

A inscrición será de forma presencial nas oficinas do Concello de Covelo, a partir de hoxe mércores, 15 de novembro. O número máximo de participantes será de 53 e as prazas ocuparanse por orde de inscrición, o prazo pecharase o 27 de novembro.

As persoas participantes sairán ás 19 horas dende o pavillón municipal nun autobús pagado polo Concello. Unha vez no estadio de Balaídos visitarán o museo do Real Club Celta de Vigo onde tamén realizarán unha fotografía grupal de recordo e serán agasallados cunha bufanda do club. Ás 21 horas poderán gozar do partido dende a grada de Río Baixo e ao remate volverán de novo a Covelo no autobús. Todas as actividades programadas para esta viaxe son de balde.

Toda a información está dispoñible no número de teléfono 986650027 (ext. 4), en horario de 8:00 a 14:00 horas, ou na páxina web do concello www.concellodecovelo.es.

Venres de teatro en Nigrán

0

O Concello de Nigrán ofrece este venres 17 de novembro, ás 20:00 horas no auditorio municipal, a obra ‘Balneario A Condesiña’ de Atrezo Teatro, función encadrada no circuito galego de teatro amador 2023 e que inicialmente estaba prevista para este domingo 19. Trátase dunha comedia para todos os públicos e no elenco de actores figura a máis veterana de Galicia no teatro amador, Amparo Tellado, de 94 anos. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Cada verán reúnense no devandito balneario un pintoresco grupo de persoas a pasar todo o mes. Algúns do grupo son familia, outros amigos ou simplemente reúnense a pasar as súas “vacacións”. Seguiremos os amores, desamores, acordos e desacordos do grupo durante un día… ou máis.

O Concello de Salvaterra pon en valor os castros de Soutolobre-Lourido

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e a concelleira de Cultura, Lorena Soto, visitaron a obra de excavación dos castros ubicados en Soutolobre-Lourido. Na visita acompañadas do arqueólogo e director da excavación, Francisco Hervés, puideron ver o lugar onde se atopa a estela con representación de figuras humanas e equipamento militar. Falamos dun xacemento único e o máis peculiar do noroeste da península debido os estudos que constatan que a cabana castrexa contaba cunha escaleira que daba acceso ó piso inferior. Inicialmente eses estudos esclarecen que a cabaña ten simboloxía de contido relixioso descoñecido ata o momento.

Esta obra promovida e financiada polo Concello de Salvaterra de Miño e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia; ven a por en valor un xacemento arqueolóxico de moitísima relevancia dado que se atopa dentro un petróglifo que hoxe, despois dos estudos realizados, pódese constatar que se trata dunha estela da idade do bronce. Nesa estela aparecen reflectidas dúas personaxes con vestimentas e atributos militares como son puñales ademais de outros motivos que, por mor do tipo de gran da pedra, non están claros pero que parecen ser peces e anzois.

Esta é a segunda das actuacións que se leva a cabo na zona. A primeira foi no 2022 cando se realizou a prospección superficial intensiva de todo o xacemento dos castros que demostrou que se trata dun xacemento que data das primeiras etapas de ocupación humanas deste lugar. Aquí encontramos dous dólmenes na superficie máis elevada acompañados dunha serie de estructuras como cabanas e elementos da época romana vinculados á explotación de ouro. Ademais aparecen artefactos de moenda e estructuras metalúrxicas.

O Concello de Salvaterra de Miño, no seu papel de difusor cultural para a posta en valor do patrimonio, reafirma a importancia desta obra que marca as directrices das vindeiras actuacións que se levarán a cabo e como compromiso firme para elaborar un plan director que porá en valor a totalidade deste xacemento múltiple de tanta relevancia para a comarca. Ata a data no Condado a única excavación con profundidade realizada é a do castro de Troña e que xunto a de Soutolobre-Lourido reafirma a importancia desta zona dende épocas prehistóricas.

A forza dos elementos, gañadora do concurso de normalización lingüística no Rosal

0

Dar pulo ao galego dun xeito gráfico e orixinal. Ese era o obxectivo da convocatoria que o Concello do Rosal realizou entre o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e que buscaba atopar un deseño creativo co ilustrar bolsas de tea que xa se repartiron entre toda a rapazada. O resultado foron unha morea de propostas visuais únicas entre a que destacou a de Xavi Brey Domínguez, estudante de 4ºB de Primaria e gañador do concurso con ‘A forza dos elementos no galego: encantamento, auga, terra, vento’.

O seu deseño, que agora xa adorna as bolsas de tea, “transmitirá unha mensaxe de orgullo e identidade lingüística”. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia “de fomentar a creatividade e visibilidade do galego dun xeito diferenciador, especialmente entre a cativada. Encántanos ver a implicación da comunidade educativa e a gran acollida de proxectos coma este que forzan unha conexión máis profunda coa nosa lingua”.

Xunto coa bolsa de tea, como recoñecemento á súa contribución, Xabier Brey tamén recibiu un agasallo especial, un encerado branco magnético e rotuladores para que continúe explotando a súa creatividade na casa.

O certame foi financiado a través dunha convocatoria para a promoción do uso da lingua galega dende o ámbito local da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

Ponteareas presenta os novos orzamentos de 2024 e saneará a débeda do anterior goberno

O grupo de goberno do Concello de Ponteareas presentou esta mañá os orzamentos para o ano 2024 que chegan a algo máis 20,9M de euros, cun saldo positivo a favor, logo de descontar os gastos, que ascenden a pouco máis de 19,4M de euros, de 1,5M de euros, a contía de perdas económicas contraída polo anterior goberno en 2022.

No apartado de Ingresos as maiores partidas veñen polo impostos indirectos con ,más de 4,5M de euros (un 21,7 % do total), seguido das taxas e prezos públicos por valor de case 4,4M de euros (un 21 %). Pero a maior porcentaxe de ingresos, un 40,7 % que equivalen a más de 8,5M de euros, proveñen de transferencias correntes.

Neste apartado o Estado é o que máis aporta con más de 5,6 M de euros, seguido da Xunta de Galicia con 2,7M, e o desenvolvemento de PXOM con 1,3M. Todo isto sen contar cos ingresos procedentes do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, que achega 1,3M de euros.

En canto aos gastos, as tres partidas principais correspóndense a servizos sociais, xuventude e voluntariado con case 3,9 M de euros, un 20 % do total; a administración xeral que supón un desembolso de algo máis de 2,6M de euros, un 13 % e cun 10 %, más de 1,8M, a recollida, eliminación e tratamento de residuos.

Eixos do gasto público

As liñas estratéxica sobre as que pivotarán os orzamentos desde vindeiro exercicio, 2024, son cinco: a inversión en servizos sociais, coa creación da área infanto-xuvenil, a mellora da xestión do centro de reparto de alimentos, a incorporación dun servizo de acompañamento e o aumento do servizo de axuda no fogar ao 100 % das persoas dependentes de grado II e III.

A segunda liña é a mellora das infraestruturas verdes, con desbroces, mantemento de parques e xardíns, a Freixa e o Tea. Tamén un novo convenio para o servizo de emerxencias e extinción de incendios. En cuarto lugar, a promoción do patrimonio cultural e mellora das axudas aos centros culturais e a quinta, a incentivación das actividades deportivas e o reforzo das axudas aos clubs deportivos.

Neste sentido destaca o incremento do 554 % para actividades culturais e festivas ou o +233 % en inversión na promoción do deporte, así como o aumento do 175 % na licitación do subministro eléctrico que pasa dos moi escasos 300.000 euros do anterior orzamento aos 825.000 euros neste 2024.

Nova creación

Entre as novidades, resaltar tres de partidas de nova creación moi necesarias para a vila como son o Fondo de continxencia, a Residencia de Artistas e o centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking, así como o reforzo do servizo tecnolóxico cun aumento da inversión do 25 %.

Pola súa banda, as subvencións increméntanse nun 71 % ata os 634.000 euros dos que o maior incremento, dun 216 % vai para entidades deportivas, as achegas a centros cultural medran un 63 % ata os 40.000 euros ampliables a 25.000 euros. No ámbito social destacan as axudas de emerxencia social con 100.000 euros e os convenios nominativos de 40.000 euros coa Cruz Vemella, 25.000 con Afaga e 10.000 para Avelaíña. Tamén o baleirado de fosas sépticas increméntase nun 82% para dar resposta á demanda dos veciños e veciñas que non se atendeu nos últimos anos.

Finalmente, no apartado de Investimentos, de pouco máis de 2M de euros. Más de 900.000 corresponden á humanización da contorna do Concellos, outros 600.000 á reforma da residencia de maiores, 400.000 á rehabilitación da Ponte dos Remedios, 380.000 euros á fase I da rede de saneamento de Ribadetea e os 220.000 restantes ao parque empresarial de A Lomba.

A Guarda abre o prazo para participar nas actividades de Nadal o 24 de novembro

0

Estes obradoiros de ocio e tempo de lecer para crianzas son de carácter gratuíto e teñen como obxectivo principal facilitar a conciliación da vida persoal e laboral no período non lectivo.

Información útil

Os obradoiros terán lugar os días 26,27,28 e 29 de decembro e o 2,3,4 e 5 de xaneiro en horario de 9 a 14 horas  no Centro Cultural da Guarda. No caso de necesidade das familias, poderá facerse un horario de 8:30 a 14:30 ( terá que especificarse na solicitude).

Participantes

30 crianzas con idades comprendidas entre os 3* e os 10 anos, empadroadas no concello da Guarda**

*As crianzas de 3 anos teñen que estar escolarizadas

**No caso de quedar prazas vacantes poderán participar crianzas doutros concellos

Inscricións

Presencialmente no Rexistro do Concello da Guarda ou na sede electrónica (https://aguarda.sedelectronica.gal) desde o 24 de novembro ata o 7 de decembro. No caso de presentación electrónica será preciso cubrir unha instancia xeral e achegar cuberta a ficha de inscrición  que se pode atopar na web www.aguarda.es.

Se as inscricións superan o límite de prazas, realizarase un sorteo público o día 15 de decembro ás 10:00 h no Concello da Guarda

O listaxe de persoas admitidas será publicado na web do Concello e aparecerá codificado co número de rexistro da solicitude, polo que resulta importante conservar o comprobante da presentación da mesma.

Máis información en [email protected] ou na OMIX do Concello da Guarda.

Mos participa no programa “Galegas Dixitais”

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Emprego e Participación Cidadá, Julia Loureiro, visitaron na Axencia de Colocación do Concello ás 25 participantes nas accións formativas enmarcadas no programa “Galegas Dixitais”. Este programa vai dirixido a mulleres preferentemente desempregadas ou que estean en situación de demanda de mellora de emprego. A rexedora local e a edil de Emprego compartiron con elas a súa experiencia neste curso no que melloran as súas capacidades dixitais e o seu nivel de empregabilidade.

Ademais do título oficial, as participantes conseguirán un computador portátil CHROMEBOOK gratuíto, para poñer en práctica todo o aprendido. Os cursos están financiados pola Unión Europea a través do Ministerio de Traballo e promovidos pola Xunta de Galicia a través da Oficina Emprego Galicia. Os obxectivos que se pretenden alcanzar coa impartición destas formacións pasan pola mellora das capacidades dixitais de mulleres residentes en zonas rurais, o incremento do seu nivel de empregabilidade, o impulso do emprendemento e o desenvolvemento rural e por último a redución da brecha de xénero. No mes de outubro están previstos 2 cursos de 135 horas cada un, nos cales se impartirán os seguintes módulos:

  • Competencias dixitais básicas
  • Competencias dixitais avanzadas
  • Iniciación en competencias dixitais básicas para o emprendemento

Datos dos cursos (ambos teñen as mesmas datas):

  • Inicio: 30/10/2023
  • Finalización: 14/12/2023

Horario:

  • Mañá: 09:00 a 14:00 horas
  • Tarde: 16:00 a 21:00 horas

Redondela ilumínase de azul polo Día da Diabete

0

A Casa do Concello de Redondela iluminouse de cor azul para conmemorar o Día Mundial da Diabete, que se celebra hoxe 14 de novembro. Con este acto o Concello pretende concienciar á cidadanía e visibilizar esta enfermidade que en Galicia padecen máis de 350.000 persoas.

O Día Mundial da Diabete, que se conmemora desde 1991 pola Organización Mundial da Saúde (OMS), ten como obxctivo dar a coñecer as causas, os síntomas, o tratamento e as complicaciones asociadas á enfermidade.

A diabete é unha enfermidade crónica, na que o organismo non é capaz de regular o nivel de glicosa. Co tempo pode afectar a calquera órgano, ocorrendo complicacións de infarto de miocardio, accidentes cerebrovasculares, insuficiencia renal, cegueira, neuropatías ou pé diabético.

Nigrán repite a campaña “Agasallos de Corazón” para o banco de xoguetes municipal

0

O Concello de Nigrán repite este ano a campaña de Nadal “Agasallos de Corazón”, destinada ao Banco Municipal de Xoguetes para repartir durante todo o ano entre familias usuarias dos Servizos Sociais. O obxectivo é que as festas non se traduza para as persoas en risco de exclusión social de Nigrán nun agravamento da súa condición, polo que o Concello levará adiante máis iniciativas solidarias que se irán anunciando. No ano 2020 o Concello estreou oficialmente a campaña con tanto éxito que se creo este Banco Municipal de Xoguetes para todo o ano. “O Nadal é a época do ano onde máis se recadan, por iso aínda que xa dispomos de moito material, é o momento de pedir máis para garantir que non quede vacío”, indica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, ata o 20 de decembro recolleranse xoguetes de todo tipo (coa condición indispensable de que se atopen en perfecto estado e limpo, non se recollerán se están en mal estado, inservibles ou lle falten pezas) no Pavillón Municipal de Panxón (de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 16:30 a 19:00 horas). “O que non nos gustaría que lle regalasen aos nosos fillos tampouco sirve para os demais, sexamos conscientes diso. Teñen que ser novos ou seminovos, en perfecto estado; en todas as casas con cativos sempre hai cousas que case non se chegaron a usar ou que se conservaron intactas, iso é o que buscamos para darlle unha segunda vida”, incide o alcalde, Juan González. Todos serán debidamente empaquetados e preparados por voluntariado do Concello para entregar sempre entre as familias en risco de exclusión social (atendendo á idade de cadanseu neno e os seus gustos).

Igualmente, o Concello promove tamén nesta campaña as doazóns de roupa de cama para o Roupeiro Municipal (na rúa Paradellas número 26, ao carón do IES Val Miñor). Nestes intres precísanse sabas, edredóns e mantas. Compre sinalar que calquera persoa pode doar pero tamén recoller, trátase dunha entrega directa, xa que o obxectivo é tamén contribuír á sostibilidade medioambiental dándolle unha segunda vida á roupa. Está xestionado por voluntarias e abre mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas e venres de 16:30 a 18:00 horas (este día mediante cita previa no 986383081). “O obxectivo do Roupeiro non é acumular e almacenar, se non distribuír entre quen o precisa e constribuír á sostibilidade ambiental”, incide González.

A avoa do Porriño, Bienvenida Lorenzo, cumpre 101 anos

Cumprir anos sempre é motivo de celebración, pero aínda o é máis se son máis de cen e ben cumpridos. É o caso de Bienvenida Lorenzo, a veciña máis lonxeva do Porriño, que xunto co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a súa familia soprou as velas do seu 101 aniversario.

Bienvenida naceu o 13 de novembro de 1922 no municipio veciño de Mos, pero aos 18 mudouse a O Porriño, onde seguiu vivindo ata hoxe xunto ao antigo campo da feira. Aquí formou a súa familia xunto ao seu marido, os seus catro fillos, catro netos e oito bisnetos.

Pese aos achaques propios da súa idade Bienvenida está perfecta de saúde e goza dunha lucidez e un sentido do humor encomiable, disfrutando das cousas cotiás con tranquilidade e a sabedoría de quen viviu máis dun século de experiencias.

“É unha honra ter a oportunidade, un ano máis, de escoitar a Bienvenida, trasmitirlle o meu cariño e empaparme tamén do seu”, apuntou Lorenzo, “Conversar con ela axúdate a crer na vida con máis forza”, As persoas maiores agradecen a vida, enténdena, cos seus momentos bos e coas súas dificultades, e sempre teñen a xenerosidade de ensinarnos para que non nos perdamos en trivialidades e vivamos. Hai que escoitalos”.

Alejandro e Bienvenida emprazáronse para o ano que vén, como non podía ser doutro xeito, para celebrar os 102, trato que asinaron cun sentido abrazo.

Presentación da biografía sobre Basilio Álvarez no ciclo “Sobredo 101 anos despois”

0

Este mércores, 15 de novembro, lugar a presentación do libro “Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de Basilio Álvarez”, obra Miguel Cabo Villaverde, profesor de historia na Universidade de Santiago de Compostela editada pola Deputación de Ourense. A presentación terá lugar na Sala Félix Rodríguez González, no Edificio Francisco Sánchez de Tui ás 19.30 h, e correrá a cargo do propio autor.

A actividade, está organizada polo IEAMSO, Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, no Ciclo “Sobredo, 101 anos despois” e conta coa colaboración do Concello de Tui.

Motiva esta actividade o feito de que hai 80 anos, precisamente o 15 de novembro de 1943, morre no exilio, Basilio Álvarez; na súa faceta de líder agrario foi quen de mobilizar a sociedade galega da súa época na loita contra foros e caciques, e pola xustiza e a verdade.

Miguel Cabo, historiador especializado en historia rural e historia social, sinala o interese de achegarse á figura de Basilio Álvarez, que lideraba a opinión pública galega nas primeiras décadas do pasado século na súa condición de líder do movemento agrario, pero “sabemos pouco da súa figura máis aló da personaxe que el mesmo creou”. “Un orador portentoso, consciente do espectáculo que é a política”, comentou Cabo sobre Basilio Álvarez.

Este ciclo de actividades continuará o vindeiro mércores 22 de novembro coa presencia de Aurora Marco presentando o seu traballo sobre as mulleres do Seminario de Estudios Galego e se completará co tradicional acto xunto ao Monumento en Sobredo, en lembranza dos Mártires, o domingo 26 de novembro.

O TSXG confirma os seis anos de cárcere impostos ao condutor ebrio que provocou o triplo accidente mortal de Salceda de Caselas

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra que lle impuxo seis anos de cárcere a un condutor ebrio que o 19 de marzo de 2021 invadiu o sentido contrario de circulación e causou un accidente mortal en Salceda de Caselas, no que faleceron unha nai e os seus dous fillos menores de idade, de 13 e 6 anos. O tribunal de primeira instancia considerouno autor de tres delitos de homicidio por impudencia grave e dun delito de condución baixo a influencia de drogas tóxicas.

“En poucos supostos, como o presente, resulta sinxela a conclusión sobre a culpabilidade do recorrente”, salientan os maxistrados do alto tribunal no fallo, no que destacan que se trata de “un accidente brutal, no que perderon a vida tres persoas, sen que a través da instrución ou o plenario se atisbe outra participación nos feitos da condutora que non sexa a de circular por unha estrada na que coincide co acusado, quen decidiu conducir o seu vehículo perfectamente consciente da limitación de facultades debido a unha altísima inxesta alcohólica (pediu en varias ocasións con anterioridade que o levasen ao seu domicilio); faio a 128 km/hora nunha vía na que a velocidade máxima está limitada a 90 e desde o seu carril dereito (carril de marcha lenta) excede tamén o carril de adiantamento, invade o de circulación contraria estrelándose contra o vehículo das vítimas, que circula correctamente, a 61 km/hora, provocando o inmediato falecemento de todas elas”.

“A posición final dos vehículos, que se corresponde con este relato, parécenos incontestable, ao momento de que tal situación, sumada ao exceso de velocidade, á inxesta alcohólica, ao desprazamento do vehículo ata invadir o carril contrario e ao número de vítimas mortais producido, todo iso, parécenos suficiente para colmar a sentenza condenatoria, mesmo sen outras probas adicionais”, recalca a Sala do Civil e Penal na sentenza, na que sinala que, sen cuestionar o dereito de defensa, parécelle irrelevante que o accidente careza de testemuñas directas.

O tribunal destaca que “os feitos son tan claros e lamentables que nada cabe obxectar á conclusión da sentenza que se recorre”. Ademais, en relación ao carácter de eximente ou atenuante da embriaguez, sinala que, se o propio acusado tentou atopar a alguén que o conducise ao seu domicilio, e finalmente o fixo no seu propio vehículo, “o que revela é que coñece e asume que non se atopaba en condicións de conducir, comprende que o feito era ilícito, tamén as súas potenciais consecuencias; e, a pesar diso, opta por utilizar o seu propio vehículo para o regreso, conducindo con total desprezo dos límites de velocidade e adaptación ás circunstancias e condicións da vía, co resultado xa coñecido”.

“Pero é que ademais da argumentación da sala de instancia, debemos constatar que, o aparente paradoxo de que a embriaguez constitutiva de delito sexa tamén unha eximente incompleta ou atenuante para aliviar as consecuencias da pena, resólvese no criterio da xurisprudencia, segundo o cal cando a embriaguez forma parte do tipo delituoso non cabe aplicación de eximente ou atenuante algunha”, explica o TSXG na sentenza, que non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

O Concello de Baiona celebra un magosto popular este sábado

0

A carpa instalada na praza do Concello de Baiona acollerá este sábado 18 de novembro a partir das 18:00 horas un magosto popular.

Todas aquelas persoas que se despracen ata o Casco Vello de Baiona poderán gozar de castañas gratis. Tamén se ofertará venda de bebidas e “perritos calientes”. Un evento que estará amenizado pola agrupación de música tradicional galega “Cantos de Taberna A de Sabas”.

Desde o Concello de Baiona anímase a toda a cidadanía a participar neste evento lúdico e a degustar das tradicionais castañas asadas típicas deste tempo.

A celebración deste magosto popular servirá como punto de reunión da veciñanza e posta en valor dunha dos costumes como é a festa tradicional do magosto. Esta celebración está organizada pola Concellería de Festexos do Concello de Baiona e conta coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA).

Tomiño busca voluntarios para celebrar o seu Nadal máis solidario

0

Tomiño prepárase para o seu ‘Nadal voluntario, Nadal solidario’. En colaboración co Centro de Día e coas residencias da terceira idade, o grupo de voluntariado da OMIX do Concello vén de poñer en marcha unha campaña especial para levar o espírito do nadal aos corazóns das persoas maiores do municipio. “Queremos encher de sorrisos estas festas, especialmente para as nosas avoas e avós, persoas que tanta importancia teñen para todas e todos nós”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Para levala a cabo, búscanse veciños e veciñas voluntarias que preparen agasallos feitos preferiblemente a man xunto cunha nota manuscrita personalizada que se farán chegar a cada unha das persoas usuarias destes centros tomiñeses, pequenas expresións de agarimo e calidez nun momento do ano tan especial.

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden inscribirse xa a través da web municipal. Unha vez realizada a inscrición, o Concello contactará con todos os voluntarios e voluntarias participantes para darlle información máis detallada da persoa maior asignada.