8.8 C
Pontevedra
Venres, 1 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaO programa da Deputación "Da túa man" chega a Oia, A Guarda,...

    O programa da Deputación “Da túa man” chega a Oia, A Guarda, Covelo e Crecente

    A Deputación de Pontevedra segue fomentando novas medidas para apoiar e impulsar o comercio e a hostalería da provincia a través do programa “Da túa man” (rural II), que se desenvolve na Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Monte, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa. Deste xeito, a institución provincial acaba de sacar a licitación o subministro de bolsas e mochilas reutilizables para repartir nos establecementos, e, polo outro, o deseño e lanzamento de accións de difusión en soportes dixitais, cun orzamento total de 70.000 euros.

    Por unha banda, a Deputación de Pontevedra destinará 30.000 euros a novos deseños de bolsas e mochilas para o comercio de proximidade e para a comunidade escolar como alternativa sostible e reutilizable ás de plástico ou papel. Para a súa elaboración empregaranse materiais compostables ou reciclados da propia actividade comercial e hidrosolubles. Inclúe o seu deseño, produción e distribución destas bolsas, que contarán ademais con códigos QR que terán asociadas diferentes campañas de sensibilización e porán en valor as características relativas ao comercio de proximidade, o compromiso coa sostibilidade e o desenvolvemento da comunidade local.

    O contrato incluirá o subministro de preto de 20.000 unidades de bolsas e mochilas sostibles con deseños individualizados para o proxecto “Da túa man” (rural II). Delas máis de 6.000 serán bolsas de bioplástico compostable; 2.400 unidades de mochilas de plástico reciclable e reutilizable e 11.200 unidades de bolsas de algodón 100% reciclable e reutilizable.

    Pola outra banda, a Deputación tamén contratará o deseño e lanzamento de dúas accións de difusión en soportes dixitais para este proxecto. Estas iniciativas porán en valor as características relativas ao comercio de proximidade, o compromiso coa sostibilidade e o desenvolvemento da comunidade local empregando os soportes dixitais, que permiten chegar a novos públicos, así como involucrar á cidadanía nunha estratexia global de comunidade. Estas actividades, que contan cun orzamento de 40.000 euros, executaranse nos concellos da Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.

    O programa “Da túa man” (rural II), que conta cun orzamento de 500.000 euros financiados con fondos europeos, busca visibilizar e modernizar ao pequeno comercio e á hostalería local adaptándoo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías e o desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular, así como unha mellora no acondicionamento dos espazos que sirva para ofrecer un servizo óptimo á poboación local e de foco de atracción de visitantes. Así mesmo, preténdese crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e o produto de km 0.

    Ademais destas dúas iniciativas que acaba de lanzar a Deputación, “Da túa man (rural II)” abrangue outros proxectos como a adaptación da accesibilidade á contorna comercial, a instalación de illas ecolóxicas con contedores e de dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais, a posta en marcha dunha rede de comercio retallista, produtores locais e provedores, a instalación de sinalética integrada e diferentes accións formativas.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.