9 C
Pontevedra
Xoves, 2 de Maio de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA Deputación investirá case 1 M€ para a transformación da zona do...

    A Deputación investirá case 1 M€ para a transformación da zona do Salgueiral, no centro de Redondela

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinaron este martes un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de 740.000 euros, o 75 % do orzamento, os traballos para reurbanización da zona do Salgueiral, no centro da localidade de Redondela. O Concello, pola súa banda, achega o 25 % restante (245.000 euros). “Hoxe asinamos algo máis que un convenio, rubricamos un compromiso de cooperación leal entre o Concello e a Deputación en beneficio da veciñanza, activamos un proxecto que mellora a calidade urbana do centro de Redondela e constatamos que imos da man para executar proxectos importantes para a veciñanza de Redondela”, declarou o mandatario provincial durante a súa primeira visita institucional ao concello redondelano.

    A obra, valorada nun total de 982.000 euros, servirá para reurbanización integral da rúa das Cardosas, da rúa Salgueiral e a súa continuación pola avenida Ernestina Otero, no centro de Redondela. Unha intervención que consistirá na reorganización das beirarrúas para crear un itinerario peonil continuo, seguro e accesible. Ao mesmo tempo, incorporaranse elementos de calmado de tráfico, crearase unha plataforma única na contorna da zona verde que conecta co parque, repararanse todos os pavimentos e substituirase a capa de rodadura das calzadas. Completarase a actuación coa plantación de novas árbores e plantas ornamentais e coa renovación da iluminación de todo ámbito con tecnoloxía LED. “Temos unha obra que é un paso adiante na transformación de Redondela, un claro exemplo de que entendemos que é a Deputación, que ten que estar á disposición dos concellos”, declarou o mandatario provincial.  

    Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Meis realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

    Esta foi a primeira visita institucional de Luis López a Redondela como presidente da Deputación. “Claro que non é a primeira vez que estou en Redondela, unha vila marabillosa. Pero si que debuto aquí como presidente da Deputación, e síntome ademais moi orgulloso de poder activar un proxecto que suporá un paso adiante para o centro de Redondela”, destacou López.

    Neste sentido, insiste o dirixente en que a sinatura deste acordo “é un exemplo de que na somos municipalistas convencidos e que cremos na autonomía dos alcaldes e alcaldesas para que poidan escoller os proxectos e investimentos”. Unha proba deste compromiso, sinalou o presidente, é a filosofía dos recentemente aprobados Orzamentos provinciais, que “reservan un de cada tres euros para apoiar directamente aos concellos”, concluíu o presidente da Deputación, que agarda que esta sexa “a primeira de moitas visitas” a Redondela.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.