O Concello do Porriño súmase, un ano máis, á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres que se celebra o 25 de novembro.
A concellería de Igualdade deu hoxe a coñecer a programación que dará comezo o vindeiro luns e estará composta por múltiples actividades que pretenden facer reflexionar e crear conciencia sobre o gravísimo problema da violencia de xénero e sobre a importancia de traballar para a súa erradicación.
Coloquios, un ciclo de curtametraxes, seminario de defensa persoal, música, obradoiros e unha andaina familiar dan forma a un programa de actividades que arrancará o luns 20 de novembro coa colocación dun gran lazo violeta no balcón do Concello que permanecerá durante toda a semana para amosar o compromiso institucional contra a violencia de xénero e o apoio ás mulleres vítimas.
O martes 21 celebrarase no Centro Cultural Municipal a mesa redonda “A violencia contra as mulleres, dende o ámbito xudicial e social”. Dará comezo ás 17 h da man de Dna. Raquel Casas Santomé, Xuíza do Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción Nº· do Porriño baixo o título “A violencia de xénero no sistema xudicial”. Continuará ás 17:45 a Fiscal da Fiscalía Provincial de Pontevedra, Dna. Paula Blasco Muela coa charla coloquio “O réxime de visitas no marco normativo” e pecharase a xornada ás 18:30 h coa mesa redonda “Prestacións económicas a favor das mulleres vítimas de violencia de xénero e outros tipos de violencia” da man de persoal responsable da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
As actividades continúan o venres 24, a partir das 18:30 h, no centro cultural co Ciclo de cinema contra a violencia de xénero no que se proxectarán sete curtametraxes : “36” de Ana Lambarri sobre violencia no fogar, “A entrevista” de Fernando Tato e Susana Sampedro sobre violencia no fogar, “Anatomía dunha serea” de Adriana Páramo sobre violencia obstétrica, “O peor que podería pasar” de Elena Tara sobre Ciberviolencia, “Harta” de Julia Castro sobre violencia vicaria, 16 de decembro de Álvaro Gago sobre acoso sexual e “Best seller” de Mark Lemcke sobre rapto.
O sábado 25 de novembro as actividades serán pola mañá. A partir das 10 h instalarase o Punto Violeta na praza do Concello á vez que dá comezo o seminario de defensa persoal feminina. Ás 11 h sairá da praza arquitecto Antonio Palacios a I Andaina Familiar contra a Violencia de Xénero e unha vez finalizada, arredor das 12:30 h na praza procederase á lectura do manifesto e gardarase un minuto de silencio para recordar a todas as mulleres vítimas. Pechará a conmemoración un concerto de piano e corda na súa memoria. O mércores 29 de novembro pecharase a programación con obradoiros nos IES sobre a “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, impulsados polo Concello do Porriño en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.