Mércores, 11 Decembro de 2024

O BNG de Ponteareas asegura que o tripartito de Castro presenta un orzamento “para vivir de rendas” do anterior goberno

O Bloque destaca a redución dun millón e medio en investimentos, dos que o 86 % “caéronlle nas mans” o goberno PP-ACIP-IP

Tras a primeira reacción nos pasados días, o BNG analizou o borrador de orzamentos para o 2024 en Ponteareas, que irá a Pleno extraordinario o vindeiro luns 20. Na súa valoración, o BNG sinalou que coa presentación pública dos orzamentos, o goberno liderado polo PP protagonizou “un espectáculo bochornoso e lamentable de mentira, manipulación e engano a cidadanía cun desfile de cifras que ninguén cre”.

“A pouco que se consulte a documentación oficial, descóbrese que o tripartito mente e oculta datos para maquillar as cifras do orzamento. Falan de aumentos estratosféricos, pero a realidade píntalles a cara. Anuncian, por exemplo, subas na partida de actividades culturais e festivas que superan o 550%, cando en realidade nin sequera duplican a partida anterior”, relata o Bloque. “Menten tamén ao dicir que as axudas a casas e centros culturais aumentan, pois a partida é exactamente a mesma da que dispuñan no orzamento prorrogado para este 2023 e que non executaron ao decidir deixar ás parroquias sen subvencións”.

Investimentos

O BNG destaca a drástica redución en investimentos no Orzamento para 2024. “Fronte aos 3,7 millóns do anterior orzamento, o tripartito prevé só 2. Pero deses 2 millóns, o 86% caéronlle nas mans ao actual goberno por xestións e aprobacións logradas polo goberno anterior. Nava Castro e os seus deixan claro que van vivir das rendas do traballo feito por nós”, sinala o Bloque.

O BNG reafirma esa postura en relación ás partidas de nova creación que anuncia o goberno. Así, reivindican que “o Centro de Emprendemento, Dinamización e Coworking, do que agora presume o PP, foi unha aposta do BNG que executamos grazas á obtención de fondos europeos. O mesmo coa Residencia de Artistas, que se trata do edificio que o BNG adquiriu para rehabilitar e destinar a Centro Cívico con fondos europeos, e que o PP cambiou de uso co risco actual de perder financiamento externo”.

Nesa liña, o goberno recoñece agora que excluíndo as axudas públicas, “a maior fonte de ingresos de transferencias correntes producirase grazas ao desenvolvemento do Plan Urbanístico, aprobado polo goberno BNG. Os que están no goberno primeiro criticárono e rexeitárono; agora aprovéitanse dos seus beneficios para seguir vivindo de rendas”.

Enerxía eléctrica

“O goberno minte unha vez máis cando fala do orzamento para a enerxía eléctrica. Din que a previsión do goberno anterior era unicamente de 300.000 euros, cando os propios documentos oficiais do Concello recollen no 2022 a partida de 568.650 euros. En calquera caso, o tripartito anuncia que contemplan 800.000 euros, cando nas pasadas semanas a alcaldesa aseguraba que o consumo actual tras a suba da luz é de 1,3 millóns”. O BNG pídelle a alcaldesa “que aclare se mentía cando falaba de 1,3 millóns ou se agora elaboran un orzamento sen contemplar a partida necesaria”.

Recortes sociais e á mocidade

O grupo líder da oposición lamenta que o goberno “encha a boca” falando de orzamentos sociais e para a mocidade, cando a realidade é “calamitosa”. Segundo denuncia o Bloque, mentres moitas familias ponteareás pasan situacións económicas complexas, “o goberno de Castro reduce as axudas de emerxencia social, elimina as axudas a asociacións de interese social e non ten en conta a situación actual para dotar dunha partida suficiente o Centro de Reparto de Alimentos. Ademais, reducen á mínima expresión a partida destinada á mocidade, pasando de máis de 42.000 a 6.000 euros”.

Nova documentación pese a advertencia da Interventora

Como xa adiantou os pasados días, o BNG denuncia o proceso “apresurado e opaco do goberno para fuxir do diálogo. Presentaron o borrador de orzamento esgotando o prazo mínimo legal, con erros e co informe desfavorable da Interventora municipal, que ademais advertiu da escasa marxe de tempo para revisar ben a documentación.”

“A menos de 18 horas da celebración da Comisión de Contas e Facenda, o goberno aínda enviou nova documentación propondo modificacións no orzamento que recibiramos, o que deixou en evidencia que o documento presentado ás presas non contaba nin co acordo entre os partidos que forman a coalición” indica o BNG.

Ademais, lamentan que “na propia comisión nin a alcaldesa nin o concelleiro de Facenda foron capaces de dar explicacións claras e concisas sobre determinadas partidas creadas no orzamento, demostrando o seu descontrol, a súa incapacidade e o seu escurantismo na xestión do diñeiro municipal”.

A formación nacionalista informou que “malia ás presas do goberno de Castro para evitar a participación”, o BNG dará a coñecer nos vindeiros días as súas propostas alternativas “co obxectivo de mellorar a vida das veciñas e veciños de Ponteareas”.