9.7 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesA Deputación transformará a praza de Santa María de Liñares, en As...

    A Deputación transformará a praza de Santa María de Liñares, en As Neves

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este mércores no seu despacho do Pazo Provincial ao alcalde das Neves, Jose Manuel Alfonso, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de 475.000 euros, o 90 % do orzamento, os traballos para o acondicionamento integral da Praza de Santa María de Liñares. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante (53.000 euros). Un proxecto que supón un novo exemplo do municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación, que neste caso transformará un dos centros neurálxicos da vida social das Neves.

    A obra, valorada nun total de 530.000 euros, supón a transformación integral da praza coa que se uniformarán os espazos, priorizarase a mobilidade peonil e limitarase o tránsito de vehículos. A actuación centrarase principalmente en tres ámbitos: a contorna da igrexa, a contorna da fonte e a parada de autobús. Arredor do templo, crearase unha alameda con pavimento de xabre, plantaranse novas árbores, crearanse novos espazos de convivencia con elementos de mobiliario urbano e mellorarase o acceso aos principais edificios, como son a igrexa e o centro cultural. Na fonte, construirase un banco arredor do cal circulará a auga do manancial, plantaranse novas árbores e substituirase o pavimento actual por un de xabre. Na zona da parada do autobús, instalarase unha nova marquesiña e modificarase o viario para facilitar o xiro do autocar. En resumo, unha intervención integral e transformadora que dotará á veciñanza das Neves dun espazo actualizado con plataforma única na que os peóns e os ciclistas serán protagonistas, no que o asfalto cederá o seu espazo á zonas verdes e arboradas cunha iluminación axeitada e nas que haberá máis áreas de estancia para fomentar as relacións entre os veciños.

    Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Meis realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

    Un acordo subscrito entre a Deputación de Pontevedra e o Concello das Neves que fala de municipalismo, de autonomía aos alcaldes para que escollan que proxectos desenvolver e da colaboración entre institucións para a transformación dos concellos e da provincia para que sexan máis respectuosos cos peóns e co medio ambiente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.