Domingo, 16 Marzo de 2025

Mos asina a cesión da parcela en San Eleuterio para construir vivenda protexida

O proxecto de nova Vivenda Protexida VPO en San Eleuterio xa ten luz verde tras asinase ante notario, por parte da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e de Margarita Cabaleiro Viñas, Xefa Provincial do IGVS en representación do Instituto Galego de Vivenda e Solo, a cesión da parcela municipal en San Eleuterio ao IGVS.

A formalización desta cesión permite o inicio da redacción por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo do proxecto de Vivenda Protexida en Réxime de Alugueiro 100 % pública en San Eleuterio.

Fai uns meses que se aprobaba inicialmente no Pleno Ordinario do Concello de Mos, por unanimidade de votos favorables de todos os grupos integrantes da Corporación Municipal, a cesión da parcela municipal en San Eleuterio ao IGVS. Tras a aprobación en Pleno someteuse ao período de exposición pública tras o cal, faise agora efectiva a cesión definitiva da parcela segregada en San Eleuterio, camiño do Covelo s/n, Pedraucha, parroquia de Tameiga ao IGVS mediante a sinatura ante notario. Nesta parcela construiranse as primeiras Vivendas Protexidas en San Eleuterio. Trátase dunha parcela de 2.000 metros cadrados.

Esta parcela de 2.000 metros cadrados forma parte dun terreo de 6.000 metros cadrados, de titularidade e propiedade municipal na súa integridade. É por elo que foi necesario parcelar a parte que se lle cede ao IGVS.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida abriuse o pasado 1 de xuño para a inscrición dos interesados neste tipo de vivenda en Mos.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida continúa activa para que todos os interesados poidan anotarse. O Concello tramita as solicitudes no rexistro oficial autonómico de Vivenda Protexida de Galicia para que a Xunta inicie os trámites pertinentes, xa que para acceder a unha vivenda protexida é imprescindible estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.

O Plan de Vivenda Protexida en Mos concreta San Eleuterio como a zona na que desenvolver de xeito máis inminente o Parque de Vivenda Protexida no municipio. Para elo prevese actuar de xeito inmediato nun solar de 2.000 metros cadrados de propiedade municipal, que se lle cede á Xunta de Galicia a tal fin; e no que se levará a cabo o remate da FASE 2 de San Eleuterio.

Neste solar de 2.000 metros cadrados construiranse as primeiras vivendas, unha vez sexa efectiva a posta a disposición da parcela á administración autonómica por parte do Concello de Mos. A Xunta, unha vez que dispoña da parcela, encargará a redacción do proxecto de construción.

Este Plan de Vivenda Protexida en Mos compleméntase co proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, que xa se atopa iniciado e en execución e co que se transformará totalmente esta zona. É financiado pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a través dun Plan HURBE. Polo tanto, o plan de actuación abarca un total de 25.000 metros cadrados, entre as actuacións de Vivenda Protexida en San Eleuterio e o HURBE de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

Aínda que a zona de actuación máis inminente para establecer o novo Parque de Vivenda Protexida en Mos é San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, Concello e Xunta informan de que seguirán a traballar e explorar outras zonas de cara ao futuro, tendo en conta o crecemento poboacional e a demanda existente na localidade mosense. Este Plan de Vivenda Protexida en Mos supón unha gran oportunidade residencial no municipio. O desenvolvemento de solo residencial no municipio é una das prioridades e apostas fortes do goberno local e da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.