Martes, 5 Agosto de 2025

Nigrán finaliza este domingo o mes do teatro coa actuación de Teatrino

0

O Concello de Nigrán finaliza este domingo a programación do ‘Mes do Teatro’ co representación da comedia para todos os públicos ‘Lisístrata’ a cargo da compañía ourensana Teatrino este domingo 31 ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. A actuación forma parte do convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o título ‘Fegateatro Nigrán 2021’, quedando pendentes outras obras para decembro. A entrada é de balde ata completar o aforo autorizado.

Novas visitas guiadas ao retablo da Batalla de Lepanto na igrexa de San Domingos de Tui este domingo e luns ás 18 h

0

Esta fin de semana terán lugar novas visitas guiadas ao retablo da Batalla de Lepanto na igrexa de San Domingos dentro do programa  conmemorativo do 450 aniversario desta batalla naval. O obxectivo desta actividade é poñer en valor este singular elemento do patrimonio cultural tudense, e contribuír ao coñecemento da nosa historia e de acervo cultural de Tui.

As visitas terán lugar o domingo 31 de outubro e o luns 1 de novembro ás 18 h. . A asistencia é libre e de balde pero cómpre inscrición previa no correo electrónico: [email protected] ou presencialmente na propia Biblioteca Municipal (Edificio Francisco Sánchez – antiga Area Panorámica, rúa Colón, 2).

A igrexa de San Domingos de Tui, declarada Monumento histórico artístico no ano 1931 (hoxe Ben de Interese Cultural) é un dos espazos patrimoniais de maior interese no conxunto histórico tudense.

Entre os múltiples elemento de valor artístico que atesoura está o retablo de Nosa Señora do Rosario, popularmente coñecido como o retablo da “Batalla de Lepanto” por posuír unha representación deste acontecemento na parte superior do mesmo. Trátase dun retablo do século XVIII de grande interese e calidade.

O retablo tudense, promovido pola Confraría do Rosario, recolle na súa iconografía a Nosa Señora, ao seu esposo, San Xosé, e ao seu pai, San Xaquín. No mesmo están representadas as escenas dos quince misterios do rosario e coroando o retablo a espectacular representación desta batalla de Lepanto.

O programa conmemorativo continuará con dúas novas conferencias. O mércores 3 de novembro ás 19.30 h será co tema “Política, devoción e iconografía bélica. O tema da Batalla de Lepanto no retablo do Rosario do convento de San Domingos de Tui” por Javier Gómez Darriba, profesor USC. E por último o  martes 9 de novembro ás 19.30 h con “Os corsarios turco-berberiscos nas costas galegas e o seu remoto eco no retablo de Nosa Señora do Rosario de San Domingos de Tui” por Suso Vila, historiador.

Todas as actividades teñen lugar na propia igrexa de San Domingos, contando coa colaboración da Asociación de Amigos da Catedral de Tui.

Gondomar recibe de Caixabank 5000 euros anuais para adquirir alimentos

0

Un ano máis o goberno local de Gondomar e a entidade crediticia aúnan esforzos para axudar ás familias máis vulnerables do municipio coa achega, por parte da Obra Social da Fundación da Caixa, de 5000 euros anuais que se destinarán para a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade.

A entrega simbólica escenificouse esta mañá coa presenza da directora de área de negocio Pontevedra Sur, Cristina Vega, e o director da sucursal en Gondomar, Alberto Sorribes, así como o alcalde, Paco Ferreira e a concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro. Estiveron acompañados por dous dos voluntarios que acoden puntualmente ao banco municipal de alimentos, Jose Luís Moreno e Jose Luís Fernández.

Paco Ferreira agradeceu o apoio que “sempre atopamos por parte da Fundación en cuestións deste tipo” e lembrou a importancia de manter a colaboración entre o sector privado e público á hora de “buscar solucións e ferramentas para favorecer e axudar aos máis vulnerables da nosa sociedade”.

Pola súa banda os representantes de Caixabank mostráronse moi interesados en coñecer as distintas iniciativas que ten en marcha o departamento de Benestar social no municipio, comprometéndose a estudar posibles colaboracións no futuro noutros ámbitos.

A Deputación redobra esforzos para mellorar as condicións dos usuarios da teleasistencia domiciliaria

A Deputación de Pontevedra dá un paso máis na súa política social ao aprobar hoxe en Xunta de Goberno unha addenda ao convenio con 46 concellos de menos de 20.000 habitantes para prestar o servizo de teleasistencia domiciliaria. A presidenta Carmela Silva informou que a addenda fará que o servizo, que a día de hoxe da cobertura a case 700 usuarias e usuarios, chegue  “a todas as persoas da provincia que o precisen” e fixo especial fincapé no mundo rural onde a poboación “está moi envellecida e, ademais, moitos deles e delas viven soas”.

Esta aprobación incorpora novidades á asistencia domiciliaria ao incluír a posibilidade de que accedan a ela persoas que viven con familiares pero que “están moito tempo soas durante o tempo que estas e estes traballan”. Ademais, amplíanse os tramos de renda para que máis persoas poidan acceder a un servizo que a presidenta provincial cualificou de “relevante” posto que “permite que as e os máis vulnerables (como as e os maiores, as que teñen dependencia ou están en situación de risco) teñan á súa disposición un botón que moitas veces significa, incluso, salvar a vida”.

Carmela Silva lembrou que este servizo tamén está en fase de licitación dun novo contrato que traerá consigo novidades que farán que “nos poñamos nos novos tempos para a prestación da teleasistencia avanzada”. Con estas palabras a presidenta provincial fixo referencia á adaptación do servizo ás novas tecnoloxías, co control de detectores de fume e gas, e a prestación do mesmo a aquelas persoas que carezan de teléfono fixo, ata o de agora indispensable, substituíndoo polo uso dun terminal móbil.  As empresas que queiran optar ao contrato poden presentar as súas ofertas ata o 19 de novembro.

Chamada de atención á Xunta

Carmela Silva tachou de “intolerable” o comportamento da Xunta en relación á política social e ao reparto de recursos “de todo o que ten que ver coa dependencia e con apoiar ás persoas que a sofre e a padecen”. Recordou que “a Xunta é a quen ten as competencias e están facendo que os concellos, que non as teñen, asuman os custos facendo que moitas veces non se poidan prestar outros servizos que si son competencia municipal”.

Nese senso, a presidenta provincial puxo como exemplo que dende o goberno autonómico “están a vender estes días que van a aumentar os recursos para a asistencia no fogar a 11 euros a hora, alardeando incluso de que subirán en 2023 a 11,5 euros e chegar aos 12 euros en 2024 cando os custos que supón esta prestación para os concellos aumentaron unha media de 18 euros e nalgúns casos incluso 22 euros”. “¿Como poden presumir, engadiu, cando amais os fondos que pon a Xunta proveñen do Goberno do Estado? É inaudito, afirmou, non poñen nin un euro e, sen embargo, os concellos teñen que poñer unha vez máis recursos propios sen ter competencias, nin financiación”.  

Redondela desenvolverá esta semana novas accións de fomento da compostaxe comunitaria

0

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela, que xestiona Alberto Álvarez, manterá durante esta semana novos encontros coa veciñanza para dar a coñecer as vantaxes da compostaxe como alternativa á xestión tradicional de residuos. Os técnicos  informarán os veciños e veciñas sobre a compostaxe comunitaria.

Polo que se repartirá mostras de compost en Chapela o día 3 de novembro dende as 09:00 ás 13:30 horas no composteiro comunitario situado na Avenida de Vigo e en Redondela o 4 de novembro de 9:00 a 13:30 no composteiro situado no Paseo da Xunqueira, repartiránse mostras de compost entre a veciñanza, ao mesmo tempo, os técnicos asesorán sobre a súa utilización e como sacarlle un maior rendemento.

A compostaxe comunitaria permite, entre outras cousas, que poidan participar na reciclaxe de residuos orgánicos domésticos. O composteiros comunitarios poñéranse en funcionamento a partir do 8 de novembro tanto en Chapela como en Redondela.

Recordamos  tamén que xa están para recoller os composteiros domésticos individuais na nave de vías e obras, ata o 5 de novembro.

Trátase, explica Alberto Álvarez, de ofrecer á cidadanía todas as ferramentas que precisan para “ben de xeito individual ou comunitario, realizar un cambio de tendencia no tratamento tradicional  do lixo orgánicos conseguindo, a cambio, un abono de primeira calidade e contribuíndo a unha redución dos residuos sólidos urbanos”.

Nigrán ofrece un baile de Samaín e chocolatada este luns

0

O Concello de Nigrán ofrece este luns 1 de novembro de 17:00 a 18:00 horas no Auditorio Municipal un baile de Samaín dirixido a todo tipo de públicos e co único requerimento de acudir co disfraz máis terrorífico posible. A continuación, a partir das 18:00 horas na Praza do Concello se a climatoloxía o permite (do contrario no Auditorio) celebrarase unha chocolatada para todos os asistentes.

O Concello convoca o premio “Ponteareas, Lingua e Empresa” para recoñecer aos negocios que traballan en galego

Ponteareas convoca a terceira edición do “Ponteareas, Lingua e Empresa”, un premio que recoñece ás empresas e autónomos que usan a lingua galega na súa actividade económica. Este recoñecemento parte das concellarías de Promoción Económica e de Lingua, que dirixen Eva Gil e Fernando Groba respectivamente, coa intención de promover o uso da lingua galega na actividade económica da vila, estender o seu uso nas relacións laborais, comerciais e empresariais, e eloxiar publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector.

O premio consta de tres categorías: traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas, uso continuado do galego e incorporación recente ao seu uso. Poderán ser candidatas as empresas, autónomos, profesionais e outro tipo de negocios, así como as persoas que destaquen polo uso do galego na actividade económica e que teñan a súa sede social ou centro de actividade económica no concello de Ponteareas. Ademais, calquera persoa ou entidade poderá presentar proposta de candidatura a favor de quen o desexe.

As gañadoras do “Ponteareas, Lingua e Empresa” recibirán, ademais do recoñecemento público do Concello e a veciñanza, unha figura exclusiva realizada polo escultor ponteareán Silverio Rivas. As entidades interesadas poderán presentarse ata o vindeiro 17 de novembro.. As bases da convocatoria, xunto coa demais documentación pódense descargar na web do Concello.

O ecoparque Sobreiral da contorna do Calvario, a punto de ser rematado

0

O núcleo urbano do Calvario no Rosal pronto desfrutará do seu novo ecoparque, un espazo verde no centro do municipio que combina natureza, lecer e inclusividade. Recibe o nome de Sobreiral, pola abundancia de sobreiras no espazo, e será, en palabras da arquitecta María Fandiño, un parque onde os rosaleiros e rosaleiras poderán vivir e sentir a natureza dentro dun conxunto de sobreiras, carballos e pinos de máis de 4.000 metros cadrados no que se integran espazos destinados a primeira infancia con xogos sensoriais, e de motricidade, unhas pequenas gradas para desfrute da veciñanza, xogos tradicionais, así como xogos que fomentan a creatividade, en concreto de carácter musical vinculados co gran valor patrimonial que ten a música no concello.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que o novo ecoparque “estará listo pronto” e incide no gran valor de contar con este espazo a “soamente 50 metros da praza do Calvario”. “O Sobreiral será un pulmón de vitalidade para o centro do Rosal e tamén para todo o municipio, xa que non hai ningún espazo similar en toda a comarca”, anuncia a rexedora.

O Sobreiral tamén destaca pola súa gran aposta pola biodiversidade. “Quixemos integrar todos os elementos na contorna natural”, explica Ánxela Fernández, “e por iso todo o mobiliario é de madeira”. Bancos corridos, gradas, butacas, escaleiras, ramplas de acceso e xogos quedan complemente mimetizados coa cor das cortizas das árbores. Tamén se están a crear pequenas topografías de xeito que os nenos e nenas poidan sentir a natureza ao máximo, e plantando especies vexetais que melloran a saúde do solo.

O novo ecoparque estrearase proximamente coas cores propias do outono, pero o Sobreiral “vai cambiar coas estacións ao longo do ano”. Con este novo espazo o Concello ofrece un servizo ás familias con fillos menores de idade que hai no núcleo urbano e que reclaman espazos de lecer e convivencia. Este proxecto súmase ao recente Ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, dentro da estratexia do Concello para a creación de zonas verdes, innovadoras e inclusivas, para mellorar o benestar e a saúde da veciñanza e por en valor así o patrimonio rural e natural do Rosal.

O ecoparque conta cun orzamento de case 50.000 euros, financiado con fondo propios do Concello  e unha axuda da Xunta de Galicia.

Rematadas as obras do alumeado pública da contorna do Santuario da Franqueira

0

As obras de reforma integral do alumeado público da contorna  do Santuario da Nosa Señora da Franqueira na Cañiza, que comezaron este verán, quedaron rematadas nestes días coa colocación de 13 novas unidades de luminarias do modelo «Cañiza» na baixada hacia o Santuario. Estas luminarias se suman ás 8 novas columnas troncocónicas de 6 metros de altura, modelo Rosa en cor bronce, situadas na beirarrúa lateral da Igrexa e na baixada aos servizos.

Tamén se conseguiu iluminar o propio Santuario coa colocación  de 10 proxectores de luz LED.  Dous deles para resaltar a fachada e o Pórtico no que se representa a Adoración dos Reis Magos.  Ademáis se instalou un proxector en cada un dos laterais, dous máis no campanario e outros dous iluminando a última cúpula do Santuario.

Por último, cambiouse o cableado dende o atrio da Igrexa hacia a baixada aos servizos, eliminando parte do entramado aéreo. Tamén se cambiou a ubicación do cadro de mando, retirándoo da beirarrúa principal e emplazándoo nun recuncho resgardado dunha das rúas adxacentes.

Esta reforma contribúe a resaltar un dos legados arquitectónicos máis importantes da Cañiza, ademáis de abaratar os costes de subministro eléctrico ao instalarse equipos enerxéticos máis eficientes.

A obra forma parte das melloras do proxecto de reforma integral do alumeado público de Valeixe xa rematadas por completo.

Esta humanización responde tamén á política do Goberno municipal de recuperar os espazos patrimoniais e arquitectónicos que forman parte dos atractivos do noso Concello sen ter que aportar recursos propios. A obra cunha inversión de 463.656,39 €, está financiada ao 100% cunha subvención do Goberno de España a través do IDAE (instituto de Diversificación do Aforro Enerxético) de 370.925,11 € e  unha axuda da Liña 1 do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra de 92.731,28 .

O Concello remata a mellora do camiño da Carballeira na parroquia de Cedeira

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Vías e Obras, deu por rematados os traballos de mellora de firme e xestión de augas pluviais no camiño da Carballeira, na parroquia de Cedeira. Os traballos, realizados ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, contaron cun investimento de 16.897,77 euros (IVE incluído).

O camiño contaba cunha superficie de rodadura en aglomerado e formigón moi deteriorada, o que supuña un evidente risco para a seguridade das e dos usuarios.

Os traballos realizáronse nun treito de algo máis de 178 metros cunha anchura media de 3,79 metros.

Para a mellora do firme foi precisa a demolición de recrecidos en formigón para poder nivelar a superficie sobre a que, posteriormente, estendeuse e compactouse unha capa de rodadura de 6 centímetros de espesor con mestura bituminosa en quente.

Tal e como figuraba no proxecto, as obras incluíron tamén a xestión das augas pluviais co entubado das mesmas e dotando as zonas das correspondentes arquetas de rexistros.

O pavillón do IES San Paio acolle esta fin de semana a I Feira da Cabaza

0

O pavillón do IES San Paio acolle esta fin de semana, sábado e domingo, I Feira da Cabaza. O evento previsto inicialmente no Paseo da Corredoira trasladouse de emprazamento debido ás adversas previsións meteorolóxicas.

Amais de exposición e venda de cabazas haberá un amplo programa de actividades con demostracións gastronómicas, actuacións musicais, andaina e a caverna do terror.   

Cómpre lembrar que a Feira da Cabaza desenvolveuse dende comezos deste mes de outubro nas parroquias de Areas, Baldráns, Caldelas, Guillarei, Paramos, Pazos de Reis, Pexegueiro, Randufe e Rebordáns.

A inauguración da feira terá lugar mañá sábado, ás 11 h, no pavillón do IES San Paio.

Mañá terán lugar os dous primeiros showcookings dentro da iniciativa Eurochef de Eurural a cargo dos chef Iván Méndez (ás 12 h) e Alejandro Iglesias (ás 18h). O domingo será a quenda de Miguel Rodríguez e Javier Freijeiro (ás 12 h) e do resposteiro Óscar Romero (ás 18 h). 

A música estará presente mañá sábado ás 20 h co concerto a cargo do grupo Micalip’s,  o domingo ás 13.30 h da Asociación Cultural xuvenil recreativa e deportiva  San Telmo de Tui e ás 20 h do Grupo NoAllKansas.

O domingo ás 10 h sairá do mesmo pavillón San Paio a vista guiada por AndaTui para coñecer ás pozas e regadíos vinculados ao cultivo da cabaza.  Pola tarde, ás 17 h,  celebraranse talleres de decoración de cabazas e maquillaxe para nenos e maiores. Amais tanto o sábado coma o domingo, de 19 a 1h, o Cárcere Vello transformarase en “A caverna do terror”, cun espectáculo ambientando con efectos especiais, iluminación, son, ….e cheo de sorpresas para o público a partir de 8 anos. É recomendable inscrición previa no 608 50 13 91.

Amais durante a fin de semana boa parte dos locais de hostalería de Tui incoporarán nos seus menús receitas coa cabaza coma protagonista.

O Concello de Tui conta coa colaboración, para a organización desta actividade, da Asociación Veciñal Monte do Seo de Areas,  da   Comunidade de Montes de Baldráns, da Asociación Sociocultural e deportiva a Insua de Caldelas, da Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei, da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, da Asociación Cultural, Deportiva e Xuvenil Aloia de Pazos de Reis, da Asociación Sociocultural e Xuvenil O Mosteiro de Pexegueiro, do Pancho Cultural de Randufe, da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns e do Club deportivo Andatui.

I Feira da Cabaza

  • Sábado 30 de outubro
    • Ás 11.00 h apertura da feira. Inauguración.
    • Ás 12:00 h Showcooking co chef Iván Mendez. Actividade programada ao abeiro do proxecto de cooperación ‘Eurochef’ promovido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural.   Degustación con protocolo covid.
    • Ás 13.30 h actuación musical a cargo da Banda de Gaitas Arume de Malvas. SUSPENDIDA
    • Ás 18.00 h Showcooking co chef Alejandro Iglesias. Actividade programada ao abeiro do proxecto de cooperación ‘Eurochef’ promovido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural. Degustación con protocolo covid.
    • De 19.00 a 01.00 h A Caverna do Terror no Cárcere Vello.
    • Ás 20.00 h concerto de Micalip´S.
  • Domingo 31 de outubro
    • Ás 10.00 h Visita guiada por Tui coa colaboración de AndaTui. Saída: Pavillón do IES San Paio
    • Ás 10.00 h apertura da feira.
    • Ás 11.30 h recoñecemento e entrega de premios ás asociación participantes
    • Ás 12.00 h Showcooking a cargo dos chefs Miguel Rodríguez, xefe de cociña do Parador de Baiona e coordinador do Parador de Tui e tudense Javier Freijeiro propietario do restaurante PRACER na Coruña. Degustación con protocolo covid.
    • Ás 13.30 h actuación musical a cargo da Asociación Cultural xuvenil recreativa e deportiva  San Telmo de Tui. Paseo da Corredoira.
    • Ás 17:00 h talleres de decoración de cabazas e maquillaxe para nenos e maiores
    • Ás 18.00 h Showcooking a cargo do mestre pasteleiro tudense Óscar Romero. Degustación con protocolo covid.
    • Ás 20.00 h Concerto do Grupo NoAllKansas.
    • De 19.00 a 01.00 h A Caverna do Terror no Cárcere Vello.

Máis de 250 deportistas daranse cita este domingo 31 en Ponteareas nun XXII Trofeo da Amizade de natación de récord

Ponteareas acolle este domingo 31 de outubro o XXII Trofeo Amizade, unha proba organizada polo Club Natación Ponteareas en colaboración co Concello que reunirá á cifra récord de 250 deportistas de 16 clubs de toda Galicia. A competición manterá o formato por categorías da edición anterior e reunirá a nadadores e nadadoras de alto nivel, como a olímpica en Londres 2012 Beatriz Gómez, na procura de mínimas para o Campionato de España que se disputará en novembro en Mallorca.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo agradecer ao CN Ponteareas “o traballo realizado, a súa capacidade de sorprendernos e a súa visión, xa que non pensan soamente na competición e no deporte, senón tamén en todas as sinerxías que se poden xerar a través destes eventos en beneficio de toda a veciñanza da vila”. O edil quixo lembrar tamén o importante papel que xogan as entidades privadas e as familias anónimas que se implican e colaboran co club en cada un dos eventos e actividades.

A competición desenvolverase na piscina municipal do Complexo Deportivo Álvaro Pino a partir das 11.00 horas e poderá seguirse por streaming a través da canle de Youtube do CN Ponteareas. O club afronta esta nova época post pandemia coa mesma cautela que ata o de agora, mantendo as medidas necesarias para garantir a saúde de todos e todas. Por este motivo, habilitará unhas pantallas no pavillón anexo á piscina para que todas e todos os acompañantes dos e das deportistas poidan seguir a competición de xeito seguro. Ademais, durante a competición tamén se entregará o XIII Trofeo Concello de Ponteareas, que premiará aos mellores nadadores e nadadoras por puntos segundo os criterios da Federación Internacional de Natación (FINA).

O presidente do CN Ponteareas, Andrés Carrera, adiantou que o club manterá posiblemente esta data para futuras edicións do trofeo, que ata o de agora viña celebrándose na primeira metade do ano. “Probamos o ano pasado pola situación sanitaria e polo récord de participación vemos que funciona, xa que é unha época con menor carga competitiva, no que as e os deportistas levan xa case dous meses adestrando e que vai ben para sumar para o Campionato de España”, salientou. O acto de presentación do trofeo tamén contou coa participación de José Manuel Freire, coordinador de deporte escolar en Vigo da Xunta de Galicia.

Dan comezo as obras de humanización no barrio da Estación

0

O Pleno do Concello de Arbo, na sesión extraordinaria de data 5 de novembro, aproba o convenio de Colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Arbo para a execución do proxecto “Mellora da mobilidade peonil na E.P. 5202 do pq 1+100 ao 1+165 e na E.P. 5203 do pq 1+150 ao 1+529”, recibido o día 30.09.2020 (R.E. núm. 982).

Horacio Gil, alcalde de Arbo, manifesta “o barrio da Estación trátase dun entorno rural, caracterizado pola sinxeleza dos elementos e simplicidade nos materiais e formas que a caracteriza. Merece a pena fixarse na diferente arquitectura, con casas de dous andares con “buhardillas” inclinadas en tella e carpintería de madeira e nos seus balcóns pechados. Un barrio que ademais dispoñía, ademais da estación do tren que únia esta rexión con Madrid e outros lugares de España e Europa, mercado municipal e un longo ect de tendas e comercios”, remata o rexedor.

 A actuación reflexada na memoria redactada en febreiro de 2020, cun orzamento  de 663.204,03 € (IVE 21% incluído),  pretende humanizar a rúa nos treitos comprendidos entre a Estación de FFCC e a estrada PO-405, así como o que descorre fronte á capela de San Antonio, todo o cal mellorará notablemente a seguridade viaria na zona do proxecto e no seu entorno.

“As obras desenvólvense entre a rúa da Estación, entre a estación de ferrocarril de Arbo e a estrada PO-405,  tamén inclúe o tramo que vai fronte á capela de San Antonio. Actualmente as beirarrúas están feitas con baldosas hidráulicas no primeiro tramo, ata o cruzamento existente que leva ao á esquerda cara á estrada PO-405, onde as beirarrúas son de formigón e á dereita cara á Capela de San Antonio, onde non hai beirarrúas. Os pavimentos están en mal estado en xeral”, informa Horacio Gil.

 O proxecto resólvese coa dotación dun recorrido peonil en toda a lonxitude da actuación e cun ancho suficiente para o tránsito de persoas. Ademais renovaranse as redes de abastecemento, saneamento e alumeado e dotarase de canalizacións para o soterramento do cableado. Ademais está prevista a construción de dous pasos peonís sobreelevados, co obxecto de reducir a velocidade dos vehículos.

O convenio asinado, establece que as obras serán financias pola Deputación no importe de 464.242,82 €  (70%), e polo Concello de Arbo no importe de 198.961,21 € (30%). As obras serán licitadas, dirixidas, executadas e recibidas polo Ente Provincial.

Os Reis entregan o Premio Escola do Ano ao CRA Mestra Clara Torres de Tui

0

SS.MM. os Reis entregaron onte o Premio Escola do Ano 2020 ao CRA Mestra Clara Torres de Tui. Este centro, que conta con cinco aulas en distintas parroquias de Tui: Areas, Pexegueiro, Baldráns, Ribadelouro, e Guillarei, foi distinguido por ser un exemplo de dinamización en contornas rurais, a través da participación e implicación das familias e dos membros da comunidade da que forma parte. Tamén destaca polo seu compromiso con valores como a solidariedade, a sustentabilidade e a integración nas súas actividades formativas e pola súa capacidade de transformación educativa.

Os Reis coñeceron de primeira man o labor desta escola rural galega de educación infantil onde estudan máis de 50 alumnos. Acompañados da Ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, do Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, do Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e do Presidente da FPdGi, entre outras autoridades, e da man das dúas directoras do centro, Marta González e María Teresa Domínguez, visitaron en primeiro lugar a aula de Baldráns onde viron algúns dos proxectos nos que traballa o CRA e que foron motivo do premio. É o caso do taller de show cooking – a través do cal o alumnado coñece a alimentación de proximidade e adquire competencias transversais – o sementeiro – que fomenta valores como o respecto e coidado da natureza – e os talleres de landras para facer fariña, ilustración e lectura con lingua de signos. Na escola de Baldráns, SS.MM. os Reyes tamén mantiveron un encontro cos mozos de «Xeración docentes», un programa da Fundación Princesa de Xirona que selecciona futuros docentes para que realicen as súas prácticas en escolas rurais de referencia.

[su_image_carousel source=”media: 47771,47769,47770″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A visita continuou na aula de Pexegueiro onde o alumnado realizaba unha clase de ioga, talleres de construción de instrumentos con elementos de reciclaxe e robótica. Toda a xornada foi retransmitida en directo pola Radio Educativa do centro – co soporte da Radio Municipal de Tui –.

Tras a visita, realizouse o acto de entrega do galardón no que se puido escoitar o testemuño de catro dos mozos de «Xeración docentes». Este diálogo sobre a importancia por construír unha educación que implique a toda a sociedade, e no que participaron Amanda Martínez, Lola Rubio, Miriam Tejada e Nicolás Vega, foi presentado por Anxo Simón, responsable da área de Transformación Educativa do Padroado e presidente do grupo Agbar, e conducido por Felipe Campos (Premio FPdGi Social 2013).

No Auditorio de Pexegueiro e ante boa parte da comunidade escolar do Clara Torres e da provincia, S.M. o Rey fixo entrega do galardón ao alumnado e ao equipo directivo – unha escultura deseñada polo artista plástico Juan Zamora (Premio FPdGi Artes e Letras 2017)- que representa un libro aberto, realizado en bronce con pátina de lousa.

Na súa intervención, S.M. o Rey destacou que “a escola rural proporciona un escenario magnífico para que a aprendizaxe sexa activo e significativo, fomentando a igualdade de oportunidades, unha participación aberta de toda a comunidade, e para que a innovación educativa sexa constante e determinante”.

Nova convocatoria aberta

Nestes momentos segue aberta a convocatoria do Premio Escola do Ano para 2021. Con este galardón, a Fundación Princesa de Xirona detecta e pon en valor a centros educativos que aposten polo cambio, a innovación e o emprendemento. Ademais do CRA Mestra Clara Torres, xa foron recoñecidos o CEIP Andalucía de Fuengirola en 2019 e o SAFA Écija en 2020.

O premio ten o obxectivo de difundir a tarefa dos centros galardoados e fomentar a súa visibilidade para contribuír a convertelos en referentes da educación innovadora.

Para o Rei, “premiarvos a vós significa estender a outros centros as vosas ideas, as vosas metodoloxías, os vosos proxectos e o entusiasmo coas que as levades a cabo, para que os avances alcancen ás escolas de todo o país”

Arranca na Guarda o Obradoiro de Emprego Dual no que se formarán 20 desempregados

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, concedeu para o Concello da Guarda un novo obradoiro de emprego de formato dual, trátase do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII, orientado á atención sociosanitaria en institucións e á promoción turística local e información ao visitante. 

Este novo obradoiro, que comezou esta semana, conta con 20 de participantes, dez en cada unha das modalidades.

Todas as persoas que participen no obradoiro beneficiaranse dunha formación específica durante os próximos nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto, e ademais poderán optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.

Trátase dun programa de formación moderno, dual, orientado a desempregados, para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses. Esta formación contribuirá tanto ao seu beneficio persoal, mellorando a súa capacitación, como ao  da comunidade.

Esta acción formativa conta cun orzamento de 347.000 euros.

As confrarías de Redondela e A Guarda viaxan a Canarias co GALP para descubrir experiencias de turismo mariñeiro e pescaturismo

Esta semana, unha delegación de representantes do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda viaxa ás Illas Canarias no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas, impulsado xunto ao GALP Ría de Pontevedra e o GALP Ría de Arousa.

Esta é a terceira visita de estudo que realizan con esta iniciativa, tras desprazarse en anteriores ocasións ás Illas Baleares e Italia. Da man dos Grupos de Acción Costeira de Gran Canaria e Lanzarote, integrantes das xuntas directivas e persoal técnico dos tres grupos visitarán diversos proxectos de turismo mariñeiro e pescaturismo e coñecerán as particularidades da actividade pesqueira en zonas protexidas. As confrarías da zona e os museos vencellados ao mar tamén serán parada obrigatoria.

“Canarias é un destino máis turístico e niso van un pouquiño máis adiantados ca nós. Esta viaxe será de interese para ver como artellan o pescaturismo en áreas protexidas, sempre é de utilidade recadar esta información”, explica Juan Manuel Gregorio, presidente do GALP Ría de Vigo-A Guarda e patrón maior da Confraría de Pescadores San Cipriano de Aldán-Hío.

Coa mesma vontade curiosa viaxan tamén ao arquipélago, Silvia Crespo, tesoureira do GALP e patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tegra da Guarda, e Gonzalo Reinosa, patrón maior da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade.

Para Crespo, unha das seis mulleres que están á fronte dunha confraría en Galicia, neste tipo de visitas sempre “se aprende uns dos outros”. “Chámanme a atención os proxectos de ecoturismo Ruta do Humedal ou o das vivendas de vacacións”, conta a percebeira, á que lle encanta “saber como traballan noutras confrarías” e poder adquirir novos coñecementos para aplicalos na Garda. De feito, foi nunha destas viaxes nas que descubriu as posibilidades da anemone de mar, para a cal empezaron a elaborar un plan de explotación. En relación ao turismo mariñeiro, cre que no caso do percebe ou do orizo, é complicado deseñar unha proposta deste tipo, ante a dificultade e o perigo que supón camiñar polas rochas; non obstante, non descarta que poidan dar cunha fórmula que permita achegarse en primeira persoa a esta actividade para que a xente sexa consciente do “traballo que dá e que o valor que ten é por algo; é moi arriscado”.

Pola súa banda, para Gonzalo Reinosa esta é a súa primeira experiencia viaxeira co GALP Ría de Vigo-A Guarda como patrón maior e dela agarda “sacar algunha boa idea das confrarías e ver se as podemos adaptar á nosa”, así tamén como das iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo que poidan implantarse no noso territorio.

Por parte do GALP Ría de Vigo-A Guarda, ademais de Gregorio, Crespo e Reinosa, súmanse a esta a viaxe a xerente da entidade, Elena Herbello; Francisco Javier Costa e Berta Barreiro, patrón maior e asistencia técnica da Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas; Jesús González, representante da Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira de Vilaboa; Severino Casal, vicepatrón da Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela; e María Muíños, asistencia técnica da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo. Aloxados nas Illas Canarias desde o martes, a visita ao arquipélago prolongarase ata este sábado.

O proxecto Mar das Illas

A iniciativa enmárcase na liña de proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos GALP para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, segundo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

Ao longo das tres fases do proxecto, formáronse máis de 200 profesionais do mar como Guías Acreditados en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo no ámbito do Parque Nacional. Ademais, puxéronse en marcha seis proxectos piloto de turismo mariñeiro e pescaturismo, elaboráronse distintos manuais de formación, protocolos de actuación e Códigos de Boas Prácticas, e leváronse a cabo diversas xornadas de divulgación como a I Xornada Internacional sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo.

Concello, Xunta e empresa buscan conxuntamente vías de traslado do aserradeiro de Puxeiros a outro lugar do municipio

0

Onte celebrouse no Concello de Mos unha reunión entre os xefes territoriais de Medio Rural e Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Antonio Crespo e José Manuel González, respectivamente, os propietarios do aserradeiro do Alto de Puxeiros, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil de Urbanismo, José Areal; e tres técnicos deste útimo departamento municipal (enxeñeira, arquitecto e xurídico).

A xuntanza realizouse en aras de colaboar coa empresa na súa busca de nova ubicación para trasladar o aserradeiro, o que lle permitiría tamén ao Concello continuar a humanización de Puxeiros no tramo final da Avenida que queda por humanizar, e que a zona creza en vivendas; pois a previsión é de que no lugar no que agora se atopa o aserradeiro se constrúa vivenda en altura, así como unha gran praza e parque públicos.

Deste xeito quíxose trasladar aos diferentes organismos da administración autonómica competente, e coordinar con eles, as vías para este traslado e as opcións de solo ás que poderían trasladar o aserradeiro.

Da reunión celebrada extraeuse a conclusión de que a empresa podería ubicarse en solo rústico, polo que xa se está a tramitar á solicitide á Xunta para que se autorice o traslado de solo urbano non consolidado (onde agora de atopa) a solo rústico.

A vontade de colaboración e consenso entre todas as partes: empresa, Concello e Xunta é total e traballarase conxuntamente para axudar aos propietarios do aserradeiro no traslado da súa actividade a outro lugar, pero sempre dentro do termo municipal de Mos.

Leticia Gallego reclama “a cobertura plena” das prazas de médico en Tomiño

0

A parlamentaria socialista Leticia Gallego reclamoulle onte ao goberno galego que garanta a cobertura plena das prazas de médico do Centro de Saúde de Tomiño, descubertas durante boa parte do ano, e urxe ademais a abrir o centro polas tardes para garantir unha atención acaída á poboación. Gallego presentou unha pregunta na Comisión de Sanidade, na que responsabilizou ao Sergas da situación do centro.

A parlamentaria socialista sinalou que “é unha vergoña a atención sanitaria que o Sergas lle presta á cidadanía de Tomiño”, sostida apenas polo esforzo dos traballadores sanitarios, que “multiplican o seu traballo para poder paliar a falla de persoal”. Lembra que durante boa parte do ano tan só estiveron cubertas 5 das 8 prazas de facultativo do centro –hoxe están pasando consulta 7 profesionais- pola negativa da Xunta a cubrir baixas e vacacións.

Sinalou ademais neste sentido que o goberno galego ten pechado dende maio o consultorio de Goián, no mesmo concello, logo da xubilación do médico que o atendía e que aínda non foi substituído. Gallego levou ao parlamento as demandas da poboación desta zona, que levan ademais anos reivindicando unha ambulancia medicalizada para o Baixo Miño.

Esixiulle ao goberno galego que “planifiquen, non improvisen, non recorten en Atención Primaria, non fagan parches para enviar un médico un mes ou apenas unhas semanas”. Denunciou que “xoguen co bo facer dos facultativos, porque saben que non van deixar de atender a ningún paciente sen atender aínda a costa de ampliar as súas xornadas laborais ata onde faga falta”.

Responsabilizou á Xunta de Galicia e da política de recortes e privatizacións de Feijóo do feito de que os traballadores e traballadoras teñan que multiplicarse para sacar adiante o seu traballo para atender a toda a poboación en toda o entorno. Sinalou a situación de A Guarda, onde non se cubren as prazas, así como en Oia, Baiona ou Redondela, cos profesionais desbordados.

Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE

Ponteareas reordena os sentidos de circulación na mazá de Virxe dos Remedios, Daniel Ojea, Vázquez Fraile e Mestres

O Concello de Ponteareas vén de reordenar os sentidos de circulación do tráfico rodado na mazá conformada polas rúas Virxe dos Remedios, Daniel Ojea, Vázquez Fraile e Mestres, invertendo os seus sentidos de circulación.

Esta medida ten varias finalidades. Por unha banda, pretende facilitar un novo acceso á rúa Virxe dos Remedios e Daniel Ojea sen necesidade de circular pola nova área de preferencia peonil de Concha Brey e Reveriano Soutullo. Coa reordenación, os vehículos entrarán na rúa Virxe dos Remedios dende a Avenida Rosalía de Castro, no sentido inverso ao que se viña circulando até agora. Dende Virxe dos Remedios poderase continuar por Daniel Ojea en sentido ascendente até Amado Garra, tamén no sentido inverso ao existente até agora. As rúas Vazquez Fraile e Mestres inverten o seu sentido de tal maneira que accederán por Virxe dos Remedios e Daniel Ojea.

Esta medida tamén supón a creación dun novo acceso rodado á rúa Amado Garra dende a zona leste da vila que se suma ao existente dende o oeste por rúa da Braña e Reveriano Soutullo.

Outra das finalidades da medida adoptada é continuar reducindo o tráfico de vehículos a motor na zona máis céntrica da vila. Nos últimos dous anos o tráfico reordenouse no casco urbano de maneira que se eliminaron a maioría dos numerosos itinerarios que atravesaban a vila en todas as direccións pola súa zona máis céntrica e que se empregaban como atallo, xerando un intenso tráfico de paso. Coa nova ordenación dos sentidos en Virxe dos Remedios e Daniel Ojea desaparece o derradeiro deses itinerarios que se podían empregar como atallo e que conectaba polo centro urbano a Avenida de Castelao coa de Rosalía de Castro.

Actualmente e como resultado desas medidas implementadas nos últimos dous anos, o tráfico de paso reduciuse de maneira extraordinaria na maior parte das rúas do centro urbano, achegando maior calidade de vida, máis seguridade e menos contaminación acústica e atmosférica.

O Museo organiza percorridos guiados sobre a morte e os ritos co gallo do Día de Defuntos

O Museo de Pontevedra vai desenvolver este mes de novembro unha actividade relacionada co mes dos defuntos: percorridos guiados polos seus fondos que, baixo o título ‘Como te ves, eu vinme, como me ves, ti veraste’, afondarán en diferentes aspectos relacionados coa morte e os rituais que a rodean na arte, desde os enterramentos do Neolítico ata os costumes do século XIX.

O departamento de Educación do Museo de Pontevedra propón un percorrido polos edificios Sarmiento e Castelao no que se falará sobre diferentes perspectivas coas que as e os artistas foron abordando a morte nas diferentes épocas.

A primeira parada será no Edificio Sarmiento, na sala 1, onde comeza o percorrido falando dun dos fenómenos mais característicos da prehistoria galega, os monumentos funerarios do megalitismo. Posteriormente pasarase á sala na que se explica a tradición dos enterramentos en época romana abondando información sobre as estelas de Vilar de Sarria e a Estela de Cornelio Cressimo, para rematar cos enterramentos procedentes do xacemento de A Lanzada.

Xa no Edificio Castelao, na planta primeira, falarase dos enterramentos durante a Idade Media e o seu cambio respecto das inhumacións de época romana, co exemplo do Sepulcro de Suero Gomez de Soutomaior e as laudas gremiais; pasarase á sala do século XIX para poñer dous exemplos de tratamento da morte coas miniaturas do ‘Retrato de señora con pita’ e cinco miniaturas en estoxo de daguerrotipo; seguirase na sala de Goya, ante a pantalla, para ver dixitalizadas as catro series dos seus gravados, explicando unha das láminas da serie de Os Caprichos. O peche do percorrido realizarase na sala oito, abordando a Xeración Doente.

Os percorridos ‘de defuntos’ realizaranse os martes 2, 16 e 30 de novembro ás 18:00 horas. Será necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a [email protected].

Ponteareas agradece ao comercio local o bo uso do servizo exclusivo de recollida de cartón

O Concello de Ponteareas conta cun servizo exclusivo de recollida de cartón a disposición do tecido comercial da vila. Operarios deste servizo municipal pasan todos os martes e venres de 18.00 a 20.00 horas para recoller o cartón depositado no chan ao pé dos colectores azuis. A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, agradece “a colaboración da gran maioría das e dos comerciantes”, xa que están a facer un “bo uso do servizo para facer das rúas da vila un lugar máis limpo, sostible e cómodo para a veciñanza”.

A concelleira explica que os establecementos que fan vertidos fóra dos colectores e nos días nos que o servizo non opera “son unha minoría, pero minguan gravemente o servizo”, xa que os operarios que se dedican a limpeza viaria teñen que adicar parte da mañá a meter e clasificar os residuos no colector correspondente, chegando en ocasións a saturar anticipadamente o colector do papel e do cartón.

O Servizo de Atención Temperá do Baixo Miño amplía o seu horario de atención

0

O SAT (Servizo de Atención Temperá) da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, que funciona en Tomiño dende o ano pasado, ampliou durante o mes de Setembro o seu horario de atención ao público, que pasa a ser de luns a venres de 09.00 a 14.00 e de 15.00 a 19.30 horas.

A ampliación do servizo, creado co obxectivo de que as familias con fillos ou fillas con dificultades de desenvolvemento, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo, e ao que acoden agora mesmo máis de 50 familias da comarca, foi posible grazas á subvención obtida pola Mancomunidade do Fondo Social Europeo a que, sumada ás axudas dos demais patrocinadores (Xunta de Galicia, Xacobeo e a propia Mancomunidade) e á entidade prestadora dos servizos Cogami, permitiu contratar ás profesionais de dito servizo a xornada completa.

A coordinadora da unidade, Andrea Álvarez Rodríguez, explica que a subida de horas era necesaria para axilizar a longa lista de espera que teñen desde a posta en marcha do servizo, unhas 70 familias procedentes dos catro concellos integrados na mancomunidade A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui).

A unidade comezou a funcionar nos últimos meses do ano 2020. Creada pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, o obxectivo da mesma é que as familias que teñan menores con dificultades de desenvolvemento, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo.

O equipo de profesionais que forman o SAT Baixo Miño (2 psicólogas, unha fisioterapeuta e unha logopeda) ten a súa sede no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. O servizo está especialmente destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar.

Potenciar a autonomía e o desenvolvemento psicomotriz, tratar dificultades da linguaxe ou problemas de comunicación (por trastornos como o TEA, falta de audición, etc.), a través dunha terapia lúdica, activa e motivadora, son só algúns dos obxectivos que ten o equipo.

Para máis información ou solicitude de cita previa, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 886 156172 ou enviar un correo electrónico a [email protected].

Redondela acollerá obradoiros, xincanas e vistas teatralizadas en Samaín

0

O Concello de Redondela presenta as diferentes actividades que se van a realizar no Samaín. Vanse realizar actividades para diferentes públicos, comenzarán ó 29 de outubro co obradoiro “Fai a túa cabaza de Samaín” que se desenvolveran no Multuisos do Piñeiral do Crego en Chapela e no Multiusos da Xunqueira en Redondela de 17:00 a 19:30 horas.

Ademais os días 29 e 30 de outubro, coa colaboración da Asociación de Empresarios de Redondela, vivirase o Samaín para as cativas e cativos, agasallando con caramelos nos distintos establecementos do Concello de Redondela.

O Concello busca así potenciar unha tradición moi arraigada en Galicia e fomentar o pequeno comercio con actuación concretas nos distintos casos urbanos tanto en Chapela como en Redondela. Actividade promovida pola área de Promoción económica e comercio.

Pola área de Xuventude, organízase o 30 de outubro unha xincana infantil ambientada e caracterizada coa temática do Samaín, que comezará ás 18:30 horas na Praza do Concello, con inscrición previa no enderezo electrónico [email protected] e no teléfono 986 401 713

Pola área de Patrimonio e Turismo organizase as noites do 30 e 31 de outubro, ruta polos Petróglifos da Pedreira en San Martiño de Ventosela, actividade para toda a familia, para inscrición e información será no telefono 600 381 782.

E por primeira vez na noite do 31 farase unha visita teatralizada na noite de defuntos, coa finalidade vivir as lendas, supersticións e crenzas da vila nas rúas de Redondela e rematando no cemiterio de Eidos, esta actividade é so para adultos e poderanse inscribir no enderezo electrónico [email protected] e no teléfono 986 401 713.

O Pleno do Concello de Salceda aprobou o cambio nas normas subsidiarias da Devesa

O Pleno do Concello de Salceda aprobou hoxe xoves, na súa sesión ordinaria, a modificación das normas subsidiarias da parcela da Devesa, que pasará a ter uso dotacional público, o que permitirá ampliar a Praza da Devesa e construír a futura Casa da Mocidade.

A parcela, que actualmente ten un uso de aparcadoiro, conta cunha cualificación urbanizable. En outubro do 2020, o pleno municipal aprobou xa a suspensión das licenzas urbanísticas, que nunca se fixeran efectivas, dando así o primeiro paso para dotala de novos usos sociais.

Con esta modificación das Normas Subsidiarias do Planeamento Municipal, o Concello de Salceda de Caselas contempla desenvolver unha nova praza, aledaña á actual Praza da Devesa, sumando así mil metros cadrados máis de espazo público para uso da veciñanza.

Esta modificación contempla ademais a posibilidade de urbanizar contra o actual edificio privado un novo equipamento público, onde se construirá a futura Casa da Mocidade, unha vez se materialice a adquisición das parcelas, propiedade na actualidade da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria, SAREB.

Con esta nova infraestrutura, o equipo de goberno da resposta ás necesidades actuais da mocidade dun espazo propio, onde poder realizar actividades, cursos, obradoiros e que se desenvolverá proximamente mediante un concurso de ideas, no que participará o tecido social do Concello.

Loli Castiñeira, Coordinadora de Proxectos: “Con esta modificación puntual das normas subsidiarias a veciñanza de Salceda gozará dunha nova zona pública no corazón da vila, que servirá ademais para levar adiante a nova Casa da Mocidade”.

Verónica Tourón, alcaldesa e responsable da área de urbanismo: “Resaltar a importancia do traballo que se ven realizando polo equipo de urbanismo co fin de acadar espazos para as persoas e dotar a nosa vila de novos servizos”.

Ponteareas retoma a Semana das Ciencias e a Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de forma presencial

Ponteareas retoma a súa actividade con normalidade tras a crise sanitaria. A vila volverá celebrar de forma presencial a Semana das Ciencias e a Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas, aínda que con todas as medidas de seguridade necesarias. A alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila, mantivo un encontro participativo cos centros educativos para falar da programación de actividades a realizar ao longo deste curso escolar. “Estamos traballando todas e todos xuntos para volver pouco a pouco a unha normalidade segura e poder ofertar diferentes accións e tamén abrir as portas da nosa comunidade educativa á veciñanza en xeral”, salientou a rexedora.

Deste xeito, o vindeiro mes de febreiro Ponteareas acollerá a cuarta edición da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas, que este ano tivo que ser cancelada por mor da situación sanitaria. Trátase dun encontro no que os centros formativos achegarán ao alumnado información sobre as modalidade que imparten e demostracións prácticas do traballo que realizan dentro do seu currículo educativo, un verdadeiro escaparate da oferta de ensinanzas profesionais para que alumnado e público xeral poida coñecer de primeira man as materias que se imparten e os diferentes perfís profesionais que se imparten.

Tras unha edición telemática este 2021, a Semana das Ciencias retomará o vindeiro ano a súa presencialidade cun ambicioso evento que divulgará coñecemento científico do 21 ao 25 de marzo. Será un punto de encontro de persoal investigador e colectivos científicos que situará a Ponteareas como punto de referencia científico en Galicia durante unha semana e co que se pretende “fomentar o interese por distintas áreas entre o alumnado de Ponteareas e difundilas entre a nosa veciñanza, incentivando a súa participación”.

Ademais, durante o encontro tratouse a posibilidade de volver a retomar os obradoiros, aínda que a súa celebración nas dependencias educativas dependerá das medidas de seguridade que decida establecer cada un dos centros.

Adiada a festa da recolleita e esfollada do millo

A Asociación Cultural Quinta do Piñeiro vese na obriga de suspender a súa festa da recolleita e 
esfollada do millo debido as inclemencias metorolóxicas previstas para esta fin de semana.

A nova data escollida por dita asociación é o vindeiro 7 de novembro. Esta festa terá lugar na 
área recreativa do Muíño da Ponte, ubicada en Corzáns, Salvaterra de Miño. Comenzarán a 
mañá coa súa popular recollida do millo, acompañados polo grupo Naiama. Durante a sesión 
vermut o grupo Efémeras será o encargado de entreter ao público. Pola tarde, contarán con 
EvenTiño’s para animar aos máis cativos e con Sons das tabernas para os maiores. Para 
finalizar realizarase un gran magosto de balde para a todos os asistentes.

Ademais disto, poderase degustar diferentes variedades gastronómicas como callos, 
churrasco, polbo e diversos postos de comida e artesanía.

Dende a asociación convidan a todo o mundo a pasar un día de festa con eles.

A Policía Local de Mos fará prácticas de tiro cun instructor e dependiencias da Policía Nacional

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o Xefe da Policía Local de Mos, Gerardo Álvarez Reguero, desprazáronse onte ata o edificio da Policía Nacional en Vigo, sito na rúa López Mora, para asinar un convenio de colaboración que lles permita aos axentes locais mosenses realizar prácticas de tiro e ser formados por un instructor da Policía Nacional, rubricado pola rexedora local e o Comisario Xefe da Comisaría de Vigo, Juan José Díaz Jiménez.

O uso da galería de prácticas de tiro non suporá ningún custe para a administración local mosense, tendo que asumir únicamente o Concello a adquisición da munición para o uso dos axentes locais durante as prácticas.

O Xefe da Policía Local de Mos valorou moi positivamente esta colaboración coa Policía Nacional “que nos permite realizar unhas prácticas altamente necesarias e constructivas para o noso día a día profesional, nunhas instalacións excepcionais e moi próximas ás nosas dependencias. Unha formación e actualización de coñecementos instruída polos mellores profesionais do Corpo Nacional nesta materia”. As prácticas realizaranse baixo a supervisión dun Especialista en Armamento e Tiro.

Este convenio de colaboración entre Concello de Mos e Policía Nacional establécese no marco da asistencia mutua entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local, e a fin de incrementar os niveis de operatividade e eficacia no desempeño das competencias propias e compartidas de ambos corpos policiais.

A dinámica organizativa das prácticas de tiro será con previa programación das mesmas, séndolle comunicadas con antelación dun mes á Comisaría da Policía Nacional, para poder garantir a dispoñobilidade de datas e horarios.

Clausura o II Programa de Aceleración de Empresas de Comercio

0

Enxalzando o talento e valentía das persoas da provincia de Pontevedra, Carmela Silva vén de clausurar o II Programa de Aceleración de Empresas do Sector Comercio de SmartPeme no que participaron dez empresas dos concellos de Pontevedra, Lalín, Crecente, Meaño, Silleda, Vigo e Vilagarcía con iniciativas centradas na sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente. A presidenta da Deputación fixo fincapé en que, dos dez proxectos participantes, oito foron dirixidos por mulleres o que significa que “estamos ocupando espazo, estámonos convertendo en emprendedoras que ademais poñemos en marcha e lideramos iniciativas moi potentes e teñen unha mirada sostible”.

No peche da 2ª edición da aceleradora, Carmela Silva remarcou as “interesantísimas propostas” das dez empresas. “Correspóndense coas novas demandas da cidadanía do século XXI-detallou- moi vinculadas a unha nova forma de facer negocio onde as persoas, a sustentabilidade, o respecto ao medio ambiente e o produto de proximidade importan”. Tamén agradeceu a súa valentía: “son moi consciente do difícil que é poñer unha empresa en marcha, dos riscos que se corren, pero o mundo cámbiase dende estes proxectos de actividade económica que xeran emprego e a xente que se atreve a facelo é xente da que nos temos que sentir moi orgullosas e orgullosos”. E recordou o “complexo e complicado” momento que viviu o sector comercio durante o confinamento: “se hoxe as empresas se manteñen é porque hai persoas detrás delas que non se reden nunca, que empregaron ese tempo para mellorar, manter ese comercio, formarse e ampliar os seus negocios”.

A presidenta tamén nomeou a todos e cada un dos dez proxectos participantes na segunda edición da aceleradora entre os que se atopaban AK (Antonina Kadrova, de Vigo), que elabora produtos artesanais de marroquinería; Arual Ecology (Laura Carro, de Vilagarcía), empresa de roupa sustentable que emprega tecidos ecolóxicos ou reciclados; María Ángeles Vázquez (de Pontevedra), dedicada á venda de roupa de deseño de muller con deseños propios; Trees Ecosistemas (Mar Panela, de Crecente), centrada no deseño dos lugares que habitamos considerando cada espazo como un ecosistema; Herbolario Bio (José Alberto López, de Silleda), marca de cosmética natural especializada na comercialización de produtos online de cosmética con ingredientes da horta; Cibertopía (Fermín González, de Pontevedra), comercializa produtos tecnolóxicos e ofrece asesoría e formación en tecnoloxías da información; Produhostel (Mónica Silva, de Meaño), dedicada á distribución de produtos para a hostalaría e a industria; Namaskar (Cristina Barreiro, de Lalín), plataforma online que ofrece ferramentas multidisciplinares para as persoas que buscan priorizar a súa saúde a nivel físico e emocional; Mel e Canela (Raquel Fernández, de Lalín), tenda de comercio de proximidade, consciente, ético e respectuosa que oferta produtos de calidade e quilómetro cero; e Mimobooks (Goretti Cabido, Pontevedra), dedicada á confección de fundas de libros acolchadas e outros complementos infantís.

Nesta 2ª edición as empresas recibiron formación especializada para optimizar os seus proxectos e/ou comezar a súa andaina. Deste xeito, e da man de SmartPeme a quen a presidenta provincial felicitou polo seu “extraordinario traballo e enorme compromiso”, recibiron formación durante catro meses sobre competitividade, imaxe dixital, canvas, comercio online, sustentabilidade, redes sociais e finanzas para adquirir coñecementos e técnicas para mellorar a planificación e desenvolvemento das iniciativas emprendedoras, lanzar as súas tendas online, crear as súas propias webs ou mellorar o posicionamento. Así, entre as cuestións que destacaron as empresas citaron a mellora da súa identidade corporativa, a posta en marcha de estratexias de contidos, a segmentación mercados, o desenvolvemento web e optimización da presenza en redes sociais, a elaboración de plans de empresa, a apertura de novos mercados, a mellora das súas estratexias de comunicación, a análise da competencia para seguir as tendencias do mercado, o deseño de catálogos, a promoción de showrooms, a creación de newsletters e a incorporación de iniciativas para impulsar a sustentabilidade nos seus proxectos a través de diferentes accións.

A aceleradora de comercio da Deputación, na que xa participaron vinte empresas nas súas dúas primeiras edicións, impúlsase a través de SmartPeme que permite, tal e como explicou a presidenta, “que as TIC, que este novo mundo dixital poida ser algo absolutamente normalizado entre as pemes, persoas autónomas e emprendedoras, a través de formación de altísima calidade e cun trato moi humano”. Carmela Silva fixo fincapé en que para a Deputación “este programa SmartPeme que levamos impulsando dende hai seis anos é dos máis importantes que temos en marcha, xa que se centra na transformación dixital, unha das liñas prioritarias do Goerno de España e da Unión Europea, algo para nós moi relevante”.

Nigrán amplía o prazo de inscrición para que crianzas nadas entre 2010 e 2013 poidan anotarse a surf

0

O Concello de Nigrán amplía a este xoves 28 de outubro a inscrición na actividade municipal de surf para nenos e nenas nacidas entre 2010 e 2013. Os interesados poden anotarse mañá no Pavillón de Panxón de 9:00 a 13:00 horas (empadroados ou non).

As clases, que comezan o 2 de novembro e serán semanais, estarán impartidas por monitores federados da Asociación de Escolas de Surf de Patos e se dividirán en 5 grupos de 6 participantes as tardes do luns, martes, mércores e xoves (de 16:30 a 18:00 horas). Actualmente queda dispoñible unha praza na quenda do luns, tres na do martes e catro na do xoves. Toda a información está pendurada na web municipal www.nigran.es.

A praza quedará formalizada unha vez se realice o pagamento e o custe é de 75 € para empadroados con posibilidade de bonificar ata o 50% as persoas en situación de dificultade económico-financieira (deberán presentar unha instancia no Rexistro do Concello con diferente documentación). Para non empadroados ascende a 100 €.

A infancia de Rosalía de Castro chega ao teatro en O Rosal

0

María Rosalía Rita, ou Rosalía de Castro, tamén foi unha nena. As biografías non o contan, pero a poeta galega tamén foi unha cativa que cantaba, que lía, que comía chocolate, e que tamén xogaba. Este é o punto de partida da obra “Rosalía”, que Culturactiva presentará o vindeiro domingo ás 19.00 horas no Auditorio Municipal do Rosal. “Con esta obra temos a oportunidade de coñecer a infancia da voz poética máis importante da nosa historia”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández, á vez que lembra a veciñanza que “a entrada é de balde ata completar aforo”.

A Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro é a protagonista desta peza de teatro, e será ela mesma a que lle conte aos nenos e nenas que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor. Esta obra vai dirixida nenos e nenas de idade primaria, pero tamén as súas familias, é froito do traballo dunha equipa de mulleres cunha grande experiencia no teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven no país da infancia. Dirixe a peza actriz e directora Fina Calleja, ligada á premiada compañía Sarabela e responsábel de moitas das súas montaxes infantís e xuvenís. Dúas actrices forman o reparto, Rocío González e Cristina Collazo, as dúas imprescindíbeis nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.

Esta representación forma parte da programación do outono do Rosal, onde o teatro ten un gran protagonismo. “Rosalía”, será a segunda das catro representacións que pasarán polo Auditorio Municipal. O 14 de novembro chegará “Estrela do Día” ás 19.00 h e, finalmente, o domingo 28 “A pluma viva de Rosalía” rematará o ciclo teatral tamén ás 19.00 h.

Ponteareas reclama unha partida específica nos orzamentos do Estado para a seguridade na N-120 e a construción da circunvalación

A Corporación municipal de Ponteareas une forzas para reclamar ao Goberno do Estado unha partida específica nos Orzamentos Xerais para as obras de mellora da seguridade na N-120 e para a construción da variante, unha demanda histórica da vila. Os grupos municipais levaron unha moción de consenso a pleno para instar ao Goberno a que comprometan as partidas económicas precisas para desenvolver os dous proxectos, unha de 4 millóns de euros para a seguridade viaria na N-120 e unha primeira anualidade para a construción da variante “tendo en conta os compromisos asumidos polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA) para a variante de acordo á planificación dos traballos”.

Durante o pleno lembrouse que nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 figuraba unha partida de 27 millóns de euros para estas obras que se mantiveron nos anos 2019 e 2020 sen executar e que desapareceron dos orzamentos do ano vixente. A Corporación considera que os 100.000 euros que se contemplan para a variante no actual borrador para 2022 son “insuficientes para poder levar a cabo calquera avance significativo na realización desta obra. Entendemos que o Goberno do Estado volve esquecerse unha vez máis de proxectos que son de vital importancia para a nosa vila”.

Por outra banda, en febreiro de 2020 o MITMA anunciaba os traballos de redacción do proxecto de melloras de seguridade na N-120 e presentábaos ao Goberno municipal e ante unha representación da Plataforma veciñal de afectados. Non obstante, un ano despois o proxecto aínda está sendo revisado para exposición pública sen máis coñecementos sobre o proceso de supervisión. Por este motivo, a Corporación municipal tamén reclamará ao Goberno do Estado a que facilite a información sobre o cronograma das distintas fases de actuación cun calendario preciso e coa cuantificación dos custos.

Ademais, o pleno tamén aprobou cos votos do Goberno municipal a Conta Xeral do exercicio económico do ano 2020 cun remanente de tesourería de preto de 214.000 euros, un resultado positivo que indica a boa saúde financeira coa que conta o Concello. Tamén se deu luz verde por unanimidade ao restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión da xestión e explotación do Complexo Deportivo Álvaro Pino.

Arbo celebra o Samaín na Praza Consistorio

0

Coa volta do Samaín 2022 a volta da esquina, o Concello de Arbo avanza que xa ten programada para os cativos da casa un Samain especial adaptado as medidas Covid-19, baile de esqueletos, tunel do terror, música e moita diversión asegurada.

O Concello de Arbo, ven de poñer en marcha a actividade cultural para ir facendo camiño a nova normalidade con actividades adaptadas as circunstancias, sempre cumprindo coa normativa, pero que ofrecen un momento de lecer e divertimento para a poboación infantil do municipio.

Dentro do programa do “Outono Cultural do ano 2021”, o día 30 de outubro na Praza Consitorio ás 18:00 horas ten lugar o Samain, que no caso de mal tempo será trasladada ao Multiusos de Arbo. No caso de mal tempo a actividade trasladase ao Auditorio do Centro Multiusos

Como sempre a entrada e gratuita ata completar aforo e obrigatorio o uso de mascarilla e as demais recomendación recollidas no protocolo COVID.

Dende o Concello de Arbo, solicitamos colaboración dos asistentes, para que se cumpran todas as medidas COVID para o evento, que os nenos e nenas participantes vaian acompañadas por un adulto, que en todo momento se utilice a mascarilla e que se cumpra coas indicacións dadas polos voluntarios e colaboradores do Concello de Arbo, encargados de supervisar e facer cumprir os protocolos e recomendacións das autoridades sanitarias durante toda a actividade.

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda engalánase para o Samaín

0

Dende fai uns días a Biblioteca Pública Municipal da Guarda, emprazada no 1º andar do Centro Cultural, xa se atopa engalanada para as datas do Samaín, cunha curiosa e terrorífica decoración que non deixará a ninguén indiferente.

Dende o Concello da Guarda se fai un convite a que os pais e nais visiten este espazo xunto cos seus nenos e nenas para gozar deste novo atractivo e, de paso, estimular e incentivar a lectura entre os máis pequenos da casa.

As propostas relacionadas co Samaín comezarán dende este venres día 29 na Biblioteca Municipal que se suma á celebración do Samaín a través de dúas iniciativas:

– A proposta “Facemos un trato?”, que obsequiará cun pequeno detalle a tódolos nenos que se acheguen durante o venres 29 e sábado 30 ata a Biblioteca e leven un libro en préstamo, a cambio iso si, de deixar un pequeno mensaxe na decoración de Samaín que decorará o espazo durante estes días.

– E na mañá do sábado 30 de outubro acollerá no Salón de Actos do Centro Cultural ás 12h. o Contacontos “Contos para pasalo de medo”, un espectáculo de Carmen Domech (Títeres Cachirulo) pensado para rapazas e rapaces de 4 a 11 anos. As prazas para este evento son limitadas polo que é preciso anotarse a través do mail [email protected].

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda ven incrementado notablemente o número de usuarios que reclaman os seu servizos, cun aumento no número de préstamo de libros, froito do traballo de dinamización deste espazo, da súa mellora e da adquisición progresiva de novos exemplares de variadas temáticas.

Fernández-Tapias supervisa o remate das obras no IES Primeiro de Marzo de Baiona

0

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o IES Primeiro de Marzo en Baiona para supervisar o remate das obras que, segundo dixo, “suporán unha importante mellora desde o punto de vista enerxético”.

Neste contexto, a representante autonómica salientou o alcance dos traballos que supuxeron un investimento por parte do Executivo autonómico de preto de 293.000 euros e que consistiron na substitución da carpintería exterior do edificio principal en aulas, despachos e talleres, cunha instalación en aluminio con rotura de ponte térmico.

Optouse así por un acristalamento bajo emisivo de alta eficiencia enerxética, con cámara de aire e vidro laminar que ofrece mellores prestacións para a redución do ruído no interior; e por aperturas oscilobatentes, co obxectivo de aumentar a superficie de ventilación e facilitar a súa apertura e limpeza. Asemade, instaláronse persianas enrollables de aluminio cara ao exterior con reforzo.

Unha intervención que a delegada, recordou, se suma ás obras de reforma da instalación eléctrica no CEIP de Sabarís e EEI O Areal e o peche do CPI Cova Terreña, recentemente rematadas.

Fernández-Tapias, quen estivo acompañada na visita por parte da dirección do centro, o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, e membros da unidade técnica do departamento autonómico, cifrou en preto de 12,5 millóns de euros o investimento do Executivo galego este 2021 en melloras en centros educativos da área de Vigo. Unha nova mostra, dixo, do compromiso da Xunta de Galicia coa cidade e a súa contorna.

Aprazada a tarde de Samaín ao 5 de novembro por causas meteorolóxicas

O Concello de Salvaterra decide aprazar a tarde infantil de samaín para os máis cativos no Parque Público A Canuda ao próximo venres 5 de outubro.

Lembramos que os grupos son de 10 persoas, que a idade recomendada é de 5 a 16 anos, pero poden asistir todo tipo de idades. Os menores de 8 anos terán que vir acompañados.

Haberá varios pases:

17:30 h. 18:30 h. e 19:30 h.

É preciso inscrición previa no correo: [email protected] desde o 28 de outubro ao 3 de novembro.

Este Samaín no Rosal… composta a túa cabaza!

0

Un ano máis O Rosal pon en marcha nestas datas a súa iniciativa ‘Composta a túa cabaza!’. Para darlle o enterro que se merecen ás cabazas que se empregan durante os festexos do Samaín e pechar o ciclo de xeito sostible, o Concello propón levar todas as terroríficas creacións a calquera dos tres centros de compostaxe comunitaria do municipio, situados nas rúa do Couso, Ramón Franco e Manuel Suárez Marquier.

É moi sinxelo. Simplemente terase que:

-Retirar os adornos plásticos, os papeis, os cirios… das cabazas. As cabazas pintadas non poderán ser compostadas.

-Depositar a creación no saco xa disposto a carón de calquera dos composteiros.

-E listo! O resto do ritual será completado polo mestre composteiro.

Destácase o papel das mulleres na apertura das “VII Xornadas Divulgativas”

Por segundo ano consecutivo a sede da Deputación en Vigo tense convertido no escenario das “VII Xornadas Divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro. Referentes do presente e do pasado”, que veñen de organizar esta tarde Fundamar e Funpromar en colaboración coa institución provincial e o concello de Vigo. A presidenta Carmela Silva, que participou na inauguración xunto á concelleira de Igualdade de Vigo Uxía Blanco, o presidente de Fundamar Javier Touza, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca Juan Vieites, reivindicou “o papel estratéxico da muller, a necesidade de visibilizalas e de que ocupan máis postos de responsabilidade nun sector moi masculinizado na súa dirección. Nas xornadas estreouse o audiovisual “Pegadas esvaecidas”, que promoven Deputación, Fundamar e Funpromar para abordar a historia das mulleres do mar e a súa verdadeira participación, “aínda que non sempre recoñecida”, na vida laboral e económica desta industria. Tamén se deron a coñecer as novas “protagonistas” do directorio “#SomosSereas” a través dos audiovisuais “As redeiras da Guarda” e “Continuidade en feminino”.

“É necesario enxalzar e visibilizar o traballo das mulleres do mar, moitas veces silenciado pero transcendental para este sector económico tan importante para a provincia” asegurou Carmela Silva, quen aproveitou a ocasión para reivindicar a “urxente necesidade” de que as mulleres “ocupen posicións de liderado no mar”. “Non pode ser –remarcou- que sexamos maioría na extracción, tecendo redes ou transformando os produtos do mar e desaparezamos nos postos de decisión”. Por estes motivos a presidenta provincial enxalzou a importancia de iniciativas como estas xornadas ou o proxecto “Sereas. As Mulleres do mar”, que tamén lidera Fundamar e Funpromar, que están a permitir “visibilizar ás mulleres no sector mar-industria, destacando as súas achegas, o seu esforzo e o seu papel estratéxico”.

Precisamente no marco do proxecto “Sereas” a Deputación ten asinado un convenio con Fundamar e Funpromar para a posta en marcha dunha iniciativa de investigación documental para interpretar, como explicou a presidenta, “a verdadeira e pouco valorada participación das mulleres na vida laboral e económica”. Froito deste traballo de investigación naceu o audiovisual “Pegadas esvaecidas”, que proporciona unha ferramenta para contribuír na investigación de xénero, coñecer e difundir as figuras femininas amosando o seu papel decisivo, visibilizar a participación socioeconómica das mulleres, valorizar a súa importancia como icona obreira da revolución industrial en Galicia, fomentar a inspiración para que sexan referentes e valorizar o papel feminino dos oficios do mar. Para construír o relato, a peza conta con testemuñas de mulleres na cadea de valor do sector pesqueiro e imaxes de arquivo. Así, recorre o pasado e o presente das mariscadoras, as súas condicións vitais e laborais, da man de mulleres como Rita e Conchita Mouriño, Guadalupe Jueguen ou Inmaculada Otero. Tamén presenta a fábrica dos irmáns Massó, en Cangas (a máis grande e con maior número de mulleres) e dá a coñecer a Josefa Bon (sindicalista), Ana María Soto (a primeira asistente social de Galicia) ou as irmás Bolibar (figuras determinantes e influentes da empresa).

Xunto a “Pegadas esvaecidas” tamén se proxectaron os audiovisuais “Incansables. As redeiras da Guarda. Temendo polo seu oficio” e “Continuidade en feminino”. O primeiro deles amosa a traxectoria de Rita, Carmiña, Manoli, Marina e Lidia, integrantes da Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda que dedicaron moito esforzo a profesionalizar o oficio na vila. As mulleres, fillas de redeiras e mariñeiros e que dende moi novas comezaron a traballar para contribuír á economía familiar, falan da súa profesión, dos seus logros, da amizade xerada entre elas, e da falta de remuda no oficio. Pola súa banda “Continuidade en feminino” recolle a traxectoria de Sara Muñiz, de Conservas La Vieira e considerada por “Sereas” como unha grande referente, pola continuidade empresarial en feminino, por reunir tradición familiar, mocidade e innovación na conserva artesanal. De feito Sara Muñiz asumiu en 2015, con 25 anos, a administración da empresa que en 1989 adquirira seu avó, Manuel Vicente Mosquera.

Amais da colaboración con Fundamar e Funpromar a Deputación de Pontevedra ten en marcha numerosas iniciativas para visibilizar o papel da muller no mar. De feito, esta mesmo xoves 28 de outubro terá lugar no Pazo provincial en Pontevedra a xornada técnica do proxecto “Depomar” baixo o título “A importancia do traballo das mulleres mariscadoras en contornas da Rede Natura 2000”. Amais de “Depomar”, que incluíu tamén unha campaña divulgativa e unha peza audiovisual, a institución provincial colabora neste ámbito coa Universidade de Vigo a través do programa “Mar das mulleres”.

Tomiño conta cun novo vehículo eléctrico para o servizo de compostaxe local

0

O Concello de Tomiño vén de adquirir un novo vehículo con distintivo ambiental cero emisións de CO2 para o servizo do persoal encargado da Implantación e xeralización da Compostaxe. A adquisición foi posible grazas aunha subvención en concorrencia competitiva a entidades locais do Fondo de Compensación Ambiental, por importe de 27.106,22 euros (75%), achegando o resto da inversión o propio Concello.

Trátase concretamente dunha furgoneta 100% eléctrica cun tempo máximo de recarga de 8 horas (punto de carga nave municipal), con opción de carga rápida. Ten un espazo mínimo de carga 4 m3, enganche de remolque fixo e porta equipaxes. Asemade, o novo vehículo ten unha autonomía mínima 200 Km., sensores de iluminación e luces led.

Esta forgoneta utilizarase para mantemento dos 16 centros de compostaxe comunitaria, distribuídos nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián, e dos 10 puntos verdes de xestión de biomasa de podas, ademais de posibles visitas á veciñanza e entidades das parroquias. Todo isto, tendo en conta que Tomiño ten actualmente 14.000 habitantes asentados nun territorio de 106 KM2 en 15 parroquias, de maneira moi dispersa.

Todos eses centros de compostaxe e os composteiros individuais dos centros de educación primaria, infantil e secundaria, así como as Galiñas Azuis (máis dunha ducia en total) e doutras entidades sen ánimo de lucro, precisan para o seu adecuado funcionamento, do traballo diario dos mestres composteiros, os cales deben desprazarse constantemente pola localidade para manter o correcto funcionamento de todos eles. Labores para as que é preciso levar sempre ferramentas para remover o compost, material estruturante para aportarlles cando sexa necesario e outros elementos accesorios como poden ser as máquinas trituradoras de ramas, para logo aportar a eses centros e composteiros.

Este novo vehículo para o servizo de compostaxe é un fito máis dentro do compromiso destes últimos anos por parte do Concello para ir reducindo pouco a pouco nos distintos ámbitos de competencia municipal o uso de enerxías fósiles e contaminantes, mediante a mellora da eficiencia enerxética do alumeado público e dos edificios de titularidade municipal.

“Este vehículo contribuirá sobretodo a facilitar a labor dos técnicos encargados da xestión e mantemento dos centros de compostaxe comunitaria, ó mesmo tempo que apoiará o equipo de recollida de biomasa nos puntos verdes e facilitará visitas á veciñanza do mestre e mestra composteira. Polo tanto contribuímos á protección do noso medio ambiente por dúas bandas, facilitando a compostaxe e cunha emisión mínima de contaminantes no noso ar”, conclúe a concelleira responsable da área, Ana Belén Casaleiro.

Dende a concellería valoran moi positivamente estas axudas, xa que suman nos plans que dende o municipio están desenvolvendo, como o plan de acción polo clima e a enerxía e a xeralización da compostaxe (https://revitaliza.tomino.gal/).

Salceda segue a mellorar a rede viaria do rural

O Concello de Salceda de Caselas vén de rematar as obras de mellora da estrada que une os barrios de Barreiro e Pomar de Suso, na parroquia de Santa María, coordinadas pola Concellería de Vías e Obras, que dirixe a tenente de alcaldesa Loli Castiñeira. O proxecto conta cun orzamento de 45.112,43 €, dos cales 37.283 € son financiados polo Agader a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais, e o resto con fondos propios do Concello.

Procedeuse ao asfaltado dos dous tramos da estrada que se atopaban en peores condicións, e aproveitouse tamén para acondicionar a entrada ao Centro Cultural de Castro Barreiro, así como o acceso ao barrio da Retorta. Tamén durante as obras se solucionaron problemas de deterioro das tubaxes de regadío, e a traída de augas veciñal aproveitou para cambiar un treito da súa rede, aforrando deste xeito o custo que lles suporía a apertura e peche da estrada.

Loli Castiñeira, concelleira de Vías e Obras, indicou que “defendemos o noso rural e centramos os nosos esforzos en ofrecerlles unhas insfraestruturas e uns servizos completos que impulsen o asentamento de poboación nas nosas parroquias. Por sorte en Salceda é moita a poboación moza que escolle o rural como lugar de residencia, e dende o Concello seguiremos a realizar os esforzos precisos para seguir con esta tendencia”.

Este tipo de obras resultan fundamentais para o mantemento e mellora da rede de viais municipais, con especial atención ás estradas do rural, indispensables para seguir a mellorar a calidade da vida das parroquias. Neste caso trátase dunha estrada moi empregada pola veciñanza dos barrios Barreiro e Feira, polo que o equipo de goberno considerou esta como unha boa proposta para incluír na subvención deste ano.

PAra finalizar, Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda, declarou que “coa ampliación, acondicionamento e conservación da rede de camiños municipais o goberno pretende seguir mellorando servizos fundamentais para a veciñanza do noso rural”.

Ponteareas duplicaría o orzamento do servizo municipal de emerxencias coa súa equiparación a GES

O servizo municipal de emerxencias de Ponteareas, que atende a toda a comarca, duplicará o seu orzamento ao equipararse á categoría de Grupo de Emerxencias Supramunicipal. Deste xeito, o servizo pasaría de ter unha partida de 155.000 euros anuais a 310.000 euros, segundo a proposta realizada pola Xunta de Galicia durante a celebración da Comisión de Seguimento dos GES na que participou a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e na que se abordou a renovación do convenio de financiamento entre Xunta, deputacións e municipios.

A pesar da importancia do incremento, o Concello avisa de que esa suba será insuficiente para cubrir a totalidade dos custos e xa solicitou durante o encontro que se revise e incremente a partida. “Durante o 2020 soamente o gasto de persoal que tivo Ponteareas neste servizo foi de case 370.000 euros, polo que a pesar de dotar de maior orzamento o servizo quedarían unha parte importante de gastos sen cubrir”, salientou a rexedora. A alcaldesa sinalou que neste incremento do orzamento proposto pola Xunta deberíase considerar ademais un incremento para cubrir as baixas e vacacións do persoal.