12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas reordena os sentidos de circulación na mazá de Virxe dos Remedios,...

    Ponteareas reordena os sentidos de circulación na mazá de Virxe dos Remedios, Daniel Ojea, Vázquez Fraile e Mestres

    Mellora o acceso rodado a varias rúas e contribúe a reducir o tráfico a motor no centro urbano e nas zonas de preferencia peonil

    O Concello de Ponteareas vén de reordenar os sentidos de circulación do tráfico rodado na mazá conformada polas rúas Virxe dos Remedios, Daniel Ojea, Vázquez Fraile e Mestres, invertendo os seus sentidos de circulación.

    Esta medida ten varias finalidades. Por unha banda, pretende facilitar un novo acceso á rúa Virxe dos Remedios e Daniel Ojea sen necesidade de circular pola nova área de preferencia peonil de Concha Brey e Reveriano Soutullo. Coa reordenación, os vehículos entrarán na rúa Virxe dos Remedios dende a Avenida Rosalía de Castro, no sentido inverso ao que se viña circulando até agora. Dende Virxe dos Remedios poderase continuar por Daniel Ojea en sentido ascendente até Amado Garra, tamén no sentido inverso ao existente até agora. As rúas Vazquez Fraile e Mestres inverten o seu sentido de tal maneira que accederán por Virxe dos Remedios e Daniel Ojea.

    Esta medida tamén supón a creación dun novo acceso rodado á rúa Amado Garra dende a zona leste da vila que se suma ao existente dende o oeste por rúa da Braña e Reveriano Soutullo.

    Outra das finalidades da medida adoptada é continuar reducindo o tráfico de vehículos a motor na zona máis céntrica da vila. Nos últimos dous anos o tráfico reordenouse no casco urbano de maneira que se eliminaron a maioría dos numerosos itinerarios que atravesaban a vila en todas as direccións pola súa zona máis céntrica e que se empregaban como atallo, xerando un intenso tráfico de paso. Coa nova ordenación dos sentidos en Virxe dos Remedios e Daniel Ojea desaparece o derradeiro deses itinerarios que se podían empregar como atallo e que conectaba polo centro urbano a Avenida de Castelao coa de Rosalía de Castro.

    Actualmente e como resultado desas medidas implementadas nos últimos dous anos, o tráfico de paso reduciuse de maneira extraordinaria na maior parte das rúas do centro urbano, achegando maior calidade de vida, máis seguridade e menos contaminación acústica e atmosférica.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.