7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaAs confrarías de Redondela e A Guarda viaxan a Canarias co GALP...

    As confrarías de Redondela e A Guarda viaxan a Canarias co GALP para descubrir experiencias de turismo mariñeiro e pescaturismo

    A visita de estudo lévase a cabo no marco do proxecto Mar das Illas, impulsado polo GALP Ría de Vigo-A Guarda, GALP Ría de Pontevedra e GALP Ría de Arousa

    Esta semana, unha delegación de representantes do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda viaxa ás Illas Canarias no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas, impulsado xunto ao GALP Ría de Pontevedra e o GALP Ría de Arousa.

    Esta é a terceira visita de estudo que realizan con esta iniciativa, tras desprazarse en anteriores ocasións ás Illas Baleares e Italia. Da man dos Grupos de Acción Costeira de Gran Canaria e Lanzarote, integrantes das xuntas directivas e persoal técnico dos tres grupos visitarán diversos proxectos de turismo mariñeiro e pescaturismo e coñecerán as particularidades da actividade pesqueira en zonas protexidas. As confrarías da zona e os museos vencellados ao mar tamén serán parada obrigatoria.

    “Canarias é un destino máis turístico e niso van un pouquiño máis adiantados ca nós. Esta viaxe será de interese para ver como artellan o pescaturismo en áreas protexidas, sempre é de utilidade recadar esta información”, explica Juan Manuel Gregorio, presidente do GALP Ría de Vigo-A Guarda e patrón maior da Confraría de Pescadores San Cipriano de Aldán-Hío.

    Coa mesma vontade curiosa viaxan tamén ao arquipélago, Silvia Crespo, tesoureira do GALP e patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tegra da Guarda, e Gonzalo Reinosa, patrón maior da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade.

    Para Crespo, unha das seis mulleres que están á fronte dunha confraría en Galicia, neste tipo de visitas sempre “se aprende uns dos outros”. “Chámanme a atención os proxectos de ecoturismo Ruta do Humedal ou o das vivendas de vacacións”, conta a percebeira, á que lle encanta “saber como traballan noutras confrarías” e poder adquirir novos coñecementos para aplicalos na Garda. De feito, foi nunha destas viaxes nas que descubriu as posibilidades da anemone de mar, para a cal empezaron a elaborar un plan de explotación. En relación ao turismo mariñeiro, cre que no caso do percebe ou do orizo, é complicado deseñar unha proposta deste tipo, ante a dificultade e o perigo que supón camiñar polas rochas; non obstante, non descarta que poidan dar cunha fórmula que permita achegarse en primeira persoa a esta actividade para que a xente sexa consciente do “traballo que dá e que o valor que ten é por algo; é moi arriscado”.

    Pola súa banda, para Gonzalo Reinosa esta é a súa primeira experiencia viaxeira co GALP Ría de Vigo-A Guarda como patrón maior e dela agarda “sacar algunha boa idea das confrarías e ver se as podemos adaptar á nosa”, así tamén como das iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo que poidan implantarse no noso territorio.

    Por parte do GALP Ría de Vigo-A Guarda, ademais de Gregorio, Crespo e Reinosa, súmanse a esta a viaxe a xerente da entidade, Elena Herbello; Francisco Javier Costa e Berta Barreiro, patrón maior e asistencia técnica da Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas; Jesús González, representante da Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira de Vilaboa; Severino Casal, vicepatrón da Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela; e María Muíños, asistencia técnica da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo. Aloxados nas Illas Canarias desde o martes, a visita ao arquipélago prolongarase ata este sábado.

    O proxecto Mar das Illas

    A iniciativa enmárcase na liña de proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos GALP para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, segundo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

    Ao longo das tres fases do proxecto, formáronse máis de 200 profesionais do mar como Guías Acreditados en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo no ámbito do Parque Nacional. Ademais, puxéronse en marcha seis proxectos piloto de turismo mariñeiro e pescaturismo, elaboráronse distintos manuais de formación, protocolos de actuación e Códigos de Boas Prácticas, e leváronse a cabo diversas xornadas de divulgación como a I Xornada Internacional sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.