18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas reclama unha partida específica nos orzamentos do Estado para a seguridade...

    Ponteareas reclama unha partida específica nos orzamentos do Estado para a seguridade na N-120 e a construción da circunvalación

    O Pleno tamén aprobou a Conta Xeral do ano 2020 cun resultado positivo de case 214.000 euros, o que indica a boa saúde financeira do Concello

    A Corporación municipal de Ponteareas une forzas para reclamar ao Goberno do Estado unha partida específica nos Orzamentos Xerais para as obras de mellora da seguridade na N-120 e para a construción da variante, unha demanda histórica da vila. Os grupos municipais levaron unha moción de consenso a pleno para instar ao Goberno a que comprometan as partidas económicas precisas para desenvolver os dous proxectos, unha de 4 millóns de euros para a seguridade viaria na N-120 e unha primeira anualidade para a construción da variante “tendo en conta os compromisos asumidos polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA) para a variante de acordo á planificación dos traballos”.

    Durante o pleno lembrouse que nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 figuraba unha partida de 27 millóns de euros para estas obras que se mantiveron nos anos 2019 e 2020 sen executar e que desapareceron dos orzamentos do ano vixente. A Corporación considera que os 100.000 euros que se contemplan para a variante no actual borrador para 2022 son “insuficientes para poder levar a cabo calquera avance significativo na realización desta obra. Entendemos que o Goberno do Estado volve esquecerse unha vez máis de proxectos que son de vital importancia para a nosa vila”.

    Por outra banda, en febreiro de 2020 o MITMA anunciaba os traballos de redacción do proxecto de melloras de seguridade na N-120 e presentábaos ao Goberno municipal e ante unha representación da Plataforma veciñal de afectados. Non obstante, un ano despois o proxecto aínda está sendo revisado para exposición pública sen máis coñecementos sobre o proceso de supervisión. Por este motivo, a Corporación municipal tamén reclamará ao Goberno do Estado a que facilite a información sobre o cronograma das distintas fases de actuación cun calendario preciso e coa cuantificación dos custos.

    Ademais, o pleno tamén aprobou cos votos do Goberno municipal a Conta Xeral do exercicio económico do ano 2020 cun remanente de tesourería de preto de 214.000 euros, un resultado positivo que indica a boa saúde financeira coa que conta o Concello. Tamén se deu luz verde por unanimidade ao restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión da xestión e explotación do Complexo Deportivo Álvaro Pino.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.