O servizo municipal de emerxencias de Ponteareas, que atende a toda a comarca, duplicará o seu orzamento ao equipararse á categoría de Grupo de Emerxencias Supramunicipal. Deste xeito, o servizo pasaría de ter unha partida de 155.000 euros anuais a 310.000 euros, segundo a proposta realizada pola Xunta de Galicia durante a celebración da Comisión de Seguimento dos GES na que participou a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e na que se abordou a renovación do convenio de financiamento entre Xunta, deputacións e municipios.
A pesar da importancia do incremento, o Concello avisa de que esa suba será insuficiente para cubrir a totalidade dos custos e xa solicitou durante o encontro que se revise e incremente a partida. “Durante o 2020 soamente o gasto de persoal que tivo Ponteareas neste servizo foi de case 370.000 euros, polo que a pesar de dotar de maior orzamento o servizo quedarían unha parte importante de gastos sen cubrir”, salientou a rexedora. A alcaldesa sinalou que neste incremento do orzamento proposto pola Xunta deberíase considerar ademais un incremento para cubrir as baixas e vacacións do persoal.