Mércores, 15 Xaneiro de 2025

Ponteareas agradece ao comercio local o bo uso do servizo exclusivo de recollida de cartón

Os operarios pasan os martes e os venres de 18.00 a 20.00 horas para recoller os restos depositados nos colectores

O Concello de Ponteareas conta cun servizo exclusivo de recollida de cartón a disposición do tecido comercial da vila. Operarios deste servizo municipal pasan todos os martes e venres de 18.00 a 20.00 horas para recoller o cartón depositado no chan ao pé dos colectores azuis. A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, agradece “a colaboración da gran maioría das e dos comerciantes”, xa que están a facer un “bo uso do servizo para facer das rúas da vila un lugar máis limpo, sostible e cómodo para a veciñanza”.

A concelleira explica que os establecementos que fan vertidos fóra dos colectores e nos días nos que o servizo non opera “son unha minoría, pero minguan gravemente o servizo”, xa que os operarios que se dedican a limpeza viaria teñen que adicar parte da mañá a meter e clasificar os residuos no colector correspondente, chegando en ocasións a saturar anticipadamente o colector do papel e do cartón.