9 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Museo organiza percorridos guiados sobre a morte e os ritos co...

    O Museo organiza percorridos guiados sobre a morte e os ritos co gallo do Día de Defuntos

    ‘Como te ves, eu vinme; como me ves, ti veraste’ é o título da actividade que se desenvolverá os martes 2, 16 e 30 de novembro

    O Museo de Pontevedra vai desenvolver este mes de novembro unha actividade relacionada co mes dos defuntos: percorridos guiados polos seus fondos que, baixo o título ‘Como te ves, eu vinme, como me ves, ti veraste’, afondarán en diferentes aspectos relacionados coa morte e os rituais que a rodean na arte, desde os enterramentos do Neolítico ata os costumes do século XIX.

    O departamento de Educación do Museo de Pontevedra propón un percorrido polos edificios Sarmiento e Castelao no que se falará sobre diferentes perspectivas coas que as e os artistas foron abordando a morte nas diferentes épocas.

    A primeira parada será no Edificio Sarmiento, na sala 1, onde comeza o percorrido falando dun dos fenómenos mais característicos da prehistoria galega, os monumentos funerarios do megalitismo. Posteriormente pasarase á sala na que se explica a tradición dos enterramentos en época romana abondando información sobre as estelas de Vilar de Sarria e a Estela de Cornelio Cressimo, para rematar cos enterramentos procedentes do xacemento de A Lanzada.

    Xa no Edificio Castelao, na planta primeira, falarase dos enterramentos durante a Idade Media e o seu cambio respecto das inhumacións de época romana, co exemplo do Sepulcro de Suero Gomez de Soutomaior e as laudas gremiais; pasarase á sala do século XIX para poñer dous exemplos de tratamento da morte coas miniaturas do ‘Retrato de señora con pita’ e cinco miniaturas en estoxo de daguerrotipo; seguirase na sala de Goya, ante a pantalla, para ver dixitalizadas as catro series dos seus gravados, explicando unha das láminas da serie de Os Caprichos. O peche do percorrido realizarase na sala oito, abordando a Xeración Doente.

    Os percorridos ‘de defuntos’ realizaranse os martes 2, 16 e 30 de novembro ás 18:00 horas. Será necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.