8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO Servizo de Atención Temperá do Baixo Miño amplía o seu horario...

    O Servizo de Atención Temperá do Baixo Miño amplía o seu horario de atención

    As profesionais contratadas agora a xornada completa atenden unha media de 50 nenos e nenas de toda a comarca, tendo moitos casos en lista de espera

    O SAT (Servizo de Atención Temperá) da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, que funciona en Tomiño dende o ano pasado, ampliou durante o mes de Setembro o seu horario de atención ao público, que pasa a ser de luns a venres de 09.00 a 14.00 e de 15.00 a 19.30 horas.

    A ampliación do servizo, creado co obxectivo de que as familias con fillos ou fillas con dificultades de desenvolvemento, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo, e ao que acoden agora mesmo máis de 50 familias da comarca, foi posible grazas á subvención obtida pola Mancomunidade do Fondo Social Europeo a que, sumada ás axudas dos demais patrocinadores (Xunta de Galicia, Xacobeo e a propia Mancomunidade) e á entidade prestadora dos servizos Cogami, permitiu contratar ás profesionais de dito servizo a xornada completa.

    A coordinadora da unidade, Andrea Álvarez Rodríguez, explica que a subida de horas era necesaria para axilizar a longa lista de espera que teñen desde a posta en marcha do servizo, unhas 70 familias procedentes dos catro concellos integrados na mancomunidade A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui).

    A unidade comezou a funcionar nos últimos meses do ano 2020. Creada pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, o obxectivo da mesma é que as familias que teñan menores con dificultades de desenvolvemento, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo.

    O equipo de profesionais que forman o SAT Baixo Miño (2 psicólogas, unha fisioterapeuta e unha logopeda) ten a súa sede no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. O servizo está especialmente destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar.

    Potenciar a autonomía e o desenvolvemento psicomotriz, tratar dificultades da linguaxe ou problemas de comunicación (por trastornos como o TEA, falta de audición, etc.), a través dunha terapia lúdica, activa e motivadora, son só algúns dos obxectivos que ten o equipo.

    Para máis información ou solicitude de cita previa, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 886 156172 ou enviar un correo electrónico a atenciontempranamibm@cogami.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.