Por segundo ano consecutivo a sede da Deputación en Vigo tense convertido no escenario das “VII Xornadas Divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro. Referentes do presente e do pasado”, que veñen de organizar esta tarde Fundamar e Funpromar en colaboración coa institución provincial e o concello de Vigo. A presidenta Carmela Silva, que participou na inauguración xunto á concelleira de Igualdade de Vigo Uxía Blanco, o presidente de Fundamar Javier Touza, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca Juan Vieites, reivindicou “o papel estratéxico da muller, a necesidade de visibilizalas e de que ocupan máis postos de responsabilidade nun sector moi masculinizado na súa dirección. Nas xornadas estreouse o audiovisual “Pegadas esvaecidas”, que promoven Deputación, Fundamar e Funpromar para abordar a historia das mulleres do mar e a súa verdadeira participación, “aínda que non sempre recoñecida”, na vida laboral e económica desta industria. Tamén se deron a coñecer as novas “protagonistas” do directorio “#SomosSereas” a través dos audiovisuais “As redeiras da Guarda” e “Continuidade en feminino”.
“É necesario enxalzar e visibilizar o traballo das mulleres do mar, moitas veces silenciado pero transcendental para este sector económico tan importante para a provincia” asegurou Carmela Silva, quen aproveitou a ocasión para reivindicar a “urxente necesidade” de que as mulleres “ocupen posicións de liderado no mar”. “Non pode ser –remarcou- que sexamos maioría na extracción, tecendo redes ou transformando os produtos do mar e desaparezamos nos postos de decisión”. Por estes motivos a presidenta provincial enxalzou a importancia de iniciativas como estas xornadas ou o proxecto “Sereas. As Mulleres do mar”, que tamén lidera Fundamar e Funpromar, que están a permitir “visibilizar ás mulleres no sector mar-industria, destacando as súas achegas, o seu esforzo e o seu papel estratéxico”.
Precisamente no marco do proxecto “Sereas” a Deputación ten asinado un convenio con Fundamar e Funpromar para a posta en marcha dunha iniciativa de investigación documental para interpretar, como explicou a presidenta, “a verdadeira e pouco valorada participación das mulleres na vida laboral e económica”. Froito deste traballo de investigación naceu o audiovisual “Pegadas esvaecidas”, que proporciona unha ferramenta para contribuír na investigación de xénero, coñecer e difundir as figuras femininas amosando o seu papel decisivo, visibilizar a participación socioeconómica das mulleres, valorizar a súa importancia como icona obreira da revolución industrial en Galicia, fomentar a inspiración para que sexan referentes e valorizar o papel feminino dos oficios do mar. Para construír o relato, a peza conta con testemuñas de mulleres na cadea de valor do sector pesqueiro e imaxes de arquivo. Así, recorre o pasado e o presente das mariscadoras, as súas condicións vitais e laborais, da man de mulleres como Rita e Conchita Mouriño, Guadalupe Jueguen ou Inmaculada Otero. Tamén presenta a fábrica dos irmáns Massó, en Cangas (a máis grande e con maior número de mulleres) e dá a coñecer a Josefa Bon (sindicalista), Ana María Soto (a primeira asistente social de Galicia) ou as irmás Bolibar (figuras determinantes e influentes da empresa).
Xunto a “Pegadas esvaecidas” tamén se proxectaron os audiovisuais “Incansables. As redeiras da Guarda. Temendo polo seu oficio” e “Continuidade en feminino”. O primeiro deles amosa a traxectoria de Rita, Carmiña, Manoli, Marina e Lidia, integrantes da Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda que dedicaron moito esforzo a profesionalizar o oficio na vila. As mulleres, fillas de redeiras e mariñeiros e que dende moi novas comezaron a traballar para contribuír á economía familiar, falan da súa profesión, dos seus logros, da amizade xerada entre elas, e da falta de remuda no oficio. Pola súa banda “Continuidade en feminino” recolle a traxectoria de Sara Muñiz, de Conservas La Vieira e considerada por “Sereas” como unha grande referente, pola continuidade empresarial en feminino, por reunir tradición familiar, mocidade e innovación na conserva artesanal. De feito Sara Muñiz asumiu en 2015, con 25 anos, a administración da empresa que en 1989 adquirira seu avó, Manuel Vicente Mosquera.
Amais da colaboración con Fundamar e Funpromar a Deputación de Pontevedra ten en marcha numerosas iniciativas para visibilizar o papel da muller no mar. De feito, esta mesmo xoves 28 de outubro terá lugar no Pazo provincial en Pontevedra a xornada técnica do proxecto “Depomar” baixo o título “A importancia do traballo das mulleres mariscadoras en contornas da Rede Natura 2000”. Amais de “Depomar”, que incluíu tamén unha campaña divulgativa e unha peza audiovisual, a institución provincial colabora neste ámbito coa Universidade de Vigo a través do programa “Mar das mulleres”.