Xoves, 14 Agosto de 2025

As alumnas da especialidade de Socio Sanitaria do obradoiro de emprego de Ponteareas comezan as súas prácticas

As alumnas da especialidade de Socio Sanitaria do programa de formación dual “Coidar de Nós IV” que promove o Concello de Ponteareas xunto ao Concello das Neves e a Xunta de Galicia acaban de comezar as prácticas no Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo. A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, quere darlle “os nosos parabéns polo seu esforzo”, ao tempo que destaca a importancia da inversión pública en formación para axudar ás persoas desempregadas a incorporarse ao mercado laboral.

Este Obradoiro de Emprego forma parte do programa de formación dual no que xa participaron 140 veciños e veciñas de Ponteareas e As Neves dende 2015. “Unha mostra máis da aposta do Concello de Ponteareas pola mellora laboral e persoal da veciñanza”, ademais de ser un “exemplo claro” do que supón a colaboración entre distintas administracións públicas “traballando de xeito coordinado na consecución duns obxectivos claro”, neste caso Concello e Xunta de Galicia, destaca a edil.

Ademais a concelleira destaca que o Concello tamén trata de ser “unha saída laboral para o alumnado do obradoiro”, e afirmou que dende 2015 se contrataron a 48 alumnos e alumnas.

O Museo abre este xoves unha exposición sobre as mulleres burguesas que viviron no ‘Palacete das Mendoza’

O Museo de Pontevedra abrirá este xoves a exposición ‘De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza  Babiano.  Dúas  xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra’, unha mostra que pretende amosar cunha visión obxectiva, baseada na investigación, quen eran Carmen  Babiano Méndez-Núñez e as súas fillas María e Concha Mendoza, mulleres burguesas que viviron no ‘Palacete  das Mendoza’ a finais do século XIX e principios do XX, reconstruíndo, o ambiente cultural e social da época a través da pintura, a música, a fotografía e a moda.

A exposición está composta de obxectos persoais, obras de arte, libros, fotografías inéditas ou exemplos da súa vestimenta que forman parte dos fondos do propio Museo de Pontevedra e foron restauradas para esta ocasión. As comisarias da mostra, as conservadoras do Museo de Pontevedra Reis  Camiña, Beatriz de San Ildefonso e Natalia Fraguas,  explican que se ofrece “unha parte importante da colección deste Museo, tanto fotográfica, como de artes decorativas ou de pintura, procede desta familia. É a primeira vez que se van a ver moitos deses fondos que levan aquí desde principios dos anos 70”.

A través de todos eses fondos poderase coñecer o tipo de educación que recibía unha muller da alta sociedade como Carmen Babiano, quen desenvolvese actividades artísticas e culturais que tiveron unha importante repercusión no ambiente intelectual de Pontevedra na segunda metade do século  XIX.  A súa formación transmitiuna ás súas fillas que, seguindo o seu exemplo, converteron a residencia familiar, o ‘Chalé Méndez Núñez’, despois coñecido como ‘Palacete das Mendoza’, nun referente cultural.

Os faladoiros, os bailes de sociedade e as veladas musicais que se celebraban nos seus salóns, foron o lugar de encontro non só do máis destacado da sociedade pontevedresa senón de todos os personaxes ilustres que visitaban a cidade.  “Afastándonos dos estereotipos a exposición pretende mostrar como eran realmente, como vivían, os seus gustos, as súas afeccións, que eran comúns ás mulleres burguesas da época, o que chama a atención é que iso se produciu nunha cidade como Pontevedra”, explican as comisarias.

O percorrido da mostra está estruturado en dúas partes: unha primeira dedicada á nai e a súa traxectoria como artista, e unha segunda -máis ampla-, que reflicte a vida das súas fillas como continuadoras do seu legado. A sociedade, o Palacete das Mendoza como reflexo do luxo burgués, Oriente no chalé, a imaxe interior e o culto á beleza e a moda e os complementos, son os distintos apartados nos que se desenvolve a exposición, que ofrecerá a oportunidade de ver pezas nunca antes amosadas. Para coñecer a exposición de maneira diferente o Museo vén de organizar visitas teatralizadas que comezarán este sábado e se repetirán todos os sábados en dúas quendas (17.30 e 19.00 horas). Haberá que reservar praza con anterioridade xa que a capacidade é limitada a 20 persoas por quenda. As persoas que queiran asistir a estas visitas a cargo da compañía Señora Supina, deberán enviar un correo electrónico a [email protected].

Mos inicia coa UD Mos a ronda de sinaturas dos convenios cos clubes deportivos locais

0

O Concello de Mos asinou onte pola mañá o primeiro convenio de colaboración para unha das subvencións anuais a clubes e deportistas locais incluídas no orzamento municipal para este 2022. Tratouse do convenio coa Unión Deportiva Mos, que asinaron a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o presidente do clube, Pablo Alonso Serodio, coa presenza do concelleiro de Deportes, José Areal.

Durante os vindeiros días asinaranse os documentos cos demais beneficiarios que son o Club Louro Tameiga, o Club Tenis de Mesa, o Club Xadrez Mos, o Club Natación Mos, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club Patinaxe Artístico Rosaleira, Xiramos, o nadador Juan Ferrón, a bailarina Patricia Martínez e a ciclista Susana Alonso.

O convenio de colaboración entre o Concello de Mos e a Unión Deportiva Mos asínase anualmente, neste caso coa finalidade de contribuir a financiar a realización da actividade de desenvolvemento do programa de dinamización do proxecto deportivo da entidade durante a tempada 2021-2022, que abrangue dende setembro 2021 a agosto 2022, nas categorías de fútbol masculino e feminino, beneficiando á Unión Deportiva Mos e á Unión Deportiva Mos Feminino.

Nestas 11 subvencións nominativas a clubes e deportistas individuais a administración local mosense inviste 77.600 euros anuais neste 2022.

Respecto do UD Mos Feminino cómpre destacar “a valía destas mulleres e o meteórico da súa traxectoria deportiva, sendo un auténtico exemplo de traballo duro, esforzo, superación e deportividade para toda a cidadanía mosense e un verdadeiro orgullo para o Concello de Mos” declararon a rexedora local e o edil de Deportes, Arévalo e Areal respectivamente, facendo referencia ao ascenso a Primeira do U.D. Mos Femenino na tempada 2019-2020, o que supuxo para o clube un grandísimo logro. Esta é a segunda tempada que xogan en Primeira Nacional. O Concello de Mos é o principal patrocinador do UD Mos Feminino, xa que subvenciona dous tercios do orzamento total que ten o equipo.

Tomiño celebra o Día de Rosalía

0

O Concello de Tomiño celebra o 23 de febreiro o Día de Rosalía. Este cambio na data prodúcese despois de que a investigadora galega Sagrario Abelleira aportara o pasado ano nova documentación que acredita o nacemento real da escritora nese día.

Para conmemorar esta data, dende o Concello vai difundirse nas redes sociais e na web municipal (tomino.gal) un vídeo realizado polo grupo de voluntariado, coa lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, escrito por Beatriz Maceda Abeleira con citas das escritoras Xohana Torres, Luisa Villalta, Xela Arias e María Xosé Queizán.

Compartirase tamén, no mesmo vídeo, a canción “Negra Sombra” interpretada na voz e guitarra da moza tomiñesa Lara Villaverde e, ademais, deseños sobre Rosalía feitos por mocidade tomiñesa.

Así mesmo, entre os días 23 ata o 26 de febreiro, porase á venda na librería Novidades, a única do municipio, 23 libros escritos por Rosalía ou sobre ela, cun 50% de desconto.

Outro ano máis, o Concello, mecenas da Casa de Rosalía de Castro, recibiu 1000 exemplares dos manteis de “Caldo de Gloria”, que serán repartidos entre todo o alumnado de todos os centros educativos do municipio coa pertinente información, para animar ás familias e aos comedores escolares a que elaboren o caldo.

A iniciativa está inspirada no poema “Miña Casiña, meu lar” onde a poeta explica como facer un caldo humilde e no que relata a épica diaria da supervivencia.

Por outra banda, a Fundación Rosalía e a Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as organiza o 23 de febreiro a Alborada para Rosalía de Castro, “á que nos unimos dende o concello de Tomiño para dar unha alborada de gloria na súa honra, na praza do Seixo en horario de mañá. Facemos un chamamento a aqueles músicos que queiran unirse”, comenta a concelleira de Cultura, Ana Fernández Carrera.

Neste 2022 “xa podemos saudar o Día de Rosalía coa alegría da música, coa esperanza da Alborada. A noite de medos e de tristura ten que acabar e dar paso a esa alborada de gloria, ese novo tempo que nos faga encarar o futuro con ilusión e confianza”, sinala.

Os alcaldes do Camiño Portugués da Costa demandan unha solución ao paso do esteiro do Miño para o Xacobeo 22

0

Dende mediados de 2021 os alcaldes e alcaldesas de: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán, veñen reclamando intervención da Xunta de Galicia para resolver algúns problemas do Camiño Portugués da Costa entre os que destacan: os relacionados co paso dos peregriños polo esteiro do Miño, e os provocados pola duplicidade do nome de Camiño da Costa que se está producindo en Portugal cun itinerario distinto do recoñecido polo Xacobeo.

Así, no verán de 2021, solicitaban ao director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa apoio para resolver os problemas cos que se atopaban os peregrinos no Camiño da Costa.

Dende aquela xuntanza a situación non mellorou en absoluto. En canto ao transporte de pasaxeiros e peregrinos entre Caminha e A Guarda a situación empeorou. Dende o verán do 2021 unha avaría no embarcadoiro do ferri do esteiro do Miño impide o acceso de vehículos ao transbordador. Este contratempo motivou o funcionamento irregular do barco dende entón ata o mes de outubro e que se atope parado na actualidade á espera da reparación do peirao. Esta reparación foi solicitada a portos de Galicia de forma reiterada e aínda  non temos reposta de cando se acometerá. Pola nosa parte consideramos urxente que se aborde unha solución a curto prazo para o transito de peregrinos entre a Caminha e A Guarda que dea continuidade ao Camiño Portugués da Costa.

En canto á duplicidade do nome de Camiño da Costa provocada por Portugal a cousa mudou, pero para peor, xa que, con data 2 de febreiro de 2022, o goberno Portugués certifica como itinerario oficial do Camiño de Santiago o chamado, Camiño Portugués de Santiago-Camiño da Costa, que vai dende Porto a Valença do Miño pasando por Caminha e Vilanova de Cerveira. Ao noso parecer isto prexudica ao Camiño da Costa oficial, recoñecido pola Xunta como itinerario Xacobeo na lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016. Non debería haber dous itinerarios distintos co mesmo nome. Nada pode confundir máis aos peregrinos. Entendemos que houbo tempo suficiente para evitar que se producira esta situación que agora ten difícil arranxo. Aínda así, queremos manifestar que non estamos en absoluto de acordo coa denominación que o goberno Portugués lle deu ao novo itinerario do Camiño de Santiago.

Queremos facernos eco tamén da preocupación e demandas que nos trasladan dende o sector privado relacionado co Camiño da Costa. Dende o recoñecemento oficial deste camiño en 2016, moitas persoas estiveron traballando para ofrecer servizos que o camiño e os peregrinos necesitaban en base ao crecemento que viña experimentando este itinerario a Santiago e as expectativas de negocio que se crearon co recoñecemento oficial. É lexítimo que agora soliciten que as administracións manteñan as condicións que xeraron aquelas oportunidades e expectativas. Dende os gobernos locais brindamos o noso apoio ao sector privado e comprometémonos a servir de portavoces das súas demandas.

Redondela celebrará o Día de Rosalía cun acto institucional o día 23 de febreiro na Alameda

0

Redondela desenvolve, durante esta semana, diversas actividades encamiñadas a celebrar a data de nacemento de Rosalía de Castro, figura clave das letras galegas, e que terán o seu cumio no acto institucional a celebrar o día 23 de febreiro, mércores, na Alameda Rosalía de Castro de Chapela, onde terá lugar unha ofrenda floral no monumento que lembra a ilustre poetisa e novelista que, xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez, é unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento Galego.

O Concello de Redondela, de cara a darlle un maior pulo a esta celebración, puxo en marcha entre os centros escolares unha iniciativa na que cada un deles debuxará unha grande camelia e, no seu interior e dando renda solta á súa creatividade, o alumnado irá enchendo os pétalos con poemas, frases ou mesmo debuxos alegóricos a Rosalía. Eses colaxes serán expostos en cada colexio o día 23 de febreiro.

A maiores, os centros escolares repartirán, para o seu uso nos comedores, manteis conmemorativos doados pola Deputación de Pontevedra nos que, baixo o título Caldo de Gloria, lembran o poema ‘Miña casiña, meu lar’ de Follas novas e que, amais do propio poema, ten unha lenda explicativa sobre o mesmo e que da sentido a unha das súas partes: Fixen un caldo de gloria / que me soupo que la mar, fixen un bolo de pote / que era cousa de envidiar.

Así mesmo e por segundo ano, o Concello manterá a iniciativa Agasalla un libro e unha flor posta en marcha o pasado ano polo Servizo de Normalización Lingüística, dependente da Concellería que dirixe a alcaldesa Digna Rivas, facéndose eco dunha proposta da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).

A alcaldesa, Digna Rivas, lembraba que esta proposta “que tivo o pasado ano un notable éxito de participación da veciñanza”, contribúe non só a dinamizar a dous sectores comerciais de Redondela como as florerías e as librerías senón tamén para lembrar unha data significativa “non só para as letras galegas, senón para a propia Galicia xa que a figura de Rosalía va máis aló do plano puramente cultural, para converterse nun símbolo da propia identidade de Galicia como pobo”.

Gondomar vibrará este Entroido ao compás e música dos preto de 500 participantes nas 8 comparsas

0

Concretamente o Entroido escolar, toda unha tradición xa no municipio, quentará os motores. O pavillón municipal Bernabé Costas de Miranda, será o punto de encontro de preto de 800 alumnos e alumnas do CEIP Chano Piñeiro, IES Auga da Laxe e Terra Turonio que desfilarán polo centro da localidade, pasando pola Praza da Paradela, mostrando os seus disfraces confeccionados en clase para a ocasión así como as coreografías creadas e moi pegadas á actualidade social e musical do momento.

Desfile de Entroido

O domingo 27 de marzo celebrarase o desfile central do Entroido de Gondomar cun total de 8 comparsas rexistradas nel, e que cos seus traxes de cores, ritmos, músicas e alegría traerán ao municipio temáticas diferentes que van desde as fábricas de xoguetes ás carreiras de fórmula uno pasando polo mundo azteca ou a conxunción dos entroidos máis tradicionais do mundo nunha mesma comparsas.

Así a agrupación “O millor de cada casa” presentará a temática de “Queimando roda”, unha fantasía inspirada nas carreiras de coches de fórmula un co que fan referencia “ás ganas de saír do garaxe tras dous anos encerrados nel coas pezas renovadas e ganas de pasalo ben”.

“Valla- Gym” é o tema elexido pola comparsa do Centro Veciñal e Cultural de Valadares que tirará da ironía para representar escenas que un se pode atopar diariamente nun ximnasio e ao mesmo tempo “baixar uns quilos da amargura cotiá”.

Tamén desfilará polas rúas de Gondomar a comparsa Furafollas con “Misturando Raíces” onde a música, a cor e a alegría ofreceranos un percorrido por distintos entroidos do mundo, dos máis modernos aos máis tradicionais. Percorrido histórico diferente o que presenta a Asociación “Os da Casa” que cos seus disfraces trasladaranos á “Fábrica de xoguetes” onde a infancia adquire un poder relevante descubrindo xoguetes desde a década dos 60 ata o de agora.

A Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño sumarase ao desfile con “O circo”, “sinónimo de ledicia e a conxunción e mestura de seres que só poden alegranos como os pallasos, domadores, mimos, equilibristas…” Ldanzia suma 115 participantes ao entroido de Gondomar so o seu “Ldanzteka”, rendendo unha homenaxe á civilización azteka con toda a súa maxia, mitoloxía e colorido.

“O conto da criada” será a temática que desenvolverán os integrantes da comparsa do Centro Cultural “A Merced de Chaín”, aos que tamén se sumarán no desfile a comparsa de Parada do Miñor cunha versión moderna do famoso xogo do dominó cunha “interpretación divertida coa que queremos sorprender ao público e pasalo ben”.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, agradece a aposta das asociacións por sumarse e este desfile no ano no que perde a súa condición de concurso, prestándose axudas económicas aos participantes que oscilan entre os entre vos 250 e vos 400 euros para as agrupación que desfilen sen carrozas, dependendo o importe final do número de integrantes. Non caso de que vaian acompañadas por carroza, entendéndose por ela a plataforma decorada arrastrada por un vehículo de motor, vos premios oscilarán entre vos 400 e 550 euros. Cada carroza a maiores que se some á comparsa recibirá unha axuda de 100 euros.

O Concello e a Asociación Érguete traballan hábitos de vida saudables co alumnado do IES A Cañiza

0

O Concello da Cañiza e a Asociación Érguete puxeron en marcha un programa: ODISEA para prevención de prácticas de risco relacionada cos consumos co alumnado de Formación Profesional Básica do municipio. Persoal experto do Equipo de Prevención da Asociación Érguete o IES de A Cañiza durante os meses de xaneiro e febreiro para ofrecer ao alumnado ferramentas para previr o consumos e traballar o desenvolvemento integral dende a prespectiva do autocoidado emocional e da saude física, e tamén, para dar resposta  súas dúbidas sobre o tema do benestar persoal.

A actividade encádrase nas accións que a entidade local desenvolve en torno ao coidado integral das persoal de cara a previr conductas de risco que influan na conduta, e en modos de comportamento desencadenantes da violencia,  en concreto aqueles comportamentos que poden influir en formas de compartamentos desigualitarios por  cuestions de xénero ou entre iguais. Coa actividade preténdese crear un espazo de reflexión no que o persoal da nosa Asociación Erguete ofreceu a mocidade un lugar onde aprender e preguntar sobre as adiccións modelos de hábitos de vida saudable”, ferramentas a hora de tomar decisions de modo axeitado e que, nas súas palabras, “é moi importante para previr estas condutas entre os mozos”.

A responsable da Oficina Técnica de Prevención da Asociación Érguete, Laura Durán, explica que durante as charlas co alumnado “analizamos a incidencia do consumo na mocidade, identificamos e reflexionamos sobre os patróns de consumo segundo o sexo e os roles de xénero, tamén sobre a percepción de risco dos e das menores respecto ás condutas adictivas, ao tempo que identificamos emocións e condutas de risco para analizar as consecuencias do consumo na adolescencia”.

Durán destaca que con este programa “creamos un espazo de reflexión no que promocionar hábitos de vida saudables na adolescencia”, e agradece ao Concello da Cañiza a súa aposta por previr as condutas adictivas.

A  actividade está  financiada polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado.

Maña martes José Luis Sanchez, de Vía Lusitana, e Begoña Valdomar, de Agacs, no Foro Do Camiño Portugués

0

Mañá martes 22 de febreiro, o Concello de Tui continua coa celebración mensual do “Foro do Camiño Portugués” coa presenza, nesta ocasión, de dous acreditados representantes do movemento asociativo xacobeo de Portugal e Galicia. Nesta nova sesión contarase coa presenza de José Luís Sanches, directivo da Associaçao de peregrinos “Vía Lusitana” e de Begoña Valdomar, vicepresidenta da Asociación Galega de Amigos do Camiño Portugués – Agacs.

Tanto José Luis Sanches como Begoña Valdomar posúen unha longa traxectoria de traballo a prol do Camiño de Santiago, especialmente dende as súas responsabilidades no movemento asociativo. Achéganse ata Tui para ofrecer a súa visión sobre a propia ruta xacobea e moi especialmente sobre as dinámicas existentes no Camiño Portugués de peregrinación a Santiago. Esta visión enriquece as diversas achegas ata agora realizadas neste Foro do Camiño Portugués abordado dende a óptica do turismo, da igrexa, dos peregrinos, etc.

Esta nova sesión do Foro do Camiño Portugués comezará ás 19 h. Poderase seguir presencialmente na Aula Cemit  (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal. A asistencia é libre ata completar o aforo do local, sendo recomendable a inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: [email protected].

Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril de 2021 coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño  Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de setembro  Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo. No pasado mes de novembro foi o peregrino tudense, Dámaso Rodríguez Costas quen compartiu a súa experiencia polas rutas xacobeas ou no pasado mes de xaneiro, Victor Vázquez Portomeñe, exconselleiro da Xunta de Galicia.

Este Foro do Camiño Portugués, en palabras do alcalde de Tui Enrique Cabaleiro, súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis 4.600 amigos, etc.

Ponteareas mellorará a eficiencia enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais de Prado, Padróns e A Freixa

O Concello de Ponteareas abriu o proceso de licitación para a mellora da eficiencia enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais tipo SMA de Prado, Padróns e A Freixa. O obxectivo é instalar equipos electromecánicos e implementar sistemas que permitan unha regulación do proceso, axeitando a demanda enerxética ás necesidades de depuración de cada unha destas tres EDAR. “Continuamos traballando para facer de Ponteareas unha vila máis sustentábel ao tempo que melloramos os servizos dos que goza a veciñanza”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Estas actuacións complementaranse coa colocación de equipos de desbaste automáticos que mellorarán a eliminación de sólidos das augas, “o que suporá á súa vez unha redución do gasto enerxético e unha mellor calidade das augas”, recorda a concelleira de Infraestruturas Básicas, Lola Covelo.

As obras de mellora saen a licitación cun orzamento de case 119.000 euros que serán cofinanciados polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica, e polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

Empresas e profesionais interesados en presentar as súas propostas poderán facelo ata o vindeiro 2 de marzo de 2022 ás 14.00 horas.

A Deputación abre a inscrición nos campamentos “Depoaventura”

Trala publicación este luns 21 das bases no Boletín Oficial da Provincia, mañá martes 22 ábrese o prazo de inscrición para os campamentos da Deputación no Centro de Vacacións da Lanzada. “Depoaventura” volve neste 2022 despois de dous anos de parón pola pandemia cun total de 1.540 prazas adaptadas á nova realidade de prevención e mantemento das distancias e ás disposicións que as autoridades sanitarias diten no momento da súa celebración. O programa está aberto a crianzas nadas entre os anos 2009 e 2014 empadroadas na provincia e do citado número total de prazas, 210 están reservadas a menores en situación ou risco de exclusión social e delas 25 a nenas e nenos do Centro Príncipe Felipe.

Os campamentos desenvolveranse entre o 26 de xuño e o 10 de setembro, distribuídos en 11 quendas de 140 prazas cada unha que, ao igual que en anos anteriores, serán adxudicadas por sorteo. Este sorteo rexerase por un algoritmo do programa informático e nel darase prioridade ás nenas e nenos que obtiveran praza pero que non puideron asistir aos campamentos da última edición celebrada no verán do 2019.

No Centro de Vacacións da Lanzada as e os participantes poderán desfrutar dun amplo programa de actividades socioculturais, recreativas, formativas, medioambientais, científicas e de convivencia, algunha delas impartida en lingua inglesa, impartidas por un equipo técnico especializado en animación sociocultural e nas distintas iniciativas impartidas.  Así mesmo, no caso de menores con necesidades especiais disporase do persoal de apoio necesario adaptado ás súas características. As crianzas aloxaranse en tendas de campaña e participarán tamén en saídas educativas e de lecer. Amais, atoparán instalacións melloradas ao terse ampliado o comedor, realizado tarefas de acondicionamento no arborado e instalado novas tendas de campaña para cumprir coas distancias de seguridade estipuladas.

A partir deste martes 22 as persoas interesadas terán un prazo de 15 días hábiles para formalizar a inscrición, que preferentemente debe realizarse por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal) e as solicitudes poderán ser individuais ou múltiples. No caso de irmás ou irmáns que queiran ir en quendas diferentes deberase presentar unha solicitude para cada un deles; deste xeito, entrarán por separado no sorteo para adxudicar a praza e para xerar listas de agarda. E no caso de irmás ou irmáns que queiran ir na mesma quenda deberán presentar unha única solicitude cos datos de todas e todos. As e os menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar tamén se poderán incluír na solicitude múltiple. Estas solicitudes múltiples teñen efecto durante o sorteo para adxudicar a praza e para xerar listas de agarda.

O prezo das 1.330 prazas que no están reservadas para crianzas en situación de vulnerabilidade é de 110 euros, 80 no caso de praza para menores de familia numerosa ou monoparental. Para que se lles aplique este desconto as persoas solicitantes deberán indicar no cadro correspondente do formulario de solicitude que teñen o título de familia numerosa ou monoparental e autorizar a consulta telemática. Na páxina web da institución provincial publicarase o anuncio do lugar, do día e mais da hora de realización do sorteo público e o resultado do sorteo coa lista de menores con praza adxudicada para cada quenda e a lista de agarda das 100 primeiras persoas para cada quenda.

Novo servizo de atención por videoconferencia “Catastro Directo(Cadi)”

0

A Dirección Xeral do Catastro informa da posta en marcha do novo servizo de atención por videoconferencia “Catastro Directo (CADI)”. Este servizo estará dispoñible nos servizos de atención ao cidadá de todas as Xerencias do Catastro e permitirá que os cidadáns sexan atendidos por videoconferencia polo persoal funcionario da Xerencia, aforrando desta forma desprazamentos innecesarios ás oficinas.

Este novo canal é especialmente útil para a atención aos cidadáns no ámbito catastral xa que permite, a diferencia da atención telefónica, amosar ao cidadá a descrición gráfica das súas parcelas na Sede Electrónica do Catastro sen necesidade de que estes se despracen presencialmente ás Xerencias do Catastro.

A data prevista para o inicio do proxecto é o 14 de marzo de 2022. É un servizo no que a prestación está suxeita a cita previa. Os cidadáns que desexen concertar cita a partires desa data para ser atendidos por videoconferencia deberán solicitalo chamando á Liña Directa do Catastro (91 387 45 50/ 902 37 36 35).

Excelente xornada en Ourense para o CNPonteareas

A pasada fin de semana, os días 18, 19 e 20 de febreiro, se disputou o Campionato Galego Júnior e Infantil de inverno xunto á Copa Galega sénior.

A piscina Rosario Dueñas, en Ourense, albergaba esta proba ofrecendo aos nadadores e nadadoras a posibilidade de competir en piscina de 50 metros.

O evento estaba estructurado en 3 xornadas e 6 sesións. Máis de 400 deportistas de 27 clubs de toda a xeografía galega se deron cita na cidade das burgas co obxectivo de subir ao podio nas diferentes probas individuais e de remudas e tamén coa mirada posta na procura de algunha marca mínima nacional.

Os nadadores do CNPonteareas obtiveron 13 medallas de ouro, 6 de prata e 2 de bronce ademáis de obter alguha marca clasificatoria para o campionato nacional da categoría e diversas mellores marcas persoais.

Como logro máis salientable ao remate da competición, o equipo Júnior feminino se alzaba co título de campión galego de inverno.

Bos resultados para afrontar a segunda metade da tempada e seguir adiante co calendario de competicións.

O Concello da Guarda saca a licitación da cafetería da Estación Marítima

0

O Concello da Guarda ven de publicar a licitación do contrato administrativo especial de cafetería-restaurante na Estación Marítima da Pasaxe.

O prazo para presentar proposicións remata o vindeiro día 11 de marzo de 2022.

O canon mínimo, que pode ser mellorado a alza é de 4.141,87 €/anuais e a duración do contrato é ata o 9 de xuño de 2029, que é a data na que expira o Convenio con Portos de Galicia.

Os pregos de prescricións administrativas e técnicas están a disposición de todos os interesados no Perfil do Contratante do Concello da Guarda que se atopa aloxado na Plataforma de Contratación do Estado.

Arbo recupera o desfile de comparsas

0

O Concello de Arbo, recupera o 27 de febreiro, despois dun ano o seu tradicional desfile de comparsas o domingo de Entroido, sempre cumprindo coas medidas sanitarias decretadas.

O desfile de comparsas saira as 17:30 horas dende a Carballeira de Turbela como sempre foi tradición.

Os que dexesen concursar,  deberán anotarse nas oficinas municipais ou ata unha hora antes do inicio do desfile o persoal municipal encargado.

As bases poderán consultarse no taboleiro do Concello de Arbo ou  na páxina web. Este ano e para cumprir coas recomendacións sanitarias frente o COVID-19, o numero de membros por comparsa reduciuse, dándose máis premios.

Para as comparsas de 6 a 10 membros, establécense 5 premios. A que obteña maior puntuación recibirá un premio de 200 euros. A segunda, un premio de 150 euros. A terceira un premio de 75 euros,  a cuarta percibirá un premio de 50 euros e o quinto premio recibira 25 euros.

Para as comparsas de 3 a 5 membros establécense 5 premios. A que obteña maior puntuación recibirá un premio de 120 euros. A segunda, un premio de 80 euros. A terceira, un premio de 60 euros .A cuarta, un premio de 30 euros,  e a quinta percibirá un premio de 20 euros.

Para as comparsas infantís (6 a 10 membros menores de 12 anos) establécense 5 premios. A que obteña maior puntuación recibirá un premio de 160 euros. A segunda, un premio de 90 euros. A terceira un premio de 60 euros. A cuarta, un premio de 30 euros, e a quinta percibirá un premio de 20 euros.

Medidas sanitarias a cumprir de acordo ao Protocolo emitido polas autoridades sanitarias 

Obrigatoriedade do uso da máscara, Evitarase o contacto físico e cumprirase a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal de, polo menos 1,5 metros, Non está permitido fumar, consumir outros produtos do tabaco nin consumir cigarros electrónicos na área de público.

SmartPeme imparte cinco novos obradoiros esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións tratarán temas como o e-mail márketing, o blockain e as criptomoedas ou os podcast.

Os obradoiros comezan este luns da man de Manuel Freire, experto universitario en robótica, que explicará o “Blockchain, que é e como funciona”. Con este taller dará inicio unha serie de catro obradoiros informativos que teñen en común a tecnoloxía blockchain. Para o martes SmartPeme ten programada unha sesión titulada “Audio márketing: crea e diferénciate da competencia cos podcast” na que Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, falará sobre os beneficios, formatos e casos de éxito destas publicacións.

O xoves Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, será a encargada de impartir o obradoiro “Crea unha campaña de email márketing con Mailchimp”. Nel as persoas asistentes coñecerán esta ferramenta e aprenderán a crear un formulario e deseñar unha campaña de email márketing.

Para o xoves hai dous obradoiros preparados. O primeiro deles titúlase “Así funciona WhatsApp business” e será impartido por José Luis Taboada, enxeñeiro informático, e nel daranse a coñecer as claves desta ferramenta. A semana rematará con outro obradoiro de Manuel Freire sobre “Blockchain e criptomoedas” no que explicará en que consiste a tecnoloxía do blockchain e como grazas a ela estamos ante o que se chama o internet con valor.

A Deputación acondicionará as estradas EP-2403 e EP-2404 do Porriño e Gondomar

A Xunta de Goberno da Deputación vén de dar luz verde a tres proxectos de mellora das infraestruturas provinciais ao abeiro do modelo de mobilidade segura e amable da institución provincial, que supoñen un investimento de preto de 1,5 millóns de euros (1.484.931€). Deste xeito aprobáronse os expedientes de contratación para sacar a licitación as obras de reposición de firme na EP6202 Rodeiro-Oseira, no concello de Rodeiro (cuxo orzamento ascende a 431.265€) e os traballos de mellora da seguridade viaria na EP8101 Portas-Romai (en Portas), presupostado en 609.951€. Así mesmo, o Goberno provincial adxudicou a execución das obras de mellora da seguridade viaria na EP2403 Mosende-Morgadáns e na EP2404 Acceso a Chenlo, nos concellos do Porriño e Gondomar, por un orzamento de 443.715€.

Estas últimas obras, de mellora da seguridade viaria na EP-2403 Mosende-Morgadáns e na EP-2404, Acceso a Chenlo suporán a actuación en case 12,3 quilómetros de estrada, xa que se intervirá en 11,5 quilómetros da EP-2403 e en case 0,8 da EP-2404 nos concellos do Porriño e Gondomar. Os traballos comprenden o fresado da estrada, reposición do firme, a disposición da sinalización tanto horizontal como vertical, a mellora da drenaxe e a instalación de sistemas de contención de vehículos, coa fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria.

Doutra banda, no que se refire ás obras de mellora da seguridade na EP-8101 Portas-Romai, servirán para renovar a práctica totalidade do firme da estrada, de 4 quilómetros.  Tralas actuacións o ancho de carril mínimo da estrada provincial pasará a ser de 2,75 metros e amais, a EP-8101 tamén verá adaptadas as súas beirarrúas, ampliándose a da marxe dereita no seu treito final para dotar á marquesiña de autobús existente dunha adecuada zona de espera conectada a un itinerario peonil. Do mesmo xeito, executarase un muro de sostemento da estrada e realizarse unha zona de estacionamento na que os distintos espazos estarán claramente definidos. Así, evitarase o estacionamento de vehículos nas inmediacións de pasos de peóns e peoas e cruces á vez que se mellora a visibilidade.

Amais, en dúas zonas da estrada instalaranse separadores de carril que permitirán definir correctamente o espazo para o tráfico peonil nesas zonas. O proxecto comprenderá tamén a implantación de redutores físicos de velocidade e de pasos sobreelevados para mellorar a seguridade viaria das e dos usuarios da máis vulnerables desta estrada. Na mesma liña, replanificarase a sinalización vertical dos límites de velocidade e renovarase a horizontal.

Por último, as obras de reposición de firme da estrada EP-6202 Rodeiro-Oseira permitirán mellorar as condicións de rodadura de aproximadamente 7,2 quilómetros divididos en tres tramos da EP-6202 situados ao comezo da infraestrutura, no tramo medio e na parte final colindante con Ourense. A empresa adxudicataria terá que demoler o firme asfáltico actual en mal estado, proceder ao novo asfaltado, elevar os pozos de rexistro e tapas de sumidoiro ata a nova rasante, instalar as tubaxes de drenaxe e pintar o pavimento.

Digna Rivas, “seguirei loitando para que Aucosa saia da enseada pero non podo eludir a miña responsabilidade como alcaldesa nen asumir o risco dunha quebra do Concello”

0

¿Cal é a situación tras a sentenza que revoga a licenza de obras concedida pola Concello de Redondela a empresa AUCOSA no 2020?
Pois como ben di, o xulgado administrativo de Vigo ditou unha sentenza na que revoga a licenza concedida polo Concello no 2020 por “inexactitudes”, segundo se indica na sentenza, do informe urbanístico do arquitecto municipal por entender que eses erros “condicionan o sentido do mesmo, que debeu ser negativo”.

Retrocedamos un tempo, ¿como é a xa famosa licenza de obras a AUCOSA desde a súa chegada á Alcaldía no 2019?
Antes do meu nomeamento como alcaldesa xa era coñecido pola veciñanza o proxecto de ampliación da fábrica así como que a licenza estaba en fase avanzada de tramitación a piques de ser concedida polo anterior alcalde, Javier Bas, un expediente que se iniciou no ano 2018 apoiando o proxecto, e el estaba de acordo con mesmo xa que vendeu o proxecto a veciñanza, facendo a presentación do proxecto da man da empresa nas instalacións municipais do Museo de Meirande.

“A licenza estaba en fase avanzada de tramitación a piques de ser concedida polo anterior alcalde, Javier Bas, un expediente que se iniciou no ano 2018 apoiando o proxecto”

Por outra banda o Javier Bas, mantivo numerosas reunións coa empresa tanto a porta pechada como públicas, para seguir co apoio do proxecto da modernización da empresa.

Sin embargo eu como Alcaldesa, en todo este tempo, so tiven unha reunión coa dirección da empresa, xusto no momento de empezar o meu mandato para ver como estaba o expediente.

Despois solicitei un informe externo que analizara a situación e, finalmente, tras o traballo dos técnicos municipais, que son os que emiten os informes conforme o proxecto se axusta a legalidade vixente, e a autorización de vertedura o saneamento municipal asinada polo anterior Concelleiro de Medio ambiente en data 04.11.2019, o Concello outorga a licenza no 2020. Recalco que con todos os informes elaborados por técnicos municipais favorables.

É de entender que cos informes técnicos municipais favorables un alcalde ou alcaldesa ten que conceder a licenza…
Así é. Cos informes técnicos favorables temos a obriga de conceder a licenza, o contrario sería prevaricar. Son os técnicos municipais quen ditaminan se unha licenza se pode conceder ou non por axustarse á legalidade.

“Vexo irresponsables e incongruentes as afirmacións que esta a facer o partido Popular de Redondela, cando foron eles os que venderon o proxecto como o mellor para Redondela e para a veciñanza”

Polo tanto, vexo irresponsables e incongruentes as afirmacións que esta a facer o partido Popular de Redondela, cando foron eles os que venderon o proxecto como o mellor para Redondela e para a veciñanza e que sería o que resolvería todos os problemas causados pola empresa.

¿A quen debe facer caso entón, a valoración do Xuíz ou aos técnicos municipais?
Como alcaldesa debo seguir a valoración dos técnicos no exercicio das súas competencias e funcións que así teñen asignadas por lei en función do cargo que ostentan e de acatar os fallos das sentencias que así nos establezan obrigas. Neste caso, como dixen anteriormente, os técnicos municipais están seguros do acerto dos seus informes a pesares da sentenza.

Pero ¿esa sentenza é recorrible?
Así é. O Concello ten de prazo até o 21 de Febreiro para recorrer. O Concello de Redondela debe buscar un pronunciamento xudicial que non lle responsabilice como consecuencias de actuacións que foron condicionadas absolutamente pola Administración Autonómica, Consellería de Medio Ambiente e Administración Estatal.

¿Como estás a vivir estes días tras a sentenza do caso AUCOSA?
Son días complicados a nivel persoal. Entendo moi ben a petición dos colectivos de non recorrer a sentenza e os problemas que ocasiona a empresa diariamente. A miña familia e eu mesma somos veciños de Trasmañó e sufrimos en primeira persoa esta problemática.

Debemos solucionar o problema de Aucosa pero non poñendo o Concello nunha situación perigosa economicamente e en cumprimento da legalidade.

Son longos días de estudo nos que valorar a opción de recorrer ou non esta sentenza, non?
Efectivamente, son días duros nos que temos que valorar co servizo xurídico do Concello, secretaria municipal e co departamento do urbanismo a sentenza e as consecuencias de presentar ou non recurso e tomar decisións que como veciña, alcaldesa e afectada non nos gusta pero por responsabilidade con este Concello hai que afrontar.

Entón, o Concello vai recorrer a sentenza?
É que debemos recorrer a sentenza por responsabilidade con este Concello e por diversas razóns.

En primeiro lugar porque este recurso non pon en perigo o procedemento de retirar a actividade da empresa da enseada iniciado pola veciñanza. Esta sentenza só fai referencia a unha licenza de ampliación e mellora das instalacións.

AUCOSA xa estaba en funcionamento desde o ano 1977 con licenza de actividade e licenzas ambientais outorgadas pola Xunta de Galicia, polo tanto, aquí tratamos da licenza de ampliación e mellora e non da licenza actividade ou licenzas medio ambientais concedidas dende hai anos, que son as esenciais para que Aucosa siga coa súa actividade.

En segundo lugar pola altísima indemnización que solicitaría a empresa afectada que poñería en graves dificultades a saúde económica do Concello de Redondela. Falamos dunha responsabilidade patrimonial que podería estar en máis do 50 % do orzamento anual do Concello, e dicir máis de 10 millóns de euros, sen prexuízo das indemnizacións por danos e polas perdas empresariais de Aucosa.

En terceiro lugar porque os técnicos municipais, como dixen, están seguros do seu acerto nos informes de outorgamento da licenza e que así se acabará demostrando. E por último porque os servizos xurídicos entenden que se debe recorrer este fallo, para no incorrer nunha posible situación de indefensión ante reclamacións posteriores que supoñerían a quebra financeira e económica do Concello de Redondela afectando o conxunto da veciñanza do municipio.

“Como veciña e afectada directamente por Aucosa, levo moitos anos esixindo unha solución a este problema e a retirada da empresa da enseada. A mesma postura defendo como Alcaldesa, pero debemos atopar unha solución ao problema sen poñer en risco económico o Concello”

Moi difícil explicarlle a veciñanza os motivos polos o Concello vai recorrer unha sentenza gañada pola plataforma de afectados, non?
Pois si, como dicía anteriormente como veciña e afectada directamente por Aucosa, levo moitos anos esixindo unha solución a este problema e a retirada da empresa da enseada. A mesma postura defendo como Alcaldesa, pero debemos atopar unha solución ao problema sen poñer en risco económico o Concello. Non recorrer sería unha irresponsabilidade tremenda que suporía para o Concello unha ameaza dunha reclamación económica altísima. Podería poñernos nunha situación de NON poder pagar salarios a funcionarios, empresa de limpeza, empresa do Servizo a Axuda a Domicilio, as facturas de subministro eléctrico de todo o Concello e demais gastos ordinarios do mesmo.

Ademais, como dixen anteriormente, este recurso só afecta a unha licenza de ampliación e mellora. Non a licenza de actividade, outorgada hai mais de 40 anos, nin a licenza medio ambiental.

¿Seguirá loitando para a retirada de Aucosa da enseada?
Por suposto, seguiremos denunciando todos os incumprimentos da legalidade que cometa a empresa, como así fixemos durante estes case tres anos. Foron moitas as inspeccións realizadas polo policía de medio ambiente durante este tempo ante avisos da veciñanza na que puidemos constatar infraccións e comunicarllas a administración competente en materia medio ambiental que é a Xunta de Galicia. Son moitos as incidencias que o Concello de Redondela trasladou a Xunta para que actuara en consecuencia, obtendo o silencio por resposta.

É a administración autonómica a que está permitindo que Aucosa siga coa súa actividade nun espazo especialmente protexido pola Rede Natura.

Comeza o programa Vincúlate en Baiona

0

Onte foi un día importante para Vincúlate. A responsable do Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Baiona, Arantxa Rial, xunto coa encargada da actividad, Olalla Vergara, e dúas das veterinarias do hospital veterinario ROF Codina da facultade de veterinaria de Lugo, Ángela González e Susana Muñiz, estiveron seleccionando os cans que este ano participarán no proxecto Vincúlate cos que os mozos e mozas comezarán a traballar a próxima semana.

As veterinarias empezaron a testar aos cans para poder facer o estudo científico que permita valorar a incidencia do proxecto no benestar dos animais.

“Grazas Gloria, por abrirnos as portas da protectora e apoiarnos neste gran proxecto que emprendemos desde o Concello de Baiona, apostando por nosas persoas mozas e pola melloría dos cans·, declarou o goberno local.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, cumpre co seu compromiso de continuidade do programa Vincúlate, que tanto a proporcionado ás persoas participantes, como aos animais.

Mondariz debe a Mondariz Balneario 138.246 € pola falla de entendemento na xestión da depuradora

0

O Concello de Mondariz recoñece que debe ao de Mondariz Balneario 138.246,47 € que se corresponden aos gastos da depuradora dos exercicios 2019-2020-2021. Así o recoñece o concelleiro de facenda nun documento oficial asinado o 25 de xaneiro deste ano, que sinala que “o Concello de Mondariz Balneario non xustifica as cantidades facturadas para cada un dos exercicios”.

AporM sinala que o goberno municipal de Mondariz é incapaz de dialogar e chegar a acordos co Concello de Mondariz Balneario, o que provoca que as augas sucias de Mondariz que poderían ser tratadas na EDAR que a Xunta de Galicia construíu naquel concello a través dun colector (dotado para verteduras de 2.000 habitantes equivalentes), siga sen conectarse á depuradora.

Na actualidade, a EDAR conta cunha autorización de vertedura ao río para 2.500 habitantes equivalentes, sen embargo as súas características técnicas garanten a capacidade de depuración das augas residuais de 6.000 habitantes equivalentes, polo que sería preciso formalizar a conexión do colector de Mondariz e solicitar a autorización da Confederación Hidrográfica para unha vertedura acorde á capacidade real da EDAR.

Montes Bugarín sinala que “os alcaldes de Mondariz e Mondariz Balneario teñen que entender tamén que si Mondariz non depura adecuadamente as súas augas sucias, o río Tea e ambos os dous concellos son os principais prexudicados, xa que o medio natural e os bañistas sofren as consecuencias”.

Arbo, Melgaço e Crecente programan o “Camiño de Santiago entre amigos”

O Salón de Plenos do Concello de Arbo acolleu a pasada semana, unha reunión entre o alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil, o alcalde do Concello de Crecente, Julio César García-Luengo, e o presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista Calçada Pombal, a que asistiron os concelleiros de Deportes, co obxetivo de planificar as actividades de cooperación a realizar entre os tres concellos no ano 2022.

Entre as actividade que se van a  organizar a curto prazo e que foron tratadas nesta reunión, será  o recorrido do Camiño de Santiago en tres modalidade: a pé, en bicicleta e en autobús e que terá lugar a finais de xuño e principios de xullo.

2022 é un ano moi especial para o Camiño de Santiago e para todos os peregrinos. En 2021 celebrouse o Ano Santo Compostelán número 120 da súa historia, pola situación excepcional da COVID-19 o Papa Francisco prolongou o Ano Santo ao 2022

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, manifesta que “a actividade “O Camiño de Santiago entre Amigos”,  ademáis de que contará este ano cunha gran afluencia de peregrinos, os veciños e veciñas de Arbo, Crecente e Melgaço,  poderán estreitar máis os lazós de amizade e compartir as experiencias únicas que esta actividade do camiño ofrece”

No ano 2019, tiveron lugar as primeiras reunións entre os alcalde dos tres concellos, para a creación da eurocidade Arbo-Melgaço-Crecente,  reunións que quedaron aprazadas pola crise sanitaria e que se retomaron a finais do ano pasado.

Coa creación da eurocidade, pretendese establecer leitos de comunicación e cooperación para o desenvolvemento de futuras iniciativas culturais, deportivas, sociais…. Informa o rexedor de Arbo, Horacio Gil.  

Esta será a primeira oportunidade en que os concellos traballen conxuntamente en este tipo de actividade e os rexedores de ambas localidades afirman que comeza así unha positiva colaboración entre ambos municipios que entende que o traballo conxunto é o camiño de futuro para ambas cidades.

Os Concello de Arbo e Crecente realizaron as actividades da Xura de Bandeira e a Homenaxe a Garda Civil  no ano 2019. Arbo e Melgaço organizaron varios actos no ano 2016 co gallo do homenaxe aos “Bombeiros Voluntarios de Melgaço” , andainas gastronomicas e a feira gastronomica,  pero para os tres concellos xuntos,  será a primeira vez.

O ciclo de teatro ‘Barracas’ levará a memoria histórica a Gondomar e Tomiño

A Deputación de Pontevedra vai poñer en escena o ciclo de teatro ‘Barracas’, unha iniciativa que pretende espallar a memoria histórica, a cultura e a lingua nos concellos provincia con representacións de pezas de estrea de compañías escénicas galegas. As representacións terán lugar en Vilagarcía, Silleda, Moaña, Gondomar, Tomiño e O Grove  entre os meses de marzo e xuño e serán totalmente de balde para o público.

O ciclo foi presentado na mañá de hoxe pola deputada de Memoria Histórica María Ortega, quen explicou que a Deputación decidiuse a levar adiante o proxecto por un dobre motivo:  garantir que as compañías do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria, xa que nalgún caso había obras con perigo de quedar no caixón se non contaba co apoio provincial; e por outro, espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.

As pezas que se representarán falarán de mulleres cun perfil moi destacábel durante a República, como Emilia, María Gómez ou como  María Barbeito, que representan o ideario do programa provincial ‘O pasado por vir’ para poñer en valor as ideas que se perderon co golpe e a represión da ditadura. 

O nome do ciclo ‘Barracas’ tomouse polo seu simbolismo,  explicou a deputada, como unha homenaxe á compañía ‘La Barraca’ coa que Federico García Lorca percorreu Galiza no marco das Misións Pedagóxicas que no período republicano pretendían achegar a cultura a distintas vilas. De igual xeito, o programa de teatro provincial posibilitará que seis concellos da provincia acollan as obras teatrais de estrea.

En concreto, realizaranse dous pases de ‘As alumnas’ da compañía Culturactiva, que estarán o 4 de marzo en Vilagarcía de Arousa –Auditorio- e no Concello de Moaña o 18 de marzo –Sala Celso Parada Quintela-; outros dous pases de ‘O péndulo’ de Inversa Teatro o 11 de marzo en Silleda –Auditorio Manuel Dopazo en A Bandeira-, e o 26 de marzo en Gondomar – Auditorio Municipal Lois Tobío-; e outros dous pases de ‘Miss Docet’ de Compañía Eléctrica, o sábado 28 de maio en Tomiño –Auditorio de Goián- e o 4 de xuño en O Grove –tamén no auditorio-.

María Ortega explicou que os concellos adxudicatarios foron os primeiros en presentar a instancia de solicitude na convocatoria aberta pola Deputación. A nacionalista agradeceu a boa acollida da iniciativa – a oferta cubriuse nunha hora-, e o interese e implicación á hora de tratar temas de memoria histórica por parte dos gobernos locais. Indicou que moi probablemente o ciclo de teatro teña novas convocatorias e animou ás compañías a desenvolver novas obras desta temática.

A deputada non quixo deixar pasar a oportunidade para insistir en que é importante que as institucións apoien obras como as que se representarán en ‘Barracas’, xa que se posibilita que a memoria non só chegue aos seis concellos que resultaron adxudicatarios, senón a existencia da propia obra en si e polo tanto que chegue a moitos outros lugares.

Compañías galegas

Iria Pinheiro e María Reimóndez, de Compañía Eléctrica, Mónica Caamaño, actriz de Culturactiva, e Marta Pérez, que ademais de dramaturga é bisneta dun dos represaliados nos que se fala na peza de Inversa Teatro, foron as encargadas de falar sobre cada unha das pezas que se van representar.

Mónica Caamaño explicou que ‘As alumnas’ pon o foco na “imprescindible” figura de María Barbeito, unha muller revolucionaria a nivel pedagóxico e no desenvolvemento cultural de Galicia. O texto da peza foi feito por Paula Carballeira quen, alén de facer un traballo documental, recolleu o romper do silencio de dúas alumnas da propia mestra ao xuntarse no momento do seu enterro. A dirección é de Fina Calleja e as alumnas son encarnadas por Anabel Galo e Mónica Caamaño. A escenografía é de Carlos Domínguez, a luz é de Del Ruíz Giménez, o espazo sonoro de Ramón Raíndo e o vestiario de La Canalla.

Pola súa banda, Compañía Eléctrica será a responsable de levar a escena a obra ‘Miss Docet’ sobre a vida de Emilia Docet Ríos, coñecida como a Miss España Galeguista, unha figura silenciada pola historia. Iria Pinheiro explicou que se trata dun espectáculo coa dirección de Vanesa Sotelo e na escrita con María Reimóndez, na que ela aparece en escena como actriz única.

Pinheiro engadiu que ao poñer en marcha a obra “atraíanos moito que pertencera ao Partido Galeguista e que aproveitando o concurso de Miss, ela con 17 anos, exercera o seu galeguismo e tivera unha implicación política”. Como nota anecdótica, abondou, no primeiro proceso de Miss Galicia, no xurado estaban persoas como Jenaro de la Fuente, Carlos Masside e Castelao. “Iso xa dá unha idea dos tons polos que imos ir pasando”, dixo.

A dramaturga María Reimóndez subliñou a importancia de que existan programas como ‘Barracas’ . Destacou que Docet foi unha muller moi vencellada aos movementos do deporte e progresistas na cidade de Vigo, e explicou que no proceso da escrita foi importante explorar o silencio e a desaparición case total da súa figura.

Finalmente ‘O péndulo’ de Inversa Teatro pretende amosar como se desenvolveu o golpe de Estado de 1936 en Galicia a través da historia de Tirso Gómez Freijido, veciño de A Cañiza apresado con María Gómez, a única alcaldesa galega durante a II República. Ela salvou a súa vida pero Tirso foi asasinado con outros republicanos como o mestre Antonio Mojón, Justo Moure ou Jesús Eugenio Pérez.

A obra é o resultado dunha investigación auspiciada pola bisneta de Tirso, Marta Pérez, co-dramaturga e actriz da montaxe, na que tivo un peso especial a correspondencia dos fusilados. A peza permite amosar como a xeración bisneta bota luz sobre o que non pode ficar no escuro e contar a historia dende unha perspectiva de xénero, dende a vista da muller e a filla dun dos fusilados.

A propia Marta Pérez destacou que é o “proxecto máis especial do que levo desenvolvido ata agora porque  falo dende a memoria histórica pero tamén dende o persoal. (…) A obra é ‘O péndulo’ porque eu estou constantemente buscando que facer, que dicir, e vendo ata onde podo chegar. Intentarei facela co máximo cariño e respecto, non só pola miña familia, senón polo resto das familias implicadas e coas que teño contacto”.

Ademais de participar como dramaturga e actriz, “debido á carga emocional que supón para min” Pérez precisou de axuda na coescrita de Ernesto Eis e na dirección Carlos Álvarez Osorio, En escena están tamén Rosa Puga Davila e Nerea Brey.

A Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas poderá plantar hortensias na contorna da rotonda de Canedo

Tras a solicitude realizada por parte da Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas ao Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana o pasado 29 de xaneiro, onte día 17 de febreiro recibiron a autorización solicitada para a realización de plantacións de hortensias.

Esta cesión de uso de terreo para as plantacións de hortensias será realizada por membros da Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas e por usuario da Asociación Avelaíña, que axuda ás persoas con problemas de saúde mental.

Estas plantacións permitirán ter un viveiro no mesmo centro de Ponteareas ao alcance de todos os alfombristas.

Son así dous os obxectivos que se conseguen, por unha banda, foméntase o uso de flores autóctonas e facer distinguibles as alfombras de Ponteareas dentro dunha actividade sostible e doutra banda foméntanse actividades deseñadas especialmente para que poidan participar persoas con limitacións de mobilidade, de comunicación ou entendemento.

Desde a Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas queren dar as grazas á ministra de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Raquel Sánchez Jiménez, por atender con prontitude a demanda.

O Concello de Ponteareas anima ao ciclista Borja Gómez antes do seu debut na competición internacional en Bélgica

O Concello de Ponteareas a través da súa alcaldesa, Cristina Fernández, e do seu concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere mandar “todo o noso alento e ánimo” ao ciclista Borja Gómez antes do seu debut na competición internacional de ciclocross. O deportista participará este sábado na categoría de G- Sport, adicada a persoas con diversidade, converténdose así no primeiro español que participa nas prestixiosas carreiras de Sint- Niklaas e Oostmalle.

Borja Gómez non estará só en Bélxica. Na súa primeira aventura internacional contará coa presenza e o apoio incondicional do seu pai Calis, o seu acompañante en todas as competicións e aventuras, o seu adestrador do Club Ciclista Ponteareas, Xacob Agra, e o seu preparador físico, Guillermo Carballido. Miguel Bouzó tamén dá os parabéns ao Club pola súa labor, xa que Borja Gómez pode realizar esta viaxe “grazas ao seu apoio e a súa axuda”.

Borja Gómez só quere ser como os demais e ter as mesmas oportunidades de poder participar en probas deportivas. Leva dende os seis anos subido na bicicleta e pelexando para poder competir algún día. Actualmente pertence ao Club Ciclista Ponteareas e forma parte da Selección Galega de Ciclismo. Unha das súas maiores alegrías é que o club ao que pertence se chame agora Club Ciclista Ponteareas –  Escola BorjA Gómez Méndez.

O concelleiro aproveita “para dar os nosos máis grandes parabéns a Borja Gómez e ao Club Ciclista Ponteareas polo seus éxitos e labor diario”, e indica que co seu traballo e a súa perseveranza “continúan escribindo a gran historia do deporte no noso Concello, fogar de tres campións de La Vuelta a España: Delio Rodríguez (1945), Emilio Rodríguez (1950) e Álvaro Pino (1986)”.

Bouzó animou á veciñanza a “recompensar co noso apoio a súa entrega e o eu esforzo, seguindo as probas nas que competirá Borja”. Neste caso, retransmitiranse en directo a través de internet, a de Sint-Niklaas a través da ligazón https://ethiascross.be/live-streaming/ e o de Oostmalle en https://www2.telenet.be/residential/nl

Un referente do ciclismo galego

O ponteareán Borja Gómez enche de orgullo ao ciclismo galego como modelo a seguir da integración no deporte das persoas con capacidades diferentes. El é moito máis que un exemplo a seguir. A súa constancia, actitude e alegría leva derrubando barreiras, desde que, co apoio incondicional do seu pai Calis, decidiu competir no calendario autonómico.

A súa presenza no Campionato de España de Ciclocrós 2018 sendo representante da selección de Galicia provocou un ‘boom’ mediático, que serviu, entre outras moitas cousas, para que nos estatais de ciclocrós celebrados no 2020 en Pontevedra se incluíse por primeira vez unha carreira inclusiva no programa dun Campionato de España.

“Borja é un emblema da Selección”, definíao Guillermo Sande, o seleccionador galego xa falecido. Borja abriu un camiño para as persoas con capacidades diferentes e desde a Federación Galega de Ciclismo reclaman que se continúe traballando e apostando pola igualdade de oportunidades no deporte e en todos os ámbitos da vida.

Covelo convida a participar no seu desfile de Entroido en Maceira

0

A Concellería de Cultura do Concello de Covelo convida a participar no seu desfile de entroido organizado en colaboración coa asociación de veciños de Maceira.

A concelleira de Cultura, Lourdes Enes, informa que todas as persoas interesadas en participar cunha comparsa deberán contactar coa asociación veciñal para inscribirse e poderán facelo no número de teléfono 678 681 952.

O desfile de entroido terá lugar na contorna da renovada praza do centro da parroquia o sábado día 26 de febreiro a partir das 17:00 horas.

O concello de Covelo e a asociación de veciños de Maceira entregarán tres premios ás tres mellores comparsas. Tres galardóns de entroido acompañados dun lote de produtos locais.

O desfile de entroido, no que despregarán a súa creatividade as comparsas, estará amenizado por música de charanga.

Cita especial coa “Mostra de produtos de Covelo”

Aínda que habitualmente a Mostra de Produtos de Covelo se celebra o primeiro sábado de cada mes, os produtores da comarca non quixeron perderse o entroido de Maceira e montarán os seus postos dende as 15:30 horas ata o remate da festa.

Deste xeito ademais de gozar do entroido tamén poderemos adquirir produtos de primeira calidade. Xoiería, agricultura ecolóxica, moda, artesanía, cosmética, roupa e diferentes produtos comarcais de primeira calidade estarán a disposición dos e das participantes na festa de entroido de Covelo.

Nigrán recupera o mes de abril a celebración da gala dos ‘Premios Nigrán’ e do ‘Deporte’

0

O Concello de Nigrán recuperará esta primavera a tradicional gala dos Premios Nigrán e tamén do Deporte tras dous anos sen celebrarse por mor da situación sanitaria. A primeira terá lugar o 30 de abril e a segunda o 2 de abril. En ambos casos está aberto o proceso de proposta de candidatos a galardón.

“Unha vez que ímos recuperando a normalidade na celebración de todo tipo de eventos, consideramos que é de xustiza recuperar os Premios Nigrán e a Gala do Deporte para recoñecer públicamente o labor e a traxectoria de moitas persoas e entidades ás que debemos o feito de ter un Nigrán máis amable e solidario”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca que precisamente no 2021, sen evento público, recoñeceuse nunha edición especial dos Premios Nigrán o traballo de todos os actores esenciais na crise da Covid-19.

As diferentes asociacións do municipio poden achegar por Rexistro ata o 25 de febreiro ás 14:00 horas os seus cinco favoritos para ser recoñecidos nas categorías Social, Cultural, Educativa, Deportiva e Empresarial dos X Premios Nigrán. Pola súa banda, as agrupacións deportivas poden achegar as súas propostas ata o 4 de marzo nos seguintes apartados: mellor deportista revelación masculino e feminino, mellor deportista masculino e feminino, mellor deportista de deporte inclusivo masculino e feminino, mellor clube ou entidade deportiva, premio ao patrocionio e colaboración co deporte, premio á traxectoria deportiva, mellor evento do ano e premio aos valores deportivos.

Mentras que os Premios Nigrán xa están consolidados como o maior recoñecemento institucional do Concello, a gala do Deporte naceu no ano 2019 como un evento no que recoñecer o traballo, constancia e esforzo dos deportistas e clubes nigraneses. “Agora máis que nunca, despois da crise da Covid-19, queremos imprimir neles unha dose extra de motivación e, ao mesmo tempo, incentivar entre a veciñanza, e nos máis pequenos en particular, a práctica de deporte”, resume González.

Mónica Ledo, campiona de España de tiro con arco

O Concello de Salvaterra de Miño tivo o pracer de recibir onte a unha deportista moi especial, xa que ademais de ser veciña da parroquia de Alxén dende fai un par de anos, é a recente campiona de España de Tiro con Arco en Sala (18 metros) na modalidade de LONGBOW (arco tradicional).

Ainda que leva ao redor de 7 anos no mundo do arco, Mónica Ledo xa posúe un palmarés envexable, acadando varios logros de importante valor competitivo, no que hai que destacar un bronce individual femenino no Campionato de España en Sala 2018, un 5º posto no ano 2020 e, por suposto, o recente ouro que nos amosa con moito orgullo.

Ademais, esta campiona tamén compite en modalidade de Aire Libre (30 metros), obtendo unha valiosa medalla de prata en indicidual e un ouro por equipos mixtos.

Sen dúbida, estamos diante dunha muller con moita puntería nunha especialidade moi complexa, xa que na modalidade de LONGBOW “os arcos son tradicionais, sen poleas, sen estabilizadores, sen visor, onde o equilibrio e a precisión corren a cargo da arqueira, sendo a intuición  a ferramenta estrela en cada flecha”, comenta a veciña da vila, matizando coa alcaldesa e co concelleiro de Deportes, as diferencias que se poden atopar con outras modalidades no tiro con arco.

Dende O Concello queren dar os parabéns a Mónica, que se suma a un amplo número de deportistas locais de alto rendemento dos que nos síntense moi orgullosos, e que anima ao Concello a seguir apostando polo deporte de Salvaterra.

O Entroido volve a Tomiño

0

Ante a incerteza destes dous últimos anos, foron moitas as asociacións que, debido á pandemia, non puideron xuntarse para elaborar disfraces, ensaiar coreografías etc. Ademáis o investimento de tempo e diñeiro era dubidoso, xa que non sabían se finalmente o desfile podería celebrarse ou non polas condicións da pandemia.

Así as cousas, o tradicional desfile “Venres de Foliada”, terá lugar o 25 de febreiro no centro urbano de Tomiño (nas rúas próximas ao Seixo). O percorrido será similar ao doutros anos, con saída dende o Colexio Pedro Caselles Beltrán, ás 21.30h, continuando pola rúa Gondomar ata a zona da Pedra. “As comparsas irán acompañadas, como todos os anos polas treboadas”, explica a concelleira de Cultura, Ana Fernández Carrera. 

Na parroquia de Goián, este ano volverase a respirar a esencia tradicional do entroido desta parroquia. Impulsado pola Asociación Cultural Taíña e contando coa colaboración da veciñanza goianesa e do Concello de Tomiño, o programa desenvolverase con actuacións, espectáculos, concertos, pasarrúas e actividades, aínda que se botará en falta o tradicional e recoñecido desfile do Martes de Entroido.

Programa

O venres 25 ás 22.00 horas, concerto do grupo local de música reggae The Black Turf e pinchada musical no Centro Goianés (entrada libre ata completar o aforo).

O sábado 26, a partir das 17.00 horas e durante toda a tarde, na praza Pintor Antonio Fernández, haberá pasarrúas e actuación do grupo de fanfarria Brassica Rapa,  xogos populares e  atracción/actuación sorpresa.

Ao redor das 21.30 horas o colectivo Máis Lume Kolektive estará na praza Pintor Antonio Fernández animando durante horas coa súa soundsystem.

O domingo 27, sobre as 17.00 horas, na praza Pintor Antonio Fernández, haberá pasarrúas de treboadas e carretillada estática de entroido.

Sobre as 19.30h levarase a cabo un serán de entroido aberto a todos os públicos, e a partir das 21.30h, sesión bailonga durante toda a noite, da man de Lakenobaila dj + concurso de disfraces.

O martes, 1 de marzo, tamén na praza Pintor Antonio Fernández, ás 18.30h terá lugar un concerto a cargo do trío “Breocáns”. Para rematar, ás 20.00h haberá un serán/guateque de entroido xunto cun concurso de disfraces.

“Novo formato, nova normalidade, pero a esencia de sempre. Desfrutemos do entroido con sentidiño. Agardámosvos”, comentan dende a organización da Asociación Cultural Taíña.

Ponteareas reduce a 12 días o período medio de pago a provedores

O Concello de Ponteareas pechou o ano 2021 cunha cifra histórica no período medio de pago a provedores (PMP), que no último trimestre se situou en 12,03 días. Deste xeito Ponteareas é un dos concellos que con maior rapidez paga aos seus provedores. Trátase dunha cifra salientable moi por debaixo dos 30 días de prazo máximo establecido pola normativa. Un dato que contrasta coa media de tempo de pago das administracións locais no Estado, que foi de 63,49 días (máis de dous meses) a finais do pasado ano fronte aos 12 de Ponteareas.

“Estes datos oficias que obran no servizos de Intervención do Concello que se remiten periodicamente ao Ministerio de Facenda reflicten a boa saúde financeira e a solvencia económica do Concello”, asegura a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. A rexedora amósase moi satisfeita polo traballo de saneamento económico feito dende o ano 2015, que converteu a Ponteareas nun dos concellos que máis rápido paga aos seus provedores, “xa que mentres que en 2014 tardaban en cobrar case tres meses (82,47 días), agora fanno en apenas 12 días”.

Destaca tamén a evolución no investimento municipal, que pasou dos 685.963 euros en 2014 aos case 4,6 millóns de euros investidos o ano pasado, multiplicando por sete o investimento por habitante, que pasou dos 29,68 aos 202,29 euros por persoa.

“Estas cifras tan positivas son resultado do esforzo de xestión por parte do Goberno e tamén do persoal municipal e dunha boa administración do diñeiro público, que ademais favorece o bo funcionamento das pequenas e medianas empresas, estimulando a economía local”, salienta o concelleiro de Facenda, Pancho Alonso.

Como explica o edil, estes datos son consecuencia do traballo de saneamento económico feito nos últimos anos polo Goberno municipal “que conleva que se pague a provedores en tempo récord e que permite que esteamos realizando un investimento en obras públicas para mellorar Ponteareas antes impensable”.

O goberno local de Gondomar lamenta o afán do PP por danar a imaxe do municipio para ocultar a súa incapacidade política

0

A alcaldesa en funcións, Iria Lamas, denuncia “que unha vez máis no canto de defender os intereses veciñais ou centrarse nos problemas serios que hai no seo do seu partido, a líder popular, Paula Bouzós, recorra ao ataque do goberno local terxiversando datos e non axustándose á verdade”.

Gondomar 18-02-22.-Sae así ao paso da información publicada en Faro de Vigo na que se sinala que “embargaron contas a decenas de veciños por un erro de cobranza de recibos”, algo que “é totalmente incerto porque non se recibiu ou presentou ningunha reclamación por esta razón no concello”. Explica que os embargos emitidos polo ORAL corresponderían a taxas pendentes de pago.

Desde a primeira reclamación recollida no concello sobre unha posible duplicidade na cobranza de recibos atendéronse “cada unha delas, iniciando os departamentos de intervención e tesourería á vez un repaso exhaustivo e coidadoso do padrón fiscal para emendar calquera erro”, repasando os funcionarios os recibos desde xaneiro do 2018 a decembro de 2020”.

“A portavoz do PP, Paula Bouzós, – afirma a alcaldesa en funcións- antes de falar e emitir denuncias falsas debería confirmar e contrastar a información. Tan fácil como iso. Con todo prefire sementar unha vez máis a dúbida sobre o funcionamento do noso concello e, sobre todo, poñer en cuestión o traballo dos funcionarios que nel desempeñan o seu labor día a día”.

Desde o departamento de intervención e tesourería do concello emendáronse ante o ORAL todos os posibles erros, cun traballo exhaustivo de control de cada un dos recibos empadroados e emitidos en 2018 e 2019. En total remitíronse 481 baixas na cobranza de rede de sumidoiros correspondentes a ese período, e un total de 77 reclamacións en concepto de entrada de garaxes.

A elas sumaríanse 57 ao detectarse que o erro se debía á existencia dun cambio de titularidade ou que xa non estaban conectados á rede de saneamento, e non foran comunicados oficialmente no seu momento no concello polos afectados.

Reitera Iria Lamas que non hai constancia de ningunha reclamación por embargo de contas no concello, nin se tramitou ningunha denuncia respecto diso. Nese sentido cualifica de “triste” a actitude da portavoz popular, Paula Bouzós, “que ao non ter armas para poder competir coa correcta xestión que está a realizar o goberno local, recorre a este tipo de estratexias de poñer en marcha o ventilador máis propias do partido no que milita, tal e como podemos comprobar estes días”.

Recuperación de ‘A Pantalla’ en Cesantes, un paso máis na protección do patrimonio cultural de Redondela

0

‘A Pantalla’ de Cesantes, un elemento estreitamente vinculado á parroquia de Cesantes, vén de ser obxecto de traballos de restauración e recuperación por parte da Concellería de Patrimonio que xestiona María Castro seguindo a liña de posta en valor dos elementos do patrimonio cultural, artístico e etnolóxico do municipio.

Cómpre salientar que, pese a que este elemento non estaba recollido nas nas Norma Subsidiarias de Planeamento de Redondela nin no Plan Básico autonómico de elementos patrimoniais, o Concello que preside Digna Rivas solicitou un informe a Patrimonio para que, a recuperación de ‘A Pantalla’ se fixera seguindo estritos criterios técnicos que protexeran este elemento singular.

Digna Rivas, lembrou que a recuperación de ‘A Pantalla’ “non é un traballo illado, senón que forma parte dun proxecto de posta en valor do patrimonio do municipio”. Cómpre subliñar que ao abeiro deste programa recuperouse o Cemiterio de Eidos, “sumido no máis absoluto dos abandonos” e restauráronse a Fonte da Raíña e a Fonte de Santiago, entre outras moitas actuacións.

De feito, no informe de Patrimonio sinálase que “pola súa singularidade pode tratarse dun ben do patrimonio etnolóxico” e define como tal “os lugares, bens mobles ou inmobles, expresións, crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideran relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia”.

O estado de ‘A Pantalla’ distaba moito de ser bo xa que os técnicos apreciaron “mal estado de conservación con grafitis e a presenza de liques” polo que informaban favorablemente sobre a limpeza e restauración do mesmo seguindo os procesos que se aplica a calquera ben patrimonial.

Os traballos comezaron pola demolición do muro de fábrica de bloque contiguo e a limpeza e rexuntado da mampostería e limpeza dos graffitis para, de seguido, proceder á aplicación de tratamento biocida e hidrofugante e de barreira protectora reversible antigraffitis.

Para protexer ‘A Pantalla’ a limpeza fíxose manualmente e non utilizando, en ningún caso, técnicas como o chorreo de area ou auga a alta presión. Para conservar o seu aspecto orixinal, e seguindo as recomendacións de Patrimonio, non se empregaron morteiros de cemento optando só polos tradicionais a base de cal ou ben de cal e arxila.

‘A Pantalla’

A maiores da recuperación da estrutura, a Concellería de Patrimonio situou nas inmediacións un completo panel informativo no que, polo miúdo, explícanse tanto detalles arquitectónicos como históricos ou mesmo que fan referencia a tradicións da parroquia de Cesantes. Así, no panel explicativo e sinalando o remate superior de ‘A Pantalla’, unha lenda co título ‘Se quedaba arriba, casaban’ da conta dunha costume dos mozos e mozas “que baixaban dende O Viso e Cesantes cara a Redondela de utilizar o monumento como un oráculo, botando pedras no ‘tímpano’ (adorno triangular da parte superior) para ver se ían casar: se a pedra quedaba na cornisa, a resposta era positiva”.

A posta en valor da pantalla é, polo tanto e dende esa perspectiva, algo máis que a recuperación dunha estrutura, senón tamén o mantemento das propias tradicións da parroquia as veces, descoñecidas para a poboación máis nova. Así mesmo, o panel logo de facer un percorrido detallado polas algunhas inscricións que aínda se poden apreciar, amosa outros elementos similares situados tanto no ‘Camiño Real’ como noutras provincias de España.

Ponteareas impulsa a contratación de 29 persoas desempregadas a través do Plan Concellos 2022

Ponteareas impulsa a contratación de 29 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos 2022. O Concello vén de abrir o proceso para crear unha listaxe de contratación tras enviar á Deputación de Pontevedra unha proposta do persoal necesario e dos postos a cubrir, pendente aínda de aprobación pola entidade provincial. “Dende o Goberno do BNG-PSOE primamos a creación de emprego para mellorar os servizos básicos municipais e dar unha oportunidade de inserción no mercado laboral ás veciñas e veciños que se atopan en situación de desemprego”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

O Concello remitirá a oferta por categorías e características ao Servizo Público de Emprego, que é a entidade que realiza a primeira selección dos e das aspirantes entre as persoas de Ponteareas inscritas nas listas de desemprego. Serán contratacións a xornada completa que variarán entre os 3 e os 6 meses dependendo das necesidades de cada departamento, “reforzando así servizos municipais que precisan de máis persoal ou aqueles nos que se realizan traballos estacionais”.

Todas e todos os traballadores contarán co mesmo salario que o persoal do Concello. “A igual traballo, igual salario. Dende o Concello poñemos todo da nosa parte para garantir que as persoas contratadas a través deste Plan Concellos cobren o mesmo se desempeñan as mesmas funcións. Estes novos empregados e empregadas axudarán no traballo diario dos servizos básicos, mellorando así o servizo ofrecido á veciñanza”, asegura a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, que salienta que “traballamos coa máxima de fomentar a creación de emprego e de oportunidades laborais”.

Neste plan de emprego contrataranse dez peóns de medio ambiente, tres auxiliares administrativos,  tres oficiais 3ª albaneis, dous oficiais 3ª servizos varios, dous auxiliares de clínica, dous persoas limpadoras, dúas  animadoras ou animadores socioculturais técnico superior, dous peóns de vías e obras, un técnico ou técnica en medio ambiente con licenciatura ou grao, unha persoa técnica en obra pública e un oficial 3ª de fontanaría.

Dentro das tarefas que desenvolverán as persoas contratadas ao abeiro do programa atópanse a conservación de espazos públicos municipais, tarefas de limpeza, axardinamento, poda, reposición de plantas, pequenas obras de construción, apoio a persoas dependentes, arranxo de mobiliario público, mantemento das instalacións, tarefas de vixilancia, tarefas de administración e dinamización nas instalacións municipais, entre outras.

Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 30%, familias monoparentais con fillos ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.

O Consorcio de Augas do Louro inicia as obras de saneamento en Herville e Abelenda

0

O Consorcio de Augas do Louro iniciou esta semana a execución das obras de conexión da depuradora de Herville á rede de saneamento existente, o que permitirá garantir o cumprimento das esixencias medioambientais necesarias para manter o río Miñoteira en bo estado.

A actuación contempla tamén as obras para manter a depuradora fora da zona de servidume dese cauce e a execución dunha rede de saneamento no lugar de Abelenda, no Concello do Porriño.

Para isto tense proxectado un colector de 315 mm de diámetro e cunha lonxitude de preto de 1.800 metros, percorrendo o trazados os concellos de Mos e O Porriño.

As actuacións darán servizo a preto de 600 persoas.

A EDAR de Herville está situada no marxe dereito dun regato, afluente do río da Miñoteira. Foi construída no ano 2011 para tratar os verquidos correspondentes a 450 habitantes equivalentes e un caudal de entrada de 135 m3/día.

A esquina inferior esquerda da parcela delimitada polo peche da EDAR, atópase dentro do DPH. Neste proxecto inclúese a execución das obras precisas para manter a EDAR de Hervill fóra da zona de servidume do cauce do río, así como a execución dos colectores necesarios para a conexión das augas residuais que chegan a este punto, á rede de saneamento existente.

Proxéctase un colector de PVC de 315 mm de diámetro cunha lonxitude total de 1.778 m.

Garantirase a total estanqueidade dos pozos de rexistro e disporán de tapas estancas, para evitar a entrada de augas pluviais nos mesmos. No proxecto preséntase un prazo de execución de 6 meses e un presuposto de execución por contrata de 289.754,31 €.

O Concello de Nigrán ofrece o domingo a película “Bella y el circo mágico”

0

O Concello de Nigrán ofrece este domingo, día 20 de febreiro, ás 17:30 horas como parte da súa programación polo 8-M, Día Internacional da Muller, a película de animación infantil ‘Bella y el circo mágico’, que proxectarase no auditorio municipal.

Ela Bella e Henry son os mellores amigos do mundo. Xuntos decidiron montar un espectáculo de circo na súa pequena cidade, onde Ella Bela asombrará a todos cos seus números de maxia e a axuda de Henry. Pero entón chega Johnny, un neno novo na veciñanza, con xoguetes caros e unha bicicleta espectacular, cegando a Henry.

A programación continúa o vindeiro sábado 5 de marzo co espectáculo de monicreques ‘Cousas de casa’ a cargo da compañía “Mircromina Títeres no auditorio municipal ás 18:30 horas. Todo está financiado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Guarda celebrará o Entroido con programación na Alameda e o tradicional Desfile do Martes de Entroido

0

Tras a obrigada interrupción do ano 2021 pola pandemia da Covid-19, A Guarda retoma este ano a programación de Entroido, que comezará o sábado 26 de febreiro e rematará o martes 1 de marzo coa celebración do Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos.

Na Alameda da Guarda sucederanse cada día actividades de corte sinxelo, que buscan fuxir de aglomeracións sen deixar de achegarnos a música e o humor como ingredientes principais do Entroido.

Se ben os principais destinatarios das actividades son as nenas e nenos, reservouse tamén un espazo para o tradicional baile de entroido cunha proposta moi especial, o espectáculo ENTROIDANZAS que da man da compañía Pesdelán  fará un percorrido polas músicas e danzas de Entroido de todo o mundo coa única pretensión de poñer á todalas ao público guardés a bailar e gozar do Entroido, sen importar a súa idade.

Sábado e luns, público infantil

O sábado ás 17:30h. o polifacético Brais das Hortas presentará o seu último traballo musical “CONSERTASSO NA HORTA”, un feixe de personaxes e cancións de músicas diversas (reggae, ska, punk, hip-hop…) para reivindicar con alegría e amor a vida e alegría da nosa horta: A Santa Compaña cantando un trap, unha avalancha de kiwis, unha pulga punk da praia de Liméns, un soulman cantando cunha escobilla do váter ou un astronauta que vai á lúa cun queixo de Arzúa…

O Luns será Peter Punk o encargado de amenizar a tarde. Un vello coñecido das crianzas guardesas que chega nesta ocasión co seu espectáculo a Chungatrona.  Un aparello pensado por un pallaso que manterá ao público en tensión ata que… algún incauto resulte totalmente mollado e a cara cuberta de tarta. Todo isto, para desatar a risa, a diversión e a tolemia do público: nenas, nenos e maiores.

Mais como a esencia do Entroido se define además do humor, pola música, tralo espectáculo, a Charanga Vaya Panda continuará amenizando a festa polo entorno da Alameda

Domingo, danzas do Entroido

O domingo chegará ata a Alameda a compañía de música e baile Pesdelán, que leva mais dunha década buscando ser mais que un grupo de música, eles conseguen a través da música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia. Desta volta o reto ven da man de ENTROIDANZAS, un percorrido musical polos diferentes Entroidos do planeta, co que pretenden poñernos a bailar como os folións de Ourense, os paraugas do Frevo de Pernambuco ou os corcovados do centro de Italia.

Martes de Entroido, desfile e baile fin de festa

Para pechar a programación chegará o desfile de MARTES DE ENTROIDO ás 17:30h., que repetindo o formato que tan bo resultado dera no 2020 contempla unha compensación económica fixa para os dezaseis primeiros participantes, que poderán facelo nas categorías de Carrozas, Comparsas ou Grupos. As bases xa publicadas na páxina web do concello da Guarda regulan a participación e categorías.

O desfile mantén o habitual percorrido por Rúa Porto Rico, Rúa Galicia e Alameda e contará coa animación do grupo AXÉ BAHÍA que ao final do mesmo ambientarán na Alameda para pechar o gran baile de despedida ata o vindeiro Entroido. 

NOTA: cumprindo os protocolos COVID-19 este ano non se contará con carpa para a programación, polo que en caso de choiva as actividades infantís trasladaranse ao Centro Cultural, respectando data e hora, mentres que o espectáculo de Pesdelán ou o Desfile de Entroido serían aprazados a unha nova data.

PROGRAMACIÓN

Sábado 26 de febreiro

  • 17:30h. Alameda da Guarda
  • “CONSERTASSO NA HORTA”, divertido concerto para toda a familia da man de Brais das Hortas (*)

Domingo 27 de febreiro

  • 17:30h. Alameda da Guarda
  • “ENTROIDANZAS”, con Pesdelán. Achégate a bailar danzas tradicionais de tódolos entroidos (**)

Luns 28 de febreiro

  • 17:30h. Alameda da Guarda
  • “A CHUNGATRONA” con Peter Punk. Risas aseguradas para cativas, cativos e non tanto (*)
  • 18:30h. Charanga Vaya Panda (**)

Marte 1 de marzo

  • 17:30 Tradicional desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos. Amenizado por Batucada Axé Bahía, con remate Final na Alameda(**)

NOTA:  

*En caso de choiva trasladase ao Centro Cultural

 **En caso de choiva cambiarían de data

O BNG lamenta o descoñecemento do PP ao criticar unha medida provisional en Ponteareas que “está presente en medio mundo”

O BNG vén de declarar a súa sorpresa fronte as criticas e acusacións feitas polo PP en Ponteareas contra a intervención acometida na rúa Vidales Tomé. O Concello de Ponteareas está a desenvolver nesta rúa unha intervención que se encadra dentro do denominado ‘Urbanismo Táctico’, unha ferramenta coa que facer intervencións en espazos que pouco despois serán remodelados para o uso das persoas. Estas intervencións, aínda sen rematar, consisten en sinalización horizontal no asfalto con símbolos peonís e o embelecemento do espazo con mobiliario urbano.

“Este tipo de actuacións son ben coñecidas en gran parte do planeta, e aínda que se entende perfectamente a sorpresa que pode supoñer para unha parte da poboación ponteareá polo seu carácter novidoso na vila, non entendemos como poden ser obxecto de crítica por parte do Partido Popular de Ponteareas”, sinala o BNG.

[su_image_carousel source=”media: 53728,53731,53729″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Dende o Bloque achacan este comportamento dos populares a “unha mostra máis do profundo descoñecemento da xestión pública e do urbanismo que amosan dende hai tempo, sendo responsábeis de ter implantado na nosa vila un dos maiores desastres urbanísticos de Galiza”.

O BNG de Ponteareas afirma que “esta é unha medida máis encamiñada a seguir traballando por embelecer da vila, por moito que algúns partidos estean decididos a pór paus nas rodas”. Así mesmo, animan á representante dos populares de Ponteareas a “ver mundo para superar a súa incapacidade de comprender e asimilar o funcionamento dos espazos peonís antes de criticar unha actuación que se está a levar a cabo da man de persoas técnicas especialistas na materia”, conclúen.

O Porriño presenta o seu programa de entroido que terá como protagonistas aos nenos e nenas

Na Vila do Louro xa está todo listo para disfrutar do Entroido. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros de Cultura e Educación, Bienvenido Estévez e Carolina González, presentaron onte o programa de actos deseñado polo Concello, no que os nenos e nenas xogarán un papel protagonista.

A inauguración da exposición cos preto de 200 debuxos dos nenos e nenas que participaron no concurso escolar de carteis do Entroido foi o escenario elexido para anunciar a programación. Nun acto ao que acudiron os gañadores do concurso e as súas familias, así como representantes de todos os centros escolares, entregáronse os agasallos aos premiados e presentouse oficialmente o cartel das festas.

Valeria Lage, Rubén Rodríguez e Saray Rodríguez (primeiro, segundo e tercer posto respectivamente) serán os encargados de dar o pistoletazo de saída o sábado 26 coa lectura do pregón. As dúas nenas que conseguiron o accesit os acompañarán no balcón da casa consistorial en tan sinalado momento.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, coas nenas e o neno gañadores do concurso de debuxo para elixir o cartel do Entroido

O alcalde, Alejandro Lorenzo, confesou a súa emoción “ao ver as caras de ilusión dos pequenos e pequenas” algo polo que asegurou “merece a pena ser alcalde”. Tal e como indicou o rexedor para él “unha das metas marcadas é facer do Porriño un referente cultural e unha cidade dos e para os nenos e nenas, na que teñan moito que decir xa que serán eles quen a vivan e dirixan nuns anos”.

A mostra cos deseños dos escolares pode visitarse no Centro Cultural Municipal.

Actividades para pequenos e maiores

A programación arranca o sábado 26, ás 12 h, coa lectura do pregón desde o balcón da Casa Consistorial. The Turre´s Band, Batucada Percusión Latexo, Charanga Anchoa, Charanga Fanfarria Furruxa e a Charanga Vai de Baile animarán as rúas do Porriño acompañados polos xigantes e cabezudos.

Pola mañá, celebrarase un showcooking en colaboración con AHOSPOR na praza de abastos.

Xa pola tarde, 16h, disputarase o 78º Xogo da Ola, amenizado pola Fanfarria Furruxa, e ás 18h o I Desfile Conxunto de Comparsas de Entroido.

O domingo 27 de febreiro, ás 17h festa infantil na praza do concello e inchables na Praza do Cristo, Avda. de Galicia e O Pinar.

O luns 28 terá lugar un obradoiro para nenas e nenos impartido pola Asociación O Porriño Arte, de 10 a 13h; e o martes 1 desfile de comparsa de Entroido.

O broche de ouro, como non podía doutra maneira, será o mércores 2 cando terá lugar o Enterro da Sardiña co seu tradicional veloiro e lectura de testamento.

Crianças do 3º e 4º ciclos sensibilizadas para as dificultades dos daltónicos

Com o objetivo de sensibilizar e até detetar eventuais casos de daltonismo em contexto escolar, a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e o Agrupamento de Escolas do concelho acolhem, no dia 21 de fevereiro, uma equipa do ColorADD que vai dinamizar junto dos cerca de 70 alunos, das turmas do 3º e 4º anos de escolaridade, uma ação prática alertando para as dificuldades subjacentes a esta alteração visual, informando da existência de uma ferramenta inovadora que ajuda a minimizar o impacto desta patologia no dia a dia.

Inédito e diversas vezes premiado por todo o mundo, nomeadamente com a Medalha de Ouro da Comemoração da Declaração Universal dos Direitos do Homem, o Código ColorADD, desenvolvido pelo designer português Miguel Neiva, consiste num “alfabeto universal de cores” representado por símbolos gráficos, permitindo a integração dos daltónicos em todas as atividades que exigem o reconhecimento da cor.

Além da vertente de sensibilização com a aplicação de exercícios práticos para dar a conhecer como um daltónico vive o seu dia a dia, a equipa do ColorADD estabelece parcerias com óticas locais e nacionais, de forma a que em cada sessão seja possível a realização de rastreios visuais e de daltonismo, quer permitam identificar casos de crianças daltónicas.

A ideia de Miguel Neiva de criar um sistema de identificação de cores para daltónicos nasceu quando partiu para a temática da sua tese de mestrado. Durante oito anos esteve em contacto com médicos e pessoas daltónicas para perceber as dificuldades e limitações que enfrentam, mas também para encontrar uma ferramenta inovadora que ajudasse a garantir uma comunicação acessível para todos. Dois anos pós a defesa da tese, em 2010 nasce o projeto ColorADD, atualmente implementado em vários cantos do mundo, nas mais diversas áreas da Educação, Atividade Económica, Cultura, Mobilidade, Modernização Administrativa, Ambiente e a própria Comunicação.

Estima-se que, em todo o mundo, existam 350 milhões de pessoas com esta limitação que impede a correta identificação das cores.

O Pleno da Cañiza garda un minuto de silencia polas vítimas do ‘Villa de Pitanxo’

0

O pleno do Concello da Cañiza que comezou cun minuto de silencio polas vítimas do naufraxio do ‘Villa de Pitanxo’ por iniciativa da Alcaldía, derivou, segundo denuncian os socialistas cañicenses “nun envío continuado de insultos e de sonoros bicos por parte do voceiro do PP da Cañiza contra o alcalde Luís Piña”.

O grupo municipal popular solicitou a celebración dun pleno extraordinario para expoñer unha lista de investimentos, cunha memoria económica que, ao entender do PSOE, foi “feita sen ningún rigor, que máis parecía unha carta aos reis magos, nas súas peticións, e o conto da leiteira, nas súas esperanzas de ingresos, que unha iniciativa política seria” xa que, afirman, se presentaban unha serie de propostas, cun valor económico atribuído a cada una, “sen ningún tipo de rigor real”.

Como exemplos poñen os socialistas a construción dun albergue e dun centro de interpretación para a Vía Mariana enParada “atribuíndolle 150.000 € de custo” can os proxectos para estas dúas obras “encargados polo anterior alcalde popular e aínda sen pagar” son de 181 000 € e 687 000 €, respectivamente.

O alcalde Luis Piña rebateu todas as propostas populares con datos. A resposta do portavoz popular, denuncia o PSOE local, foron os insultos “cobarde… pouco hábil… falto de luces, e mencións persoais contra a familia do alcalde e o sonoro envío de bicos ante a sorpresa dos concelleiros presentes”.

O Porriño aproba a maior achega municipal da súa historia para a contratación de persoal

O pleno da corporación local aprobou cos votos a favor do Goberno Local e EU SON do Porriño, e a abstención do resto dos grupos, a maior aportación municipal da súa historia para a contratación de persoal.

O custe do programa laboral deseñado polo executivo para a contratación de 43 persoas desempregadas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos roza o medio millón de euros: 450.489 euros, dos cales 226.489 corresponden á solicitude aprobada xa polo ente provincial. Os 224.061 restantes corren a cargo do Concello, que hoxe aprobou de maneira inicial a modificación orzamentaria precisa para dispoñer dese crédito.

Estes traballadores e traballadoras integraranse nos diferentes servizos e departamentos municipais:

  • Obras:  dous oficiais de primeira  carpinteiro, un oficial de primeira soldador, tres oficiais de primeira albaneis, sete peóns de obra pública, dous oficiais de primeira electricista, un oficial de primeira fontaneiro e un oficial de primeira tractorista/conductor de grúa.
  • Parques e Xardíns:  doce peóns forestais.
  • Unidade Asistencial a Drogodependentes: un auxiliar de enfermería.
  • Servizos Sociais: un auxiliar administrativo.
  • Cultura: dous auxiliares administrativos.
  • Turismo: un titulado na diplomatura ou grao de Turismo.
  • Novas Tecnoloxías: un técnico en informática.
  • Emprego e formación: dous orientadores laborais.
  • Deportes, Mercados e Cultura: seis conserxes.

Declaración institucional de rexeitamento ao concerto de Kaydy Cain en Mos

A corporación manifestou a súa condena ao concerto que o cantante de trap Kaydy Cain ofreceu o pasado sábado no municipio veciño de Mos, así como “a calquera outro evento musical ou cultural que agreda á dignidade das mulleres”. Tal e como reza o comunicado conxunto “ningunha expresión artística pode faltar ao respecto nin fomentar actitudes que promovan a desigualdade nas relacións entre homes e mulleres, xa que ao facelo fáltase aos valores sobre os que se cimenta unha sociedade democrática, libre e igualitaria”.

En definitiva, o Concello do Porriño “traballa para construír valores de igualdade e respecto nas relacións persoais” e por iso a corporación no seu conxunto amosou o seu rexeitamento a concertos como o de Kaydy Cain que “fan apoloxía do machismo e van en contra dos valores que defendemos”.

O BNG presentou unha enmenda para incluír no texto que se retire a subvención autonómica que se deu á sala de festas mosense no marco do plan de reactivación post covid. A enmenda foi desestimada.