Mércores, 23 Abril de 2025

Nigrán recupera o mes de abril a celebración da gala dos ‘Premios Nigrán’ e do ‘Deporte’

Ambos eventos teñen aberto o prazo para que as diferentes entidades propoñan os seus candidatos a galardón

O Concello de Nigrán recuperará esta primavera a tradicional gala dos Premios Nigrán e tamén do Deporte tras dous anos sen celebrarse por mor da situación sanitaria. A primeira terá lugar o 30 de abril e a segunda o 2 de abril. En ambos casos está aberto o proceso de proposta de candidatos a galardón.

“Unha vez que ímos recuperando a normalidade na celebración de todo tipo de eventos, consideramos que é de xustiza recuperar os Premios Nigrán e a Gala do Deporte para recoñecer públicamente o labor e a traxectoria de moitas persoas e entidades ás que debemos o feito de ter un Nigrán máis amable e solidario”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca que precisamente no 2021, sen evento público, recoñeceuse nunha edición especial dos Premios Nigrán o traballo de todos os actores esenciais na crise da Covid-19.

As diferentes asociacións do municipio poden achegar por Rexistro ata o 25 de febreiro ás 14:00 horas os seus cinco favoritos para ser recoñecidos nas categorías Social, Cultural, Educativa, Deportiva e Empresarial dos X Premios Nigrán. Pola súa banda, as agrupacións deportivas poden achegar as súas propostas ata o 4 de marzo nos seguintes apartados: mellor deportista revelación masculino e feminino, mellor deportista masculino e feminino, mellor deportista de deporte inclusivo masculino e feminino, mellor clube ou entidade deportiva, premio ao patrocionio e colaboración co deporte, premio á traxectoria deportiva, mellor evento do ano e premio aos valores deportivos.

Mentras que os Premios Nigrán xa están consolidados como o maior recoñecemento institucional do Concello, a gala do Deporte naceu no ano 2019 como un evento no que recoñecer o traballo, constancia e esforzo dos deportistas e clubes nigraneses. “Agora máis que nunca, despois da crise da Covid-19, queremos imprimir neles unha dose extra de motivación e, ao mesmo tempo, incentivar entre a veciñanza, e nos máis pequenos en particular, a práctica de deporte”, resume González.