10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Museo abre este xoves unha exposición sobre as mulleres burguesas que...

    O Museo abre este xoves unha exposición sobre as mulleres burguesas que viviron no ‘Palacete das Mendoza’

    Este sábado comezan as visitas teatralizadas, que precisan inscrición previa

    O Museo de Pontevedra abrirá este xoves a exposición ‘De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza  Babiano.  Dúas  xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra’, unha mostra que pretende amosar cunha visión obxectiva, baseada na investigación, quen eran Carmen  Babiano Méndez-Núñez e as súas fillas María e Concha Mendoza, mulleres burguesas que viviron no ‘Palacete  das Mendoza’ a finais do século XIX e principios do XX, reconstruíndo, o ambiente cultural e social da época a través da pintura, a música, a fotografía e a moda.

    A exposición está composta de obxectos persoais, obras de arte, libros, fotografías inéditas ou exemplos da súa vestimenta que forman parte dos fondos do propio Museo de Pontevedra e foron restauradas para esta ocasión. As comisarias da mostra, as conservadoras do Museo de Pontevedra Reis  Camiña, Beatriz de San Ildefonso e Natalia Fraguas,  explican que se ofrece “unha parte importante da colección deste Museo, tanto fotográfica, como de artes decorativas ou de pintura, procede desta familia. É a primeira vez que se van a ver moitos deses fondos que levan aquí desde principios dos anos 70”.

    A través de todos eses fondos poderase coñecer o tipo de educación que recibía unha muller da alta sociedade como Carmen Babiano, quen desenvolvese actividades artísticas e culturais que tiveron unha importante repercusión no ambiente intelectual de Pontevedra na segunda metade do século  XIX.  A súa formación transmitiuna ás súas fillas que, seguindo o seu exemplo, converteron a residencia familiar, o ‘Chalé Méndez Núñez’, despois coñecido como ‘Palacete das Mendoza’, nun referente cultural.

    Os faladoiros, os bailes de sociedade e as veladas musicais que se celebraban nos seus salóns, foron o lugar de encontro non só do máis destacado da sociedade pontevedresa senón de todos os personaxes ilustres que visitaban a cidade.  “Afastándonos dos estereotipos a exposición pretende mostrar como eran realmente, como vivían, os seus gustos, as súas afeccións, que eran comúns ás mulleres burguesas da época, o que chama a atención é que iso se produciu nunha cidade como Pontevedra”, explican as comisarias.

    O percorrido da mostra está estruturado en dúas partes: unha primeira dedicada á nai e a súa traxectoria como artista, e unha segunda -máis ampla-, que reflicte a vida das súas fillas como continuadoras do seu legado. A sociedade, o Palacete das Mendoza como reflexo do luxo burgués, Oriente no chalé, a imaxe interior e o culto á beleza e a moda e os complementos, son os distintos apartados nos que se desenvolve a exposición, que ofrecerá a oportunidade de ver pezas nunca antes amosadas. Para coñecer a exposición de maneira diferente o Museo vén de organizar visitas teatralizadas que comezarán este sábado e se repetirán todos os sábados en dúas quendas (17.30 e 19.00 horas). Haberá que reservar praza con anterioridade xa que a capacidade é limitada a 20 persoas por quenda. As persoas que queiran asistir a estas visitas a cargo da compañía Señora Supina, deberán enviar un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.