14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarO goberno local de Gondomar lamenta o afán do PP por danar...

    O goberno local de Gondomar lamenta o afán do PP por danar a imaxe do municipio para ocultar a súa incapacidade política

    A alcaldesa en funcións, Iria Lamas, denuncia “que unha vez máis no canto de defender os intereses veciñais ou centrarse nos problemas serios que hai no seo do seu partido, a líder popular, Paula Bouzós, recorra ao ataque do goberno local terxiversando datos e non axustándose á verdade”.

    Gondomar 18-02-22.-Sae así ao paso da información publicada en Faro de Vigo na que se sinala que “embargaron contas a decenas de veciños por un erro de cobranza de recibos”, algo que “é totalmente incerto porque non se recibiu ou presentou ningunha reclamación por esta razón no concello”. Explica que os embargos emitidos polo ORAL corresponderían a taxas pendentes de pago.

    Desde a primeira reclamación recollida no concello sobre unha posible duplicidade na cobranza de recibos atendéronse “cada unha delas, iniciando os departamentos de intervención e tesourería á vez un repaso exhaustivo e coidadoso do padrón fiscal para emendar calquera erro”, repasando os funcionarios os recibos desde xaneiro do 2018 a decembro de 2020”.

    “A portavoz do PP, Paula Bouzós, – afirma a alcaldesa en funcións- antes de falar e emitir denuncias falsas debería confirmar e contrastar a información. Tan fácil como iso. Con todo prefire sementar unha vez máis a dúbida sobre o funcionamento do noso concello e, sobre todo, poñer en cuestión o traballo dos funcionarios que nel desempeñan o seu labor día a día”.

    Desde o departamento de intervención e tesourería do concello emendáronse ante o ORAL todos os posibles erros, cun traballo exhaustivo de control de cada un dos recibos empadroados e emitidos en 2018 e 2019. En total remitíronse 481 baixas na cobranza de rede de sumidoiros correspondentes a ese período, e un total de 77 reclamacións en concepto de entrada de garaxes.

    A elas sumaríanse 57 ao detectarse que o erro se debía á existencia dun cambio de titularidade ou que xa non estaban conectados á rede de saneamento, e non foran comunicados oficialmente no seu momento no concello polos afectados.

    Reitera Iria Lamas que non hai constancia de ningunha reclamación por embargo de contas no concello, nin se tramitou ningunha denuncia respecto diso. Nese sentido cualifica de “triste” a actitude da portavoz popular, Paula Bouzós, “que ao non ter armas para poder competir coa correcta xestión que está a realizar o goberno local, recorre a este tipo de estratexias de poñer en marcha o ventilador máis propias do partido no que milita, tal e como podemos comprobar estes días”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.