7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas impulsa a contratación de 29 persoas desempregadas a través do Plan...

    Ponteareas impulsa a contratación de 29 persoas desempregadas a través do Plan Concellos 2022

    O Concello confeccionará unha listaxe de contratación tras enviar á Deputación de Pontevedra a proposta de persoal necesario e postos a cubrir

    Ponteareas impulsa a contratación de 29 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos 2022. O Concello vén de abrir o proceso para crear unha listaxe de contratación tras enviar á Deputación de Pontevedra unha proposta do persoal necesario e dos postos a cubrir, pendente aínda de aprobación pola entidade provincial. “Dende o Goberno do BNG-PSOE primamos a creación de emprego para mellorar os servizos básicos municipais e dar unha oportunidade de inserción no mercado laboral ás veciñas e veciños que se atopan en situación de desemprego”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

    O Concello remitirá a oferta por categorías e características ao Servizo Público de Emprego, que é a entidade que realiza a primeira selección dos e das aspirantes entre as persoas de Ponteareas inscritas nas listas de desemprego. Serán contratacións a xornada completa que variarán entre os 3 e os 6 meses dependendo das necesidades de cada departamento, “reforzando así servizos municipais que precisan de máis persoal ou aqueles nos que se realizan traballos estacionais”.

    Todas e todos os traballadores contarán co mesmo salario que o persoal do Concello. “A igual traballo, igual salario. Dende o Concello poñemos todo da nosa parte para garantir que as persoas contratadas a través deste Plan Concellos cobren o mesmo se desempeñan as mesmas funcións. Estes novos empregados e empregadas axudarán no traballo diario dos servizos básicos, mellorando así o servizo ofrecido á veciñanza”, asegura a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, que salienta que “traballamos coa máxima de fomentar a creación de emprego e de oportunidades laborais”.

    Neste plan de emprego contrataranse dez peóns de medio ambiente, tres auxiliares administrativos,  tres oficiais 3ª albaneis, dous oficiais 3ª servizos varios, dous auxiliares de clínica, dous persoas limpadoras, dúas  animadoras ou animadores socioculturais técnico superior, dous peóns de vías e obras, un técnico ou técnica en medio ambiente con licenciatura ou grao, unha persoa técnica en obra pública e un oficial 3ª de fontanaría.

    Dentro das tarefas que desenvolverán as persoas contratadas ao abeiro do programa atópanse a conservación de espazos públicos municipais, tarefas de limpeza, axardinamento, poda, reposición de plantas, pequenas obras de construción, apoio a persoas dependentes, arranxo de mobiliario público, mantemento das instalacións, tarefas de vixilancia, tarefas de administración e dinamización nas instalacións municipais, entre outras.

    Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 30%, familias monoparentais con fillos ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.