Venres, 22 Agosto de 2025

O Concello de Tui pon en marcha a campaña #ElixeTui

0

O Concello de Tui quere elevar o seu comercio local ás alturas. Neste camiño vén de poñer en marcha unha campaña promocional de apoio ao comercio de proximidade baixo o lema #ElixeTui, unha orixinal campaña impulsada dende a área de comercio coa que se busca “impulsar e promocionar a compra nos establecementos locais sensibilizando á veciñanza da importancia de consumir en clave local para activar a economía, defender o emprego e impulsar o crecemento da nosa cidade en beneficio de todos e todas”, como sinala a concelleira de Comercio, Ana Núñez.

A campaña estará activa ao longo dos próximos meses coincidindo con datas de grandes eventos que mobilizan unha gran cantidade de compras. A campaña de comunicación incluirá un amplo abano de accións cos que implicar á veciñanza e comerciantes na dinamización do comercio local nesta recta final do ano, animando a todas e todos os tudenses a apostar polo consumo de proximidade o longo do ano e de xeito especial nas próximas datas de compras como é o Black Friday ou durante as festas de Nadal.

Para iso, o Concello deseñou unha imaxe específica e distribuirá entre o sector da hostalaría e a restauración manteis coa imaxe da campaña, colocará carteis nos establecementos, repartirá entre os comerciantes bolsas de cartón serigrafiadas, instalará unha valla publicitaria coa que animar tamén a mercar en Tui a todas e todos os visitantes e iniciará unha campaña de promoción en radio e nas redes sociais. O Concello anunciará proximamente as bases e forma de participación, a través das redes sociais de #QueroTui do sorteo de bolsas de rafia, cestas de produtos e varios carriños para a compra coa imaxe da campaña. Precisamente dende as redes sociais de #QueroTui levarase a cabo unha campaña de impulso ao comercio local a través dos propios protagonistas, os e as comerciantes, a clientela e os produtos.

Coa imaxe de Tui subindo ao ceo grazas a milleiros de globos, a campaña está inspirada na historia real de Edith Macefield, unha muller de 80 anos de Estados Unidos que sostivo unha longa batalla contra os donos dun centro comercial que pretendían desaloxar a súa casa para continuar co proxecto e que deu lugar a  coñecida película de animación Up!. “Esa é exactamente a mensaxe que queremos trasladar ao pequeno comercio, que as ameazas poden converterse en oportunidades”, explica a edil, que destaca tamén que a campaña “quere sensibilizar á veciñanza da necesidade de ser solidarios coas e cos nosos veciños, especialmente agora que se achega unha época de moitas compras”.

Todo o material promocional da campaña está a disposición dos establecementos comerciais na Oficina de Turismo de Tui. As persoas interesadas poden dirixirse ao correo [email protected]  ou ao teléfono da concellería 673 14 95 25 para calquera aclaración ou dúbida.

Esta campaña conta co financiamento da Consellería de Política Lingüística da Xunta de Galicia e do Concello de Tui.

Baiona remodelará o Paseo Pinzón tras 40 anos

0

Onte pola tarde, o auditorio municipal V Centenario de Baiona acolleu a presentación do Proxecto de Remodelación do Paseo Pinzón. O director de obra, Manuel Portolés foi o encargado de explicar á veciñanza a reforma integral despois de 40 anos desta zona por un valor de 1.058.655,41 € máis IVE.

O proxecto será cofinanciado xunto coa Deputación de Pontevedra, que achegará o 48 % da inversión ao abeiro do convenio acordado en xaneiro dentro do plan Reacpon da Deputación, mentres que o 52 % correrán a cargo da tesourería restante, que xa estaba reservada no  pleno ordinario do mes de marzo.

O alcalde considera urxente actuar nesta zona peonil de algo máis de 6.000 metros cadrados para frear o afundimento do terreo que se agrava tras máis de corenta anos de actuación dende o mar sen mantemento. A transformación será total e a solución levarase a cabo segundo o estudo xeotécnico e topográfico realizado na zona para modernizar unha das áreas recreativas máis concorridas da vila, especialmente nos días de marea para observar as ondas.

O proxecto contempla renovar o firme para poñer fin ao afundimento do terreo. As baldosas superficiais obsoletas serán substituídas por formigón pulido de cores. Crearase unha zona de xogos para os máis pequenos e zonas verdes. Tamén se renovará toda a iluminación para cumplir cos obxetivos de desarrollo sostible apostando pola eficiencia e o ahorro enerxético.

As obras comenzarán nas vindeiras semanas e espérase que duren seis meses.

“O balcón ao Atlántico do noso municipio, unha zona na que se pode contemplar un dos mellores solpores do mundo, será máis accesible e moderno para gozalo durante todo o ano”, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado.

A reforma integral do Paseo Pinzón será a primeira fase dun plan de reordenación de toda a zona situada entre as praias urbanas da Concheira e A Ribeira. “Queremos redefinir toda esa zona dividida en tres espazos illados. Comezamos polo paseo do Pinzón porque é o máis urxente, pero tamén abordaremos A Palma e o paseo da Ribeira para convertelos nun entorno unificado, esteticamente homoxéneo que conserve o carácter histórico e o uso deportivo e de ocio”, conclúe o rexedor.

Mos celebra unha reunión sindical sobre o orzamento 2023

0

Mos celebra unha Mesa Sindical como primeiro paso do novo orzamento municipal para o vindeiro ano 2023.

Onte celebrouse unha reunión cos representantes dos sindicatos do Concello de Mos, na que estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Persoal, Julia Loureiro, o Secretario Municipal, o Interventor, e a técnico de Persoal. 

O motivo da xuntanza foi tratar cos representantes sindicais do Concello a partida de persoal no orzamento municipal para o próximo ano, que se incrementará nun 3,5% polo acordo estatal entre Goberno Central e sindicatos nas retribucións dos empregados das Administracións Públicas. Ademais, esta subida salarial aumentará nun 9% a dotación económica destinada ao capítulo de persoal do orzamento municipal de aquí ao ano 2024.

A rexedora local mosense declarou sobre a xuntanza que durante a mesma quedou patente “a extraordinaria relación entre goberno, traballadores e sindicatos” e explicou que durante a mesma “tamén recollemos diversas peticións dos representantes sindicais tales como a revisión do plan de pensións e a creación dun fondo social. Informamos, así mesmo, sobre os avances na oferta extraordinaria de estabilización do emprego público”. Oferta que permitirá a funcionarización de ata 31 traballadores municipais, actualmente en réxime de persoal laboral e interino, e sobre a que na reunión desta mañá se informou de que este mes serán publicadas as bases xerais e o proceso levarase a cabo durante o período 2023-2024.

Os representantes sindicais abordaron tamén unha posible modificación da RPT (Relación de Postos de Traballo) pero, dado que o documento é aínda xoven, pois a última modificación foi aprobada en 2019, a devandita nova modificación non se abordará ata o ano que vén, coa nova Corporación Municipal e iniciada a vindeira lexislatura, tal e como informaron as representantes municipais, Arévalo e Loureiro.

Orzamento 2023

Sobre o orzamento municipal para o vindeiro ano a alcaldesa mosense declarou que “levamos xa case un mes traballando nel e nas vindeiras semanas entregarémosllo á oposición para levalo a aprobación no Pleno do presente mes de novembro. Unha vez máis aprobarémolo en tempo e forma, antes do inicio do novo exercizo”.

“Será un orzamento de 12 millóns de euros sen cambios drásticos respecto ao anterior. Destaca como durante os últimos anos, a partida destinada a Política Social, que é a máis elevada de todo o orzamento. Para min a partida de Política Social é a máis importante do orzamento. Tamén haberá un incremento do gasto en servizos, como por exemplo o de recollida de lixo, cuxo importe anual elévase a case o dobre, pasando de 525.149,94 euros (sen IVE) aos 1.024.847,34 euros (sen IVE)” concluíu Nidia Arévalo.

Un magosto popular acompañará á feira de produtos de Covelo esta fin de semana

0

O Concello de Covelo convida a toda a veciñanza a participar na edición especial “magosto” da mostra de produtos de Covelo, Como cada primeiro sábado de mes o Concello de Covelo acolle unha cita cos produtos de proximidade, coa artesanía e coa boa gastronomía local.

Este sábado día 5 de 10 a 14 horas na praza Mestre Cerviño gozaremos dunha nova cita coa mostra de artesanía na que poderemos atopar produtos téxtiles, xoiería, prantas, decoración, cerámica polimérica, cosmética natural, pan artesán, cervexa artesán, horta ecolóxica, cestería, pintura, maquetería, helicicultura, instrumentos musicais de madeira, xoguetes, libros e un sinfín de produtos de primeira calidade.

Completa a oferta os postos de segunda man nos que, previa petición ao Concello, as persoas poden vender aqueles artigos que xa non precisen.

A partir das 12 horas haberá un obradoiro infantil para crear caveiras móbiles e seguir festexando o Samaín.

Ponteareas triunfa no Campionato de España Infantil e Precadete de taekwondo

Grandes resultados para o taekwondo ponteareán. O equipo da escola Leam de Ponteareas regresou do Campionato de España cun total de nove medallas, unha de prata conseguida na categoría infantil e dous ouros, catro pratas e dous bronces na categoría precadete, “o que demostra o gran momento que está a vivir este deporte na nosa vila”, destaca o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

O equipo ponteareán regresou do campionato con dous novos campións de España, Ana Segovia e Iago Pérez, así como con catro subcampións, Estela Pereira en infantil e Olga González, Ángela Campos e Pedro Dasilva no campionato precadete. Subiron tamén ao podio Noa Xi Moliner e Icía Sosa, que acadaron medalla de bronce. Gran actuación tamén a de Efrén no campionato infantil, e do ponteareán Bruno Docampo, que non tiraron a toalla en ningún momento.

Estes bos resultados repetíronse tamén no Open Internacional Cidade de Pontevedra, no que Uxía Sánchez facíase co bronce na categoría júnior e Noa Rodríguez na cadete. Gran primeira ronda para Ilai Loren, que non puido continuar a competición tras perder na segunda contra o actual subcampión de España. Pola súa banda, Mario Faro tivo que retirarse por un contratempo tras chegar de quedar campión no Open Internacional de Ribeira e de ser escollido o mellor competidor do torneo na categoría cadete.

Bouzó quixo felicitar a todas e todos os deportistas participantes nestes campionatos e aos seus formadores polos logros acadados, pero tamén “polo seu esforzo e traballo e polo alto nivel que amosan en cada competición, que fai que esta modalidade deportiva suscite cada vez máis interese en Ponteareas”.

‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Gondomar

0

Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este sábado 5 de novembro, ás 21 h, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar. Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

A entrada do espectáculo é gratuíta ata completar o aforo. A función enmárcase no programa ‘Con-fiando Cultura’ da Deputación de Pontevedra que tamén levará proximamente Papagena ata Bueu (19 de novembro) alén de achegala ata outros concellos da provincia logo da súa estrea nas Ruínas de Santo Domingo: O Grove, Caldas de Reis e Tui.

Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Así, alén de Pontevedra, a xira de Papagena tamén ten previstas funcións en Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poerá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en case todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.

O Rosal pon en marcha un punto verde para xestionar os restos de poda e herbas

0

O Concello mantén a súa aposta por facer do Rosal un municipio o máis sostible posible. Por este motivo, a partir da vindeira semana o Goberno municipal porá en funcionamento un punto verde, un espazo creado para axudar á veciñanza a xestionar os restos vexetais que non poden ser depositados nos colectores verdes da rúa. “Seguimos camiñando para facer un Rosal máis verde, implementando paso a paso iniciativas que nos permiten ser máis respectuosos co medio ambiente a todos os niveis e fomentar e facilitar aos rosaleiros e rosaleiras que poidan facer unha correcta xestión dos seus residuos é fundamental tamén neste camiño”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Con este novo punto verde “queremos axudar a rosaleiros e rosaleiras a dar saída a todos eses restos de poda e herbas que temos na casa, naquelas épocas nas que non se poden facer queimas pero tamén durante todo ano, xa que a través deste punto daremos saída aos restos vexetais un xeito moito máis sostible”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.

Situado a carón do CPI Manuel Suárez Marquier, este punto verde funcionará baixo cita previa para evitar o depósito incontrolado de materiais e será de uso exclusivo das vivendas do Rosal, xa que non poderá ser empregado por empresas de xardinería ou de limpeza forestal. Este espazo pretende ser unha alternativa a aquelas persoas que teñen restos de poda que dado o seu tamaño ou cantidade non poden ser xestionados co sistema de préstamo de biotrituradoras posto en marcha polo Concello do Rosal, ademais de supoñer “unha alternativa máis respectuosa á tradición da queima, xa que nos permite reaproveitar eses restos á vez que evitamos a emisión de gases tóxicos e de efecto invernadoiro á nosa atmosfera”.

No punto verde poderán depositarse ramas, troncos, céspede, restos de herbas… que non poden ser entregados en bolsas plásticas. O Concello triturará os restos de poda para usalos nos composteiros individuais e comunitarios como estruturante para facer o compost, mentres que as herbas e similares deixaranse compostar de foma natural no propio lugar.

Dende o Concello lémbrase que neste espazo estará prohibido depositar restos de plantas invasoras, restos de palmeira, de plantas enfermas, restos vexetais con terra ou pedras, de madeira tratada como mobles ou restos diferentes aos de poda e herba. As persoas interesadas poden resolver calquera dúbida chamando ao Concello.

O barrio de San Benito celebra a Noite do Calacú

A xa tradicional Noite do Calacú organizada pola Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián chega este ano á súa XVII edición, consolidando unha celebración que se remonta aos anos 50-60. Foi no ano 2004 cando os veciños e veciñas do barrio retomaron este evento que, a día de hoxe, é cita ineludible no Porriño cada novembro.

A festa, que conta coa colaboración do Concello do Porriño, celebrarase este sábado 5 de novembro no paseo de San Benito. Os actos comezarán ás 17 h co obradoiro de calacús para os nenos e nenas que se desenvolverá ata as 19 h.

A partir das 19:30 h chega un dos momentos máis sentidos, o do nomeamento da Dama e Cabaleiro do Calacú, recoñecemento que este ano recae sobre Teresa Palacín e Telmo Pereiro. De seguido, comezará o Desfile do Gran Calacú polo percorrido de costume.

O broche final como cada ano será un gran magosto  con animación e charanga. 

Comeza o programa “Quédome con Simona” de Redondela

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela inaugura hoxe o Programa Quédome con Simona, coa finalidade de proporcionar un recurso socio comunitario de apoio ás familias redondelás que favorece a conciliación de responsabilidades familiares e laborais.

“O programa está enfocado de forma transversal e completa a oferta social e educativa do Concello de Redondela que sempre ten a intención de ensinar dende a igualdade”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Un/unha profesional especializado en ocio e tempo libre ecargarase de atender as nenas e nenos, co engadido de entretelos a través de xogos e actividades lúdicas e educativas, a cargo de Imaxina Educación, servizo financiado con axuda da Xunta de Galicia. Prohibirase a entrada á aula de aparellos electrónicos (tales como tabletas, móbiles ou videoconsolas) ou xoguetes propios da/do menor.

A intención é favorecer a vida laboral, familiar e persoal , “somos conscientes do problema que teñen algunhas persoas para atender os fillos e fillas cando teñen problemas económicos, están en situación de demanda de emprego ou forman parte dunha unidade monoparental e teñen complicacións apra acudir a citas médicas “, engade Rivas.

O servizo prestarase dende o 2 de novembro de 2022 ata o 5 de xaneiro de 2023, de luns a venres, os días hábiles entendéndose como tales os acollidos na normativa correspondente pola que se establece o calendario laboral oficial para o ano en curso e sucesivos no ámbito do concello de Redondela.

O programa desenvolverase en horario de 16:00 a 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira de Redondela. O servizo poderá solicitarse polo tempo que sexa necesario, respectando o intervalo horario de prestación do mesmo, ata cubrir un máximo de 15 prazas. “Este servizo consiste nunha axuda dinámica e puntual, polo que non se pode empregar para un uso continuado salvo causa xustificada e aceptada polo Concello de Redondel”, conclúe Rivas.

Requisitos e método de inscrición

Para poder solicitar o servizo deberanse cumprir algunha das seguintes casuísticas: motivos laborais, participación en cursos de formación para a mellora da empregabilidade e a inserción laboral, realización de entrevistas de traballo, situacións puntuais de emerxencia familiar, obrigación de acudir a citas de ámbito xudicial, psicolóxico, social, sanitario ou educativo ou participación en actividades de participación social.

As solicitudes deberán ser tramitadas polas unidades familiares que precisan o Programa, dando prioridades ás vítimas de violencia de xénero, familias monomarentais ou monoparentais, mulleres en situación de desemprego para a realización de accións formativas ou busca de emprego ou mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan cargas relacionadas co coidado.

A inscrición realizarase no Centro de información á muller (CIM) do Concello de Redondela de maneira presencial. No caso de quedar vacantes, a inscrición poderase realizar no momento de precisar o servizo directamente no Multiúsos da Xunqueira. As persoas proxenitoras ou titoras legais do menor, asinarán coa inscrición a aceptación destas bases polas que se rexe o Programa. O CIM resérvase o dereito de solicitar, segundo o considere oportuno, xustificantes ou documentación que outorgue prioridade á persoa solicitante.

Teatro afeccionado no Centro Cultural de Fozara

O teatro afeccionado continúa esta fin de semana en Ponteareas cunha nova actividade do Cultura24, un programa posto en marcha polo Concello “para ofrecer á veciñanza unha ampla programación de lecer de balde ao tempo que se dinamizan todas as parroquias da nosa vila”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Dentro desta programación, este domingo 6 de novembro o grupo de teatro Areas subirá ao escenario para representar a súa obra ‘Nosa Señora das Néboas’, que permitirá ao público non só gozar dunha velada de lecer senón tamén achegarse ao teatro e ao traballo que realizan as actrices e os actores afeccionados.

O edil convida a todas e todos os ponteareáns a achegarse o domingo ás 17.00 horas ata o Centro Cultural de Fozara para vivir de preto o teatro con esta representación gratuíta e aberta a todos os públicos.

O Mercado de Sabarís acollerá un contacontos

0

O Multiúsos Mercado de Sabarís acolle este domingo, 6 de novembro, ás 12:00 h o contacontos “Tres irmáns, tres camiños e tres grandes perigos” de Paula Cabreira.

Todos aqueles nenos e nenas que se acheguen ata o recinto municipal pasarán unha mañá divertida. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo.

Esta actividade forma parte da programación “Novembro Lila” organizada pola Concellería de Igualdade, ao fronte de Yasmina Moreira Costas, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no Concello de Baiona.

A programación ao completo darase a coñecer mañá ás 19:00 no acto de presentación que terá lugar no Multisusos Mercado de Sabarís. Un acto que estará  amenizado polas versións de pop, soul, jazz e funk de “Two in the Mirror”.

Recala en Tui a exposición “Nun lugar calquera”

0

O anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, acollerá hoxe xoves, 3 de novembro, ás 12.30 h a inauguración da exposición fotográfica “Nun lugar calquera” sobre a trata de seres humanos que poderá visitarse até o día 15 de novembro.

A exposición está organizada por ACCEM, unha organización sen ánimo de lucro, apartidista e aconfesional que traballa para mellorar as condicións de vida das persoas en situación de vulnerabilidade. Conta coa colaboración do Concello de Tui a través das súas concellerías de Servizos Sociais e Cultura.

Esta mostra fotográfica está enmarcada no proxecto Novicom para fomentar o coñecemento, a sensibilización e a prevención ao redor da trata de seres humanos, e nace para achegar a través da cultura unha realidade sobre a que Accem quixo ampliar o foco e as miradas para comprender un fenómeno global que pode darse “Nun lugar calquera” da nosa cidade, do noso barrio, bloque de edificios. Nun lugar calquera de calquera lugar.

A trata de seres humanos é moitas cousas, unha forma moderna de escravitude, un grave delito, ou un dos negocios máis lucrativos. Pero sobre todo é unha grave violación dos dereitos humanos.

As fotografías que se presentan son resultado dun traballo feito desde o respecto, desde o coñecemento e desde o máis importante, a sensibilidade cara ao tema proposto. Raúl G. Domínguez desafiou a imaxe estereotipada da trata e puxo o foco en suxerir máis que mostrar, achegando o obxectivo todo ao máis cotián. É un reencontro coa realidade.

O proxecto Novicom, que propicia a realización desta exposición, está financiado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, e o Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da UE.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, esta exposición é unha chamada á sensibilidade da cidadanía sobre unha problemática, a trata de seres humanos, unha violación aos dereitos humanos que actualmente afecta arredor de 50 millóns de mulleres, homes, nenos e nenas que cada día son vítimas da trata e a explotación no mundo.

Ponteareas incorpora dous furgóns ao seu parque móbil

O Concello de Ponteareas reforza o seu parque móbil coa incorporación de dous novos vehículos cos que seguir actualizando e mellorando a atención dos distintos servizos públicos ao tempo que se camiña cara a unha mobilidade menos contaminante e máis sostible.

Neste camiño acaba de sacar a licitación a adquisición dun furgón para a área de Benestar Social co que “ampliar o servizo de transporte adaptado municipal e aumentar as prazas dispoñíbeis na actualidade. Queremos reforzar un servizo moi importante para nós que nos permite poñer a disposición das persoas con mobilidade reducida un medio de transporte adaptado ás súas necesidades ”, destaca a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

Este novo vehículo deberá ter capacidade para seis prazas e dúas cadeiras de rodas, ademais de estar adaptado con plataforma e prato fixo, ancoraxes de superficie, agarradoiras de acceso, chanzo eléctrico e mecanismo xiratorio de 180 graos para monorampa, entre outras especificacións técnicas.

Xunto a este novo vehículo, o Concello tamén saca a licitación a adquisición dun furgón para a área de Vías e Obras co que dotar ao persoal municipal das ferramentas necesarias para o desempeño do servizo. Entre outros requisitos, deberá ser un vehículo mixto de 5 prazas e enganche na parte traseira para remolque.

Ambos os dous furgóns saen a licitación por un importe máximo de case 68.000 euros que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. As persoas ou empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de novembro.

Mos reclama unánimemente ser escoitado por Fomento respecto da seguridade na A-55

0

O Concello de Mos aprobou en Pleno a petición unánime de toda a Corporación, a raíz da moción presentada polo equipo de goberno, dirixida ao Ministerio de Transportes para esixirlle o óptimo mantemento e que garanta a seguridade na A-55.

Os profundos baches que se agravan co paso dos días e as semanas fixeron que a alcaldesa de Mos decidise tomar medidas e plantexar a aprobación en Pleno dunha moción neste senso, que se fixo común a todos os membros da Corporación Municipal, sendo votada a favor por unanimidade durante a sesión plenaria celebrada esta mañá no Pazo de Mos.

“A Autovía A-55 Vigo-Porriño é a vía máis perigosa de Galicia e a autovía con máis accidentes de España. Atópase nun estado deplorable, co firme da calzada totalmente destrozado en todo o vial en xeral e ao seu paso por Mos en particular, onde unha gran fochanca leva poñendo en perigo desde hai semanas aos 60.000 condutores que utilizan a diario a autovía, entre eles moitos veciños e veciñas de Mos; por iso non podemos continuar nesta situación de deixadez e abandono por parte do Ministerio de Fomento”, declaraba esta mañá Nidia Arévalo, rexedora local mosense, en Pleno.

A A-55, ademais de estar entre as vías máis perigosas e con maior sinistralidade, é a máis lucrativa en canto a recadación por imposición de multas se refire. Segundo datos oficiais da DXT e publicados xa en diversos medios de comunicación, tan só nos 2 radares que ten esta autovía ao seu paso polo termo municipal de Mos, tráfico pon 40.698 multas ao ano (dato de 2021) no PK 9 e 16.482 multas ao ano (dato de 2021) no PK 12.

“Un total de 57.180 multas anuais que só recadando unha sanción mínima de 50€ por cada unha suman case 3 millóns de euros que, como mínimo, deberían ser reinvestidos nun óptimo mantemento do firme, xa que é competencia e responsabilidade do Estado facelo e así quremos reclamalo polos nosos veciños o primeiro, e por todos os usuarios que fan uso dela diariamente, por suposto que tamén” explicou Arévalo.

Na moción aprobada hoxe en Pleno pídese ademáis que “Fomento nos escoite”, como dixo literamente a alcaldesa, e que todos os proxectos pendentes no municipio dependentes dese Ministerio se leven por fin a cabo. Entre eles que se execute tamén en Mos o Plan de Acción contra o Ruido do Ministerio de Transportes, coa implantación de medidas contra o ruido na A-55 e na A-52 en Puxeiros-Tameiga e Cerqueirás e Amieirolongo en Sanguiñeda. E que se leve a cabo a obra de intersección no cruce de O Tablado na Estrada Nacional 550 ao seu paso pola parroquia de Louredo.

Ademais destes, a moción inclúe varios acordos nos que se insta ao Ministerio de Transportes (antes Fomento) á gratuidade da peaxe de Porriño da AP-9, xa que é a solución máis rápida e inmediata para evitar e reducir a siniestralidade, e que se desvíe o tráfico da tan perigosa A-55, liberalizalizando a peaxe de Porriño da AP-9. E ao mantemento en óptimo estado das condicións da A-55: a inmediata reparación do firme ao prezo que sexa e á hora que sexa (bastantes problemas de seguridade ten xa ese vial para que non teña o mellor firme de toda a provincia, durante todos os días do ano). Que como mínimo se reinvirta o que se recada en multas no óptimo mantemento do vial. Que se faga o que sexa necesario para poñerlle fin ao descoido desta autovía por parte do Goberno de España. Que se acabe o parcheo das fochancas botando asfalto dentro dos buracos. Que se poña fin á deixadez nos labores de mantemento, ás barreiras de protección oxidadas e aboiadas, á ausencia de limpeza viaria na propia autovía e nos carrís de servizo. Que se proceda a realizar un mantemento en condicións, e como é obrigación do Ministerio, en toda a A-55. E que o devandito mantemento inclúa unha rehabilitación total do firme de todo o vial, desde Vigo a Porriño, con asfalto antiruido (fonoabsorbente) e absorbente permeable.

A Guarda acollerá a exposición “A saia raíña”

0

A Casa dos Alonsos da Guarda acolle do 10 de novembro ao 5 de decembro en horario de mañá a exposición “A Saia Raíña”. Trátase dunha exposición de testemuñas nos formatos de fotografía e audiovisual, froito do traballo de campo de Rita Más Ybáñez en diferentes aldeas e cidades galegas.

Foron entrevistadas máis de 60 persoas informantes, principalmente mulleres aínda enloitadas e tamén homes que falan do costume de gardar o loito, tanto temporal coma permanente. As viaxes coas cámaras, a gravadora e mailo caderno de campo percorreron as provincias de Pontevedra, Lugo, Ourense e A Coruña tanto no rural como no ámbito urbano.

As mulleres falan no documental das súas vivencias, da necesidade ou imposición de gardar o loito, das diferencias do costume entre homes e mulleres, e finalmente da súa evolución que tende a desaparecer no século XXI.

Rita Más Ybáñez é poetisa e escritora. Entre outros gañou o Premio Nacional de poesía Jaime Gil de Biedma (Segovia) e premios de poesía e vídeo creación das Mariñas (Carballo). Adicada a comunicación en medios e a etnografía, logo da súa formación audiovisual, é estudante de Antropoloxía Social e Cultural na UNED e realiza o traballo de campo e investigación etnográfica sobre o loito. Ten impartido conferencias e charlas na universidade, Concellos de Vigo, A Coruña, e Bibliotecas Provinciais dentro e fora de Galiza, e actualmente está traballando na próxima publicación do formato libro da monografía referida ao loito e o traballo de campo etnográfico resultado da exposición A Saia Raíña, mulleres galegas enloitadas no século XXI.

Esta actividade está promovida pola Concellería de Igualdade e o CIM da Guarda, e está subvencionada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

As Neves inicia un tratamento para recuperar os tileiros da Praza Maior

0

Especialistas consultados polo Concello das Neves veñen de facer distintas análise aos tileiros da Praza Maior, plantados hai 60 anos, e confirmaron que os mesmos están afectados por ‘Diplodia seriata’, un fungo da madeira presente no chan que, cando as árbores están máis débiles, convértese e patóxeno.

Nos últimos días estudaron cal sería o mellor tratamento para recuperar os tileiros e apuntaron a que é a endoterapia. Este remedio consiste en inxectar no tronco unha mestura de solución nutritiva e funxicida co obxectivo de robustecer nutritivamente a árbore e combater directamente o fungo.

A endoterapia presenta outras importantes vantaxes: permite administrar tratamentos específicos que actúan só contra aqueles axentes patóxenos que se alimentan de materia vexetal, respectando aos que non o fan. Ao tratarse dunha terapia baseada no fluxo interno do sistema vascular da árbore, pode aplicarse en días de choiva ou vento; non prexudica ao medio ambiente; evita a pulverización ambiental de produtos químicos, resultando inocuo para a saúde de persoas e animais; non ten efecto algún sobre o mobiliario urbano, vehículos ou materias que pidan estar na zona, ademais no caso dos tileiros da Praza Maior, é a opción máis acaída, ante a dificultade de acceder á terra dado que as árbores están no medio dunha zona empedrada.

Nos vindeiros días, o Goberno local, seguindo os consellos e indicación do expertos, acordará cando iniciar este procedemento e informará da súa duración e, unha vez completado, dos seus resultados.

Rio Minho, un destino navegable

0

Ademais de ofrecer relaxantes paseos fluviais, a Ruta do Río Miño, que tivo lugar entre febreiro e outubro, puxo en valor o diverso patrimonio natural, cultural e etnográfico das dúas eurocidades (Monção–Salvaterra de Miño e Valença-Tui) que forman parte de este proxecto, posicionando o río Miño como un destino turístico único e diferenciador.

Inaugurada o 17 de decembro de 2021, no embarcadeiro de Salvaterra do Miño, a Ruta do Río Miño puxo á súa disposición percorridos curtos, dunha hora de duración, e percorridos amplos, dunha xornada completa, con visitas aos centros históricos das catro localidades e degustación de produtos locais.

O resultado da iniciativa, concluída o luns 31 de outubro, foi bastante positivo, confirmando, por unha banda, o forte atractivo turístico desta comarca e, por outra banda, a navegabilidade do río Miño entre as dúas eurocidades. Durante estes meses, 5400 excursionistas/turistas abordaron a embarcación, creando 350 excursións curtas e 100 excursións longas.

Impulsada en FITUR, Feira de Turismo de Madrid, e na BTL, Bolsa de Turismo de Lisboa, a ruta fluvial comezou a funcionar a finais de febreiro, coincidindo coa época do Entroido. Ante a demanda, en Semana Santa e verán, houbo que ampliar o horario.

A Ruta do Río Miño permitiu reforzar a relación entre os socios do proxecto “Río Minho: Un destino navegable”, xa bastante positivo, e contribuíu a ampliar a oferta turística, cultural e patrimonial dos catro concellos bañados polo río Miño.

Dentro do proxecto “Río Minho: Un destino navegable”, apoiado polo Programa INTERREG V–A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020, a ruta fluvial implicou as Eurocidades Monção – Salvaterra de Miño e Valença – Tui, así como aos seguintes socios: Porto e Norte de Portugal, Axencia de Turismo de Galicia e Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

O Concello de Gondomar e a UVigo organizan tres seminarios para maiores

0

O Concello de Gondomar e a Universidade de Vigo, dentro da súa aula para maiores de 55 anos, organizan durante este mes de novembro tres interesantes seminarios gratuitos.

O primeiro deles terá lugar os días 7 e 8 de novembro, e baixo o titulo “Arte e Historia” será impartido por Elisa Pereira García profesora da Universidade de Vigo, e tratará diferentes aspectos do patrimonio histórico do concello de Gondomar, sendo a primera xornada teórica e a segunda práctica cunha visita a diferentes lugares da nosa vila cun alto valor patrimomnial e histórico.

Os días 9 e 10 de novembro e co titulo “Saúde e Benestar” a profesora titular da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte da Universidade de Vigo Águeda Gutierrez e Raúl Sánchez, licenciado en ciencias da actividade física e posgrado en exercicio preventivo en pacientes con patoloxías crónicas, iniciaran este segundo seminario cunha xornada teórica titulada “contorna natural, alimentación e saúde” na que darán diferentes consellos e pautas para levar unha vida máis saúdable. Na segunda xornada os participantes levarán a cabo unha ruta cardio-saúdable polo entorno do río.

O terceiro seminario, os días 14 e 15 de novembro, denominado “factura e aforro no subministro eléctrico”, correrá a cargo de Jose Antonio Alonso Rodríguez, profesor titular na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo e nela analizaránse diferentes aspectos do mercado eléctrico, así como a correcta interpretación das facturas. Na segunda xornada os parcipantes poderán analizar de forma práctica os seus propios contratos e facturas do subministro eléctrico.

Os seminarios son totalmente gratuitos.

Os seminarios 1 e 2 terán lugar no Centro Neural (Policia Local) e o 3 no hall do Auditorio Municipal Lois Tobío.

O Rosal achégase ás intervencións realizadas no castro do Pico Bandeira cen anos despois

0

O Rosal continúa ollando cara ao pasado. Este sábado 5 de novembro o Centro Social Polivalente acollerá unha nova charla ao abeiro das II Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades “deseñadas para dar a coñecer a toda a veciñanza e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial rosaleiro e do Baixo Miño”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este novo encontro estará centrado nas intervencións realizadas no castro do Pico da Bandeira cen anos despois da última campaña realizada na zona, unhas escavacións promovidas polo Concello en colaboración coa Comunidade de Montes do Rosal e cofinanciadas pola Deputación de Pontevedra que permitiron coñecer o estado de conservación e o potencial deste castro de grandes dimensións situado no límite co municipio da Guarda que abrangue arredor de seis hectáreas de terreo.

A xornada, de balde, comezará ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente da man do arqueólogo Benito Vilas, especialista en Astronomía Cultural pola University of Trinity Sant Davis de Gales, lugar onde realizou o seu mestrado. Vilas é autor de numerosos artigos, entre os que destacan as súas investigacións sobre a importancia solar no dolmen de Dombate e na Catedral de Santiago. Tras a charla a xornada continuará cunha visita ao castro de Pico da Bandeira.

A rexedora convida a toda a veciñanza “a participar nesta nova actividade dunhas xornadas que buscan achegar a todos os rosaleiros e rosaleiras a aspectos fundamentais para coñecer, entender e valorar como é o noso concello hoxe en día”.

O DOG inclúe hoxe o cambio de titularidade de estradas a prol do concello de Mondariz

0

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Mondariz de distintos treitos de estradas autonómicas e de sendas peonís ao paso polo municipio.

Concretamente, transfírese a titularidade de varios treitos antigos das estradas PO-254 e PO-262, do treito inicial da estrada PO-261 e dunhas sendas peonís nas vías PO-262 e PO-431 na súa totalidade, xunto coa súa franxa de dominio público viario.

Ademais, inclúese a transferencia do dominio público viario, a excepción da calzada e das beiravías, do treito final da PO-262.

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 20 de outubro: https://acortar.link/YGvvVM.

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, desde mañá, o Concello do Mondariz terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

A Guarda abre o prazo para que os negocios locais participen na decoración de Nadal

0

Este ano, ao igual que en edicións anteriores, o Concello da Guarda contará coa colaboración de diversas asociacións culturais e sociais da vila que se encargarán de decorar varias prazas durante as festas do Nadal baixo o proxecto “Decora o teu Nadal”. O deseño de cada decoración correrá a cargo das asociacións e o Concello proporcionará os materiais que necesiten. A temática será libre e a maioría dos materiais empregados deberán ser sostibles e reutilizados, en liña coa política medioambiental municipal e os obxectivos da Axenda 2030.

Para complementar esta iniciativa, desde a Concellería de Desenvolvemento Local, encargáronse dous elementos decorativos de gran tamaño que serán confeccionados en madeira, e que se situarán na Alameda e na Praza de Avelino Vicente, como reclamo para as persoas visitantes e consumidores/as, pero especialmente pensados para o desfrute das crianzas.

Ao igual que coas asociacións, e seguindo esa mesma liña de colaboración, o Concello desexa convidar a todos os pequenos negocios da vila a participar no pintado e preparado destes elementos. As persoas interesadas poden poñerse en contacto a través de Whatsapp ou chamada telefónica ao 679 074 381 ata o 14 de novembro.

Benigno Moldes, in memoriam

Hai días nos que, de súpeto e coa garda baixada, a realidade te sacude con virulencia e te coloca diante do espello para lembrarte con toda a crueza a túa fraxilidade e que hoxe estás aquí e mañá, se cadra, xa non. Memento mori –lembra que vas morrer– dinos a vida, do mesmo xeito que o servo murmuraba ao xeneral romano que desfilaba vitorioso polas rúas de Roma.

O pasado domingo foi un deses días. Cando souben do repentino e súbito falecemento do meu compañeiro e amigo Benigno Moldes, a incredulidade deu paso á conmoción, esta ao abatemento e de seguido, como nun efecto dominó, a un remuiño vertixinoso de sentimentos dominados pola mágoa e a dor.

Nestes poucos días de difícil asimilación da implacábel realidade, marcados polo resistencialismo do “non pode ser verdade”, ducias de imaxes véñenme á cabeza: a daquel rapaz algo maior ca min que a comezos dos 90 coñeciamos coma o chófer do alcalde; a daquel axente da policía que me transmitía aplomo, seguridade e a necesaria confianza para nomealo por vez primeira Xefe da Policía Local, naquel efémero goberno do ano 2003, e a do Oficial e Xefe co que durante estes últimos case catro anos compartín a diario, como tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade, traballo, retos, preocupacións, satisfaccións e, o máis valioso, a amizade.

Nas cotiáns camiñadas de horas e horas, baixo o sol ou a choiva, que faciamos por unha vila que, contra vento e marea, queríamos transformar, descubrín a unha persoa comprometida co público e que soñaba, tanto ou máis ca min, cun pobo para as persoas, para os cativos e os maiores, para as bicis e para as persoas con mobilidade reducida e que puidera chegar a ser unha referenza para o resto do País. O seu entusiasmo e a súa aposta por unha Ponteareas liberada do monopolio dos vehículos non pasaban desapercibidos para ninguén, tampouco para Daniel Macenlle, un dos artífices, como Xefe da Policía Local de Pontevedra, da transformación desa cidade, cando, de visita en Ponteareas, o coñeceu por vez primeira e ao ver a súa implicación foi rotundo: “tedes moita sorte”, díxome.

Nas nosas frecuentes xornadas de traballo coñecín ao home pragmático, eficaz e ávido por aprender e formarse. Co papel sobre a mesa, cheo de cores, trazos e frechas, estudamos e avaliamos o Plan de Mobilidade e o rueiro de Ponteareas poñendo en práctica as recomendacións de Jesús e Jaime, os recoñecidos técnicos de mobilidade da Deputación Provincial, e aplicando os nosos propios coñecementos adquiridos nos cursos de mobilidade que durante meses compartimos e con éxito superamos baixo o maxisterio do enxeñeiro e experto en mobilidade Fernando Nebot. Como bo alumno avantaxado, Moldes, apenas uns días antes de deixarnos, despedíuse de nós impartindo formación nesta materia ás policías locais da provincia, dende o orgullo do acadado en Ponteareas e conscente de que era tamén o seu logro persoal e profesional.

Nas periódicas reunións coa Policía Local constatei o respecto que se gañara e a autorictas que o conxunto de axentes lle recoñecían, determinante para que, en apenas cinco anos, Ponteareas pasara de media ducia a case unha vintena de grandes profesionais cohesionados ao seu redor e que, á súa formación na Academia Galega de Seguridade, sumaron a da escola da experiencia que encarnaba Moldes con máis de 30 anos de servizo. Orgulloso coma ninguén do seu uniforme, guiou aos seus compañeiros e compañeiras, a quen tamén defendía como representante sindical, inculcándolles firmeza na esixencia de respecto á Policía Local fronte a aqueles que aínda pretenden ninguneala ou desprezala coma un corpo de segunda división.

E nos intres de sosego e respiro, xantando ou desfrutando dunha cervexa ou un viño, reflexionamos e debatemos ao redor da profesión que compartiamos, a avogacía, ao tempo que se aparecía ante min o home emprendedor que foi ao longo da súa vida en diferentes actividades económicas e empresariais.

Sorprendentemente, malia a tristura que me produce escribir un artigo que nunca imaxinara nin quixera ter escrito, son quen de sorrir lembrando todas esas experiencias ao revivilas impregnadas polo positivismo, o relativismo retranqueiro e a graza coa que Moldes sempre enfrontaba calquera situación, especialmente as críticas maledicentes: “que estarán a tramar estes dous?” dicíame entre risos, para advertirme do que lle estaría a suscitar a nosa presenza a aqueles veciños que, en ocasións, nos observaban con receo ou desconfianza cando tomabamos notas ou faciamos medicións en calquera rúa.

En tres épocas, explicaba Séneca, divídese a vida: a que foi, a que é e a que será; destas tres, a que vivimos no presente é breve, a vindeira é dubidosa e a que xa vivimos é certa e irrevocábel. A esa certeza do pasado vivido agárrome. Sen melancolía nin tristura. Porque ese, estou seguro, sería o mandato de Moldes, a súa derradeira orde: nada de abatemento ou pesadume e vista á fronte, lembrando con satisfacción o vivido con el e recollendo o seu legado para continuarmos avanzando na brevidade da vida. Mentres dure, aquí seguiremos ás túas ordes, amigo Moldes

Santa María la Real de la Almudena terá unha alfombra floral

A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, foi convidada, un ano máis, por, o Cabildo da Catedral da Almudena, para participar na procesión de Santa María la Real, onde fará unha particular ofrenda floral, elaborando unha alfombra de flores, para o paso da Virxe, como as que se fan en Ponteareas con motivo da festa do Corpus Christi.

O deseño da alfombra esta inspirado na cúpula da Catedral, e do mesmo xeito que os debuxos de Luís Galicia, en cada esquina reprodúcese un dos catro elementos, terra, aire, auga e lume. O motivo central da alfombra é a imaxe de Santa María la Real, debuxo realizado polo pintor, Javier Otero, que colabora coa Asociación de Alfombristas. Ao redor e como marco, destes motivos centrais, reprodúcese unha orla de elementos vexetais para encarnar a fusión da cor e a xeometría na natureza. Esas cores que Galicia atribúelle noutras das súas obras ás ondas ou os montes, na Almudena e que lembran á arte mozárabe.

A alfombra será cadrada sobre 80 m2 de superficie. As flores serán principalmente; caraveis, buganvillas, hortensias e o resto de elementos vexetais será levados desde Galicia para confeccionala.

Para iso membros da Asociación de Alfombristas de Ponteareas viaxarán o próximo día 8 de novembro a Madrid, para confeccionar na madrugada do mércores día 9 unha alfombra de flores na rúa Bailen diante da Porta do Príncipe do Palacio Real.

Con esta ofrenda, neste ano Santo Xacobeo 2022 queremos tamén destacar, de forma simbólica, dúas Catedrais, a da Almudena e a de Santiago unidas polo camiño que percorren miles de peregrinos.

A vila de Ponteareas, no sur da Provincia de Pontevedra, alcanzou especial renome pola celebración da festividade de Corpus Christi, onde os veciños confeccionan artísticas alfombras de flores naturais para o paso da procesión do Santísimo Sacramento.

Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida como “Festa de Interese Turístico Internacional”. É pois a festa do CORPUS CHRISTI a máis representativa de Ponteareas. Esta confección das alfombras florais serviulle a Ponteareas para ser coñecida como “A Vila do Corpus”. Pola súa historia e tradición secular Ponteareas é “O Berce do Alfombrismo Español”.

Esta iniciativa parte de D. Antonio Troncoso de Castro , veciño de Madrid, pero natural de Ponteareas, e fillo Predilecto desde 1996 da Vila do Tea, que se puxo en contacto coa Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas, para facer esta ofrenda a Santa María a Real da Almudena, e ao que lle estamos agradecidos.

Desde a Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas , queremos agradecer ao Cabildo da Catedral de la Almudena, e principalmente a D. Jesus Junqueras Prats por facer posible nosa ofrenda a Santa María la Real de la Almudena.

Xornada de limpeza do monte do Viso

0

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso organiza o vindeiro sábado 5 de novembro unha xornada para a retirada de verteduras e lixo no monte veciñal en man común. O punto de encontro será o Cruceiro de Baltar a partir das 10:00 horas da mañá.

Dentro das actividades de recuperación, xestión e posta en valor do monte comunal, ademais do xa tradicional día da árbore, os comuneiros e comuneiras do Viso convocan unha xornada para paliar os diversos vertidos detectados no monte. Estas situacións repuntaron nas últimas semanas con ata 3 novos puntos localizados en menos de un mes.

Un problema difícil de atallar e que precisa concienciación

Segundo a xunta directiva dos comuneiros, “desgraciadamente aínda perduran as malas costumes de considerar os montes como vertedeiros e cargar un carro de escombros e lixo para depositalos en calquera lugar”. Ben é sabido que este lixo pódese depositar nos contedores, mesmo os electrodomésticos, mobles e voluminosos poden ser recollidos por Urbaser só realizando unha chamada e concertando data de recollida. Polo tanto, resulta inexplicables estas actitudes incívicas.

Un maior control dos montes

Ante esta situación os comuneiros demandan da policía autonómica, os axentes ambientais e do Seprona unha maior presenza e control dos montes, sobre todo daqueles máis periurbanos e que son máis propensos a sufrir estes ataques. Dende a xunta directiva, mesmo se está avaliando a posibilidade legal de instalación de cámaras camufladas nos terreos comunais para poder identificar aos delincuentes que realicen estas actividades incívicas.

Colaboración do Concello de Redondela

Para esta actuación de retirada de lixo e escombros en diferentes verteduras, solicitouse a colaboración do Concello de Redondela, quen de inmediato se puxo a disposición da veciñanza comuneira para a instalación dun contedor na zona do Baltar e encargarse da posterior retirada do lixo recollido e proceder ao seu procesamento regulamentado.

A Deputación remata as obras de asfaltado na EP-5206 da Cañiza

0

A estrada EP-5206, que dá acceso ao núcleo rural de Luneda e que comunica os concellos de Arbo e A Cañiza, loce un novo aspecto tralas obras de asfaltado realizadas pola Deputación de Pontevedra na totalidade do seu trazado, de tres quilómetros. A actuación, que contou cun orzamento de 263.300 euros financiados integramente pola Deputación, foi visitada pola presidenta provincial, Carmela Silva, o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña. Reuníronse baixo a cuberta do torreiro de San Roque –obra tamén financiada polo Plan Concellos- onde compartiron impresións cun grupo de veciños e veciñas que viñan reclamando a obra.

Carmela Silva amosouse orgullosa de “cumprir co compromiso” adquirido coa veciñanza de Luneda.“Eu non son de prometer; son de facer” e por iso quixo actuar nesta vía “que había 35 anos que non se tocaba”. Así, un lugar “tan fermoso” como Luneda conta agora cunha “estrada axeitada e rehabilitada na que as veciñas/os poden transitar tamén con seguridade”. Ademais, a presidenta anunciou a creación dunha plataforma empedrada no tramo entre a capela e o torreiro de San Roque para poñer en valor o patrimonio. “Será unha actuación respectuosa e con ela deixaremos humanizada toda esta contorna”, explicou.

A presidenta da Deputación comentou coa veciñanza que de camiño a Luneda “pasamos por moitas vías provinciais que foron unha realidade coa inversión desta Deputación, eu creo que a xente viva onde viva ten que ter servizos e dereitos”. “Nunca antes se investiu tanto na Cañiza como con esta Administración provincial: equipamentos, dotacións, saneamento, abastecemento, iluminación investimentos en camiños municipais e 3,7 millóns de euros soamente nas vías provinciais”.

Luis Piña agradeceu á Deputación as súa actuación nesta “parroquia especial e máxica situada no corazón da Paradanta” e manifestou a súa “felicidade e satisfacción porque había un compromiso que está feito, un compromiso por parte da presidenta coa veciñanza e co alcalde”. O alcalde agradeceu tamén a limitación da velocidade a 30 km/h, que se implantou no tramo central: “era unha petición das veciñas/os xa que é un lugar moi frecuentado sobre todo no verán, cunha praia fluvial e un torreiro do que desfrutan o conxunto de veciñas/os da Cañiza e as persoas visitantes”. O rexedor tamén fixo un repaso polos investimentos realizados pola institución provincial nos últimos anos e cualificou este mandato que está a piques de rematar como “extraordinario na acción da Deputación”. Así, entre outras cousas, que no concello da Cañiza existen “cinco rutas de sendeirismo e tres delas están financiadas ao 100% pola Deputación”.

3 Km de novo asfalto

As obras na EP-5206 abrangueron a totalidade do trazado da estrada provincial, de case 3 quilómetros, na que se procedeu á demolición do firme asfáltico, saneo e retirada de sobrantes así como ao fresado onde foi preciso. Unha vez preparada a plataforma aplicouse unha subbase de rachón debidamente compactada sobre a que se aplicou unha capa de saburra e pedra de macadam antes de aplicar a emusión asfáltica e o novo formigón bituminoso en quente. A estrada dotouse dunha tubaxe de drenaxe de PVC de 160 mm e procedeuse a un pintado completo, renovación da sinalización vertical e, ademais, instalación de “captafaros” para optimizar a seguridade en horario nocturno. No centro de Luneda dotouse de beiravías sinalizadas para as persoas que camiñan.

Nos últimos sete anos A Cañiza ten dado un salto cualitativo nas súas infraestruturas, nas que a institución provincial ten investido case 3,7 millóns de euros. Con estes fondos sufragáronse un total de 15 actuacións entre as que se atopan a reposición do firme e mellora da seguridade viaria na EP-5003 A Cañiza – Arbo (602.943 €); a rotonda de enlace da EP-5002 coa EP-5102 Ponte das Achas (496.636 €); a reforma do entorno do santuario da Franqueira (322.480 €); ou a reposición do firme na EP-5005 A Cañiza – Pousa (289.170 €). Do mesmo xeito, a Deputación está a recuperar a contorna da antiga Ponte das Achas cunha obra de mobilidade integral de máxima calidade que ten un orzamento de 411.016 euros, aportados entre a Deputación (70 %) e o Concello (30 %).

Éxito das visitas teatralizadas por Samaín en Nigrán

0

Os mortos reviviron a pasada noite de Samaín no Cemiterio Municipal de Nigrán (San Fiz-Ceán). O Concello de Nigrán ofreceu por vez primeira e a través do grupo local Teatro do Ar (Premio ao Méiro Cultural 2022) dúas visitas teatralizadas ao camposanto coas 50 prazas esgotadas en menos de 48 horas. Ilustres como Carlos Casares, Daniel Pazó, a última herdeira de Cea ou o profesor Vázquez Grela regresaron de ultratumba para contar de primeira man aos presentes a súa historia.

Estas visitas, segundo o director da compañía Pedro Villar deseñou, trataron de conxugar toda a información “dunha forma cómica e lixeira”. Ante o éxito desta primeira experiencia o alcalde de Nigrán confirma que apostará por repetilas e amplialas nos próximos anos. Igualmente, onte tivo lugar o terceiro e último obradoiro de galletas terroríficas realizado por Chupipostres no CEE de Panxón, unha actividade do Concello para empadroados de entre 6 e 11 anos para a cal tamén se completaron as 45 prazas.

A programación finaliza hoxe 1 de Novembro desde as 17:00 horas no Auditorio Municipal coaa tradicional festa de disfraces de Samaín destinada a infancia e dirixida polo Mago Rei Midas. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

O CNPonteareas faise co XXIII Trofeo Amizade de natación

Ponteareas volve deixar o seu nome por todo o alto a nivel deportivo. O Club Natación Ponteareas alzouse esta fin de semana co XXIII Trofeo da Amizade, que congregou a máis de 250 nadadores de alto nivel de 14 equipos de toda Galicia.

Unha intensa xornada de natación vivida na piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino na que foi a primeira cita importante da tempada 2022-2023, que volve deixar patente o bo nivel de forma do club ponteareá, que quedou primeiro clasificado no torneo por equipos, seguido do CN Pabellón Ourense e o CN Galaico Pontevedra. Ademais, o premio Concello de Ponteareas á mellor nadadora por puntos FINA foi á deportista do club ponteareán Carla Carrón. Na categoría de mellor nadador masculino o trofeo foi para o integrante do CN Vigo Rías Baixas Mario Méndez.

Deste xeito, o CN Ponteareas arranca con moi bo pé unha ilusionante tempada na que as e os competidores xa teñen a vista posta no campionato galego absoluto de inverno e na Copa España de clubs. Ademais, todas e todos os participantes no XXIII Trofeo Amizade amosaron un gran nivel de forma, baténdose varias mellores marcas galegas de idade. Coa grada repleta de público, o evento tamén foi transmitido en directo a través da canle de Youtube do club do Condado.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo transmitir unha vez máis ao club os seus parabéns e os da Corporación municipal, xa que “en cada competición nos demostran o seu alto nivel. Agárdanos unha tempada chea de boa e vistosa natación”.

SmartPeme ofrece hoxe un obradoiro sobre os infoprodutos

A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa SmartPeme, oferta unha nova acción formativa impartida de xeito online, enmarcada na súa carteira de obradoiros. A acción tratará o tema dos infoprodutos, un negocio para moitos profesionais que deciden compartir os seus coñecementos e gañar diñeiro con eles.

Os infoprodutos son artigos dixitais onde os datos e a información están estruturadas para educar ou guiar ás persoas consumidoras cara un propósito. Deste xeito “xogan” a ofrecer información valiosa de acordo co público obxectivo.

Hoxe, mércores, 2 de outubro, ás 12 da mañá, Fatima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, será a encargada de dirixir a acción “Infoprodutos: que son e como crealos”. O obradoiro dará a coñecer que son os infoprodutos e como poden axudar a crear un negocio que se xestiona de maneira automática. Tamén aprenderán os tipos de infoprodutos que existen actualmente no mercado en liña e como elaboralos seguindo uns pasos básicos que nos indicarán o seu éxito. A actividade impartirase de xeito telemático vía Zoom e as persoas interesadas poden obter máis información no sitio web de SmartPeme.

Mondariz recibe máis de 211.000 € para a reforma integral da antiga escola unitaria de Redo

0

O Concello de Mondariz é unha das 381 entidades locais do territorio español que recibiu unha axuda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a rehabilitación de edificios de titularidade pública (PIREP), no marco dos fondos europeos Next Generation para a recuperación. O proxecto, financiado con 211.275,24 €, consiste na reforma integral da antiga escola unitaria de Redo, na parroquia de Vilar, para converter este edificio municipal nun centro sociocomunitario antes do 30 de setembro de 2024.

“Presentamos a solicitude do PIREP nos primeiros meses deste ano, co obxectivo de acadar o financiamento necesario para completar a rehabilitación da antiga escola unitaria de Redo, unha longa reivindicación veciñal da parroquia de Vilar. O enfoque era arriscado porque se ían presentar proxectos de toda España, de concellos grandes e pequenos, mesmo a través das deputacións provinciais. Non contabamos con esta adxudicación. Estamos gratamente sorprendidos. O esforzo político e administrativo pagou a pena. É unha oportunidade para o Concello de Mondariz e para a parroquia de Vilar”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Un enfoque de reforma máis eficiente

O enfoque adoptado desde 2017 para rehabilitar a antiga escola unitaria de Redo consistía en ir actuando con pequenos investimentos a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Primeiro realizouse unha primeira fase de reforma da cuberta que incluíu reparación de gretas na fábrica de granito e reparación dunha parte da instalación eléctrica. Nunha segunda fase fixéronse cambios na distribución interior para conectar os espazos de escola e de vivenda, e mudáronse a maioría das xanelas do edificio. Con este proxecto, a idea do Goberno municipal é concluír todo o proceso de recuperación e transformación da antiga escola unitaria de Redo, coa calidade construtiva necesaria, para convertela no centro sociocomunitario que demandan os veciños e as veciñas da parroquia de Vilar desde hai anos.

“Este Goberno foi criticado pola oposición por non destinar fondos do Plan Concellos á rehabilitación da antiga escola de Redo. Con este proxecto demostramos que esas críticas eran inxustas e inxustificadas. Malia estar en minoría, gobernamos coas ideas claras e con valentía, sen medo a presentar proxectos ambiciosos para conseguir financiamento estatal e europeo que permita investimentos de calidade nas infraestruturas municipais. Detrás disto hai un enorme traballo político e administrativo que convén ter en conta. É un éxito de todos e todas, para todos e to”, afirma o alcalde de Mondariz.

O Goberno municipal non compartía o enfoque de rehabilitar a antiga escola de Redo a través de pequenas actuacións financiadas a cargo do Plan Concellos porque supuña un gran esforzo administrativo e dificultades na xestión das obras, como demostraron as actuacións realizadas durante as primeiras dúas fases do plan de reforma iniciado en 2017. Con este proxecto de reforma integral, a antiga escola de Redo poderá estar funcionando como centro sociocomunitario na parroquia de Vilar en dous anos. Alén dos 211.275,24 € recibidos a través do PIREP, o Concello de Mondariz terá que poñer case 68.000 €. “Para financiar esta parte podemos acollernos ao Plan Concellos. O importante é que este proxecto garante unha reforma integral cunha única actuación”, explica Barros.

Mondariz, entre as 34 entidades locais galegas beneficiarias

Segundo a resolución provisional do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, foron seleccionadas 405 actuacións das 1.065 presentadas polos potenciais beneficiarios do programa (concellos, diputacións, cabidos e consellos insulares) a nivel estatal. Entre as 381 entidades locais do territorio español beneficiarias polo PIREP hai 24 concellos de máis de 50.000 habitantes e capitais de provincia que recibiron financiamento para dous proxectos, e 172 concellos de menos de 5.000 habitantes ou de reto demográfico. En Galicia, onde foron seleccionados 36 proxectos, o Concello de Mondariz é unha das 34 entidades locais beneficiarias porque concellos como Pontevedra e Santiago de Compostela contan con dous proxectos.

A convocatoria destas axudas públicas celebrouse baixo concurrencia competitiva, polo que foron seleccionados os proxectos que acadaron maior puntuación atendendo á calidade, solidez, enfoque integral, innovación, oportunidade e gobernanza. O Concello de Mondariz, malia ter a posibilidade de acollerse á solicitude conxunta que tramitaba a Deputación de Pontevedra, realizou o procedemento de xeito autónomo e independente para ter un maior control sobre todas as fases de proxecto en caso de resultar beneficiario.

Numerosos proxectos en marcha

En tres anos e medio de mandato, o Goberno de Mondariz promoveu numerosos proxectos de investimento na rehabilitación de edificios públicos como a Casa Consistorial e a sede da Escola Municipal de Música, no cambio a LED da rede municipal de alumeado público, na recuperación do Campo da Minada coa construción dun centro de ocio e deporte urbano ou na mellora e ampliación dunha senda fluvial peonil polo río Xabriña entre os barrios da Pedreira e do Escobeiro. Estes proxectos, que suman arredor de 3.000.000 € e están financiados a través de diferentes liñas de axudas e convenios, están rematados ou en proceso avanzado de desenvolvemento. Nun concello de menos de 5.000 habitantes como Mondariz, destaca o financiamento europeo recibido nos últimos anos a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.

A estas actuacións engádense outras para dotar ao Concello de Mondariz dun parque empresarial nun futuro próximo, ou dun albergue turístico na parcela municipal da Cela. Tamén está en marcha unha estratexia para promover a mobilidade amable e recuperar espazo público para as persoas no centro urbano da localidade, no marco do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra.

Salceda aproba o seu primeiro convenio para o persoal laboral

O Pleno do Concello de Salceda de Caselas vén de aprobar por unanimidade o primeiro convenio colectivo do persoal laboral, que establecerá as condicións en que desenvolve o seu traballo o persoal non funcionario do Concello.

Logo dun longo proceso, na última mesa xeral de negociación conseguíase rematar o documento que contou coa aprobación unánime do equipo de goberno e a representación sindical, e que logo se traduciu nunha nova aprobación unánime por parte da corporación municipal no Pleno ordinario celebrado o pasado xoves.

O convenio recolle importantes melloras para o persoal laboral, que se equipara en diferentes aspectos ao persoal funcionario. Sen dúbida a mellora máis demandada era a do recoñecemento de trienios para este persoal, recoñecemento que non tiña cobertura legal sen a sinatura do convenio que agora se fai realidade, e que xunto coas melloras da RPT supoñen un importante incremento da masa salarial.

O convenio supón ademais  a inclusión de retribucións complementarias, a fixación da compensación económica ou por tempo de descanso das horas extraordinarias, a posibilidade de acceso a anticipos de nóminas por valor de 3.000€  ou o incremento do valor da quilometraxe.

O goberno salcedense estableceu a aprobación da primeira RPT e o primeiro convenio laboral como obxectivos principais no que á área de persoal se refire para esta lexislatura, polo que amosaron a súa satisfacción por ter levado a cabo os dous documentos.

Loli Castiñeira, concelleira de persoal, lembrou que foron moitos anos de tira puxas, e agradeceu o talante positivo e con intención de chegar a acordos amosado polas dúas partes nas últimas mesas de negociacións. “Era moi difícil intentar chegar a un acordo con pancartas e camisetas diante tódolos días, pois o clima de tensión que se xeraba non favorecía en ningún momento as negociacións. As dúas partes fixemos un importante esforzo por deixar atrás as tensións, e como concelleira de persoal non podo estar máis orgullosa de sacar adiante estes dous documentos fundamentais para o día a día do noso Concello”.

Pola súa banda, Verónica Tourón, alcaldesa, quixo agradecer, en primeiro lugar á mesa de negociación e á asemblea onde se validou o acordo, o seu esforzo e a súa capacidade de dialogo e negociación. “É un orgullo para min ter acadado este logro conxunto, este compromiso adquirido. Máis alá das medallas ou méritos hai que destacar que onte cumprimos cun deber que fixo xustiza co persoal laboral do concello de Salceda”.

Aberta a inscrición para os cursos de formación de Tui

0

Está aberto o prazo de inscrición para os dous cursos de formación de “Instalación de Elementos de Carpintería” e de “Venda de Produtos e Servizos Turísticos” que se van impartir no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei.

Estas accións formativas foron concedidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ao Concello de Tui. Estas actividades contribuirán á mellora da empregabilidade dunha trintena de persoas polo que dende o Concello de Tui se amosa o agradecemento á Xunta pola concesión da correspondente subvención para o seu desenvolvemento.

As persoas interesadas poden inscribirse presencialmente na Oficina de Emprego ou no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei, solicitando cita previa no 670 24 56 33. No momento da inscrición débese aportar a documentación requirida para cada curso. Terán preferencia as persoas en situación de desemprego. As persoas seleccionadas poderán solicitar bolsas e/ou axudas por asistencia.

O curso de “Instalación de Elementos de Carpintería” contará cun total de 578 horas lectivas. Celebrarase entre o 22 de febreiro e o 11 de agosto de 2023 en horario de 15.30 a 20.30 h.  O alumnado debe estar en posesión do título da ESO, certificado de profesionalidade de nivel 2; ou certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área; ou acreditar ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou maiores de 45 anos; ou acreditar ter as competencias clave de nivel 3.

Mentres o curso de “Venda de produtos e servizos turísticos” terá unha carga lectiva de 688 horas a impartir entre o 6 de febreiro e o 31 de agosto de 2023 en horario de 9 a 14 h.  Para realizalo as persoas interesadas deben estar en posesión do título de bacharelato ou Técnico de FP (grao medio); ou certificado de profesionalidade de nivel 3; ou certificado de profesionalidade de nivel 2 da mesma familia e área; ou acreditar ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou maiores de 45 anos; ou acreditar ter as competencias clave de nivel 2.

En ambos casos débese achegar tamén a tarxeta de emprego actualizada.

Nigrán rehabilitará os vestiarios do campo de fútbol de Vilariño

0

O  Concello de Nigrán investirá 187.444 € na completa renovación dos vestiarios do campo de fútbol de Vilariño, con este obxectivo aprobou no derradeiro pleno a reserva dunha partida orzamentaria ao respecto. As actuais instalacións, situadas baixo o graderío, atópanse en estado calamitoso tras décadas sen remodelarse, ademais de non cumplir criterios de accesibilidade. O Concello ten xa o proxecto e a obra sairá a licitación nas próximas semanas.

“Era unha demanda lóxica do clube porque é certo que están totalmente obsoletos porque non se tocaron desde a súa construción e, polo tanto, non responden en absoluto as mínimas necesidades dos deportistas, ademais de non ser accesibles e ofrecer unha imaxe decadente”, explica o alcalde, Juan González.

Así, o proxecto do arquitecto Rodrigo Diez Fernández contempla a creación de dous novos vestiarios con capacidade para 20 usuarios, dous para árbitros, un aseo para discapacitados e, finalmente, un almacén. Ademais, axeitarase a entrada ao mesmo por medio dunha escaleira que dé á parte central do campo e tamén unha rampla no oeste da grada (actualmente non existe ningunha medida de accesibilidade).

Os novos vestiarios ocuparán unha superficie de 60 metros cadrados e constarán de aseos e duchas, o de árbitros (con aseo e ducha) 18 metros cadrados, o de minusválidos 4,5 metros cadrados e o almacén 24 metros cadrados.

Tomiño continúa a súa andaina pioneira na compostaxe

0

Tomiño continúa coa súa aposta pola compostaxe para converterse nun municipios máis verde e sostible. Neste camiño, o Concello, a través do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra, impulsou numerosas accións relacionada coa xestión descentralizada dos biorresiduos entre a veciñanza, “o que pon de manifesto o compromiso do Goberno local pola compostaxe como alternativa a un sistema centralizado de xestión de residuos, pola economía circular e pola sostibilidade”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

Un novo modelo pioneiro e de éxito, como amosan os resultados do balance do último ano, no que se chegaron a xestionar case 600 toneladas de biorresiduos a través dos distintos modos de compostaxe postos en marcha. Así, por un lado, a través dos 2.186 composteiros individuais situados nos espazos experiores das vivendas xestionáronse 465 toneladas de biorresiduos. Na actualidade o 41% das vivendas do municipio conta con este sistema, unha cifra que irá en aumento, xa que dende o Concello continúase ata entregar os ata 3.000 composteiros individuais adquiridos, ademais de realizar visitas de seguimento ás persoas que xa contan con el e de entregar un segundo elemento a aquelas vivendas que por diferentes motivos xeran gran cantidade de biorresiduos.

Por outro lado, este modelo compleméntase cos 16 Centros de Compostaxe Comunitaria implementados no municipio, no que participan de forma activa máis dun milleiro de vivendas e no que no último ano xestionáronse 110 toneladas de biorresiduos. Os centros situados en Goián e na Praza da Mina son os que contemplan unha maior actividade, “en gran parte pola grande implicación da veciñanza de toda esta zona”. Ademais tamén hai un centro de compostaxe comunitario para o CEP Pedro Caselles e para a praza de abastos de Tomiño, que actualmente tamén se emprega para recoller os biorresiduos xerados en actividades puntuais.

E é que, nesta aposta pioneira, o Concello de Tomiño xa está a traballar man a man cos organizadores de eventos e festas populares para implantar a compostaxe para a xestión dos biorresiduos durante a súa celebración. “Para isto contamos con colectores para a recollida separada do biorresiduo que colocamos ao inicio da actividade e que recollemos ao rematar para depositar no CCC destinado ao mercado municipal”, explica a edil, que destaca a boa acollida que está a ter esta iniciativa especialmente entre os postos do mercado municipal dos mércores, nos que se está a recoller uns 100 litos de biorresiduo.

En canto aos eventos e festas gastronómicas o servizo aínda está en fase de inicio, probándose en tres festas gastronómicas con resultados moi desiguais. Dende o Concello continuarase traballando nesta liña e convida “a participar a todas as comisións de festas, xa que son o piar indispensable para que o proceso de implementación sexa todo un éxito”.

O sistema de compostaxe implantado polo Concello de Tomiño inclúe a posta en marcha de 9 puntos verdes distribuídos por todo o municipio para que a veciñanza deposite os restos leñosos de poda. Estes restos recóllense unha ou dúas veces á semana dependendo da zona para trituralo e despois empregalo como estruturante nos centros de compostaxe comunitarios e para poñelo a disposición da veciñanza nuns caixóns que se poden atopar en cada punto verde. Ademais, tomiñeses e tomiñesas poden facer uso do sistema de préstamo de biotrituradoras municipal posto en marcha en 2021 e que permite aos usuarios e usuarias dispoñer de tres tipos de maquinaria coa que desfacerse dos restos de leñosos. No ano 2021 realizáronse 33 préstamos, mentres que no que vai de ano o número de préstamos triplicouse, chegando aos 95.

Outro dos aspectos que preocupa ao Concello son os produtores singulares, aqueles que producen gran volume de biorresiduos, como restaurantes, centros escolares, centro de día. Dende a concellaría de Medio Ambiente estase a traballar con cada un deles para implementar un sistema de compostaxe adaptado ás súas posibilidades e particularidades. Así, por exemplo, 11 produtores singulares xa están xestionando os seus biorresiduos a través de composteiros individuais, entre os que podemos atopar bares e restaurantes, centros sociosanitarios ou a todas as unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés.

O Concello do Porriño aproba unha iniciativa do BNG para mellorar o aparcadoiro público da rúa Leandro Diz

O Concello do Porriño formalizou, despois dunha negociación iniciada xa polo anterior goberno municipal, contratos de arrendamento de varias fincas na rúa Leandro Diz, para destinalas a aparcadoiro de vehículos ou outros usos de interese público. Estes terreos de terra carecen a día de hoxe dun pavimento regular, dunha iluminación axeitada e en gran parte dos mesmos prodúcese unha acumulación de auga que impide o uso para o que foron arrendados.

O Pleno vén de aprobar unha moción presentada polo Bloque na que instamos ao goberno local a dotar de partida orzamentaria para executar de forma urxente as obras de pavimentación en asfalto e sinalización de prazas de aparcadoiro, a instalación dunha rede de iluminación que garanta a seguridade na zona e a construción dun pozo de recollida das augas pluviais. Con facer anuncios e sacarse fotos non chega. O goberno do PP ten que comprometer recursos públicos para facer realidade estas melloras.

Os veciños da Guarda poderán doar sangue os días 4 e 5 de novembro

0

A unidade móbil de doazóns de sangue estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao Carón do Centro Cultural) o venres 4 en horario de 16:15 ás 21:00 horas e de 16:30 h a 21:00 h e o sábado 5 de 10:15 h ás 15:00 h.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.

Tui ofrece un outono cheo de propostas de lecer

0

O outono ofrece en Tui múltiples propostas para gozar do tempo de lecer vinculadas á cultura, ao patrimonio histórico ou natural. Así, por unha banda, mañá sábado e o domingo celébrase a II Feira da Cabaza no edificio dos antigos xulgados na praza da Inmaculada. Este evento enxalza este produto típico do outono a través da exposición e venda, pero tamén coa súa preparación a través de obradoiros infantís de cociña, e demostracións e degustacións de diferentes pratos coa cabaza coma ingrediente principal, maridados con viños da zona e mesmo con cervexa de cabaza.

No plano cultural o outono ofrece tamén distintos espectáculos no Teatro Municipal. Deles, tres van destinados a público familiar. Hoxe mesmo, ás 19.30 h, Tanxarina Títeres presenta o espectáculo “A cazola de Lola”. No mesmo horario o venres 4 de novembro actuará Da.Te Danza con “Natanam”, e o venres 18 Os Náufragos con “Hugo”. Pero, amais, o venres 11 ás 21.30 h proxectarase o filme “Cuñados”, e o venres 25 Contraproducións levará a escena “Cigarreiras”. As entradas están á venda en tui.gal.

No mesmo edificio Francisco Sánchez, onde está ubicado o teatro tudense, pode visitarse a exposición «Castelao grafista (facsímile)» de Abanca e Afundación até o  20 de novembro, e o próximo xoves 3 de novembro inaugurarase a mostra fotográfica “En un Lugar Cualquiera” de ACCEM.

No ámbito deportivo o sábado 5 de novembro, ás 10 h, sairá da igrexa de Malvas a andaina por Malvas e Pexegueiro que forma parte do circuíto de Andainas e Caminhadas Saudables da Eurocidade Tui-Valença. A inscrición está aberta en andatui.es. Mentres, o sábado 26 de novembro, celebrarase a Urban Trail Ninght Eurocidade, cun percorrido nocturno entre Tui e Valença do que se pode ampliar a información en urbantrailnight.com.

A Oficina Municipal de Turismo, no Paseo da Corredoira, ofrece a tudenses e visitantes a información sobre todas estas citas, pero tamén sobre os atractivos que o municipio ofrece nesta época do ano.

Así é cita obrigada achegarse até o Parque Natural do Monte Aloia, no que foi o primeiro espazo protexido de Galicia, para gozar das cores marróns, ocres, verdes que inundan a paisaxe. No Aloia hai diferentes rutas establecidas coma da Rego da Auga, Senda Botánica, Cabana-Cabaciña, ou Castro do Alto dos Cubos. En plena natureza e no mesmo parque natural podemos visitar a senda dos Muíños do Tripes ou dos Muíños do Deique, que tras as últimas choivas permiten ver fervenzas ou levadas ateigadas de auga.

Cruzar andando pola vella Ponte Internacional permite pór un pé en España e outro en Portugal, pero tamén gozar da paisaxe outonal nas rúas beiras do Miño. Igualmente o Camiño de Santiago ofrece percorridos de gran beleza paisaxística, natural e patrimonial, dende a propia entrada a Galicia, o conxunto histórico, San Domingos, San Bartolomeu ou a Ponte das Febres en Ribadelouro.

Perderse polas rúas da cidade histórica é outra das propostas para este outono, ben deixándose levar polos pasos a través das rúas empedradas, ou seguindo as rutas histórica ou xudía a través da plataforma turismotui.mobi que permiten realizar un percorrido autoguiado e xeolocalizado.

Do mesmo xeito na Oficina Municipal de Turismo, que abre de luns a domingo de 9.30 a 14 h e de 16 a 19 h, pódense recoller os impresos das rutas autoguiadas para público familiar para descubrir o tesouro de Salomón ou o túnel de Dona Urraca.

O Porriño licita as obras de conexión á rede de saneamento do Picouzo

A concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, vén de sacar a licitación o proxecto de saneamento para o núcleo de Picouzo, na parroquia de Budiño. “O proxecto contempla a conexión da zona coa rede xeral de abastecemento e saneamento para o cal se instalarán catro grandes colectores de 542, 404, 370 e 1.010 metros máis colectores de sección de tramos que suman preto de 2 quilómetros máis de tuberías”, explicou o concelleiro Ramón Porto.

“Esta é unha actuación importante, xa que permitirá conectar á rede 29 vivendas e o colexio de Budiño, o que supón que beneficiará máis dun centenar de veciños e veciñas”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “Pero non é a única. No Porriño gran parte da veciñanza non dispón aínda de conexión á rede de saneamento pese a ter dereito a este servizo. Por iso elaboramos unha planificación global para poder avanzar dun xeito máis eficaz cara a execución total da rede. Reafirmo o meu compromiso, é unha cuestión prioritaria”.

A obra conta cun orxamento base de 347.953,20 euros. O prazo para a presentación de ofertas está aberto e o prazo o 21 de novembro e conta cun prazo de execución de tres meses desde a súa adxudicación.

20 mulleres formáronse en Mos para reducir as fendas dixital e de xénero

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, clausurou onte o curso do programa ‘Galegas Dixitais’ no que desde o pasado 19 de setembro se formaron 20 alumnas mosenses, unha iniciativa que se impartiu nas aulas da Axencia de Colocación de Mos. ‘Galegas Dixitais’ foi unha oportunidade única para que estas mulleres, a través dunha formación gratuíta, adquiriran as competencias dixitais necesarias para o seu día a día, para a súa empregabilidade e para o emprendemento.

O programa, está organizado por Beproject Consultores e Ara Formación, e ten como principal obxectivo mellorar as capacidade dixitais de mulleres, favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero. Está financiado polos Fondos europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes foron obsequiadas cun ordenador portátil e unha webcam, cos que poderán por en práctica todo o aprendido.

Esta é a primeira das 3 accións formativas deste programa que están previstas na Axencia De Colocación De Mos, polo que as interesadas en inscribirse nas vindeiras poden chamar ao teléfono 986 487786 ou escribir ao correo electrónico [email protected].

A Deputación realizará a vixilancia, inspección e control dos residuos en doce concellos da provincia grazas ao corpo provincial do Revitaliza

A Deputación de Pontevedra vai encargarse da vixilancia e inspección do lixo en establecementos, entidades ou empresas xeradoras de residuos en doce concellos da provincia grazas ao corpo provincial do Revitaliza: Barro, Meis, Silleda, a mancomunidade do Morrazo (Bueu, Moaña e Cangas), A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas, A Cañiza e As Neves.

O servizo comezará a funcionar nos primeiros meses de 2023 co obxectivo de cumprir a normativa vixente de reciclaxe, evitar sancións e “e ter sensibilidade co planeta que habitamos”, segundo explicou hoxe o vicepresidente César Mosquera. O nacionalista salientou que a Deputación tomou a iniciativa de crear este corpo provincial para axudar aos concellos porque xa hai anos que deberían ter acadado as porcentaxes marcadas tanto pola normativa galega, estatal e europea.

O corpo de persoal inspector estará formado por funcionarios provinciais, que serán os encargados de identificar posibles incumprimentos e riscos ambientais asociados á actividade de negocios e empresas, mais en ningún caso en domicilios particulares. Deberán realizar exames e controis periódicos, incluso realizando gravacións de imaxes, para levantar actas que poderán dar lugar a expedientes sancionadores.

O obxectivo será certificar que os residuos xerados se entregan axeitadamente a xestores autorizados -ou ao sistema do Concello ao que estean adheridos-, e ver que cumpren as ordenanzas municipais e a normativa vixente no referido ao tratamento das diferentes fraccións: papeis, metais, plástico e vidro e, fundamentalmente, aos biorresiduos, que deben recollerse de maneira separada dende o pasado 30 de xuño.

Para o vicepresidente provincial César Mosquera, é momento xa de cumprir as leis ambientais, que en moitos casos foron “obviadas”. “Os obxectivos de reciclaxe están fixados hai anos e ninguén se deu por concernido nin o tomou en serio. Este tema é complexo, non tanto como por exemplo o saneamento das augas-, pero hai que abordalo. Nós dende a Deputación ofrecemos unha solución pioneira que é o corpo provincial de inspección”, subliñou. Neste sentido, destacou a súa esperanza en que unha vez comece a actividade do corpo –que inicialmente se plantexa por seis anos- “se noten os resultados” de reciclaxe practicamente de maneira inmediata.

Aberto o prazo para adherirse

O vicepresidente Mosquera subliñou que o corpo provincial de vixilantes de residuos segue “un proceso aberto”, polo que outros concellos da provincia poderán incorporarse no futuro se o consideran beneficioso. Destacou que para a posta en marcha e a viabilidade do servizo provincial era necesario sumar alomenos 60.000 habitantes na provincia, cifra que se superou amplamente ata os 123.685 persoas.

O custe inicial do servizo para a Deputación de maneira anual será de 369.220,14 euros, contemplándose inicialmente un ou unha vixilante por cada 20.000 habitantes. A cantidade económica que deben abonar os concellos deberá ser de tres euros multiplicados polo seu número de habitantes, mais estará bonificada nun 70% para os concellos adheridos, que só deberán achegar o 30 % dos custes reais da actividade do corpo.

En canto aos prazos, o Pleno provincial aprobou hoxe a encomenda de xestión por parte dos concellos –xa aprobada previamente en cada municipio- e en breve asinaranse os convenios de colaboración bilaterais. Paralelamente porase en marcha o proceso selectivo do persoal, que podería comezar a exercer as súas funcións nos meses de febreiro marzo. Inicialmente a súa actividade sería fundamentalmente divulgativa.

Ter un servizo de inspección, vixilancia, control e sanción é unha obriga específica para os concellos recollida na Lei de Residuos estatal 7/2022.

Artesãos e mercadores já se poden inscrever no Mercado de Natal de Vila Nova de Cerveira

A iniciativa enquadra-se na vasta e diferenciadora programação de Natal que o Município está a preparar e que contará com muitas novidades e tem como objetivo dinamizar o comércio, o artesanato e o associativismo local. Inspirado e desenhado a partir do imaginário da época, contará com expositores que abrangem desde as áreas do artesanato, dos brinquedos e da cerâmica, até à gastronomia típica.

Com uma oferta cultural e de lazer diversificada, vai ainda permitir a quem o visitar usufruir de momentos de contemplação, onde o som, as cores, as texturas, os cheiros e os sabores se vão conjugar com a diversão e com o entretenimento. Neste contexto, o Mercado de Natal contará com a parceria de algumas pastelarias e confeitarias que trarão um conceito de food court com demonstrações, workshops e confeção no local. As crianças não serão esquecidas, estando previstas várias atividades direcionadas a este público.

Destinado à comercialização de produtos que se enquadrem na época natalícia de base artesanal, o Mercado de Natal é mais uma oferta cultural do Município de Vila Nova de Cerveira para dinamizar o centro histórico da vila, atraindo visitantes ao concelho nesta época festiva. Ao mesmo tempo, pretende ser um apoio à dinâmica comercial, contribuindo para o desenvolvimento das artes e ofícios e das microempresas artesanais do concelho.

Todos os interessados devem consultar as normas de participação disponíveis no site da autarquia e efetuar a sua inscrição junto dos serviços da cultura da autarquia, presencialmente, via correio postal ou eletrónico ([email protected]).