12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaA CañizaA Deputación remata as obras de asfaltado na EP-5206 da Cañiza

    A Deputación remata as obras de asfaltado na EP-5206 da Cañiza

    A estrada EP-5206, que dá acceso ao núcleo rural de Luneda e que comunica os concellos de Arbo e A Cañiza, loce un novo aspecto tralas obras de asfaltado realizadas pola Deputación de Pontevedra na totalidade do seu trazado, de tres quilómetros. A actuación, que contou cun orzamento de 263.300 euros financiados integramente pola Deputación, foi visitada pola presidenta provincial, Carmela Silva, o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña. Reuníronse baixo a cuberta do torreiro de San Roque –obra tamén financiada polo Plan Concellos- onde compartiron impresións cun grupo de veciños e veciñas que viñan reclamando a obra.

    Carmela Silva amosouse orgullosa de “cumprir co compromiso” adquirido coa veciñanza de Luneda.“Eu non son de prometer; son de facer” e por iso quixo actuar nesta vía “que había 35 anos que non se tocaba”. Así, un lugar “tan fermoso” como Luneda conta agora cunha “estrada axeitada e rehabilitada na que as veciñas/os poden transitar tamén con seguridade”. Ademais, a presidenta anunciou a creación dunha plataforma empedrada no tramo entre a capela e o torreiro de San Roque para poñer en valor o patrimonio. “Será unha actuación respectuosa e con ela deixaremos humanizada toda esta contorna”, explicou.

    A presidenta da Deputación comentou coa veciñanza que de camiño a Luneda “pasamos por moitas vías provinciais que foron unha realidade coa inversión desta Deputación, eu creo que a xente viva onde viva ten que ter servizos e dereitos”. “Nunca antes se investiu tanto na Cañiza como con esta Administración provincial: equipamentos, dotacións, saneamento, abastecemento, iluminación investimentos en camiños municipais e 3,7 millóns de euros soamente nas vías provinciais”.

    Luis Piña agradeceu á Deputación as súa actuación nesta “parroquia especial e máxica situada no corazón da Paradanta” e manifestou a súa “felicidade e satisfacción porque había un compromiso que está feito, un compromiso por parte da presidenta coa veciñanza e co alcalde”. O alcalde agradeceu tamén a limitación da velocidade a 30 km/h, que se implantou no tramo central: “era unha petición das veciñas/os xa que é un lugar moi frecuentado sobre todo no verán, cunha praia fluvial e un torreiro do que desfrutan o conxunto de veciñas/os da Cañiza e as persoas visitantes”. O rexedor tamén fixo un repaso polos investimentos realizados pola institución provincial nos últimos anos e cualificou este mandato que está a piques de rematar como “extraordinario na acción da Deputación”. Así, entre outras cousas, que no concello da Cañiza existen “cinco rutas de sendeirismo e tres delas están financiadas ao 100% pola Deputación”.

    3 Km de novo asfalto

    As obras na EP-5206 abrangueron a totalidade do trazado da estrada provincial, de case 3 quilómetros, na que se procedeu á demolición do firme asfáltico, saneo e retirada de sobrantes así como ao fresado onde foi preciso. Unha vez preparada a plataforma aplicouse unha subbase de rachón debidamente compactada sobre a que se aplicou unha capa de saburra e pedra de macadam antes de aplicar a emusión asfáltica e o novo formigón bituminoso en quente. A estrada dotouse dunha tubaxe de drenaxe de PVC de 160 mm e procedeuse a un pintado completo, renovación da sinalización vertical e, ademais, instalación de “captafaros” para optimizar a seguridade en horario nocturno. No centro de Luneda dotouse de beiravías sinalizadas para as persoas que camiñan.

    Nos últimos sete anos A Cañiza ten dado un salto cualitativo nas súas infraestruturas, nas que a institución provincial ten investido case 3,7 millóns de euros. Con estes fondos sufragáronse un total de 15 actuacións entre as que se atopan a reposición do firme e mellora da seguridade viaria na EP-5003 A Cañiza – Arbo (602.943 €); a rotonda de enlace da EP-5002 coa EP-5102 Ponte das Achas (496.636 €); a reforma do entorno do santuario da Franqueira (322.480 €); ou a reposición do firme na EP-5005 A Cañiza – Pousa (289.170 €). Do mesmo xeito, a Deputación está a recuperar a contorna da antiga Ponte das Achas cunha obra de mobilidade integral de máxima calidade que ten un orzamento de 411.016 euros, aportados entre a Deputación (70 %) e o Concello (30 %).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.