14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas incorpora dous furgóns ao seu parque móbil

    Ponteareas incorpora dous furgóns ao seu parque móbil

    O Concello de Ponteareas reforza o seu parque móbil coa incorporación de dous novos vehículos cos que seguir actualizando e mellorando a atención dos distintos servizos públicos ao tempo que se camiña cara a unha mobilidade menos contaminante e máis sostible.

    Neste camiño acaba de sacar a licitación a adquisición dun furgón para a área de Benestar Social co que “ampliar o servizo de transporte adaptado municipal e aumentar as prazas dispoñíbeis na actualidade. Queremos reforzar un servizo moi importante para nós que nos permite poñer a disposición das persoas con mobilidade reducida un medio de transporte adaptado ás súas necesidades ”, destaca a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

    Este novo vehículo deberá ter capacidade para seis prazas e dúas cadeiras de rodas, ademais de estar adaptado con plataforma e prato fixo, ancoraxes de superficie, agarradoiras de acceso, chanzo eléctrico e mecanismo xiratorio de 180 graos para monorampa, entre outras especificacións técnicas.

    Xunto a este novo vehículo, o Concello tamén saca a licitación a adquisición dun furgón para a área de Vías e Obras co que dotar ao persoal municipal das ferramentas necesarias para o desempeño do servizo. Entre outros requisitos, deberá ser un vehículo mixto de 5 prazas e enganche na parte traseira para remolque.

    Ambos os dous furgóns saen a licitación por un importe máximo de case 68.000 euros que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. As persoas ou empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de novembro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.