18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz recibe máis de 211.000 € para a reforma integral da antiga...

    Mondariz recibe máis de 211.000 € para a reforma integral da antiga escola unitaria de Redo

    O Concello de Mondariz é unha das 381 entidades locais do territorio español que recibiu unha axuda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a rehabilitación de edificios de titularidade pública (PIREP), no marco dos fondos europeos Next Generation para a recuperación. O proxecto, financiado con 211.275,24 €, consiste na reforma integral da antiga escola unitaria de Redo, na parroquia de Vilar, para converter este edificio municipal nun centro sociocomunitario antes do 30 de setembro de 2024.

    “Presentamos a solicitude do PIREP nos primeiros meses deste ano, co obxectivo de acadar o financiamento necesario para completar a rehabilitación da antiga escola unitaria de Redo, unha longa reivindicación veciñal da parroquia de Vilar. O enfoque era arriscado porque se ían presentar proxectos de toda España, de concellos grandes e pequenos, mesmo a través das deputacións provinciais. Non contabamos con esta adxudicación. Estamos gratamente sorprendidos. O esforzo político e administrativo pagou a pena. É unha oportunidade para o Concello de Mondariz e para a parroquia de Vilar”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    Un enfoque de reforma máis eficiente

    O enfoque adoptado desde 2017 para rehabilitar a antiga escola unitaria de Redo consistía en ir actuando con pequenos investimentos a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Primeiro realizouse unha primeira fase de reforma da cuberta que incluíu reparación de gretas na fábrica de granito e reparación dunha parte da instalación eléctrica. Nunha segunda fase fixéronse cambios na distribución interior para conectar os espazos de escola e de vivenda, e mudáronse a maioría das xanelas do edificio. Con este proxecto, a idea do Goberno municipal é concluír todo o proceso de recuperación e transformación da antiga escola unitaria de Redo, coa calidade construtiva necesaria, para convertela no centro sociocomunitario que demandan os veciños e as veciñas da parroquia de Vilar desde hai anos.

    “Este Goberno foi criticado pola oposición por non destinar fondos do Plan Concellos á rehabilitación da antiga escola de Redo. Con este proxecto demostramos que esas críticas eran inxustas e inxustificadas. Malia estar en minoría, gobernamos coas ideas claras e con valentía, sen medo a presentar proxectos ambiciosos para conseguir financiamento estatal e europeo que permita investimentos de calidade nas infraestruturas municipais. Detrás disto hai un enorme traballo político e administrativo que convén ter en conta. É un éxito de todos e todas, para todos e to”, afirma o alcalde de Mondariz.

    O Goberno municipal non compartía o enfoque de rehabilitar a antiga escola de Redo a través de pequenas actuacións financiadas a cargo do Plan Concellos porque supuña un gran esforzo administrativo e dificultades na xestión das obras, como demostraron as actuacións realizadas durante as primeiras dúas fases do plan de reforma iniciado en 2017. Con este proxecto de reforma integral, a antiga escola de Redo poderá estar funcionando como centro sociocomunitario na parroquia de Vilar en dous anos. Alén dos 211.275,24 € recibidos a través do PIREP, o Concello de Mondariz terá que poñer case 68.000 €. “Para financiar esta parte podemos acollernos ao Plan Concellos. O importante é que este proxecto garante unha reforma integral cunha única actuación”, explica Barros.

    Mondariz, entre as 34 entidades locais galegas beneficiarias

    Segundo a resolución provisional do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, foron seleccionadas 405 actuacións das 1.065 presentadas polos potenciais beneficiarios do programa (concellos, diputacións, cabidos e consellos insulares) a nivel estatal. Entre as 381 entidades locais do territorio español beneficiarias polo PIREP hai 24 concellos de máis de 50.000 habitantes e capitais de provincia que recibiron financiamento para dous proxectos, e 172 concellos de menos de 5.000 habitantes ou de reto demográfico. En Galicia, onde foron seleccionados 36 proxectos, o Concello de Mondariz é unha das 34 entidades locais beneficiarias porque concellos como Pontevedra e Santiago de Compostela contan con dous proxectos.

    A convocatoria destas axudas públicas celebrouse baixo concurrencia competitiva, polo que foron seleccionados os proxectos que acadaron maior puntuación atendendo á calidade, solidez, enfoque integral, innovación, oportunidade e gobernanza. O Concello de Mondariz, malia ter a posibilidade de acollerse á solicitude conxunta que tramitaba a Deputación de Pontevedra, realizou o procedemento de xeito autónomo e independente para ter un maior control sobre todas as fases de proxecto en caso de resultar beneficiario.

    Numerosos proxectos en marcha

    En tres anos e medio de mandato, o Goberno de Mondariz promoveu numerosos proxectos de investimento na rehabilitación de edificios públicos como a Casa Consistorial e a sede da Escola Municipal de Música, no cambio a LED da rede municipal de alumeado público, na recuperación do Campo da Minada coa construción dun centro de ocio e deporte urbano ou na mellora e ampliación dunha senda fluvial peonil polo río Xabriña entre os barrios da Pedreira e do Escobeiro. Estes proxectos, que suman arredor de 3.000.000 € e están financiados a través de diferentes liñas de axudas e convenios, están rematados ou en proceso avanzado de desenvolvemento. Nun concello de menos de 5.000 habitantes como Mondariz, destaca o financiamento europeo recibido nos últimos anos a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.

    A estas actuacións engádense outras para dotar ao Concello de Mondariz dun parque empresarial nun futuro próximo, ou dun albergue turístico na parcela municipal da Cela. Tamén está en marcha unha estratexia para promover a mobilidade amable e recuperar espazo público para as persoas no centro urbano da localidade, no marco do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.