Luns, 10 Febreiro de 2025

20 mulleres formáronse en Mos para reducir as fendas dixital e de xénero

‘Galegas Dixitais’ está financiado polos Fondos europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia; e supón unha gran oportunidade para que as mulleres en situación de desemprego adquiran competencias dixitais para a súa empregabilidade e para o emprendemento

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, clausurou onte o curso do programa ‘Galegas Dixitais’ no que desde o pasado 19 de setembro se formaron 20 alumnas mosenses, unha iniciativa que se impartiu nas aulas da Axencia de Colocación de Mos. ‘Galegas Dixitais’ foi unha oportunidade única para que estas mulleres, a través dunha formación gratuíta, adquiriran as competencias dixitais necesarias para o seu día a día, para a súa empregabilidade e para o emprendemento.

O programa, está organizado por Beproject Consultores e Ara Formación, e ten como principal obxectivo mellorar as capacidade dixitais de mulleres, favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero. Está financiado polos Fondos europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes foron obsequiadas cun ordenador portátil e unha webcam, cos que poderán por en práctica todo o aprendido.

Esta é a primeira das 3 accións formativas deste programa que están previstas na Axencia De Colocación De Mos, polo que as interesadas en inscribirse nas vindeiras poden chamar ao teléfono 986 487786 ou escribir ao correo electrónico [email protected].