9.6 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO Concello de Tui pon en marcha a campaña #ElixeTui

    O Concello de Tui pon en marcha a campaña #ElixeTui

    O Concello de Tui quere elevar o seu comercio local ás alturas. Neste camiño vén de poñer en marcha unha campaña promocional de apoio ao comercio de proximidade baixo o lema #ElixeTui, unha orixinal campaña impulsada dende a área de comercio coa que se busca “impulsar e promocionar a compra nos establecementos locais sensibilizando á veciñanza da importancia de consumir en clave local para activar a economía, defender o emprego e impulsar o crecemento da nosa cidade en beneficio de todos e todas”, como sinala a concelleira de Comercio, Ana Núñez.

    A campaña estará activa ao longo dos próximos meses coincidindo con datas de grandes eventos que mobilizan unha gran cantidade de compras. A campaña de comunicación incluirá un amplo abano de accións cos que implicar á veciñanza e comerciantes na dinamización do comercio local nesta recta final do ano, animando a todas e todos os tudenses a apostar polo consumo de proximidade o longo do ano e de xeito especial nas próximas datas de compras como é o Black Friday ou durante as festas de Nadal.

    Para iso, o Concello deseñou unha imaxe específica e distribuirá entre o sector da hostalaría e a restauración manteis coa imaxe da campaña, colocará carteis nos establecementos, repartirá entre os comerciantes bolsas de cartón serigrafiadas, instalará unha valla publicitaria coa que animar tamén a mercar en Tui a todas e todos os visitantes e iniciará unha campaña de promoción en radio e nas redes sociais. O Concello anunciará proximamente as bases e forma de participación, a través das redes sociais de #QueroTui do sorteo de bolsas de rafia, cestas de produtos e varios carriños para a compra coa imaxe da campaña. Precisamente dende as redes sociais de #QueroTui levarase a cabo unha campaña de impulso ao comercio local a través dos propios protagonistas, os e as comerciantes, a clientela e os produtos.

    Coa imaxe de Tui subindo ao ceo grazas a milleiros de globos, a campaña está inspirada na historia real de Edith Macefield, unha muller de 80 anos de Estados Unidos que sostivo unha longa batalla contra os donos dun centro comercial que pretendían desaloxar a súa casa para continuar co proxecto e que deu lugar a  coñecida película de animación Up!. “Esa é exactamente a mensaxe que queremos trasladar ao pequeno comercio, que as ameazas poden converterse en oportunidades”, explica a edil, que destaca tamén que a campaña “quere sensibilizar á veciñanza da necesidade de ser solidarios coas e cos nosos veciños, especialmente agora que se achega unha época de moitas compras”.

    Todo o material promocional da campaña está a disposición dos establecementos comerciais na Oficina de Turismo de Tui. As persoas interesadas poden dirixirse ao correo comercio@tui.gal  ou ao teléfono da concellería 673 14 95 25 para calquera aclaración ou dúbida.

    Esta campaña conta co financiamento da Consellería de Política Lingüística da Xunta de Galicia e do Concello de Tui.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.