Domingo, 20 Xullo de 2025

A Cañiza asina coa escola de música a súa primeira colaboración oficial

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña e o xerente da escola, Diego Paín Baúlde, asinaron o pasado 22 de decembro, antes do concerto de Nadal celebrado no auditorio municipal, a primeira colaboración oficial entre o Concello e a escola.

Un convenio que ten como obxectivo favorecer e impulsar o funcionamento e mantemento das actividades derivadas do proceso formativo da ensinanza musical. Canto, guitarra, batería, acordeón, piano, orquestra infantil, ukelele, baixo, teoría popular contemporánea, cultura xeral e historia da música moderna son algunhas das disciplinas e materias que se impartirán nesta nova etapa.

Esta colaboración rematará o vindeiro 15 de setembro de 2026, pero poderá ser prorrogada por un máximo doutros 4 anos por acordo das dúas partes.

Segundo manifestou o alcalde, Luis Piña, “antes de formalizar esta sinatura, mantivemos unha negociación que nos permitiu plasmar no texto do Convenio esta colaboración que entendemos resulta o instrumento máis axeitado para mellorar o desenvolvemento da actividade musical no noso municipio e crear unhas condicións de colaboración estables”.

Compromisos da Escola de Música

A Escola de Música asume o compromiso de destinar os espazos cedidos polo concello, única e exclusivamente para o desenvolvemento de docencia musical ou actividades relacionadas coa mesma, promover accións tendentes a garantir a formación musical do seus alumnos-as nas materias e disciplinas de canto, guitarra, batería, acordeón, piano, orquestra infantil, ukelele, baixo, teoría popular contemporánea, cultura xeral e historia da música moderna, ensamble e ensaios xerais e festivais e actuacións.

Ademáis se compromete a ofrecer de xeito gratuíto e con entrada libre, un concerto ou actuación musical alomenos unha vez ao ano en colaboración co Concello.

Compromisos do Concello

A partires desta sinatura, o Concello colaborará oficialmente coa Escola de Música Moderna, de titularidade privada, autorizando o uso gratuito de 4 aulas no inmoble do Centro Comarcal para o desenvolvemento de actividades con fins didácticos de ensinanza de música e artes.

Cédese o uso de 4 aulas acondicionadas para a actividade e un espazo común con escenario (un aula de batería completamente insonorizada, unha segunda aula para guitarra e dúas aulas para piano e linguaxe musical). Todas elas dotadas con mobiliario básico.

Entre os compromisos do Concello están facerse cargo dos servizos de limpeza, calefacción, electricidade, auga e manter internet de banda ancha.

Por outra banda, o Concello resérvase a posibilidade de traslado das instalacións e condicións estipuladas neste acordo. Deste xeito, no caso de traslado, garantirá a insonorización da aula de batería, así como das outras aulas cun investimento mínimo en materiais de sonorización para un son mínimamente adecuado.

Ademáis segundo manifestou o Alcalde “o Concello comprométese a apoiar institucionalmente a Escola de música da Cañiza en materia de difusión e coordinación no desenvolvemento da actividade no devandito centro municipal”.

Para poder efectuar un seguimento do grao de cumprimento deste convenio constitúese un Consello Escolar, integrado por 2 representantes da Escola de música e 2 representantes do Concello da Cañiza.

Baiona entrega os Diplomas do Certame de Micro-beléns e belén familiar

0

O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu o sábado 7 de xaneiro ás 12:00 h o acto de entrega dos diplomas ás persoas gañadoras do Certame de Micro-beléns e do Belén familiar en domicilio particular organizado pola Asociación de Empresarios Coemsa de Sabarís en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Baiona.

Na categoría de micro-belén máis orixinal resultou gañadora a Familia Ferreiro, mentres que na categoría de micro-belén máis laborioso resultou gañador o Centro de Día Aprehendo de Gondomar Respecto e ao premio ao micro-belén máis popular, tivo como resultado gañador a José Ángel González Goce.

Este certame compleméntase coa categoría Belén familiar en domicilio particular do que resultou gañador José Da Costa Martínez.

A finalidade deste certame foi a de potenciar as artes plásticas e as manualidades, incentivar a creatividade, así como conservar as tradición e fomentar as actividades en familia.

[su_image_carousel source=”media: 65995,65994,65992,65991″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A Oficina de Turismo de Tui atendeu 40 mil visitantes en 2022

0

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu, durante 2022, presencialmente a  39.998 visitantes, dos que 26.913 eran turistas e 10.3685 peregrinos. Destacou o mes de agosto como o de maior afluencia de todo o ano con 8.885 visitantes atendidos.

A Oficina Municipal de Turismo está instalada dende o pasado mes de febreiro no céntrico Paseo da Corredoira nunha amplas instalacións que melloran substancialmente as anteriores, localizadas na Praza de San Fernando.

Do desglose dos datos desta Oficina de Turismo do Concello de Tui podemos comprobar como dos 29.613 turistas atendidos, 27.250 eran de procedencia española e 2.363 estranxeiros.

Os turistas españois chegaron principalmente de Madrid, Barcelona, Sevilla e a propia provincia de Pontevedra. Pola súa banda, os turistas estranxeiros procedían principalmente de Portugal, Italia, Alemaña, Francia e Reino Unido.

No que atinxe aos peregrinos destaca que dos 10.385 peregrinos atendidos un total de 3.450 eran de procedencia estranxeira e 6.935 de orixe español.  No caso dos peregrinos estranxeiros son Portugal, Alemaña, Italia e Estados Unidos os que aportan más peregrinos que chegan ata de 59 nacionalidades distintas. No que toca aos peregrinos españois proceden especialmente da propia provincia de Pontevedra e logo de Madrid, Barcelona, Sevilla ou Valencia. Destacar que foron atendidos nesta Oficina peregrinos de todas as provincias de España.

Estes datos, indica o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, testemuñan o dinamismo do sector turístico na nosa cidade en crecemento constante cada ano, dinamizando o tecido económico tudense, que ten no turismo o seu principal factor de desenvolvemento endóxeno.

O alumnado do IES 1º de Marzo visita as instalacións do CIM de Baiona

0

O alumnado do ciclo de Animación Sociocultural e Turística do IES 1° de Marzo visitou as instalacións do Centro de Información á Muller de Baiona para coñecer de primeira man os servizos que ofrece este departamento a cidadanía.

Así mesmo, o alumnado, que acudiu acompañado por profesado,  tamén realizou unha visita ao Centro Multiuosos Ángel Bedriñana. Os rapaces e rapaces mostráronse  moi ineteresados en realizar un proxecto para desenvolver neste espazo municipal.

Durante este mes o estudantado do ciclo de Animación Sociocultural e Turística do IES 1° de Marzo fará visitas a distintas entidades da comarca para coñecer “in situ” distintos recursos existentes.

A Deputación de Cádiz visita Pontevedra para coñecer o modelo Ágora

O vicepresidente César Mosquera e o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez recibiron hoxe unha delegación da Deputación de Cádiz interesada en coñecer ‘in situ’ o modelo Ágora de recuperación de espazos públicos para replicalo na provincia andaluza. Durante a mañá celebrouse un encontro entre persoal técnico de ambas administracións para intercambiar experiencias e mañá xoves haberá visitas a actuacións xa executadas seguindo a filosofía ‘Agora’ -de priorizar as persoas en lugar dos coches- nos concellos de Poio, Ponte Caldelas, Gondomar, O Rosal e Tomiño.

A delegación gaditana estaba encabezada por Francisco Javier Vidal, vicepresidente segundo e deputado da área de Transición Ecolóxica, quen chegou acompañado pola directora da área María Teresa Fernández, e un responsable técnico que solicitaran a visita a Pontevedra tras coñecer o traballo pontevedrés en diferentes encontros de mobilidade e ao coincidir como as dúas únicas deputacións asociadas á Rede de Cidades que Camiñan.

Segundo explicou Vidal, “estamos encantados de estar en Pontevedra e agardamos xornadas de traballo interesantes e produtivas”. Destacou que a Deputación de Cádiz está a traballar neste mandato impulsando todo o relativo á mobilidade sustentable e “parécenos moi interesante o que se está a facer en Pontevedra”.

“O persoal técnico quería visitar e ver aquí directamente no campo e co persoal da Deputación o que se fixo, e ver de que forma o podemos trasladar á nosa provincia, que é bastante complexa”, explicou o gaditano, que sinalou a súa convicción de que poñer en marcha unha rede de colaboración semellante á Rede Ágora para os concellos menores de 50.000 habitantes pode ser unha fórmula de colaborar no desenvolvemento de accións que melloren todo o referente á mobilidade. Subliñou como “moi interesantes” tamén todas as accións divulgativas que se teñen levado adiante neste tempo por parte da Deputación Pontevedra, nomeadamente a Facultade Ágora, que permitiu a formación de persoal técnico e político en materia de mobilidade sustentable e recuperación de espazo público.

Visitas a concellos referencia

Para o deputado Uxío Benítez a reunión de hoxe coa delegación de Cádiz foi “un intercambio de experiencias para coñecer tamén o que están a desenvolver na provincia andaluza, das súas experiencias, para aprender uns dos outros”. Explicou que no programa de actividades haberá visitas a campo no día de mañá nas que se amosarán xa rematadas moitas das transformacións de diferentes puntos da provincia que se desenvolveron ben co impulso de Ágora ou co apoio do programa Ágora. “Hoxe xa son exemplos de actuacións nos diferentes concellos en vilas de distinto tamaño, poboación e características”, dixo.

Ao longo de mañá xoves faranse ‘paradas’ nos concellos de Poio, para coñecer as obras realizadas en Campelo; no concello de Ponte Caldelas para ver a transformación da praza de España; no Concello de Gondomar para comprobar o cambio na praza Rosalía de Castro; no Rosal para coñecer o cambio na praza do Calvario; e en Tomiño para ver a actuación realizada en Goián.

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera declarouse un “namorado” de Cádiz e asegurou coñecer a importante transformación da provincia andaluza a nivel infraestruturas “que foi moi potente, incluso espectacular”. “Viuse como foron cambiando de ter coches en todos lados a facer actuacións francamente interesantes. Hai que aprender e ver de todos lados”, destacou. De feito, o nacionalista recalcou que “todos estamos afeitos a que todo veña de Madrid ou Barcelona, de Valencia, Bilbao ou onde sexa, que pode ser que mediaticamente teñan máis transcendencia, pero na práctica igual estamos a desenvolver experiencias máis avanzadas e máis interesantes tanto en Cádiz como en Pontevedra”.

O Plan de Recuperación do Goberno pola modernización do turismo reafírmase en Nigrán

0

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reafirmou hoxe en Nigrán a aposta do Goberno pola cohesión territorial e o impulso ao turismo sostible de Galicia, coa achega dun millón e medio de euros do Ministerio de Industria para o desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Despensa de Galicia’. “O Plan de Recuperación do Goberno chega á Ría de Vigo e ao Baixo Miño e supón unha oportunidade única para transformar o turismo da nosa comunidade e proxectalo cara ao futuro, cun modelo verde, sostible, dixital e competitivo”, salientou o delegado.

A presentación do proxecto tivo lugar no centro de negocios Porto do Molle coa participación do alcalde de Nigrán e representante institucional do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, Juan González Pérez; e da presenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Tamén asistiu a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. No acto, José Miñones expresou o seu convencemento de que esta inxección económica do Goberno servirá para “potenciar esta zona tan importante de Galicia e consolidala como un destino comprometido coa conservación do medio ambiente, innovador e dixitalizado, flexible e resiliente ante os novos retos”.

O plan de sostibilidade turística do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño é un dos 16 que seleccionou o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para financiar en Galicia con cargo á convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino 2022, que forma parte do Plan de Recuperación do Goberno. A lista definitiva dos proxectos foi aprobada en decembro pola Conferencia Sectorial de Turismo. Nesta convocatoria, Galicia recibirá 34.575.400 euros para o desenvolvemento dos proxectos aprobados na comunidade e que benefician á totalidade das provincias.

José Miñones destacou que con estes investimentos o Goberno busca promover un turismo máis verde e unha mobilidade máis eficiente. Este ano, os plans céntranse no enoturismo. Os Plans de Sostibilidade Turística en Destino, valorou o delegado, “representan o mellor exemplo de colaboración entre administracións en beneficio da competitividade e a calidade de todos os nosos destinos turísticos”.

O delegado incidiu en que os investimentos do Goberno consolidan a Galicia como un destino turístico verde, sostible e de calidade e concluíu: “Estamos a deseñar o turismo do futuro de Galicia. Para facer da nosa terra un destino sostible, competitivo e de calidade de primeiro nivel”.

O Plan de sostibilidade turística ‘Despensa de Galicia’

O PSTD ‘Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Despensa de Galicia’ beneficia os 14 concellos que conforman este territorio nas comarcas do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán), Baixo Miño (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui), comarca e ría de Vigo (Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior) e A Louriña (Mos e O Porriño).

A actuación estrutúrase en catro eixes:

  • Eixe 1. Transición verde e  sostible (Investimento entre 2023 e 2025: 300.000 €)
    • Actuacións de rexeneración e adecuación do destino para mitigar o cambio climático
    • Plan de xestión de residuos en festas gastronómicas de interese turístico
    • Creación dunha rede de miradoiros e fomento do turismo astronómico
  • Eixe 2. Mellora da eficiencia enerxética (Investimento entre 2023 e 2025: 575.000 €)
    • Iluminación artística e eficiente do patrimonio do xeodestino
    • Creación de rutas cicloturistas en contornas enogastronómicos
    • Homologacion de rutas de sendeirismo: “Entre campos e viñedos”
    • Oficina técnica de asesoramento a empresas turísticas para optimización enerxética
    • Instalación de puntos de recarga eléctrica en espazos turísticos
  • Eixe 3. Transición dixital (Investimento entre 2023 e 2025: 150.000 €)
    • Plan de sinalización intelixente de recursos enogastronómicos do destino
    • Creación de contidos dixitais vinculados coa enogastronomía
    • Realidade aumentada e/ou virtual para recreacións virtuais do patrimonio enogastronómico
  • Eixe 4. Competitividade (Investimento entre 2023 e 2025: 475.000 €)
    • Instalación de espazos promocionais do xeodestino e a súa gastronomía
    • Programación cultural en espazos gastronómicos
    • Axudas ao sector empresarial para impulsar a enogastronomía do destino
    • Creación de produto de turismo industrial vinculado á gastronomía
    • Sistema de avaliación do PSTD
    • Oficina técnica do PSTD

Investimento total: 1.500.000 euros do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a cargo dos fondos do  Plan de Recuperación.

As Neves conta co maior orzamento da súa historia

0

O Pleno do Concello das Neves aprobou este martes o Orzamento Municipal para 2023, o sétimo que saca adiante a coalición de Goberno BNG-PSOE e o maior de toda a historia das Neves. As contas saíron adiante cos 6 votos a favor dos representantes dos partidos de goberno e os 5 en contra do Partido Popular e o concelleiro non adscrito.

O maior orzamento da historia das Neves, sen subida de impostos e sen débeda.

En total, como explicou o alcalde, o Concello das Neves disporá este ano de 3.261.000 euros, preto do dobre do que contaba en 2015, cando o actual equipo fíxose cargo da xestión municipal. Este aumento dos recursos, salientou Xosé Manuel Rodríguez, non leva incluída unha suba de taxas e impostos, que se manteñen como o ano pasado, apróbase nunha situación de superávit e sen endebedamento algún, o que amosa “unhas contas saneadas e unha xestión económica seria e sensata”.

A maior inversión

Ademais, o ano 2023 será, tamén, o de maior inversión real de recursos propios do Concello: 443.783 euros fronte aos 29.500 euros de 2022, o que significa un aumento do 1.400%. Os mesmos destinaranse a facer fronte a varias actuacións “necesarias e urxentes”:reparación do Mercado Municipal; reparacións das piscinas municipais; adecuación da antiga escola da Estación; recuperación da contorna do río Xuliana, O Rabelo e das Neves, rehabilitación de vivendas para alugamento social, e pavimentación de camiños.

En relación con esta última partida, o alcalde lembrou que en 2022, a práctica totalidade da cantidade procedente do Plan Concellos da Deputación, preto de 300.000 euros, destináronse á mellora e arranxo de estradas, pistas e camiños municipais; que o Goberno municipal aprobará unha ‘Liña de Emerxencia’ de 100.000 euros para arranxar os danos do temporal, e que está en marcha o Plan de Reforma de Vías, que abrangue todo o mandato e que continuará tamén este ano.

Ingresos

Polo que se refire ao capítulo de ingresos, os mesmos proceden, principalmente, de taxas e impostos municipais (1.067.000 euros) de participación en Tributos do Estado (820.000 euros) e da participación en Tributos das Comunidade Autónoma e transferencias en Servizos Sociais e  Políticas de Igualdade (542.000).

Non se inclúen neste capítulo, porque aínda non están aprobadas, as achegas que o Concello das Neves recibirá da Deputación de Pontevedra, procedentes de varios programas e tampouco as subvencións doutros organismos pola realización de diferentes proxectos. Por todos estes conceptos, o ano pasado a cantidade final que recibiu o Concello das Neves superou os 2,5 millóns de euros, o que suporía, de repetirse, que o orzamento real para este 2023 achegaríase aos 6 millóns de euros.

Gastos

Polo que se refire aos gastos, un dos eixos fundamentais destes orzamentos será a cantidade destinada a Benestar Social, que segue aumentando; outro é a aposta polos servizos públicos, que abrangue medidas tan importantes coma a actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT), “acordada entre todas as partes”; o aumento do investimento no Servizo de Axuda no Fogar ou a continuación da bolsa de axudas destinadas a subvencións para as Comunidades de Augas.

Así mesmo, o Goberno municipal da prioridade ao coidado e protección do medio ambiente e, neste eido, hai que subliñar a redución do consumo eléctrico no alumeado, coa colación de luces LED e o especial coidado da eficiencia no uso da auga, como sinala o estudo sobre o uso dos recursos hídricos e a reforma do complexo das piscinas municipais que nos últimos anos estaban a perdes milleiros de litros e que requirían unha reforma urxente.

Abertas as inscricións para o Trail Adventure Muíños do Folón

0

O Trail Adventure Muíños do Folón prepárase para unha nova edición. Xa están abertas as inscricións para participar nesta proba que conta coa colaboración do Concello do Rosal e que o vindeiro 5 de marzo volverá percorrer os espazos naturais rosaleiros “e abrir a todas e todos os participantes os nosos muíños, sinal de identidade de valor patrimonial do noso municipio”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este ano o Trail contará de novo con dúas novas distancias con diferente distancia e desnivel: por un lado a modalidade Adventure, con 12 quilómetros de distancia e 450 metros de desnivel, e a Advance, con 21 quilómetros de percorrido e 950 metros de desnivel.

A proba, que forma parte da liga provincial Pontevedra Trail League, contará con 500 prazas e con ela as persoas participantes percorrerán algunhas das zonas máis emblemáticas da localidade, como os muíños do Folón e do Picón, así como as diferentes fervenzas do río da Cal.

As persoas interesadas poden xa inscribirse en Deporte Ticket, con oferta especial de lanzamento ata o vindeiro domingo 15 de xaneiro. Pode verse toda a información da proba na propia web do Trail Adventure Muíños do Folón.

Ademais, esta edición do trail contará cunha parte solidaria que permitirá dar visibilidade á Asociación galega de Fibrose Quística e haberá unha fila 0 aberta para calquera tipo de doazóns que se queiran ofrecer.

“Orixe Rías Baixas” a nova campaña promocional para sorprender en Fitur

“Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”. Con este lema, a Deputación dá o tiro de saída á súa presenza na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que terá lugar entre o 18 e o 22 de xaneiro no recinto madrileño de IFEMA. A presidenta Carmela Silva vén de anunciar unha “potente” programación que abrangue o lanzamento da campaña promocional coa que a institución “volverá sorprender amosando o orgullo de pertencer a unha terra na que vivir experiencias, culturas e tradicións únicas”. Xunto á presentación da campaña, a Deputación contará por vez primeira cun stand promocional en Fitur Screen e tamén divulgará o proxecto de turismo deportivo no I Fitur Sport Tourism Summit. Amais, a delegación da institución provincial asistirá á Gala Q de calidade, na que amais de revalidar os distintivos acadados en anos anteriores, o Museo de Pontevedra recollerá o primeiro galardón Q que se concede a un museo en Galicia.

“Imos a por todas –asegurou a presidenta Carmela Silva– queremos que a xente mire cara nós, sorprendela, chamar a súa atención, facer que desexe con todas as súas forzas vir á provincia a vivir a “Orixe”, as nosas xentes, a nosa historia, todo aquilo que fomos capaces de construír ao longo de centos de anos e hoxe nos trouxo ata aquí e fai que sexamos unha sociedade tan avanzada, tan auténtica e única”, porque Carmela Silva amosou o seu convencemento de que “se o ano 22 foi estratosférico no sector turístico da provincia o 23 será planetario”.

“Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”

A presentación de “Orixe Rías Baixas” terá lugar na tarde do xoves 19 no stand de Turespaña, no auditorio Ágora do pavillón 9 de Ifema. Será un acto “espectacular, cunha posta en escena especial, única e valente, a mellor, a máis emocionante, divertida, sensorial, a que máis vai sorprender, cun final moi especial e na que contaremos, como cada ano, cunha artista convidada para conducir o noso evento e que, nesta ocasión, será a artista multidisciplinar Julia de Castro, protagonista de Orixe”. Tanto Julia de Castro como a presidenta empregarán na presentación da campaña vestimentas e complementos feitas e feitos por persoas artesáns da provincia, “porque Orixe ten moito que ver coas tradicións e queremos presumir de que a cultura que herdamos hoxe existe no presente, con moitas artesás e artesáns que nos referencian”.

O audiovisual principal da campaña, que se completará con outros como o elaborado en Carboeiro coa participación de “Nova Danza Galega”, é un vídeo “moi de relato, de amosar o noso territorio, a nosa cultura, a nosa paisaxe, as nosas tradicións, a nosa forma de vivir, de sentir, un audiovisual baseado nas persoas, na nosa xente, que invita a conectar coa nosa cultura, coa nosa riqueza etnográfica, a nosa tradición, a nosa marcada identidade local, cantos, oficios tradicionais, celebracións, festas de interese turístico, patrimonio inmaterial, rituais case milenarios ou a transmisión oral tan potente coa que contamos. O audiovisual visibiliza tamén “como o territorio marca profundamente a nosa cultura e personalidade, facendo unha homenaxe ao que fomos, ao que somos e ao que seremos, conectando co máis íntimo de nós”. De feito a peza emprega unha tipografía que é “un recoñecemento e posta en valor dos elementos que saíron do “Laboratorio de Formas”, impulsado por un grupo de persoas galeguistas na metade do século XX, que ademais se replicaron na nosa cerámica e artesanía, que aínda hoxe perviven e nos identifican como país”. “Superarse cada ano non é fácil –manifestou Carmela Silva- pero temos a sorte de contar na provincia con empresas como Esmerarte, coa que traballamos nunha mesma visión do territorio e nos facilita ser novidosa”. O acto de presentación da campaña, “que contará cun final sorprendente”, complementarase coa entrega dun agasallo “boutique”: un caderno de viaxe con propostas de calendario e imaxes dos eventos máis importantes que se desenvolven na provincia de Pontevedra.

A provincia en Fitur Screen e I Fitur Sport Tourism Summit

A axenda en Fitur complementarase coa presentación do destino como plató de cinema o mércores 18 de xaneiro. A presidenta detallou que a institución participará por vez primeira en Fitur Screen, cun stand propio no pavillón 8, onde se dará a coñecer a Pontevedra Provincia Film Commission. Neste espazo divulgarase un vídeo promocional, que será levado ao longo do 2023 a feiras, festivais de cinema, eventos sectoriais nacionais e internacionais, onde “imos amosar toda a nosa riqueza, que podemos albergar calquera tipo de produción audiovisual e converternos no escenario soñado e desexado para gravar filmes, series e documentais”. Amais da peza audiovisual tamén se dará a coñecer a nova páxina web da Pontevedra Provincia Film Commission, “unha web específica pensada para localizadoras, plataformas e produtoras”.

O xoves 19 de xaneiro ás 17.30 horas terá lugar a presentación do proxecto de turismo deportivo da Deputación no marco do I Fitur Sport Tourism Summit, no pavillón 10. “A provincia–asegurou a presidenta- é unha referencia en moitos deportes e en moitas actividades vinculadas ao turismo deportivo. Por iso queremos lanzar un potente vídeo que ten como protagonistas a diferentes deportistas e presenta espazos únicos onde se poden practicar numerosas disciplinas, así como as experiencias que aquí se poden vivir e a gastronomía da que desfrutar”.  Neste eido a presidenta recordou que “no 2021 o turismo deportivo en España xerou un gasto de 2.416 millóns de euros, move a milleiros de persoas e xera moitos recursos económicos”.

Gala Q de Calidade

Tamén o xoves, 19 de xaneiro a partir das 20.00 horas, a delegación  da Deputación asistirá á Gala Q de Calidade, no Palacio de Cibeles. A presidenta explicou que, acompañada do  vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e do director do Museo, José Manuel Rey,“recolleremos a Q de calidade para o Museo de Pontevedra, que se converte no primeiro museo galego en ter o distintivo”. Tamén, renovan o galardón todas as oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas que a obtiveron o pasado ano xunto ao castelo de Soutomaior.

Potente campaña de comunicación

A Deputación porá en marcha xa desde o próximo luns unha potente campaña de comunicación do destino en Fitur a todos os niveis, local, galego e estatal, con cuñas nas principais emisoras de radio. O martes publicarase o primeiro anuncio en xornais, onde se detallará toda a programación da Deputación en Fitur e incluirá un código QR para seguir o xoves a presentación da campaña. O venres 20 de xaneiro, no especial de Fitur en El Viajero de El País, tamén terá presenza a nova campaña da Deputación e, finalmente, durante a feira, a institución estará en todas as radios estatais.

A Cañiza presenta o seu calendario 2023

0

Como en anos anteriores, o novo calendario ten a intención de amosar os lugares máis emblemáticos e senlleiros do municipio. Recunchos que foron capturados polo fotógrafo Víctor Barros coa intención de valorizar a natureza, a paisaxe e o patrimonio arquitectónico civil como a fonte dos “Dous Canos” na Cañiza, o muiño de Luneda, as mámoas de Achas, a ponte de Noceifas no Couto, a fonte de Prado na Franqueira, o Cruceiro da Igrexa de Oroso, a Capela  do Santo Cristo da Miranda en Valeixe, o lavadoiro do Regueiro na Cañiza, o Pazo do Cervellón no Feirón de Parada, o Neveiro dos Frades na Franqueira, os canastros da Eira de Deva en Petán, o Paso das Lagoas no rio Deva en Pintelos-Valeixe e pechando o calendario o espazo do antigo Balneario das Augas Férreas.

Un lugar e un momento para cada unha das parroquias e do casco urbano da vila. Trece localizacións elexidas cuidadosamente con outras tantas imaxes parellas para “dar vida” ao novo programa turístico virtual que se pode consultar xa no enderezo https://caniza.org/gl/turismo/recunchos.

Por outra banda, dende o Concello, se quere deixar constancia da “errata de imprenta” que aparece no calendario que se repartiu polos domicilios durante estes últimos días e que no mes de xullo, sitúa a celebración do Santísimo Cristo da Agonía no día 10 de xullo (luns).

A celebración do Santísimo Cristo da Agonía da Cañiza, celebrarase o segundo domingo do mes de xullo, neste ano o 9 de xullo, como así se ven mantendo dende tempos inmemoriais.

Pídense disculpas por esta “errata”, que neste calendario de redes xa está corrixida.

Cerveira acolhe estreia da 2ª edição de “Uma Roda: entre histórias”

As Comédias do Minho partem, em conjunto com a Memória Imaterial, para uma segunda edição de apresentação do espetáculo de narração oral “Uma Roda: entre histórias”, encenado por Luís Correia Carmelo. A nova rota de circulação do espetáculo arranca esta semana, no concelho de Vila Nova de Cerveira, com sessões agendadas para a Junta de Freguesia de Mentrestido (dia 13, às 21h00), Centro Cultural de Campos (dia 14, às 21h00) e Junta de Freguesia de Gondarém (dia 15, às 16h00).

O processo de construção do espetáculo partiu de uma recolha de relatos, crenças e cantigas realizada em territórios do Alto Minho, propondo revisitar essa prática antiquíssima de contar histórias. “Uma Roda: entre histórias” tem a forma de uma roda, um círculo de pessoas, na qual os contadores de histórias entretecem as suas narrativas, num diálogo informal entre si e o público.

Apesar de percorrer 15 freguesias dos cinco concelhos do Vale do Minho, cada espetáculo será único, pois o repertório de contos narrados pelos atores das Comédias do Minho varia a cada sessão. Para além disso, semanalmente, estará presente um narrador convidado. Luís Correia Carmelo, Ana Sofia Paiva, Cristina Taquelim, António Fontinha e Paula Carballeira são os contadores de histórias que se juntam à equipa residente para acender a imaginação dos espectadores com a sua forma única de apropriar a tradição oral.

De salientar que o património oral recolhido nos concelhos de Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Valença e Vila Nova de Cerveira, além de revisitado neste espetáculo, está registado em vídeo, num processo de criação de que resulta ainda um documentário realizado por João Gigante.

O Porriño licita o desbroce e limpeza das parroquias

O Concello do Porriño vén de sacar a licitación o contrato de desbroces, limpeza e reperfilado de beiravías de todas as parroquias do municipio. Este servizo víñase prestando con contratacións puntuais que non permitían a correcta prestación do servizo e, durante anos se fixo sen contrato nin fiscalización algunha, o que foi obxecto de apertura de causa xudicial que a día de hoxe permanece en fase de instrucción.

Ata este momento, tan só o centro urbano e os polígonos residenciais de Torneiros tiñan o servizo contratado, polo que no resto do termo municipal era imposible manter as zonas rurais en bo estado.

O contrato dará cobertura á roza e limpeza de maleza en camiños municipais, corte de todo tipo de vexetación, poda de árbore ata unha altura máxima de 3 metros e limpeza de caños, arquetas etc, entre outros.

A duración do servizo a licitar é de 2 anos prorrogable 2 máis e conta cun orzamento total para os 4 anos de 1. 335.446 euros.

“Ata o de agora este servizo non estaba a prestarse correctamente”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ao non estar regularizado ou se contrataba a maiores ou se executaba con persoal municipal, algo que resulta insuficiente dada a extensión rural do Porriño e a necesidade de limpar de manera continuada para manter estas zonas en boas condicións”.  O rexedor concluíu afirmando que “a regularización de toda a contratación do Concello é un traballo complexo e duro,  pero tal e como defendín sempre, é esencial para poder prestar ben os servizos aos que a cidadanía ten dereito e tamén para garantizar a correcta utilización dos fondos públicos”. 

O alcalde de Tui abordou co director xeral de Cultura a programación do ano Francisco Sánchez

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibiu onte na Casa do Concello tudense ao director Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, Anxo Lorenzo Suárez. O obxecto desta xuntanza foi presentarlle ao máximo responsable da acción cultural da Xunta de Galicia o programa elaborado polo Concello de Tui para a celebración deste ano 2023 como “Ano Francisco Sánchez”.

Na xuntanza na que tamén participou a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, abordaron as diversas propostas de actividades arredor da figura do médico e filósofo Francisco Sánchez, de quen se cumpren catrocentos anos do seu falecemento. Unha exposición, tanto en Tui como itinerante pola Red de Juderías, diversas publicacións, xornadas divulgativas e un congreso de carácter académico… son algunhas das propostas abordadas nesta xuntanza.

O Pleno da Corporación Municipal tudense na súa sesión de 24 de novembro pasado acordou a declaración do ano 2023 como Ano de Francisco Sánchez  coa finalidade de promocionar a súa figura e o seu legado.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu ao director xeral de Cultura que se teña achegado ata a nosa cidade e a súa favorable acollida á proposta de colaboración presentada polo concello tudense arredor da programación do Ano Francisco Sánchez que se plasmará nun documento de cooperación entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade e o Concello de Tui.

Mañá ábrese o prazo de solicitudes para pescar lamprea no río Tea

A Xunta abre mañá o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Tea. Así se recolle na Orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) co fin de regular e autorizar a pesca desta especie nesta zona así como fixar o período e as condicións para poder participar na tempada de 2023.

O período hábil estenderase do 13 de febreiro ao 28 de maio e realizarase en días alternos: os luns, mércores e venres desde as estacadas impares; e os martes, xoves e sábados desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 08,00 horas dos domingos ata as 21,00 horas dos luns; polo tanto, permítese a pesca desde as 21,00 horas do día autorizado ata as 08,00 horas do día seguinte.

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que cada ano se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado.

Así, as lampreas péscanse desde pontóns de madeira (estacadas) autorizadas previamente. En cada unha poden pescar catro persoas, que accederán a estes postos para a colocación de estacadas mediante un sorteo público previo, que nesta ocasión terá lugar o próximo 10 de febreiro no refuxio da Freixa (Ponteareas), ás 11 horas.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partir de mañá, 11 de xaneiro. Unha vez finalizado este período, elaborarase unha lista cos admitidos e excluídos para participar no devandito sorteo. De acordo co número obtido, cada persoa adxudicataria retirará un lote de permisos de cuarta categoría para toda a tempada, logo de pagar o prezo público que corresponda e de presentar a licenza de pesca correspondente.

Ademais, como vén sendo habitual, entregaráselle a cada pescador, xunto cos permisos, un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá manter debidamente cuberto e sempre á disposición das autoridades competentes.

Redondela denuncia o uso irregular da Enseada de San Simón por parte da Autoridade Portuaria de Vigo

0

O Concello de Redondela vén de reunirse coa Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, a Asociación de Veciños de Chapela e representantes da Confraría de Pescadores de San Xoan de Redondela e Virxe do Carme de Arcade entre outros representantes de asociacións e entidades afectadas. Na reunión estudaron as vías de actuación ante a actual situación da ría. Denuncian os efectos negativos dos usos irregulares da Enseada de San Simón, por parte da Autoridade Portuaria de Vigo.

Na reunión deste luns acordaron demandar a “paralización inmediata da actividade de estacionamiento de coches no Peirao da Pedra. Así como a súa retirada sen riscos para a circulación e os peóns”, explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas.

A xurisdición da APV sobre a lámina de auga da ría de Vigo sostense por criterios administrativos preconstitucionais de 1966 e toda a súa actividade está inmersa nun océano de inseguridade xurídica por non adaptarse ao ordenamento lexislativo actual. En ausencia dos instrumentos legais de planificación e desenvolvemento das actividades portuarias, como a DEUP, a Autoridade Portuaria decidiuse pola vía de actuación dos feitos consumados e está a poñer en marcha a terceira terminal portuaria na Ensenada de San Simón desenvolvendo múltiples actividades convertindo a Ensenada nunha dársena mais de porto de Vigo, destacándose:

  • O Establecemento da estivadora TERMINAIS ATLÁNTICAS VIGO (TAV), sen concesión.
  • Almacenaxe e reparación de contenedores.
  • Reparación e limpeza de grandes buques de transporte de automóbiles.Caso Galicia de Suardiaz
  • Base de barcos oceanográficos
  • Refuxio para situación de risco de vertedura . Caso portacontenedores W. VERMEER. Achique chapapote
  • Depósito ou aparcadoiro de coches.

Ao mesmo tempo, a APV decidiu demoler o antigo cargadeiro de mineral de Rande, estrutura catalogada como patrimonio histórico industrial. Sobre a operatividade portuaria na Ensenada, a Alcaldesa de Redondela expuxo publicamente a posición da institución municipal de “rexeitamento ao depósito de contenedores en Rande”.

Tamén se pronunciou o Pleno Municipal do 08/09/2022 a través da moción “ rexeitamento dá actividade industrial impulsada pola Autoridade Portuaria de Vigo no coñecido como Peirao da Pedra en Rande”.

Nesa liña, o Goberno redondelán considera necesario “evitar a ocupación innecesaria de solo e os efectos negativos sobre a Rede Natura 2000 e concretamente a enseada de San Simón, favorecer a actividade vinculada aos recursos productivos de pesca tradicional, marisqueo o cría de moluscos , valores e potencialidades ambientais, como garantía para manter a compatibilidade coa biodiversidade e os habitats de interese europeo. Así poderase, maximizar a protección de espazos ou elementos de interese natural”, cousa que o actual documento da DEUP non fai.

Os recheos de Bouzas e o do Peirao da pedra en Rande son dúas probas reais dos efectos críticos, permanentes e irreversibles das infraestruturas portuarias sobre a ría, que sepultaron a biodiversidade do leito mariño exterminaron especies produtivas de marisco e destruíronse miles de postos de traballo para transferir valor unicamente á conta de resultados dunha minoría de empresas.

A Xunta impulsa a apertura dun novo vial no casco urbano de Arbo

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vai impulsar a apertura dun novo vial no casco urbano do Concello de Arbo entre a rúa Vázquez Estévez e a estrada autonómica PO-400 cun investimento de 315.000 euros financiado ao abeiro do Plan Hurbe.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a adxudicación destes traballos e o seu inicio inminente nunha visita ao camiño de paso existente que será ampliado e convertido nunha nova rúa para estender a trama urbana de Arbo. No acto estivo acompañado polo alcalde, Horacio Gil, e outros membros do goberno local.

“Os obxectivos da Xunta co Plan Hurbe céntranse na mellora das contornas urbanas, da accesibilidade e dos equipamentos municipais, especialmente nos concellos rurais, polo que este ambicioso proxecto presentado polo Concello de Arbo encaixa perfectamente na nosa filosofía e, ademais, enmárcase nas constantes accións de cooperación e colaboración do Goberno galego coas administracións locais”, sinalou o representante autonómico.

Esta actuación, que conta cun prazo de execución de seis meses, consistirá na ampliación dun camiño de 2,5 metros de anchura para a súa conversión nunha rúa cunha plataforma de dez metros, respectando deste xeito o disposto polo plan urbanístico municipal, que disporá dun carril de sentido único de 2,9 metros, senllas beirarrúas en ambas marxes que suman 5,1 metros de anchura e unha franxa de zona verde no espazo restante.

O carril de circulación acometerase en formigón desactivado, mentres que as beirarrúas, que estarán no mesmo plano de altura, terán bordos de granito para diferenciar ditos ámbitos e executaranse en cor terrizo sobre saburra. Así mesmo, construiranse muros de contención laterais para garantir a seguridade e instalaranse todas as redes de servizo para abastecemento de augas, saneamento con redes separativas de augas pluviais e fecais, rego, electricidade e telecomunicacións.

A obra, que se estenderá ao longo dun ámbito de 2.200 m2, completarase con medidas de calmado de tráfico como un paso de peóns elevado e a redución da velocidade máxima a 30 quilómetros por hora, elementos de xardinaría, sinalización, mobiliario urbano e dous bancos.

“Trátase dunha  actuación que vai supoñer un antes e un despois na vila de Arbo, posto que liberará e desconxestionará o tráfico do centro urbano e humanizará toda esta contorna con itinerarios peonís seguros e amables para os veciños”, concluíu o delegado territorial.

Preséntase en Tui o libro “Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida”

0

Este venres, 13 de xaneiro, ás 19.30 h na Biblioteca Municipal de Tui, terá lugar a presentación do libro “Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida”. Esta publicación foi elaborada durante o confinamento polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego e destinado para o enredo neses espazos reducidos en clima familiar. Trátase dunha ampla e variada mostra de xogos e brinquedos de doada realización que axudan á convivencia harmónica e á socialización.

A publicación, editada pola Deputación Provincial de Lugo, recompila un total de 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza. O libro conta coas ilustracións de Iván Mouronte, autor dos deseño que acompañan a descrición dos xogos.

Cando en marzo do ano 2020 a pandemia de COVID-19 obrigou a realizar un confinamento estrito nos fogares en moitas familias aumentou o tempo dedicado aos xogos, buscando manter entretidas as crianzas. Nese momento gañaron importancia moitos xogos tradicionais e populares, que aseguraron horas de diversión para a cativada, e dos que se podían atopar exemplos na web http://www.xogostradicionais.gal desenvolvida polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que durante a pandemia se ocupou de difundir estes xogos a través das redes sociais e das súas propias canles dixitais.

Na presentación deste venres participarán Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino e Cultura, Xerardo Feijoo, da A.C.P. Ponte nas Ondas, Paco Veiga da AGXPT, e Manolo García de Recuncho das Argalladas. Moderará Pepe López, profesor do IES Indalecio Pérez Tizón.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, a presentación desta obra resulta de gran interese pois ofrece tanto aos profesionais da educación, como ás familias e a todos os interesados por esta temática unha preciosa fonte de recursos, un riquísimo catálogo de xogos tradicionais galegos para xogar na casa, na escola, nos espazos públicos…

O frautista ponteareá Luis Soto gravará en directo en Guláns o seu vindeiro libro-disco

Ponteareas comeza o ano con música da man de destacados intérpretes das orquestras profesionais de Galicia, entre eles o ponteareá Luis Soto, frautista e profesor na Real Filharmonía de Galicia, docente no Taller Atlántico Contemporáneo e integrante do Trío Acivro xunto cos seus fillos, Lucas e Cecilia, co que busca introducir a nenos e nenas no mundo da música clásica a través dos contos. Soto chega esta semana á súa vila natal xunto con Fisión Atlántica Ensemble, grupo co que ofrecerá unha serie de seis concertos por distintos puntos da vila organizados polo Concello de Ponteareas e que rematarán coa gravación en directo da actuación en Guláns para a publicación do seu vindeiro libro-disco.

Este ciclo de concertos organizado polo Concello de Ponteareas comezará este mércores 11 de xaneiro ás 20.00 horas no Centro Cultural de Guillade e continuará o xoves 12 con sesión dobre, ás 18.00 horas cunha actuación didáctica no Conservatorio de Ponteareas e ás 20.00 horas no Centro Cultural de Xinzo. O venres 13 Fisión Atlántica Ensamble encherá coa súa música o IES Val do Tea para un novo concerto didáctico ás 12.00 horas para o alumnado e cunha actuación ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal.

Soto celebrará o colofón final deste ciclo musical volvendo á súa parroquia cunha actuación o sábado 14 ás 20.00 horas na Igrexa de Guláns, concerto do que se gravará son e vídeo en directo para un libro-disco sobre a figura de Joseph Haydn escrito por Suso de Toro, producido por Casa de Tolos e publicado por Edicións Xerais. O programa contará con pezas do autor austríaco e cuartetos para frauta e trío de cordas coas Danzas de Reis de Guláns.

Luis Soto compartirá escenario con Nikolay Velikov, violinista e autor de todos os arranxos das Danzas de Reis; Ioana Ciobotaru, que tocará a viola; Álvaro Quintanilla, co violonchelo; e Pablo Carpintero ao fronte da pipa galega. As transcricións a partitura das Danzas de Reis son obra de Miro González.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a gozar destes concertos de balde abertos a todos os públicos e “poder ver en directo músicos da nosa terra tan reputados como o frautista Luis Soto, que non se esquece da súa Ponteareas natal e que regresa para gravar en directo o seu próximo traballo musical”.

A instalación do 5G en Porriño pode xerar interferencias coa TDT os vindeiros días

As operadoras de telefonía móbil anunciaron que nos próximos días activarán un novo nodo para a implantación no Porriño dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, sobre as bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, o que permitirá aos porriñeses gozar de conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica.

Esta activación pode conlevar a aparición de determinadas afectacións na recepción do sinal das canles da TDT, debido a que se utilizaban anteriormente para o servizo de televisión.

Para solventar estas incidencias, habilitouse o teléfono de atención gratuíto 900 833 999, ao que poden recorrer todos os usuarios que necesiten solicitar a actuación nas súas instalacións para a solución das afectacións e, deste xeito, que poida restablecerse o servizo TDT con total normalidade.

Tras a notificación, un técnico cualificado de “Llega700” –entidade posta en marcha polos operadores para solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión – desprazarase onde se detectou a incidencia e procederá a realizar os labores de acondicionamento necesarias para liquidala. Todo iso sen custo algún para os cidadáns.

O proceso de implantación está a realizarse de forma paulatina por toda a xeografía nacional.

A Exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción” xa se atopa na Guarda

0

Na mañá deste martes día 10 de xaneiro de 2023 a Casa dos Alonso acolleu a inauguración da Exposición “O noso Mundo, o noso futuro, a nosa opción”, que estará ata o próximo 26 de xaneiro, día da educación ambiental e que se pode visitar de luns a venres en horario de 8:00 h a 15:00 h.

No acto de inauguración contouse coa visita do alumnado do Colexio PP Somascos da Guarda, que foron recibidos polo Alcalde da vila, Antonio Lomba, a Concelleira de Medio Ambiente, Montserrat Magallanes e a técnica de Medio Ambiente Municipal.

Moitas das actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases de efecto invernadoiro, e por tanto, contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático. A subida do nivel do mar, as ondas de calor, tormentas, inundacións,… son algunhas das consecuencias que por todo o planeta provocará o cambio climático. Nas nosas mans está impedir que isto suceda, pero é preciso que todos os actores sociais involúcrense na loita contra este fenómeno global.

Tamén cabe dicir que a temática do cambio climático é complexa, e como consecuencia hai un gran descoñecemento sobre el por parte da cidadanía. Con esta exposición preténdese dar a coñecer a todos os galegos e galegas o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia. Ademais tenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

Esta exposición está baseada no proxecto CLARITY – Acción Educativa polo Clima – pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e respostas que se están propoñendo para facerlle fronte. CLARITY, deseñada en formato CD, é unha ferramenta que facilita a centros educativos, asociacións culturais, municipios e calquera outra organización interesada, a montaxe da súa propia exposición sobre cambio climático e a organización de actividades relacionadas.

A exposición conta con 19 paneis, ademais de un vídeo curto de 15 minutos.

As Neves aproba unha “liña de emerxencia” para arranxar os danos do temporal

0

O Goberno local das Neves, aprobará unha ‘Liña de Emerxencia’ dotada con 100.000 euros, para facer fronte aos traballos de reparación dos múltiples danos causados polo pasado temporal, en practicamente todas as parroquias do Concello.

Estes traballos súmanse aos xa realizados, e aos que aínda se están a facer, dende o pasado día 31, por persoal municipal, coordenado polos concelleiros de Vías e Obras e primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, e de Servizos, e segundo tenente de alcalde, Óscar Gónzalez.

Os mesmos centráronse, dende a mesma noite de Fin de ano, en deixar transitables camiños e accesos, imprescindibles para que os veciños poidan recuperar a súa vida normal, e eliminar o perigo en zonas que se derrubaron. Ao mesmo tempo, o Goberno local levou a cabo a valoración dos moitos desperfectos e avarías que deixaron a choiva – que superou os 80 l/m2 en varios momentos- e o vento -de máis de 70km/h-  ao seu paso, dende caída de árbores, pasando por cortes nas liñas do subministro eléctrico ou telefónico, saneamento ou o pavimento, anegamento de fincas, roturas de tubaxes, afundimentos ou vencementos de muros de contención.

Esta avaliación levou á decisión de aprobar esta ‘Liña de Emerxencia’ para paliar os danos acometendo e adxudicando a realización de diferentes arranxos, en varios lugares nos que o vento, e especialmente a choiva, causaron avarías e roturas de gravidade

Así, as tarefas abrangueran Taboexa, onde hai problemas en pistas, camiños, pozas, tubaxes, eidos, e firmes no Regonovo; O Reguengo; na decantadora do Freiro; Leiradiño; Arufe e Costoura. Tamén haberá que actuar na Pista da Mo,en Rubiós, para colocar unha escolleira no río Xuliana; na Estación; en Guláns; Deputráns; San Nomedio; Santa Eulalia de Batalláns; Pio; O Viso e Trasdoval ou Pasqueixóns.

Como apunta o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, estas actuacións son a maiores das xa realizadas e nas que está a traballar o persoal do Concello, e non son un número pechado, senón que irán incorporándose outras, se así fose preciso, para garantir a seguridade e que as veciñas e veciños recuperemos canto antes a normalidade.

A Deputación publica as bases dos I ‘Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra’

A Deputación vén de publicar no BOPPO as bases para a concesión dos I ‘Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra’, cos que a institución busca recoñecer as actuacións levadas a cabo neste eido por empresas e entidades para transformar e mellorar a oferta turística na provincia, dando resposta ás inquietudes das persoas turísticas responsables e concienciando sobre o potencial de cambio que supón un turismo sostible. A Deputación entregará os 3 premios honoríficos, sen dotación económica, durante a Gala Anual de Turismo Rías Baixas.

Cos ‘Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra’, iniciativa incluída no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, a Deputación conciencia de que un turismo sostible é posible sensibilizando ao sector e ás persoas visitantes na necesidade de actuar de xeito responsable para que estas prácticas sirvan de modelo e exemplo a seguir. Ademais, tamén conciencia da importancia de incidir nun cambio de actitudes a prol dunha maior cohesión social e territorial. Así, con estes novos galardóns, quérese contribuír á posta en valor social e profesional das persoas e entidades galardoadas no sector turístico. Os premios nacen con intención de continuidade no tempo e co obxectivo de incorporarse a outras accións e iniciativas que se aliñen no avance da implementación de medidas concretas para mellorar e facer máis competitiva a oferta turística desde o enfoque da sostibilidade. Unicamente haberá unha categoría, na que se entregarán un 1º, un 2º e un 3º premio.

Pódense presentar aos premios todas as persoas profesionais e autónomas e entidades públicas e privadas do sector turístico que sexan titulares ou presten servizos nalgunha destas 33 categorías: axencias de viaxes, albergues, aloxamentos rurais, aluguer de vehículos e embarcacións, aparcamentos turísticos, artesanía, atraque de cruceiros e ferries, bares de cafetarías, bodegas, cámpings e áreas de auto caravanas, campos de golf e de Pitch & Putt, comercios, Convention Bureau, escolas de español para persoas estranxeiras, espazos para turismo de reunións, espazos protexidos, experiencias e talleres turísticos, guías de turismo, hoteis e apartamentos turísticos, museos e centros de interese turístico visitables, oficinas de información turística, OPC, parques de ocio, praias, portos deportivos, restaurantes e empresas turísticas de catering, seguridade cidadá, taxis, transporte turístico, turismo activo, turismo de benestar, turismo industrial e vivendas de uso turístico. Valoraranse proxectos ou prácticas prestadas desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 31 de outubro de 2022.

Valorarase a posta en marcha de accións relacionadas coa economía circular mobilidade sostible, a aliñación cos ODS, o carácter innovador da entidade, as melloras obtidas e a súa cuantificación, formación na materia, accións de comunicación para o fomento do turismo sostible e responsable, a colaboración e participación en actividades e proxectos a nivel local, provincial ou autonómico, o emprego e fomento de recursos locais na oferta de produtos e servizos, os sistema de aforro ou mellora eficiente da entidade, así como dispoñer de certificados ou distintivos en vigor.

As entidades teñen un prazo de 20 días hábiles para presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica. Outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

O Porriño xa ten gañadores do concurso de decoración de escaparates

O primeiro Concurso de Escaparates de Nadal organizado polo Concello do Porriño xa ten gañadores.

`The Game Tatoo & Piercing´ (rúa Manuel Rodríguez, 9) e a súa factoría de xoguetes fíxose co primeiro premio. O segundo foi para a casiña de doces de `SuperSugar´ (praza de Abastos, Planta 1) e o terceiro para a montaxe de `O-Exo Floristería´ (rúa Manuel Rodríguez, 40. Baixo).

A suma do voto popular e xurado otorgou tamén seis mencións especiais a `Lolyana´ (rúa Ramiranes, 4, baixo), `Obradoiro Kreativo´ (rúa O Pinar, 4), `Dándara´ (rúa Ramón González, 13), `Tía Tata´ (rúa Ramón González, 33), `Origen Café´ (praza Antonio Palacios, 5) e `Peluquería Susy 2´ (rúa Manuel Rodríguez, 62).

A votación popular levou o peso do concurso e o xurado, formado por representantes do tecido asociativo do municipio, outorgou a súa puntuación (sobre 100) valorando a composición e deseño, calidade, iluminación, creatividade e orixinalidade, exposición dos produtos e integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A suma de ambas determinou aos gañadores.

O primeiro premio estaba dotado de 1.200 euros, o segundo de 800 euros e o terceiro de 500 euros. Cada unha das mencións especiais premiouse con 250 euros.

A Mancomunidade do Baixo Miño pedirá unha partida orzamentaria excepcional para os danos provocados polas choivas

Alcaldes da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño reuníronse este luns de urxencia para valorar os cuantiosos danos sufridos nos catro concellos (A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui) tras o temporal e as abundantes choivas acumuladas durante a xornada de ano novo. Tras o elevado balance de estragos producidos, a Mancomunidade do Baixo Miño solicitará a todas as administracións unha partida orzamentaria especial dada a excepcionalidade dos danos na comarca, onde caeron case 126 litros por metro cadrado, un récord absoluto dende que se teñen rexistros históricos da estación meteorolóxica de Areas, en Tui.

Así, no concello da Guarda as chuvias deixaron derrubes no Monte Santa Trega e na zona do Muíño, así como inundacións e danos especialmente graves na zona do Codesal, onde se precisará unha reparación urxente polo perigo que pode supoñer para a veciñanza. En canto ao Rosal, as zonas máis afectadas foron a pesqueira do río Carballa e a Senda do Miño, aínda que tamén se produciron importantes estragos en numerosos muros e estradas.

Pola súa banda, a imprevisible cantidade de chuvia fixo que en Tomiño se fundiran muros e camiños, que se moveran do sitio os peiraos do Miño, causando un grave perigo para a navegación, e que parte da fortaleza de San Lourenzo de Goián se vira afectada. Mentres, en Tui viuse afectado o paseo fluvial, así como algúns muros do ámbito do Camiño de Santiago e parte da zona histórica.

Os catro rexedores e rexedoras solicitaron xa a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, para que comproben in situ o elevado número de estragos provocados en diferentes puntos dos catro municipios da comarca.

As alcaldesas e alcaldes da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui estudarán ademais co Delegado do Goberno a posibilidade de solicitar a declaración de zona catastrófica dado os numerosos estragos acumulados. Por outro lado, a Mancomunidade pedirá información sobre a apertura dos encoros no Miño ante a posibilidade de que puideran ter agravado aínda máis os danos provocados polas fortes chuvias.

“Agora ti” a nova campaña motivacional da piscina do Val Miñor

A Piscina Mancomunada do Valmiñor que, tras o acordo entre Serviocio e a Mancomunidade, recuperou a temperatura da auga da piscina a 28,5 graos, anima a todo o mundo a reactivarse tras o nadal. Nesta época de reunións con amigos e familiares, na que algunhas veces cae nalgún exceso, volver a un estilo de vida san faise, aínda máis se cabe, imprescindible.

Para axudar a conseguir este obxectivo, Serviocio puxo en marcha unha nova campaña baixo o reclamo “Agora ti. A túa motivación, a túa desconexión, o teu benestar”. Esta mensaxe non só incentiva a comezar a actividade física, senón que destaca os obxectivos tan diversos que se poden lograr coa actividade deportiva.

A matrícula é gratuíta ata o 31 de xaneiro para todos aqueles que queiran acudir ao centro. Ademais, as familias contarán con vantaxes especiais no seu abono. Para máis información sobre esta promoción pódese consultar a web www.serviocio.es/ahoratu.

Piscinas, salga fitness, sauna e baño de vapor son algunhas das zonas deste centro deportivo. Esta variedade permite que todos atopen o deporte que mellor se adapte a cada un. Nestes espazos desenvólvense multitude de actividades dirixidas como ciclo indoor, core, funtional ou pilates. Dispón tamén de servizos adaptados aos máis pequenos como a escola de natación.

30 anos de Serviocio

Ademais, este 2023 a xestora do centro deportivo de Valmiñor, Serviocio, cumpre 30 anos dedicados ao sector fitness. O grupo Serviocio comezou a súa andaina coa xestión dunha piscina municipal en Ferrol en 1993 e actualmente conta con 37 centros deportivos repartidos en 11 provincias españolas.

A Xunta axudará ata con 3.000 euros aos universitarios con dificultades para continuar cos estudos

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas destinadas ao alumnado das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia que, por causas sobrevidas ocorridas ao longo do curso académico 2022/23, teña dificultades económicas para continuar estudos. O obxectivo desta liña de actuación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é que a aparición dun suceso ou situación imprevista non obrigue a un alumno a abandonar a súa formación por falta de recursos.

Entre estas causas están a orfandade absoluta, o desemprego, o falecemento, a falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, a condición de emigrante retornado, a de vítimas de violencia de xénero ou actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar. O curso pasado recibiron estas axudas 18 alumnos, cunha contía total de 50.500 €.

Contías e requerimentos

As axudas, cuxo importe dependerá da renda familiar, oscilarán entre os 1.750 e os 3.000 euros. Para acceder a elas, os alumnos deberán estar matriculados no curso académico 2022/23 como mínimo en 50 créditos en estudos universitarios de grao, en calquera das universidades públicas galegas. No caso do alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, deberá de estar matriculado como mínimo de 30 créditos.

Ademais, a renda per cápita da unidade familiar deberá ser inferior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2023 multiplicada por 1,80.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Se a causa imprevista aconteceu con anterioridade á publicación da convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 9 de febreiro. Se ocorre con posterioridade, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo a data límite o 31 de xullo. Se a causa é o falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, o prazo de presentación abranguerá desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo.

A exposición “O Camiño Portugués, lembranzas de mar e de pedra” foi visitada por 650 persoas en decembro

0

A exposición “O Camiño Portugués, lembranzas de mar e pedra” foi visitada por 650 persoas durante o mes de decembro.  A mostra, que foi inaugurada o 1 de decembro, na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui presenta 71 fotografías dos séculos XIX, XX e XXI, nas que se reflicten ás realidades, paisaxes e patrimonio da ruta xacobea que une as cidades do Porto e Santiago de Compostela e que ten en Tui a súa porta histórica de entrada en Galicia.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, este número de visitantes significa unha media de case trinta persoas que acceden diariamente a contemplar esta magnífica exposición que combina fotografía histórica e a obra de novos valores da fotografía que realizan un achegamento ao territorio do Camiño Portugués.

A responsable da concellaría de Cultura anima a toda a veciñanza a achegarse a esta exposición onde Tui e as terras do Baixo Miño teñen un protagonismo especial nesta mostra, que recolle, entre outras, fotografías históricas tiradas no primeiro terzo do século XX por Pacheco, José R. Seco, José Moreira ou o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen retratou como ninguén a vida, xentes e paisaxes da España dos anos 20. A eles súmanse olladas antigas e contemporáneas da bisbarra e dos pobos lindeiros da fronteira portuguesa, como as que nos achegan José Gouveia Gomes Junior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Modesto Martínez. Pero as imaxes se conxungan con textos coma de Pérez Galdós e outros autores e que demostran “coma Tui é fonte de inspiración para escritores e fotógrafos” en palabras da comisaria da exposición Lucia Laín.

Lucía Laín é historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballou como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que comisariou máis de 12 exposicións.

A exposición pode visitarse na Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez de luns a venres de 9 a 14 h e de 16 a 21 h e os sábados de 9 a 13 h até o 28 de xaneiro.

SmartPeme comezou o ano con cinco novas formaciones

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novos obradoiros impartidos de xeito mixto, online e presencial, enmarcados na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas de ciberseguridade, CRM como forma de conquistar aos clientes, mellora da produtividade con Trello, como traballar as reservas dun aloxamento en Excel ou que é Blockchain.

Onteluns 9 de xaneiro o experto en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire, foi o encargado de impartir o curso “Ciberseguridade, Ramsomware e suplantación de identidade”. O obxectivo desta formación foi dar a coñecer o Ramsomware, en que consiste e como afecta. A suplantación de identidade é un ciberataque que está crecendo en popularidade e que adopta múltiples formas adaptándose as circunstancias de cada territorio.

Hoxe martes 10 impartirase unha nova acción, “CRM como aliado para conquistar ao cliente” na que se amosará como implementar o concepto de CRM (Costumer Relationship Management) na nosa filosofía de traballo de forma que podamos achegar unha experiencia personalizada a cada un dos nosos clientes potenciais e clientes. Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresarias, será quen conduza a formación.

Será o mércores 11 cando haberá dous obradoiros. Na quenda da mañá, Fatima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, conducirá o curso “Mellora a túa produtividade con Trello e outras aplicacións l”. No curso ensinarán as técnicas de produtividade e como xestionar ferramentas que permitan transformar o traballo: Trello e outras apps de almacenamento, calendarización ou colaboración de tarefas. Na da tarde, ás 17.30h e de xeito presencial no Concello de Moaña, terá lugar a instrución do obradoiro “Como traballar a base de clientes e reservas do teu aloxamento con Excel” no que se aprenderá a exportar e recompilar todos os datos dos clientes nun Excel e logo poder traballar sobre datos para realizar campañas e ofertas con éxito. Ás persoas interesadas en asistir deberán levar o seu computador persoal para traballar sobre os datos do seu aloxamento.

Por último, o xoves 12 pola mañá, impartirase o taller “Blockchain, que é e para que serve”. Será o primeiro dunha serie de catro obradoiros sobre temas de máxima actualidade, nel verase en que consiste a tecnoloxía Blockchain e como grazas a ela estamos ante o que se chama o internet do valor; unha forma de transmitir valor a través da rede. Este curso tamén será impartido polo experto Manuel Freire.

O Concello de Ponteareas presenta ‘Airiños do meu lugar e outros textos’

O Concello de Ponteareas continúa poñendo en valor o traballo creativo das e dos seus veciños a través da colección ‘Creadores Ponteareáns’ coa presentación dun novo volume desta serie: ‘Airiños do meu lugar e outros textos’, de Emilia Estévez Villaverde, unha escritora pioneira en Ponteareas.

Nada nunha familia conservadora, castelán falante e belixerante contra a nosa lingua, Estévez Villaverde decidiu facer da súa paixón polas letras a súa profesión converténdose en poetisa, contra a vontade do seu proxenitor, e empregando o galego nas súas creacións. Unha decisión que lle custou moitas discusións e ata algunha labazada que outra por parte de seu pai. De feito, non foi ata a súa morte cando Emilia comezou a publicar os seus textos. Corría o ano 1963, en plena ditadura franquista, polo que a súa aposta polo galego era tan salientábel como arriscada. Outro aspecto no que se pode considerar a Emilia Estévez Villaverde unha persoa adiantada no seu tempo é no xeito de publicar á marxe de calquera editorial: ela mesma encargábase de buscar a imprenta na que autoeditar os seus propios libros.

A obra de Emilia Estévez Villaverde vai dende a poesía ata a narrativa infantil ou o ensaio. Mais a súa primeira publicación foi ‘Airiños do meu lugar’, o poemario dedicado a Ponteareas que agora reedita o Concello de Ponteareas, e que na súa segunda edición contou con Otero Pedrayo como prologuista, un dos referentes culturais da época que soubo recoñecer o talento desta autora ponteareá.

A presentación desta nova obra correu a cargo do que fora director do Arquivo da Biblioteca Municipal de Ponteareas durante moitos anos, o profesor Rafael Sánchez Bargiela, responsable do prólogo e do estudo que introduce ‘Airiños do meu lugar e outros textos’. O acto culminou cun recital de poemas da autora a cargo de varias persoas referentes no mundo da escritura.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, asegurou que “a edición desta obra, que foi posíbel grazas á unha subvención da Deputación de Pontevedra, supón un paso máis cara a valorización e o recoñecemento do nome e a obra de Emilia Estévez Villaverde, unha ponteareá de recoñecido prestixio que foi caendo no esquecemento e que dende o Concello de Ponteareas queremos recuperar e reivindicar”.

Baiona acollerá unha segunda edición da formación “Galegas Dixitais”

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, continua coa súa colaboración co programa de formación G2alegas dixitais”, un programa de formación para a dixitalización das mulleres. O programa é totalmente gratuíto, promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e financiado a través dos fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea está organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación. O principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situación de desemprego ou en mellora de emprego. Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero .

Yasmina Moreira, concelleira da área de igualdade, sinala que despois da primeira edición do curso, hai mulleres interesadas en recibir esta formación, por iso, considera que unha segunda edición   é necesaria no municipio para dar resposta ás súas demandas . É unha oportunidade que lles da ferramentas para adaptarse a un mundo cada vez máis dixitalizado.e que sen dúbida mellorará a súa empregabilidade”.

As participantes na iniciativa realizarán un itinerario formativo deseñado para avanzar en tres niveis : dende o básico de competencias dixitais ata un grado máis avanzado que ademais permitirá as mulleres iniciarse se así o desexan , en competencias dixitais para o emprendemento.

A formación está agrupada nos seguintes bloques temáticos:

  • Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais avanzadas con 40 hora de duración
  • Competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración

O programa desenvolverase dende primeiros de febreiro de luns a venres horario de 9:00 a 14:00 horas no centro cultural Angel Bedriñana. Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán por en práctica o aprendido.

As mulleres interesadas deberán presentar a súa solicitude no CIM de Baiona en horario de 9.00 a 14.00 horas ata o 27 de xaneiro. De luns a venres e aportar fotocopia DNI, tarxeta de desemprego ou tarxeta de mellora de emprego.

Para máis información poden contactar no teléfono 986 35 75 54 ou a través do enderezo electrónico [email protected].

O Concello pecha temporalmente o paseo do río Maceiras

0

A Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Redondela vén de pechar temporalmente o acceso ó Paseo do Maceiras, por mor da crecida do río. O goberno local anuncia que “o paseo será arranxado e aberto ao público cando as condicións meteorolóxicas o permitan. Somos conscientes dos danos causados polas fortes choivas e estamos traballando para solucionalo”.

Debido á pluviosidade acaecida nestes días en Redondela, e debido ás crecidas naturais estacionais do río Maceiras, a Concellaría de Medio ambiente resolveu pechar o paseo. Trátase dunha medida temporal destinada a evitar posibles accidentes ou problemas entre as persoas viandantes da senda peonil. En canto disminúa o caudal do Río Maceiras dun xeito mínimamente estable e permita realizar o paseo con absoluta seguridade, a Concellaría abrirá de novo o acceso.

Entre os outros sucesos, recolléronse incidencias no sistema de augas que viuse superado, saltando varias tapas da rede de sumidoiros. A zona do IES Mendiño precisou saneamento, polo que o equipo do concello desprazouse á zona para  limpar as reixas fluviais.  “Tódolos eventos e espazos afectados xa están controlados.  Incluida a barreira de contención do Río Alvedosa, tamén perxudicada polas fortes choivas, que foi arranxada na mañá de hoxe”, explicaba a alcaldesa, Digna Rivas.

Preto de mil rondalleiros poñen o broche final ao Nadal do Porriño

O Porriño puxo onte o broche final aos festexos do Nadal 22-23 ao son das rondallas. Preto de mil rondalleiros e rondalleiras de dez agrupacións do Porriño, Mos, Tui, Nigrán e Gondomar puxeron en pé ao público que ateigou o pavillón municipal, que colgou o cartel de aforo completo.

Participaron a Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Rondalla Nosa Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán), a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Herville (Mos), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui) e as anfitrionas, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios  e a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas.

O certame foi retransmitido en directo a través das redes sociais do Concello do Porriño, onde contou cun nutrido número de “espectadores virtuais”, alcanzándose a 5.000 visualizacións.

Ante a gran afluencia coa que conta este evento, para que todo se desenvolvera sen incidencias habilitouse o pavillón 2 do polideportivo municipal para que os rondalleiros e rondalleiras que participaban puideran seguir dende alí o certame a través de dúas pantallas con emisión en directo mentres tomaban un chocolate quentiño.

A ministra de Industria e Turismo destaca a aposta de Baiona polo turismo sostible

0

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, elixiu Baiona para pasar uns días de descanso neste Nadal e mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Carlos Gómez Prado.

Maroto destacou o modelo de vila e turismo sostible polo que aposta o alcalde e o concello, o que motivou que fose o primeiro concello do Val Miñor en obter fondos Next Generation da UE para humanizar a contorna de Santa Liberata, entre outras actuacións.

“Quero felicitar ao alcalde e ao concello por aproveitar os fondos europeos para impulsar en Baiona un turismo sostible, dixital e inclusivo, que atrae a turistas de todo o mundo”, manifestou a ministra, unhas declaracións que deixou tamén por escrito no Libro de Honra do Concello de Baiona.

“Podes contar co meu apoio e o do Goberno de España para continuar xerando riqueza e emprego nesta vila”, engadiu Reyes Maroto.

Pola súa parte, o alcalde, Carlos Gómez Prado, agradeceu “a receptividade do Goberno de España ás demandas do Concello de Baiona”, co exemplo recente “do investimento de case sete millóns de euros nas zonas visitables do Parador e o alumeado exterior da muralla da fortaleza”.

A Guarda inaugura este martes a exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”

0

O vindeiro martes día 10 de xaneiro de 2023 ás 10:00 h terá lugar na Casa dos Alonso a inauguración da exposición “O noso Mundo, o noso futuro, a nosa opción”, que estará ata o próximo 26 de xaneiro, día da educación ambiental.

Neste acto de inauguración contarase coa visita do alumnado do Colexio PP Somascos da Guarda, que serán recibidos polo Alcalde da vila, Antonio Lomba e a Concelleira de Medio Ambiente, Montserrat Magallanes.

Moitas das actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases de efecto invernadoiro, e por tanto, contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático. A subida do nivel do mar, as ondas de calor, tormentas, inundacións,… son algunhas das consecuencias que por todo o planeta provocará o cambio climático. Nas nosas mans está impedir que isto suceda, pero é preciso que todos os actores sociais involúcrense na loita contra este fenómeno global.

Tamén cabe dicir que a temática do cambio climático é complexa, e como consecuencia hai un gran descoñecemento sobre el por parte da cidadanía. Con esta exposición preténdese dar a coñecer a todos os galegos e galegas o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia. Ademais tenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

Esta exposición está baseada no proxecto CLARITY – Acción Educativa polo Clima – pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e respostas que se están propoñendo para facerlle fronte. CLARITY, deseñada en formato CD, é unha ferramenta que facilita a centros educativos, asociacións culturais, municipios e calquera outra organización interesada, a montaxe da súa propia exposición sobre cambio climático e a organización de actividades relacionadas.

A exposición conta con 19 paneis, ademais de un vídeo curto de 15 minutos que será proxectado no Salón de Plenos.

Nigrán edita un calendario cunha ducia de mulleres do municipio como protagonistas

0

O Concello de Nigrán ven de editar 1000 almanaques de mesa cunha ducia de mulleres do municipio como as grandes protagonistas de cada mes. O obxectivo é  visibilizar entre toda a veciñanza o papel da muller no desenvolvemento económico, cultural e social da localidade e contribuír desde a administración local a rachar coa fenda de xénero e os seus estereotipos. Estes serán entregados a través da Oficina de Información Cidadá (planta baixa da Casa Consistorial) de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas ata esgotarse os exemplares.

As 12 mulleres posaron ante a cámara da fotógrafa nigranesa Bárbara Ceballos para ilustrar cada mes e o resultado está a vista no almanaque. Así, Xaneiro abre con Natalia Rodíguez de o refuxio de animais coñecido como ‘A illa de Thali’ en San Pedro da Ramallosa; Febreiro coa veciña de Camos Lucía Méndez, directora dun Centro de Día na comarca; Marzo con Consuelo e Vanesa Soto, propietaria do establecemento ‘7 Uvas’ de Nigrán; Abril coa brigadista forestal de XXX Noemi Rodríguez; Maio  con Lorena Vilán, responsable de Prado Surf; Xuño coa taxista Ángeles Hurtado; Xullo coa piloto de Rally Adriana Álvarez; Agosto coa tradutora audiovisual e cantautora Lucía Doval; Setembro coa baloncestista de cadeira de rodas Uxía Chamorro; Outubro con Raquel Gómez e Diana Muñoz da cooperativa Somos Terra; Novembro coa restauradora de Parada Celia Casás e o seu equipo (Eva Costas e Alejandra Casás) e Decembro coa pintora Lourdes Alonso.

“Os estereotipos de xénero siguen moi vixentes na sociedade e estas 12 mulleres, co seu papel,  contribúen a que tomemos conciencia desta realidade e a que visibilicemos o traballo  e esforzo extra que deben superar cada día ás mulleres para acadar as súas metas”, explica o alcalde, Juan González, quen sitúa nesta liña a exposición e catálogo ‘Mulleres de Nigrán -1970’ elaborado polo Concello e dirixido precisamente a visibilizar o papel da muller na historia do municipio grazas a imaxes nas que elas son as protagonistas.

Ponteareas celebra o Día das Persoas Usuarias na Biblioteca Municipal

O Concello de Ponteareas celebra o vindeiro martes, 10 de xaneiro, o Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas. A partir das 18:30 horas a Biblioteca Municipal acollerá o nomeamento das persoas usuarias na categoría infantil e adulto.

A concellería de Cultura agasallará un lote de libros ás e aos usuarios con máis préstamos en 2022 e todos  estes ‘superlectores’ e ‘superlectoras’ poderán retirar en préstamo un maior número de obras ao longo do presente ano. Pero as sorpresas non rematan aquí, todas as persoas asistentes ao acto serán nomeadas socias de honra e recibirán un marcapáxinas como agasallo.

Segundo asegura o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, “o obxectivo desta celebración é fomentar a lectura entre a cidadanía e convidar a todos os veciños e veciñas a que se acheguen á biblioteca e coñezan todos os seus servizos e actividades”.

A animación á lectura é unha das prioridades da Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas, así como ás actividades de extensión da biblioteca, de captación, de formación e en definitiva todo o que sexa abrirse ao público en xeral.

Tomiño mellora a eficiencia enerxética do alumeado público na rúa Gondomar

0

Tomiño segue avanzando na transformación enerxética do municipio. O Concello vén de completar os traballos de mellora do alumeado público na rúa Gondomar. En total, substituíronse 33 luminarias por luces LED de 135 watios, seguindo a normativa vixente.

A nova instalación conta cunha cualificación enerxética A e cumpre cos requirimentos de iluminación, calidade e confort visual regulamentados, conseguindo valores de iluminancia media de 30 lux e unha uniformidade por riba do 40%. Ademais, a instalación está dotada cun sistema de regulación que axusta os niveis de iluminación respectando os horarios nocturnos e tendo en conta as necesidades da veciñanza e do tipo de vía á que pertence.

A inversión, duns 39.000 euros, inclúe a garantía, mantemento e conservación da instalación durante 5 anos e permitirá un aforro medio dun 52% aproximadamente, é dicir, duns 7.000 euros anuais.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asegura que dende o goberno municipal “seguiremos traballando para mellorar o benestar e a calidade de vida dos tomiñeses e tomiñesas ao tempo que apostamos por reducir o consumo enerxético e camiñamos cara sistemas de alumeado cada vez máis eficientes”.

O CAAN pecha o 2022 con 616 adopcións

Por segundo ano consecutivo, o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra superou a simbólica e espectacular cifra das 600 adopcións. O 2022 converteuse así no segundo mellor ano da historia do centro, cun total de 616 animais que atoparon un novo fogar na provincia, en Galicia e mesmo noutros territorios do Estado e do estranxeiro. Son só 44 cans e cadelas por debaixo do récord acadado no 2021, en que foran 660 as adopcións. A institución provincial destaca así mesmo no balance do pasado ano a redución, aínda que leve, das recollidas de animais, 1.187 fronte ás 1.210 do 2021, así como a incorporación doutros dous concellos, Oia e Salceda de Caselas, ao servizo que presta o CAAN as 24 horas dos 365 días do ano para facer fronte ao abandono animal na provincia.

Coas 616 adopcións do pasado ano, o CAAN suma xa un total de 3.206 desde o 2015. Das acadadas no 2022, 4 foron no estranxeiro (2 en Alemaña e 2 en Suíza) e o resto en España, a maioría en Galicia (535), seguidas de Castela e León (53) e Asturias (14), Madrid (5), Andalucía (1), Canarias (1), Murcia (1), Comunidade Valenciana (1) e Castela A Mancha (1). No que se refire a Galicia, 459 foron na provincia de Pontevedra, 25 na Coruña, 45 en Lugo e 6 en Ourense. O Concello con máis adopcións foi Vigo (76), seguido de Pontevedra (42) e Gondomar (35), e hai que destacar tamén as rexistradas en Sanxenxo (22), Meis (19), Poio (16), Meaño (16) ou Vilagarcía, Marín, A Estrada, con 14. A cifra de 600 animais cun novo fogar alcanzouse o pasado 22 de decembro, en que saíu do centro “Poncho”, que fora recollido un mes antes en Sanxenxo e marchou para Vilagarcía.

Ponta, de 9 anos, é a cadela de maior idade

Outro dos datos a destacar no 2022 é que se puido dar saída aos animais que máis tempo levaban no CAAN, que alberga nestes momentos a preto de 250 cans e cadelas. Na actualidade, só hai un can (“Pasalo”, de 8 anos e que fora recollido en Sanxenxo) que permaneza no centro desde o 2020 e o resto dos veteranos levan desde o 2021. En canto aos de maior idade, saíu “Puri”, que con 11 anos era a avoa do centro e agora sucédelle “Ponta”, de 9 anos, unha sabuesa recollida en novembro en Pontecesures e que busca unha familia coa que vivir. Neste senso, a Deputación e o CAAN agradecen a labor que están a facer moitos colaboradores e colaboradoras para axudar a dar saída a estes avós e avoas, así como, por suposto, ás persoas que están a adoptar a estes animais, que a priori teñen máis problemas para atopar un fogar.

Recollidas

Por outra banda, aínda que segue a ser tristemente elevada, tamén hai que falar dunha leve redución nas recollidas que ao longo do 2022 efectuou o persoal do centro. Foron un total de 1.187, 23 menos que no ano anterior, e cunha media mensual de 156,1, o que supón unha baixa do 1,9 % respecto ao 2021, en que foran 159,2. Amais, da cifra total de animais rescatados, máis da metade, 548, puideron ser recuperados polas persoas propietarias, xa fora no lugar onde se produciu o aviso (240) ou nas propias instalacións do CAAN (308).

Así mesmo, hai que destacar que un dos grandes obxectivos que está a lograr o CAAN é que os animais recollidos pasen cada vez menos tempo nas instalacións e atopen máis cedo un novo fogar. Deste xeito, nos últimos dous anos reduciuse á metade, ao pasar dos 123,8 días no 2020 aos 56,1 no 2022, e no 2022 baixou tamén 13 puntos respecto ao 2021, en que era de 69,6.

Fronte ao abandono animal, o centro da Deputación seguirá a incidir neste 2023 nas campañas de sensibilización. A última posta en marcha foi “EduCAANdo”, dirixida especialmente a escolares de Primaria e ten como peza central o libro “Benvida á casa, Onza”, do que xa se repartiron máis de 1.500 os exemplares en centros educativos para o seu uso como material didáctico. No 2022, no marco desta campaña as instalacións da Armenteira recibiron a primeira visita dun centro escolar, o CPI Mosteiro de Meis, cuxos alumnos e alumnas de 3º e 4º de Primaria desfrutaron cunha xornada especial coñecendo aos animais do centro e vendo como traballa o persoal do CAAN. Este 2023 retomarase este programa de visitas.

Trala incorporación de Oia e Salceda de Caselas, son xa 52 os concellos de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións.  O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados. O persoal asesora ás persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitas como para formalizar  as adopcións pídese cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou  886 217 391.

A Festa da Lamprea de Arbo aspira a ser unha festa de interese turístico internacional

0

A lamprea en Arbo é toda unha tradición. Prepárase desde hai séculos e a que se captura a esta altura do Miño ten unha textura, unha cor e un sabor diferentes. De potente sabor, a lamprea é un manxar que non deixa indiferente a ninguén. Non existe constancia doutro pobo no mundo que teña unha tradición tan antiga e arraigada ao redor deste “peixe” ciclóstomo prehistórico e misterioso. Delicia gastronómica para moitos padais, que en Arbo elevan a unha cota de goce sublime grazas ás receitas ancestrais.

Desde fai sesenta e dous anos o concello de Arbo homenaxea este prezado manxar coa celebración da Festa  da Lamprea, a cal ten unha cita cada ano o  último domingo de abril. Son moitas as festas que se celebran por toda Galicia, a Festa da Lamprea é a Festa culinaria máis antiga alcanzando gran popularidade ao longo dos anos ata converterse en 2005 en “Festa de Interese Turístico de Galicia” e en 2016 en “Festa de Interese Turístico Nacional” que recoñece a antigüidade, continuidade no tempo, o arraigamento e a participación cidadá, así como a orixinalidade e diversidade dos actos e as accións de promoción realizadas para o efecto.

O alcalde, Horacio Gil, explicou que se envio á Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística da Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España o expediente e documentación xustificativa da Festa da Lamprea para conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.

A solicitude conta co apoio e aprobación do pleno da Corporación  así como da Axencia de Turismo de Galicia  e aprobar a solicitude da Festa de Interes Turistico Internacional. Grazas a este traballo desenvolto o expediente cumpre cos requisitos establecidos en Orde ICT/851/2019, do 25 de xullo, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional.  O arraigamento, a historia, o valor cultural e tradición da Festa da Lamprea pode seguirse a través da páxina web da Festa da Lamprea https://festadalamprea.gal/ creada polo Concello de Arbo no ano 2020. 

En palabras do profesor e historiador Manuel Xiraldez: Arbo, “A Vila da Lamprea”, con este lema de benvida no panel informativo da entrada á localidade empézase a recibir visitantes nos anos sesenta, e esta referencia do Petromizoico en capital esta fixado para sempre. En 1961, coa celebración do primeiro “Día da Lamprea”, o pobo de Arbo acaba de atopar un lugar no mundo, adquirindo para a posteridade este produto de Miño, tan excedente na época, apelido que fai referencia a un punto de orixe: “a lamprea de Arbo”. Ao longo de case medio século de vida, cando se celebraron as vodas de ouro en 2010, a festa anual do animal de Sete Buracos ou Peixe dos Nove Ollos é o principal aceno de identidade que sitúa ao vello Arbo en Galicia, España, Europa e o Mundo. Na revista da Asociación de Restaurantes Galegos en Europa (Lareira, nº 1. Madrid 1989) defínese Arbo como o “centro de gravidade do universo da lamprea” e nos mesmos anos un reclamo turístico sitúa neste punto xeográfico “A Meca da Lamprea”.

O rexedor arbense insistiu que a Festa da Lamprea “é a manifestación e o valor dun pobo. Un pobo orgulloso das súas tradicións, da súa paisaxe, do seu patrimonio, da súa historia, da súa enogastronomía e da súa Festa Maior. Un pobo onde a súa xente hospitalaria e os seus visitantes apostan polo desenvolvemento e mellora da calidade de vida deste municipio”.

“A Festa da Lamprea é o noso orgullo nela envorcamos todo o noso traballo, esforzo e agarimo”, manifestou o rexedor, Horacio Gil, “esta festa serve para render homenaxe a todas as persoas que ao longo da historia deron a coñecer a nosa localidade: precursores da Festa, alcaldes, corporacións, pescadores, cociñeiros, asociacións e veciños. A Festa é unha gran cita, a nosa cita, a nosa festa, que pretendemos converter en Festa de Interese Turístico Internacional”.

A Xunta impulsa unha rede de seguimento das bolboretas no Monte Aloia

0

A Xunta de Galicia está a traballar no deseño e posta en marcha dunha rede de seguimento de bolboretas nos parques naturais Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregán e Vixán, e Baixa Limia-Serra do Xurés, tres espazos cunha presenza importante deste tipo de insectos que supoñen un bo indicador ambiental á hora de detectar posibles cambios nos ecosistemas e cuxo seguimento, polo tanto, resulta de grande interese.

De feito, as bolboretas están consideradas como unha das especies de fauna e flora que requiren dunha atención especial debido á súa importancia ecolóxica xa que se trata dun dos indicadores de biodiversidade máis utilizados a nivel europeo e mundial.

Partindo desta premisa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu impulsar este ano un programa de seguimento de bolboretas en tres dos seis parques naturais de Galicia que, apoiado nunha rede de voluntariado, permita actualizar e mellorar o coñecemento existente sobre as poboacións destes insectos en cada un dos referidos espazos naturais.

Como primeiro paso, o pasado verán expertos da Sociedade para a Conservación e o Estudo das Bolboretas en España (Soceme) impartiron tres cursos formativos —un en cada parque— dirixidos a persoas interesadas nestes lepidópteros e dispostas a colaborar na elaboración de censos específicos que permitan estudar tendencias e establecer indicadores que poidan axudar á súa conservación, ao tempo que se obtén un coñecemento moi valioso sobre o estado da biodiversidade destes tres espazos naturais a través do estudo dos seus insectos e hábitats.

Grazas a estas accións formativas, que incluíron talleres de identificación de bolboretas, a Consellería xa conta cunha rede de voluntarios ambientais dispostos a participar na elaboración dos primeiros censos.

A tal fin, definiranse en cada parque diferentes transectos ou percorridos, de entre 1 e 2 quilómetros e escollidos pola representatividade deste grupo biolóxico, co fin de que cada 15 días as persoas que colaboran no proxecto realicen o traxecto tomando notas sobre os exemplares e especies que avisten.

Este labor de mostraxe será clave para elaborar os referidos censos polo que a Xunta ten pensado repetir a formación realizada o pasado verán co fin de sumar novos voluntarios a esta iniciativa de ciencia cidadá.

Así mesmo, no marco deste mesmo proxecto, o Executivo autonómico tamén elaborou tres folletos divulgativos nos que se recollen de forma moi visual e compendiada as variedades máis presentes e características de cada un dos parques seleccionados.

Cunha tirada inicial de 750 exemplares, en galego e en castelán, estas guías estarán dispoñibles en papel no mes de xaneiro nos centros de interpretación de Monte Aloia, Corrubedo e Xurés para ser repartidas entre os visitantes, e tamén se poderán consultar en formato dixital na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O programa, impulsado de forma pioneira nos tres parques naturais referidos e que terá continuidade en 2023 coa previsión de elaborar os primeiros censos a partir de primavera, está cofinanciada nun 80 % con fondos europeos FEDER.