14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Mancomunidade do Baixo Miño pedirá unha partida orzamentaria excepcional para os...

    A Mancomunidade do Baixo Miño pedirá unha partida orzamentaria excepcional para os danos provocados polas choivas

    Alcaldes da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño reuníronse este luns de urxencia para valorar os cuantiosos danos sufridos nos catro concellos (A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui) tras o temporal e as abundantes choivas acumuladas durante a xornada de ano novo. Tras o elevado balance de estragos producidos, a Mancomunidade do Baixo Miño solicitará a todas as administracións unha partida orzamentaria especial dada a excepcionalidade dos danos na comarca, onde caeron case 126 litros por metro cadrado, un récord absoluto dende que se teñen rexistros históricos da estación meteorolóxica de Areas, en Tui.

    Así, no concello da Guarda as chuvias deixaron derrubes no Monte Santa Trega e na zona do Muíño, así como inundacións e danos especialmente graves na zona do Codesal, onde se precisará unha reparación urxente polo perigo que pode supoñer para a veciñanza. En canto ao Rosal, as zonas máis afectadas foron a pesqueira do río Carballa e a Senda do Miño, aínda que tamén se produciron importantes estragos en numerosos muros e estradas.

    Pola súa banda, a imprevisible cantidade de chuvia fixo que en Tomiño se fundiran muros e camiños, que se moveran do sitio os peiraos do Miño, causando un grave perigo para a navegación, e que parte da fortaleza de San Lourenzo de Goián se vira afectada. Mentres, en Tui viuse afectado o paseo fluvial, así como algúns muros do ámbito do Camiño de Santiago e parte da zona histórica.

    Os catro rexedores e rexedoras solicitaron xa a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, para que comproben in situ o elevado número de estragos provocados en diferentes puntos dos catro municipios da comarca.

    As alcaldesas e alcaldes da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui estudarán ademais co Delegado do Goberno a posibilidade de solicitar a declaración de zona catastrófica dado os numerosos estragos acumulados. Por outro lado, a Mancomunidade pedirá información sobre a apertura dos encoros no Miño ante a posibilidade de que puideran ter agravado aínda máis os danos provocados polas fortes chuvias.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.