Venres, 13 Decembro de 2024

O frautista ponteareá Luis Soto gravará en directo en Guláns o seu vindeiro libro-disco

Ponteareas comeza o ano con música da man de destacados intérpretes das orquestras profesionais de Galicia, entre eles o ponteareá Luis Soto, frautista e profesor na Real Filharmonía de Galicia, docente no Taller Atlántico Contemporáneo e integrante do Trío Acivro xunto cos seus fillos, Lucas e Cecilia, co que busca introducir a nenos e nenas no mundo da música clásica a través dos contos. Soto chega esta semana á súa vila natal xunto con Fisión Atlántica Ensemble, grupo co que ofrecerá unha serie de seis concertos por distintos puntos da vila organizados polo Concello de Ponteareas e que rematarán coa gravación en directo da actuación en Guláns para a publicación do seu vindeiro libro-disco.

Este ciclo de concertos organizado polo Concello de Ponteareas comezará este mércores 11 de xaneiro ás 20.00 horas no Centro Cultural de Guillade e continuará o xoves 12 con sesión dobre, ás 18.00 horas cunha actuación didáctica no Conservatorio de Ponteareas e ás 20.00 horas no Centro Cultural de Xinzo. O venres 13 Fisión Atlántica Ensamble encherá coa súa música o IES Val do Tea para un novo concerto didáctico ás 12.00 horas para o alumnado e cunha actuación ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal.

Soto celebrará o colofón final deste ciclo musical volvendo á súa parroquia cunha actuación o sábado 14 ás 20.00 horas na Igrexa de Guláns, concerto do que se gravará son e vídeo en directo para un libro-disco sobre a figura de Joseph Haydn escrito por Suso de Toro, producido por Casa de Tolos e publicado por Edicións Xerais. O programa contará con pezas do autor austríaco e cuartetos para frauta e trío de cordas coas Danzas de Reis de Guláns.

Luis Soto compartirá escenario con Nikolay Velikov, violinista e autor de todos os arranxos das Danzas de Reis; Ioana Ciobotaru, que tocará a viola; Álvaro Quintanilla, co violonchelo; e Pablo Carpintero ao fronte da pipa galega. As transcricións a partitura das Danzas de Reis son obra de Miro González.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a gozar destes concertos de balde abertos a todos os públicos e “poder ver en directo músicos da nosa terra tan reputados como o frautista Luis Soto, que non se esquece da súa Ponteareas natal e que regresa para gravar en directo o seu próximo traballo musical”.