10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiPreséntase en Tui o libro “Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida”

    Preséntase en Tui o libro “Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida”

    Este venres, 13 de xaneiro, ás 19.30 h na Biblioteca Municipal de Tui, terá lugar a presentación do libro “Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida”. Esta publicación foi elaborada durante o confinamento polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego e destinado para o enredo neses espazos reducidos en clima familiar. Trátase dunha ampla e variada mostra de xogos e brinquedos de doada realización que axudan á convivencia harmónica e á socialización.

    A publicación, editada pola Deputación Provincial de Lugo, recompila un total de 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza. O libro conta coas ilustracións de Iván Mouronte, autor dos deseño que acompañan a descrición dos xogos.

    Cando en marzo do ano 2020 a pandemia de COVID-19 obrigou a realizar un confinamento estrito nos fogares en moitas familias aumentou o tempo dedicado aos xogos, buscando manter entretidas as crianzas. Nese momento gañaron importancia moitos xogos tradicionais e populares, que aseguraron horas de diversión para a cativada, e dos que se podían atopar exemplos na web http://www.xogostradicionais.gal desenvolvida polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que durante a pandemia se ocupou de difundir estes xogos a través das redes sociais e das súas propias canles dixitais.

    Na presentación deste venres participarán Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino e Cultura, Xerardo Feijoo, da A.C.P. Ponte nas Ondas, Paco Veiga da AGXPT, e Manolo García de Recuncho das Argalladas. Moderará Pepe López, profesor do IES Indalecio Pérez Tizón.

    Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, a presentación desta obra resulta de gran interese pois ofrece tanto aos profesionais da educación, como ás familias e a todos os interesados por esta temática unha preciosa fonte de recursos, un riquísimo catálogo de xogos tradicionais galegos para xogar na casa, na escola, nos espazos públicos…

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.