15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas presenta 'Airiños do meu lugar e outros textos'

    O Concello de Ponteareas presenta ‘Airiños do meu lugar e outros textos’

    A obra forma parte da colección ‘Creadores Ponteareáns’

    O Concello de Ponteareas continúa poñendo en valor o traballo creativo das e dos seus veciños a través da colección ‘Creadores Ponteareáns’ coa presentación dun novo volume desta serie: ‘Airiños do meu lugar e outros textos’, de Emilia Estévez Villaverde, unha escritora pioneira en Ponteareas.

    Nada nunha familia conservadora, castelán falante e belixerante contra a nosa lingua, Estévez Villaverde decidiu facer da súa paixón polas letras a súa profesión converténdose en poetisa, contra a vontade do seu proxenitor, e empregando o galego nas súas creacións. Unha decisión que lle custou moitas discusións e ata algunha labazada que outra por parte de seu pai. De feito, non foi ata a súa morte cando Emilia comezou a publicar os seus textos. Corría o ano 1963, en plena ditadura franquista, polo que a súa aposta polo galego era tan salientábel como arriscada. Outro aspecto no que se pode considerar a Emilia Estévez Villaverde unha persoa adiantada no seu tempo é no xeito de publicar á marxe de calquera editorial: ela mesma encargábase de buscar a imprenta na que autoeditar os seus propios libros.

    A obra de Emilia Estévez Villaverde vai dende a poesía ata a narrativa infantil ou o ensaio. Mais a súa primeira publicación foi ‘Airiños do meu lugar’, o poemario dedicado a Ponteareas que agora reedita o Concello de Ponteareas, e que na súa segunda edición contou con Otero Pedrayo como prologuista, un dos referentes culturais da época que soubo recoñecer o talento desta autora ponteareá.

    A presentación desta nova obra correu a cargo do que fora director do Arquivo da Biblioteca Municipal de Ponteareas durante moitos anos, o profesor Rafael Sánchez Bargiela, responsable do prólogo e do estudo que introduce ‘Airiños do meu lugar e outros textos’. O acto culminou cun recital de poemas da autora a cargo de varias persoas referentes no mundo da escritura.

    O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, asegurou que “a edición desta obra, que foi posíbel grazas á unha subvención da Deputación de Pontevedra, supón un paso máis cara a valorización e o recoñecemento do nome e a obra de Emilia Estévez Villaverde, unha ponteareá de recoñecido prestixio que foi caendo no esquecemento e que dende o Concello de Ponteareas queremos recuperar e reivindicar”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.