Mércores, 11 Decembro de 2024

A Cañiza presenta o seu calendario 2023

Como en anos anteriores, o novo calendario ten a intención de amosar os lugares máis emblemáticos e senlleiros do municipio. Recunchos que foron capturados polo fotógrafo Víctor Barros coa intención de valorizar a natureza, a paisaxe e o patrimonio arquitectónico civil como a fonte dos “Dous Canos” na Cañiza, o muiño de Luneda, as mámoas de Achas, a ponte de Noceifas no Couto, a fonte de Prado na Franqueira, o Cruceiro da Igrexa de Oroso, a Capela  do Santo Cristo da Miranda en Valeixe, o lavadoiro do Regueiro na Cañiza, o Pazo do Cervellón no Feirón de Parada, o Neveiro dos Frades na Franqueira, os canastros da Eira de Deva en Petán, o Paso das Lagoas no rio Deva en Pintelos-Valeixe e pechando o calendario o espazo do antigo Balneario das Augas Férreas.

Un lugar e un momento para cada unha das parroquias e do casco urbano da vila. Trece localizacións elexidas cuidadosamente con outras tantas imaxes parellas para “dar vida” ao novo programa turístico virtual que se pode consultar xa no enderezo https://caniza.org/gl/turismo/recunchos.

Por outra banda, dende o Concello, se quere deixar constancia da “errata de imprenta” que aparece no calendario que se repartiu polos domicilios durante estes últimos días e que no mes de xullo, sitúa a celebración do Santísimo Cristo da Agonía no día 10 de xullo (luns).

A celebración do Santísimo Cristo da Agonía da Cañiza, celebrarase o segundo domingo do mes de xullo, neste ano o 9 de xullo, como así se ven mantendo dende tempos inmemoriais.

Pídense disculpas por esta “errata”, que neste calendario de redes xa está corrixida.