Xoves, 13 Febreiro de 2025

A Cañiza asina coa escola de música a súa primeira colaboración oficial

O alcalde da Cañiza, Luis Piña e o xerente da escola, Diego Paín Baúlde, asinaron o pasado 22 de decembro, antes do concerto de Nadal celebrado no auditorio municipal, a primeira colaboración oficial entre o Concello e a escola.

Un convenio que ten como obxectivo favorecer e impulsar o funcionamento e mantemento das actividades derivadas do proceso formativo da ensinanza musical. Canto, guitarra, batería, acordeón, piano, orquestra infantil, ukelele, baixo, teoría popular contemporánea, cultura xeral e historia da música moderna son algunhas das disciplinas e materias que se impartirán nesta nova etapa.

Esta colaboración rematará o vindeiro 15 de setembro de 2026, pero poderá ser prorrogada por un máximo doutros 4 anos por acordo das dúas partes.

Segundo manifestou o alcalde, Luis Piña, “antes de formalizar esta sinatura, mantivemos unha negociación que nos permitiu plasmar no texto do Convenio esta colaboración que entendemos resulta o instrumento máis axeitado para mellorar o desenvolvemento da actividade musical no noso municipio e crear unhas condicións de colaboración estables”.

Compromisos da Escola de Música

A Escola de Música asume o compromiso de destinar os espazos cedidos polo concello, única e exclusivamente para o desenvolvemento de docencia musical ou actividades relacionadas coa mesma, promover accións tendentes a garantir a formación musical do seus alumnos-as nas materias e disciplinas de canto, guitarra, batería, acordeón, piano, orquestra infantil, ukelele, baixo, teoría popular contemporánea, cultura xeral e historia da música moderna, ensamble e ensaios xerais e festivais e actuacións.

Ademáis se compromete a ofrecer de xeito gratuíto e con entrada libre, un concerto ou actuación musical alomenos unha vez ao ano en colaboración co Concello.

Compromisos do Concello

A partires desta sinatura, o Concello colaborará oficialmente coa Escola de Música Moderna, de titularidade privada, autorizando o uso gratuito de 4 aulas no inmoble do Centro Comarcal para o desenvolvemento de actividades con fins didácticos de ensinanza de música e artes.

Cédese o uso de 4 aulas acondicionadas para a actividade e un espazo común con escenario (un aula de batería completamente insonorizada, unha segunda aula para guitarra e dúas aulas para piano e linguaxe musical). Todas elas dotadas con mobiliario básico.

Entre os compromisos do Concello están facerse cargo dos servizos de limpeza, calefacción, electricidade, auga e manter internet de banda ancha.

Por outra banda, o Concello resérvase a posibilidade de traslado das instalacións e condicións estipuladas neste acordo. Deste xeito, no caso de traslado, garantirá a insonorización da aula de batería, así como das outras aulas cun investimento mínimo en materiais de sonorización para un son mínimamente adecuado.

Ademáis segundo manifestou o Alcalde “o Concello comprométese a apoiar institucionalmente a Escola de música da Cañiza en materia de difusión e coordinación no desenvolvemento da actividade no devandito centro municipal”.

Para poder efectuar un seguimento do grao de cumprimento deste convenio constitúese un Consello Escolar, integrado por 2 representantes da Escola de música e 2 representantes do Concello da Cañiza.