EU Ponteareas "convidada a marcharse" dunha xuntanza sobre os Orzamentos Xerais do Estado

EU Ponteareas cualificou de "antidemocrático" o acontecido o pasado venres 18 de xaneiro, unha xuntanza no salón de plenos do concello entre os grupos da Corporación Municipal de Ponteareas e a Plataforma de afectados da N120 para tratar o asunto dos Orzamentos do Estado para 2019 onde o concelleiro de EU, Lino Costas, foi 'convidado' a marcharse ao "non compartir o posicionamento dos outros grupos da Corporación Municipal, PP, PSOE, ACiP, BNG e ARDT con respecto á variante de Ponteareas".

Os veciños de Bugarín contrarios á intención da Xunta de reducir arcéns na PO-254

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a tenente de alcalde, Chus Garrote, reuníronse cos veciños de Bugarín para a analizar a intención da Xunta de Galicia de modificar o pintado da estrada PO-254 (Ponteareas-Mondariz) ao seu paso pola parroquia ponteareán. A pretensión da Xunta é habilitar espazos que faciliten o acceso aos barrios existentes a carón da estrada.

Porén os veciños amosaron a súa alarma ao comprobar que a actuación consiste nun simple pintado dun novo carril central de tres metros, sen ampliar a calzada. Desta maneira a Xunta pretende habilitar tres carrís na plataforma a costa do arcén que se reduce á mínima expresión. Pola súa banda o Goberno local asegurou compartir "a preocupación veciñal" pois a previsión da Xunta “implica un notábel risco para a seguridade viaria tanto de peóns, ciclistas como vehículos”.

O alcalde amosouse favorable a habilitar accesos seguros aos barrios “e así o viñemos xestionando coa Xunta”, pero, engade, “o que non podemos admitir é que se faga a costa de eliminar os arcéns, cun simple pintado e sen proxecto nin obra”. Por iso, explica o rexedor local, “comprometémonos cos veciños a realizar de inmediato un estudo técnico que entregaremos á Xunta para que a actuación non se limite ao repintado senón que conleve ampliar a calzada a tres carrís cos seus arcéns”.

A tenente de alcalde, Chus Garrote achacou a situación a “unha falta de planificación e rigor técnico da Xunta” e adiantou que se pedíu á administración autonómica a paralización inmediata da actuación.

Primeira xornada da copa de promoción de bádminton 'Xogade' este domingo en Ponteareas

A concellería de Deportes do concello de Ponteareas, que dirixe Benito Márquez, convida a toda a cidadanía a participar nna primeira xornada da Copa de promoción de bádminton 'Xogade' que terá lugar este domingo día 20 a partir das 09:00 horas e ata as 14:30 horas. Serán oito xornadas deportivas que se desenvolven en diferentes sedes como son Vigo, Salceda, Tui, Crecente, Marín e Ponteareas. Nestas xornadas deportivas haberá modalidade individual ou dobres en todas as categorías, benxamin, infantil, alevín e cadete.

As Neves mellorará a mobilidade nas rúas Marquesa do Pazo e Entrecíns

O Concello das Neves comezará en breve as obras de mellora da mobilidade nas rúas Marquesa do Pazo e Entrecíns, contempladas xa no Estudo de Mobilidade de Espazo Público, e que, coma salienta o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “poñerán o acento na mellora da accesibilidade e seguridade vial nos percorridos peonís, tales como vados peonís, pasos de peón elevados e ampliación de beirarrúas”.

Ponteareas paraliza os traballos de pintado da Xunta na PO-254 por falta de proxecto

A tenente de alcalde e candidata do PSOE á alcaldía de Ponteareas, Chus Garrote, mantivo unha reunión cos veciños de Bugarín para analizar a situación creada na estrada PO-254 (Ponteareas-Mondariz) debido ao que o Concello de Ponteareas considera "falta de planificación da Xunta de Galicia". Os socialistas ponteareáns sinalan que "as nosas sospeitas materializáronse o xoves pola mañá cando os técnicos e o enxeñeiro da Xunta de Galicia recoñecen que o pintado de Prado ten que ser eliminado".

Suscribirse a este canal RSS