Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Baiona, Nigrán e Gondomar celebran un ano máis a Festa da Bicicleta do Val Miñor

O Concello de Baiona acolleu onte a presentación da 34ª edición da Festa da Bicicleta do Val Miñor, que se celebrará o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Ao acto de presentación acudiron os alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, que exerceu de anfitrión –xa que esta edición será organizada pola administración local baionesa–; o alcalde de Gondomar e actual presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Paco Ferreira; Ana Iglesias concelleira de deportes de Baiona e condutora do acto de presentación; Sara Penedo, concelleira Deportes de Nigrán, e Nuria Lameiro concelleira de Gondomar, acompañados de colaboradores, representantes das Policías Locais dos tres concellos da comarca e o representante do patrocinador do evento.

As inscricións e entrega de dorsais realizaranse nos respectivos puntos de saída de cada municipio con 40 minutos de antelación co único requirimento de ser maior de 7 anos, contar con bicicleta propia e levar casco.

Así, en Baiona partirán ás 10:00 horas desde o Parque da Palma, en Nigrán ás 11:00 horas desde o Pavillón de Deportes e, en Gondomar, tamén ás 11:00 horas desde o Concello. Todas as persoas participantes dispoñerán de seguro de accidentes e responsabilidade civil.

A marcha de Baiona acudirá a “recoller” á de Gondomar e Nigrán para despois coincidir na rotonda da Ramallosa e, desde alí, pedalear as tres xuntas pola PO-552 cara ao Parque da Palma, onde ás 13:00 horas aproximadamente finalizará con sorteo de agasallos e avituallamiento.

No acto de presentación os alcaldes destacaron a importancia deste evento que cada ano supérase e suma máis persoas participantes. Tamén se puxo en valor “esta ocasión especial para fomentar o uso deste medio de transporte tan saudable e amigable co medio ambiente. A bicicleta non só permítenos gozar de momentos en familia, senón que tamén contribúe a mellorar a nosa saúde e a coidar o noso planeta”.

O acto terminou “animando á cidadanía para participar nesta bonita actividade e que sigan gozando dos paseos en bicicleta en familia, a incorporar este hábito na nosa rutina diaria e a ser conscientes do impacto positivo que podemos ter na nosa contorna. Xuntos podemos construír un mundo máis saudable e sostible”.