Mércores, 11 Decembro de 2024

O programa «Insere Máis» mellora as competencias profesionais de 100 persoas desempregadas

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou ao alumnado que participa na novena edición desta iniciativa que remata a mediados de novembro

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou onte no edificio do Viveiro de Empresas do Parque Empresarial PEMOS Veigadaña, en Mos, aos participantes do Programa Integrado de Emprego Insere Máis que organiza a Asociación de Empresarios de Mos e que celebra a súa novena edición.

A iniciativa está permitindo que un cento de persoas sen emprego reciban formación de calidade para facilitar a súa inserción sociolaboral. Casal estivo acompañado durante a súa visita pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e polo presidente de AEMOS, Manuel Castro.

O edificio dos viveiros industriais sito no polígono de Veigadaña e que foi visitado hoxe polo director xeral, está preparado para a implantación de viveiros industriais para o establecemento de emprendedores do municipio de Mos. Conta con 4 talleres ou viveiros de carácter industrial 4.0 (desde robótica, impresión 3D, procesos, investigación… etc.) que se atopan dispoñibles para posibles candidatos interesados no seu uso.

[su_image_carousel source=”media: 8052,8053,8054,8055,8057″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Os criterios de valoración para a selección dos/as candidatos serán obxectivos, primando na puntuación parámetros como a viabilidade do proxecto, a fórmula xurídica (por exemplo cando se trate dunha empresa de economía social), que se trate de promotores demandantes de emprego (emprendedores), de colectivos de difícil inserción, menores de 35 anos, mulleres, etc.

Ademais dos 4 talleres o edificio conta con zona de oficinas para atención ao emprendedor, e espazo para empresas emprendedoras con técnicos que as asisten e asesoran, orientan e axudan, acompañándoas nos primeiros anos de actividade empresarial. Na segunda pranta está a zona de servizos comúns e coworking, con despachos e zonas de recepción, administración, reunión e atención; onde poder organizar desde reunións comerciais ata eventos máis ambiciosos.

Para construción do Viveiro de Empresas na Veigadaña o Concello de Mos investiu a axuda solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria na construción do edificio que alberga o viveiro de empresas, consistente en 240.000 euros, que representa o 80% da inversión total de 300.000 euros. A Asociación de Empresarios de Mos aportou, de fondos propios, un importe do 20 % da inversión total, é dicir, 60.000 euros. O proxecto executouno o Concello de Mos, sendo este quen desenrolou a acción, conserva a titularidade do viveiro e recibiu a financiación procedente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Pola súa banda AEMOS encárgase da xestión e do funcionamento do viveiro.