O goberno de Carmela Silva vén de aprobar unha prórroga do acordo marco que rexe a prestación do servizo de Teleasistencia Domiciliaria nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Deste xeito, o servizo prorrogarase entre xaneiro de 2020 e xaneiro de 2021 cun custe de 174.480 euros dos cales a Deputación achega o 50 % e os concellos o 50 % restante.
“Como saben, cando chegamos á Deputación de Pontevedra existía xa un convenio de Teleasistencia a través do cal se estipulaba que a institución provincial cubría o 34% do custe real do servizo. Nós modificamos este convenio de tal forma que a Deputación pasou de cubrir o 34 % do custe a cubrir o 50 %, de tal forma que para o vindeiro ano achegaremos 87.240 € dos 174.480 € que supón o servizo, é dicir, a metade”, asegurou a presidenta da Deputación.
A empresa que se encarga da prestación do servizo de xestión da Teleasistencia Domiciliaria é Quavitae Servicios Asitenciales S.A.U. nun total de 46 concellos entre os que se atopan Agolada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilanova de Arousa.
Nestes momentos, a través da Teleasistencia Domiciliaria estase a dar servizo a 630 persoas que precisan dunha atención continuada. Deste xeito, o servizo vai dirixido a persoas que viven soas ou pasan grande parte do día en soidade, persoas con idade avanzada, diversidade funcional, illamento social, enfermidade, situación de risco psicosocial ou físico. Todas e todos eles poden seguir vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, xa que con só pulsar un botón dáse resposta inmediata ás situacións de emerxencia no fogar, 24 horas ao día e 365 días ao ano. Para elo, as persoas usuarias deben ter liña telefónica, xa sexa fixa ou móbil.
Ademais da atención continua, as 24 horas dos 365 días do ano, prográmanse tamén actividades dirixidas a persoas usuarias, para mellorar as súas capacidades a través de actividades lúdicas.