Segunda novela de María Alonso logo do seu paso pola ciencia ficción distópica a través de ‘Despois do cataclismo’, que nesta ocasión se mergulla nun ambiente máis realista pero absolutamente marxinal, para narrarnos unha historia de vinganza que, ao meu entender, débelle moito ao cine de acción, sobre todo na parte final.
A historia comeza cando un dos acólitos de CaraDeTolo, cabeza visible dunha banda e rexente do burdel que lle presta título á novela, se introduce en territorio de Lolita Dinamita para as súas argalladas e trapicheos. Ese é o detonante da vinganza que a muller levaba anos esperando. A partir de aí, iníciase a contra atrás para o enfrontamento final entre varios clans que habitan tamén na marxinalidade. A novela está dividida en dúas partes: a primeira ponnos en situación co relato dos feitos que desencadean a acción e con varios flashbacks que nos axudan a comprender un pouco mellor as razóns que moven a Lolita Dinamita a iniciar unha guerra entre bandas. A segunda describe con minuciosidade o minuto a minuto da lea.
Falamos, xa que logo, de personaxes marxinais que habitan no gume da vida, carentes de esperanza e de ambicións a longo prazo, entre os que sobresae a protagonista, sen dúbida o mellor trazado de todos os que integran o relato. Recia e contraditoria, Lolita tivo que aprender a moverse no ambiente que lle tocou vivir e fíxoo asimilando todos os recursos necesarios para garantir a súa supervivencia. CaraDeTolo, pola contra, é un personaxe máis estereotipado, que responde sen fisuras ao ‘malo’ de manual. Ao seu carón, unha boa grea de delincuentes que actúan como secundarios dun enfrontamento que, en realidade, apenas lles compete, malia que dun xeito ou doutro se vexan afectados pola súa resolución.
O escenario do relato é un barrio esquecido que, en verdade, resulta ser un gueto no que é doado entrar pero do que resulta imposible escapar. Sorprende a contextualización deste espazo, concibido como un territorio á marxe do resto do mundo, coma se fose unha especie de dimensión paralela que apenas ten contacto coa nosa realidade. Esta idea axuda a contextualizar a historia, que se desenvolve na súa práctica totalidade dentro dese espazo, así como a mantela fóra dos usos e costumes do resto da sociedade. Alí, as leis impóñenas as bandas que marcan o seu territorio en función dos seus propios intereses comerciais porque, como di o CaraDeTolo, “o bisnes é o bisnes”.
Malia intuír esa lea final dende o principio da narración, María Alonso consegue que a historia vaia crecendo en tensión segundo avanzamos nas súas páxinas ata chegar a un desenlace do que só nos queda por coñecer a resolución, e para o que a autora garda algún as na manga co que dar a sorpresa. A linguaxe e directa e contundente, sen apenas adobíos, e o único que se bota en falta é unha corrección de estilo algo máis concienzuda pois, ao meu entender, a historia ben a merece pola súa intensidade, pola tensión e axilidade acadadas e por amosarnos sen adobíos esa marxinalidade en toda a súa crueza.
María Alonso Alonso
RedLion
Galaxia
140 páxinas