O Goberno da Deputación, a través da presidenta Carmela Silva e da deputada de Lingua e Patrimonio María Ortega, reivindicou hoxe a Rosalía de Castro como “guía” do futuro de Galiza e do pobo galego. Así o fixeron no acto institucional organizado co gallo do Día de Rosalía –que se celebra o vindeiro luns– e coincidindo co Día da Lingua Nai que cada ano se conmemora de maneira internacional o 21 de febreiro.
Tanto Silva como Ortega reinvindicaron a figura da poeta como de máxima vixencia nas súas reivindicacións para o país en materia de dereitos sociais, lingua e muller e destacaron a transversalidade do seu pensamento. De feito, sinalaron a conexión cun tema tan de actualidade como son as migracións, como quedou de relevo na lectura do manifesto da AELG, que correu a cargo da escritora Montse Fajardo.

Durante o acto celebrado no Pazo Provincial, ao que asistiron representantes de diferentes concellos e colectivos da provincia, anunciouse tamén a posta a disposición do público dun volume coa obra completa de Rosalía, con manuscritos facsímile da autora que se salvaron da fogueira logo do seu falecemento, e que estará de maneira inminente na Biblioteca do Arquivo provincial para consulta.
Segundo asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “hoxe poñemos voz á nosa matria con este acto” no que se rende homenaxe a Rosalía de Castro. “Somos dos poucos pobos nos que unha muller é referencia dunha comunidade humana, o que nos fai aínda máis especiais do que somos xa”, dixo a presidenta quen tamén reivindicou a figura da escritora como “a nosa guía, a guía dun pobo cunha cultura, lingua e tradicións propias e moi potentes. Por iso sentímonos moi orgullosas e orgullosos do seu legado, o dun pobo que segue a defender unha ollada propia sobre o mundo”.

Neste eido, Silva ligou a súa afirmación co manifesto ‘Errantes polo mundo’ de Daniel Asorey, “un texto valente, necesario, que é un berro valente contra a barbarie que algúns queren seguir impoñendo”. Sobre o manifesto, engadiu que está “cheo de valores e de denuncia dun mundo cunha humanidade errante en tempos duros, onte temos que erguernos contra a inxustiza, u odio ao diferente, a persecución contra as persoas inmigrantes e o machismo que seguimos a padecer as mulleres”. Ao respecto, a presidenta tamén tivo palabras de optimismo para asegurar que “somos un grande pobo, capaz de cambiar todo, para que todas e todos poidamos arranxar aquilo que xa denunciaba Rosalía”.
A presidenta animou ás persoas presentes no acto a coller como agasallo conmemorativo unha camelia, “vermella laranxada do cultivar Rosalía de Castro”, e o libro ‘A conversa expansiva’. Tamén aproveitou para adiantar a programación da Deputación de Pontevedra con respecto ao ‘Día de Rosalía’, que terá lugar o vindeiro luns 24 de febreiro, e que, ademais do acto celebrado esta mañá, continuará o domingo 23 con actividades para nenas e nenos no Museo de Pontevedra e coa visita, o luns, da propia Rosalía e Modesto Brocos ao Pazo provincial pola mañá e á sede da Deputación en Vigo pola tarde. Ademais, no marco da programación con motivo do Día de Rosalía, tamén se elaborou unha creatividade específica na que “se representa a Rosalía como o que é, como unha grande estrela de todas as galegas e galegos”.
Vixencia do pensamento de Rosalía
A deputada de Lingua e Patrimonio María Ortega sinalou, pola súa banda, que é importante reflexionar sobre a vixencia de Rosalía e a transversalidade dos seus pensamentos para “reivindicar as potencialidades que sempre tivo o noso país e que agora máis que nunca temos que ser quen de desenvolver”.
“É preciso, aínda hoxe, reivindicar como galegas e galegos que deixen a Galiza producir, que deixen a Galiza tomar as decisións de seu que a permitan desenvolver por si propia, que a deixen falar a súa lingua, defender a súa cultura, ás súas mulleres, os seus sectores produtivos, a súa memoria, que non a marxinen con respecto a outros territorios, que non obriguen á xente moza a ter que marchar para ter un emprego digno pola falta de futuro no seu país”, enumerou.

A nacionalista –responsable da área de Lingua– fixo especial fincapé en que, se ben Rosalía buscaba dignificar a lingua do pobo, devolver o orgullo do galego e das tradicións á xente, “hoxe a loita por defender a nosa fala debe ser máis forte que nunca, loitar contra o inimigo que temos fóra pero tamén dentro da casa. As administracións debemos traballar por fomentar e normalizar o seu uso, porque a nosa lingua, como xa dixen máis veces, é a nosa identidade”.
Escribiu Manuel Curros Enríquez cando finou Rosalía “Ai dos que levan na frente unha estrela/ Ai dos que levan no bico un cantar”, e eses versos foron retomados pola deputada, quen asegurou que se ben a poetisa era xa un referente de ideas vivas, “pode que o escritor quizabes tamén intuíra que as galegas e os galegos compartiríamos a súa estrela, e non metaforicamente falando, como patrimonio co resto do planeta”. “Que Rosalía, dende o pasado mes de decembro, dea nome a un astro do firmamento, e que o seu nome fose elixido entre ducias de propostas, só é síntoma do que acabamos de nomear, do seu grande poder, da súa vixencia e de que aínda, a día de hoxe, é a figura que guía o destino do país”, finalizou Ortega.