12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaMáis de 750 persoas de 45 concellos beneficiáronse do servizo de teleasistencia...

    Máis de 750 persoas de 45 concellos beneficiáronse do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación

    Carmela Silva: “A teleasistencia salva vidas e seguiremos mellorándoa para atender aínda máis ás persoas usuarias, porque este é un servizo imprescindible”

    O Servizo de Teleasistencia Domiciliaria, que a Deputación de Pontevedra presta na actualidade en 45 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cos que existe convenio, atendeu este 2022 a un total de 766 persoas usuarias, que cualificaron a atención recibida cunha nota de sobresaínte. Este programa, que ofrece resposta inmediata ás situacións de emerxencia no fogar para persoas que viven soas, son de idade avanzada, teñen algún tipo de diversidade funcional ou precisan atención continuada, funciona as 24 horas do día os 365 días do ano e está a ser mellorado con novos dispositivos de tecnoloxía avanzada, como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, que puxo en valor que “a teleasistencia salva vidas e seguiremos mellorándoa, porque é un servizo imprescindible”.

    Neste senso, a presidenta explicou que está a implantarse a Teleasistencia Avanzada, “que a través de novos dispositivos vainos permitir detectar de maneira inmediata situacións de risco, ofrecendo polo tanto maior seguridade á xente maior, con diversidade funcional ou enfermidades crónicas”. Entre eles, citou os detectores de fume, de gas, os detectores de caída mediante sensores, detectores de pasividade/mobilidade ou os dispositivos para o baño con tirador provisto de alarmas sonoras. Carmela Silva citou amais o recente caso dun veciño de Meis que a pesar de quedar inconsciente puido ser rescatado dun incendio no seu domicilio a través da alerta automática dun destes detectores á central de seguimento, que deu aviso ao 112.

    “Coa teleasistencia avanzada imos poder prestar un mellor servizo, porque hai situacións nas que non é posible pulsar a alarma e poderemos detectalas, cando antes só se podían realizar desta maneira ou cunha chamada”, afirmou Carmela Silva, que incidiu tamén en que a Administración provincial presta este servizo a pesar de que “non é unha competencia do mundo local”. “Son competencias compartidas do Goberno do Estado coas Comunidades Autónomas, pero co Goberno de Mariano Rajoy deixaron de financiar este tipo de actuacións –sinalou– e a Xunta non o cubre ao 100 %, polo tanto facémolo desde a administración local, neste caso a Deputación con concellos de menos de 20.000 habitantes”.

    O balance de 2022

    Das 766 persoas usuarias do servizo no 2022, a maioría son mulleres (84,5 % fronte ao 15,4 % de homes) e a media de idade é de 84 anos. O balance reflicte tamén que o 95,9% das persoas son maiores de 65 anos, mentres que hai un 2,1 % persoas enfermas crónicas e o 2% restante ten algún tipo de diversidade funcional.

    Neste ano recibíronse 7.528 alarmas e emitíronse 45.226 chamadas, e o persoal do servizo realizou 49 visitas domiciliarias. No caso das alarmas recibidas, case un 75 % corresponderon a pulsacións das persoas usuarias, fronte a un 25 % de alarmas técnicas e, dentro das primeiras, a principal causa é a de petición de información e conversa, seguidas das de comprobación do funcionamento do sistema.

    A valoración do servizo que realizaron estas persoas usuarias foi, como subliñou Carmela Silva, “de sobresaínte, chegando case á matrícula de honra” e plasmouse a través de enquisas, nas que a nota global foi de 9,76. As cuestións que se valoraron foron a instalación do servizo (que recibiu unha nota de 9,6); a atención de alarmas (9,8); as chamadas de seguimento (9,7); a terminal (9,7); e as recomendacións recibidas (9,76).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.