8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaDeputación e USC 'rescatan' a memoria das galegas da emigración cun convenio...

    Deputación e USC ‘rescatan’ a memoria das galegas da emigración cun convenio dentro da Cátedra Iberoamericana

    A institución provincial e a Universidade de Santiago asinan un convenio de colaboración para sacar do silencio a pegada das galegas na diáspora

    No último día de marzo, un mes simbólico na loita feminista, a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron o convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto ‘Pontevedra en América: unha mirada en feminino’, enmarcado na Cátedra Iberoamericana da USC, para reivindicar o papel das mulleres galegas da emigración e a pegada que deixaron na diáspora. No acto participaron a presidenta provincial, Carmela Silva, o reitor da USC, Antonio López, a directora da Cátedra, María Cadaval, e a coordinadora de publicacións, María Xosé Rodríguez .

    A través deste convenio desenvolverase un proxecto, mediante publicacións, exposición e un proceso de mentoring, que vai poñer en valor ás mulleres na emigración investigando, e recompilando as historias dun nutrido grupo de mulleres da provincia de diferentes eidos cunha dobre mirada: o seu éxito nas Américas e o das que agardaron en Galicia. Deste xeito, devolveráselles o protagonismo e porase en valor a historia de tantas mulleres que foron ignoradas, esquecidas e invisibilizadas pero que desenvolveron un importante papel na emigración, especialmente en América.

    Carmela Silva: “A perspectiva de xénero é clave. Nunca se tivo en conta o papel das mulleres, nin das que emigraron, nin das que quedaron en Galicia”

    Chea de “ledicia e orgullo”, a presidenta provincial, Carmela Silva, asinou o documento e deixou claro que “non se pode entender a nosa comunidade sen a emigración e todo o que supuxo” e lembrou que “nesta provincia aínda hai moitísimas dotacións e equipamentos que foron posibles grazas ás achegas desas persoas que tiveron que emigrar”. Que este convenio se asine cunha universidade non é máis que o reflexo das inquedanzas do goberno provincial. Para Silva “as administracións públicas non poden seguir pechadas en despachos, a nova política pasa porque o coñecemento e a sociedade entren nas administracións para que poidamos tomar decisións intelixentes”.

    Con este convenio ambas institucións “rachan marcos” e apostan pola igualdade “que é a nosa gran prioridade, nós consideramos que unha administración que queira poñer en marcha boas prácticas de goberno non se pode esquecer da metade da poboación, que vive en situacións de discriminación a todos os niveis”.Carmela Silva lembrou tamén que “as mulleres fomos invisibilizadas en todos os eidos e non temos presenza nas sesudas análises que se teñen feito da diáspora”, nas que non se reflexa o papel das mulleres que tiveron que quedar en Galicia nin das que tiveron que marchar dela. Por iso “é fundamental que nas universidades haxa esta perspectiva de xénero”.

    Docencia, investigación e ‘transferencia’ como misións

    Pola súa banda, o Reitor Antonio López afirmou que o convenio é o reflexo de que “cando hai un proxecto interesante e beneficioso todos somos quen de entendernos”. Para López unha das misións da universidade, alén da docencia ou da investigación, é a transferencia “que significa que temos que poñer o coñecemento á disposición da sociedade para mellorar as súas condicións de vida en todos os ámbitos”.

    O reitor da USC resaltou que a Cátedra Iberoamericana “pretende ser unha ponte que une dous ámbitos nos que temos unha condición privilexiada e é que somos punto natural de encontro dende este lado do Atlántico e a outra beira”. Para López é convinte analizar o papel que xogaron nas mulleres na emigración, xa que “se invisibilizaron e non foron obxecto de estudo e agora é o momento de facelo”.

    A directora da Cátedra, María Cadaval, agradeceu a acollida que tivo este proxecto e subliñou que “non fixo falta explicar absolutamente nada porque a receptividade da Deputación e o traballo que xa está a facer no campo da igualdade, agora con este engadido da visión iberoamericana, é fundamental”. Lembrou que “Pontevedra é unha das provincias galegas que ten ese papel relevante na diáspora” e que agora tócanos “acoller a esas novas xeracións que están pensando en retornar” polo que dentro do proxecto formulouse un mentoring para dar “certo respaldo” a todas esas persoas.

    Cadaval concluíu a súa intervención afirmando que “estamos poñendo os piares dun edificio que pode ser importante para Pontevedra e sobre todo dende Pontevedra para o resto do mundo”.

    Pola súa banda, María Xosé Rodríguez amosou o seu pracer por “toda a receptividade” que está a ter este proxecto, para ela “todo o que sexa avanzar na igualdade efectiva entre homes e mulleres sempre é fundamental”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.