O deputado delegado do ORAL, Carlos López Font, deu a benvida este luns ás persoas que participaron na xornada sobre as ‘Novidades na tributación local: novas liñas na mellora da eficiencia na prestación dos servizos’ organizada polo ORAL no Edificio Administrativo, e que foi a iniciativa dos propios concellos. Asistiu persoal municipal dos servizos de recadación, así como os alcaldes de Ponteareas, Xosé Represas, e Vilaboa, a quen López Font agradeceu “o esforzo que supón que sacarades horas do voso traballo para estar aquí”. O encontro tivo como obxectivo, como lembrou o deputado, “dar a coñecer os novos instrumentos de xestión que poñemos á disposición dos concellos de modo inmediato”, unhas ferramentas coas que “pretendemos incrementar a axilidade e a eficacia dos servicios que prestamos dende o ORAL”.
López Font sinalou que “todas as novidades que presentamos son o colofón dos traballos efectuados e das iniciativas que formulamos como obxectivos do exercicio actual”, e puxo en valor que “foron desenvolvidas integramente polo persoal administrativo da Deputación, cun grao de dedicación moi alto”. Deste xeito, o deputado informou en primeiro lugar sobre “a posta en marcha dunha plataforma de intermediación coa que damos un novo impulso á intercomunicación de datos e doutras informacións tributarias”.
Ademais, “unha proposta de convenio entre a Deputación e os concellos para a realización dun mapa de redes de transporte de enerxía”, enmarcado no “proxecto para impulsar a colaboración integral cos concellos da provincia na posible implantación de novas figuras tributarias”. Trataríase, neste caso, de ofrecer un marco normativo “en relación coa utilización do dominio público municipal por parte das grandes compañías, e máis en concreto das empresas de transporte de electricidade e gas”. Neste sentido, valorou Font, “o liderado é fundamental para achegar economías de escala aos concellos que posteriormente decidan pór en marcha o tributo, xa que será a Deputación quen asuma o esforzo económico para elaboralo”.
Entre as novidades tamén se atopan “a predisposición da Deputación para asumir, mediante un convenio, novas responsabilidades cos concellos para colaborar na elaboración das súas memorias económicas, necesarias para elaborar ordenanzas e defendelas xuridicamente”, así como a “xeneralización do programa SIT-Sanciona en todos os concellos nos que o ORAL xestiona as sancións de tráfico impostas pola Policía Local”. Esta última iniciativa complementaríase cun “proxecto de novo regulamento de xestión do procedemento sancionador en materia de tráfico” co que os concellos, se así o decidisen, “delegarán no persoal do ORAL a instrución do procedemento sancionador, malia que a imposición da sanción, como ata o momento, recaerá no órgano competente dos concellos”.
A aposta como nunca pola modernización do ORAL
A xornada “Novidades na tributación local: novas liñas na mellora da eficiencia na prestación dos servizos” do ORAL é un novo paso adiante dentro da modernización e da mellora da transparencia que nunca antes se tivera posto en marcha neste servizo. “Hoxe tamén estamos dando contas dos compromisos que asumimos ante os concellos que delegan en nós as súas xestións tributarias”, sinalou López Font. Por iso, o deputado puxo en valor “os grandes saltos cualitativos en calidade, eficacia e eficiencia” que está a dar a Deputación con ferramentas como a oficina virtual tributaria, que está a ter “unha óptima recepción” con preto de 400.000 operacións entre os meses de marzo a setembro –“das cales 107.588 foron en setembro, un 25% máis que no mes anterior”, salientou–. Tamén “a interrelación e comunicacións sen papel con todas as persoas xurídicas ou non, que xa se puxo en marcha desde o 16 de setembro”, ou a “nova web do ORAL que é o principal instrumento de comunicación dos seus servizos, e que ten un alto compoñente de información local: as delegacións efectuadas por cada concello, as ordenanzas vixentes en cada un e os principais tipos impositivos por tributo”. Font tamén informou de que “estamos traballando na redistribución de cargas de traballo para orientar a atención á cidadanía nun único punto de atención”. Para iso, avanzou, “os orzamentos de 2020 van incorporar un importante esforzo de investimento en infraestruturas e equipos para impulsar a modernización dos nosos servizos e incrementar a súa eficacia”.