Este domingo, 2 de xullo, arranca a segunda das once quendas dos campamentos de “Depo Aventura” na Lanzada, na que participarán 140 nenos de 32 concellos da provincia que ao longo de sete días desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas para o seu enriquecemento persoal e tamén de coñecemento de lugares fóra da contorna habitual. Ao longo do verán, serán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia os que participen ata o 9 de setembro nas once quendas en que se dividen os campamentos.
Neste segundo campamento, que arranca o domingo, participan 70 nenas e 70 nenos, todos eles nados entre os anos 2010 e 2015. En concreto, proceden de Vigo (30); Pontevedra (17); Redondela (9); Ponte Caldelas (6); Ponteareas (6); A Cañiza (5); Bueu (5); Salceda de Caselas (5); A Guarda (5); Moraña (5); Lalín (4); Barro (4); Cangas (3); Baiona (3); Moaña (3); Mondariz (3); Caldas de Reis (2); Vilagarcía (2); Campo Lameiro (2); Cerdedo-Cotobade (2); A Estrada (2); Sanxenxo (2); O Porriño (2); Salvaterra (2); O Grove (2); O Rosal (2); Forcarei (1); A Illa de Arousa (1); As Neves (1); Nigrán (1); Poio (1); Tui (1) e Silleda (1).
Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación ofrécelles aos nenos un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a inclusión, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento multicultural da contorna. Tamén realizarán o tradicional obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de Depo Aventura 2023, inclúese unha visita á Illa de Ons e unha segunda excursión relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.