Domingo, 16 Marzo de 2025

Carmela Silva: “Unha vez máis defendemos a autonomía local e o principio de goberno autónomo das entidades locais”

A presidenta da Deputación de Pontevedra remitiu hoxe unha carta a Miguel Santalices na que volve a explicar que “en atención ao principio de autonomía local as entidades locais non están supeditadas aos parlamentos autonómicos”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, remitiu hoxe unha carta ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, na que lle recorda “que as administracións locais non están supeditadas a ningunha outra administración, e que é a propia Constitución a que establece o principio de autonomía local que debe ser respectado por todas as administracións”.

Por elo, Silva informa que o orzamento da Deputación de Pontevedra se presentará “no órgano ante o que hai que presentarllo que é o pleno provincial, onde se defenderán os seus criterios e os seus contidos, e no que a oposición terá a posibilidade, como ten que ser, de presentar as súas alternativas e posicionamentos”.

Na carta a Santalices, Carmela Silva reiterou a súa plena disposición a sentarse co presidente da Xunta de Galicia “para falar de todas aquelas cuestións que permitirían o avance social, político, cultural e económico da provincia de Pontevedra, e para establecer todos aqueles mecanismos, instrumentos, proxectos e propostas en aras de manter a colaboración interinstitucional”.

A presidenta da Deputación insistiu en que “precisamente trátase disto, colaboración interinstitucional e non de que as administracións locais, neste caso as Deputacións provinciais, teñan que ir á administración autonómica a dar conta do que recollen os seus orzamentos para a transformación dos ámbitos políticos nos que teñen competencias”.

“Ao igual que o presidente da Xunta non ten que vir ao pleno da Deputación a presentar os orzamentos que se van a destinar á provincia de Pontevedra e os presenta no pleno do Parlamento Galego, a presidenta da Deputación presenta os seus no pleno provincial”

En todo caso, Silva sinalou tamén que o orzamento da Deputación se remitirá ao órgano autonómico competente tal e como así se sinala nas normas legais. A presidenta provincial dixo que “non podemos continuar a asumir que somos administracións dependentes das Comunidades Autónomas o do Estado, porque non o somos. Ao igual que o presidente da Xunta non ten que vir ao pleno da Deputación a presentar os orzamentos que se van a destinar á provincia de Pontevedra e os presenta no pleno do Parlamento Galego, a presidenta da Deputación presenta os seus no pleno provincial. Parece que este debería ser o modus operandi”.

“Desde logo, dixo Silva, non imos a ser cómplices de seguir a profundar nesa dependencia da administración local que parece que pretenden algunhas comunidades autónomas. Iso vai en contra do que establece a Constitución, os Estatutos de Autonomía e as normas polas que se establecen relacións de igual a igual no conxunto das administracións públicas”. “É máis, engadiu a presidenta, o propio Consello de Estado, noutro ámbito de análise, sinalou con todas claridade que as entidades locais non teñen a obriga de dar conta das decisións que toman no seu ámbito de competencia a ningunha comunidade autónoma, e tamén sinalou que as administracións autonómicas non poder impor ás entidades locais a comparecencia e participación nos seus órganos cando estes non teñen que ver directamente con competencias da administración autonómica”.