Co remate da acción formativa celebrada en Pontevedra, a Deputación vén de pechar este venres a quinta edición dos cursos de español para persoas inmigrantes, dirixidos a facilitar ás persoas de países non hispanofalantes a obtención do Diploma de Español Como Lingua Estranxeira (DELE A2), un requisito indispensable para que poidan logo acadar a nacionalidade española. En total, 54 persoas participaron neste 2021 nos cursos, 35 nos dous primeiros celebrados en Vigo e 19 neste último que se desenvolveu no Centro Príncipe Felipe.
En concreto, nesta terceira acción, as persoas participantes procedían de Brasil (7), Marrocos (7), Senegal (4) e Arxelia. A actividade contou con 40 horas de formación e as clases cun estrito protocolo anti Covid, que incluíu o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade. Agora o alumnado participante presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo o 13 de novembro.
Nos anteriores dous cursos celebrados en Vigo, con 20 e 15 participantes, as persoas procedentes de Marrocos foron maioría, seguidas das de Brasil, Rusia ou Nixeria, aínda que tamén houbo alumnado de Paquistán, Congo, Irán, Costa de Marfil ou Mauritania. As persoas que participaron e superaron estas dúas actividades examináronse en setembro do DELE A2.
Estes cursos de español, que a Deputación organiza desde 2017, teñen como obxectivo facilitar a integración das persoas inmigrantes como cidadáns de pleno dereito na provincia, xa que a proba DELE A2 require unha preparación previa e ten un custo económico que dificulta o acceso para un determinado sector da poboación. A través deste programa, a institución subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula na citada proba.
Nas catro edicións anteriores houbo 235 persoas participantes que, sumadas ás 54 deste 2021, fan un total xa de 289 persoas. A meirande parte do alumnado consigue logo superar a proba e obter o DELE A2 e, deste xeito, en 2017 houbo un 70% de aprobados, mentres que o ano seguinte subiron ata un 97,7%. O pasado 2020 lograron o diploma o 80% das persoas examinadas.