14.5 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación de Pontevedra envórcase coa Semana Global de Acción polo Clima

    A Deputación de Pontevedra envórcase coa Semana Global de Acción polo Clima

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Transición Ecolóxica, Iria Lamas, presentou esta mañá a axenda ‘A provincia que queres é sostible’ creada con motivo da Semana Global de Acción polo clima, que terá lugar entre o 20 e o 27 de setembro.

    Deste xeito, o goberno provincial ten previsto organizar actividades diarias en toda a provincia para poñer de manifesto “que as administracións locais temos a obriga de impulsar medidas para frear a crise climática”, tal e como explicou Silva.

    A protección dos ecosistemas, os transportes alternativos, a economía baixa en carbono e o aforro enerxético, o consumo responsable, o quilómetro cero, a calidade do aire e o turismo sustentable, serán algúns dos eixos que formarán parte dos actos que levaranse a cabo ata o día 27, data na que se celebrará a mobilización mundial baixo o lema da emerxencia climática.

    Baixo o lema “A provincia que queres é sostible” a Deputación desenvolverá do 20 ao 27 de setembro unha axenda propia diaria con actividades en toda a provincia

    “Trátase dunha política prioritaria, cremos que temos que ser activas e activos e sumarnos a todas aquelas actuacións e proxectos que contribúan a cambiar as cousas e dar respostas para frear a crise climática”, asegurou a presidenta da Deputación. Por tal motivo, entre o 20 e o 27 de setembro, vanse promover actuacións diarias para acadar “a transformación social e o cambio que debemos impulsar para frear a emerxencia”.

    Deste xeito o sábado, 21 de setembro e Día Mundial da Limpeza, a Deputación lanzará a acción “Coidemos o noso”. Baixo este lema impulsarase, tal e como informou a presidenta provincial, unha campaña específica nas redes sociais, con creatividades sobre o impacto e a necesidade do coidado das paraxes naturais e dos ecosistemas. Con esta acción, segundo Carmela Silva, “pretendemos concienciar sobre a importancia do compromiso, de destinar recursos para deter a perda da biodiversidade e restaurar os ecosistemas”.

    O domingo, 22 de setembro e Día Mundial sen Coches, o goberno provincial lanzará “As persoas protagonistas”. Esta acción, con creatividades específicas, centrarase na mobilidade e infraestruturas sustentables, apostando polo emprego de transportes non contaminantes e por iniciativas que sitúen ás persoas no centro. Neste eido, amais, a presidenta adiantou que se vai instalar un aparcadoiro para bicicletas no Edificio Administrativo da Deputación,e ampliarase o xa existente no Pazo Provincial, xa que se trata dun transporte moi empregado por traballadoras e traballadores da institución provincial.

    O luns, 23 de setembro celebrarase o Cumio sobre a Acción Climática na ONU onde a Deputación de Pontevedra estará tamén presente. “Temos trasladado os nosos compromisos ao enviado especial para o Cumio, Luis Alfonso de Alba, centrados na consecución dun nivel de calidade de aire seguro para a poboación da provincia de Pontevedra e na harmonización de políticas sobre cambio climático e contaminación do aire para 2030”, informou a presidenta.

    Ao respecto, Silva explicou que os compromisos da Deputación centraranse na aplicación de políticas en materia de calidade do aire e cambio climático, así como na posta en marcha de medidas de mobilidade sustentable; tamén na colaboración con outras administracións na elaboración e aprobación dun Plan Local de Mellora da Calidade do Aire e no seguimento dos progresos e intercambio de experiencias a través da plataforma de BreathLife.

    Ese mesmo día, 23 de setembro, a Deputación lanzará unha acción relativa á Economía Baixa en Carbono e Aforro Enerxético a través das redes sociais. Esta campaña complementarase coa visita de deputadas e deputados provinciais a diferentes vilas e cidades nas que se están a desenvolver actuacións no marco do proxecto de substitución das actuais luminarias por luces LED e das caldeiras de gasóleo por biomasa.

    O martes, 24 de setembro, a acción do goberno provincial vertebrarase arredor do consumo sustentable. Deste xeito, situarase no Pazo Provincial un stand con produtos de comercio xusto e anunciarase a posta en marcha dun convenio para a adquisición de novos colectores de residuos sólidos en Príncipe Felipe.

    O mércores, 25 de setembro, a aposta da Deputación polos produtos de proximidade será a actividade central. Baixo o lema “Quilómetro Cero”, instalaranse na Avenida de Montero Ríos stands con información sobre a campaña de Experiencias SOStibles contra os plásticos, sobre o cultivo de froitos roxos, a erradicación das acacias, as trampas para as velutinas e a promoción de castañas e mazás. Amais, en colaboración cos produtores e coas produtoras tamén terá lugar “un reparto masivo de mazás ecolóxicas” na explanada de Montero Ríos.

    O penúltimo día da Semana Global de Acción polo Clima, o xoves 26 de setembro, estará centrado no turismo sostible, “xa que o día seguinte, o venres 27 –tal e como informou a presidenta- é o Día Internacional do Turismo”. Para celebrar esta efeméride, desenvolverase unha acción no concello da Estrada centrada na visita ás e aos produtores de mazá para sidra ecolóxica. En concreto, tal e como detallou Silva, “estaremos na sidrería Camino cos conceptos de turismo rural, sustentabilidade, dixitalización e emprendemento”.

    A axenda “A provincia que queres é sostible” rematará o 27 de setembro, día no que terá lugar unha folga xeral mundial. Neste eido, o lema da Deputación é “Emerxencia Climática” e baixo esta denominación desenvolverase unha tripla acción que abrangue dende a moción sobre emerxencia climática (que se presentará no pleno que se celebra ese día), ata un parón de 4 minutos e 15 segundos entre as 11 e 12 da mañá e, pola tarde, a conferencia “O espazo natural como ámbito de vida”

    O compromiso co medio ambiente cara a transición ecolóxica, xunto á igualdade, son as grandes áreas protagonistas do novo mandato de Carmela Silva. Neste eido, a presidenta resumiu moitas das iniciativas que xa están postas en marcha como a compostaxe, o programa de Economía Baixo en Carbono, a mobilidade sostible e infraestruturas que buscan a recuperación dos espazos públicos, o programa de promoción do cultivos ecolóxicos e da eliminación de especies invasoras como eucaliptos e acacias, proxectos como ESTRAEE para mellorar a xestión dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, as campañas de concienciación contra os plásticos e cabichas, así como o compromiso da Deputación coa ONU e a OMS a través do BreathLife.

    No caso concreto da compostaxe, un dos grandes proxectos da Deputación de Pontevedra que é xa exemplo en España e Europa, a presidenta adiantou que mañá venres estará xunto ao vicepresidente provincial un dos responsables de Zero Waste Europe para lanzar unha publicación sobre o Plan Revitaliza.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.