O pasado domingo 1 de setembro Prado Surf Escola proclamábase, por duodécima vez consecutiva, Campión Galego por Equipos no Campionato Galego de Surf que se disputou nas augas coruñesas da praia de Caión.
Durante a fin de semana case 200 deportistas dábanse cita no areal coruñés para competir no Campionato Galego, tanto individual coma por equipos, organizado pola Federación Galega de Surf e Bodyboard. Unha proba que conta co apoio da Xunta de Galicia e Abanca, e que ademais é clasificatoria para o circuíto nacional.
Os integrantes do Prado Surf Club, fixeron o que nos teñen acostumados: dende as categorías sub 12 ata Open e Master, os e as de Nigrán fixéronse ata con 14 postos gañadores. Entre as vitorias máis relevantes cabe destacar o primeiro posto de Erika Lago en Sub 16 feminino, Manuel Fernández en Sub 16 masculino e Derick Rey que conseguiu o primeiro posto na categoría Master.
Ademais, Prado Surf Escola volveu proclamar Campión Galego por equipos por duodécima vez consecutiva, unha vitoria que, como sinala o propio club “recompensa todo o traballo realizado polo equipo que hai detrás da Escola e especialmente dos adestradores Derick Rey, Pablo Occy, Pedro Aceval, Pablo Romero, Pedro manso, José Dominguez e Antón San Ildefonso.
Hai anos xa que a escola aposta por manter a un equipo forte e sólido para competir tanto nos circuítos galegos como nacionais, ademais dos adestramentos semanais en varias praias das costa galega e portugesa, Prado Surf Club organiza viaxes de perfeccionamento todo o ano ás mellores praias de Francia ou Maldivas.