8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránO "Verán Deportivo" da Deputación chega ás praias de Nigrán

    O “Verán Deportivo” da Deputación chega ás praias de Nigrán

    O programa combina volei praia, futvolei e tenis praia con iniciativas sociais e medioambientais

    Entre o 10 de xullo e o 15 de agosto as praias de Baltar en Sanxenxo, Lourido en Poio, Panxón en Nigrán e Rodeira en Cangas encheranse de “vida” a través do “Verán Deportivo” un programa que patrocina por vez primeira a Deputación de Pontevedra co obxectivo de converter á provincia, en palabras da presidenta Carmela Silva, “nun grande referente dos deportes de praia no conxunto do Estado e de Galicia”. A presidenta provincial xunto a concelleiras/os de Deportes de Poio (Marga Caldas), Nigrán (Luis Sanromán), Sanxenxo (Daniel Arosa), representantes das Federacións Galegas de Tenis (Marco Casal) e Voleibol (Alberto García), amais das deportistas Begoña Montenegro  (7ª no Campionato de España de Tenis Praia por comunidades) e Aida Pérez (Campioa galega de Volei Praia), e dun dos pioneiros do futvolei, Enrique Herrera, deron a coñecer o calendario e obxectivos desta actividade deportiva que combina volei praia, futvolei e tenis praia con iniciativas sociais e medioambientais.

    “Cada día é maior o número de persoas que cando elixen un lugar para desfrutar das súas vacacións buscan vivir experiencias e participar activamente do espazo público. Verán Deportivo é un deses proxectos conxuntos que tanto nos gustan na Deputación de Pontevedra, clave para atraer o turismo non masificado e sostible que estamos a promover”, remarcou a presidenta na presentación do evento. Carmela Silva tamén destacou a implicación de diferentes administracións públicas e federacións deportivas na actividade, nesta proba deportiva, enxalzando a suma de sinerxías para converter a Pontevedra “na provincia referente dos deportes de praia no conxunto do Estado e de Galicia”. Neste eido, os representantes dos concellos, federacións e deportistas, que agradeceron o apoio da Deputación co patrocinio do “Verán Deportivo”, subliñaron o feito de achegar o deporte ás praias e as condicións de seguridade nas que se desenvolverán as modalidades deportivas.

    O “Verán Deportivo”, que prevé a participación de 380 persoas aínda que mobiliza a moitas máis, contará con competicións de volei praia, futvolei e tenis praia nas modalidades feminina, masculina e mixta. Estará aberto a maiores de 16 anos e cada fin de semana acollerá dúas competicións: unha para persoas federadas e outra dirixida a amateurs.

    Calendario

    O evento arrancará os días 10 e 11 de xullo con volei praia en Panxón (Nigrán). Os días 17 e 18 de xullo continuará na praia de Baltar de Sanxenxo con tenis praia e futvolei e, no mesmo espazo pero os días 24 e 25 de xullo, con volei praia. Os días 31 de xullo e 1 de agosto a praia de Rodeira en Cangas acollerá tenis praia e futbolei. Xa en agosto, os días 7 e 8, terán lugar as competicións de volei praia en Lourido, Poio. “Veran Deportivo” rematará a fin de semana do 14 e 15 de agosto con tenis praia e futvolei tamén en Lourido, Poio. Amais das competicións de volei praia, futvolei e tenis praia haberá tamén en cada concello sesións de formación sobre estas disciplinas deportivas para as crianzas, que terán lugar, todas elas, o venres anterior ao inicio das probas.

    “Verán Deportivo”, que regresa tralo parón do 2020 por mor da covid, dá sentido ao deporte como elemento integrador en accións sociais e medioambientais.  De feito, trátase dun evento comprometido coa mellora da empregabilidade das persoas en risco de exclusión social e ofrece un compromiso co coidado do medio ambiente na recollida selectiva de todos os envases utilizados nas competicións. Amais pretende fomentar a práctica do deporte e dos hábitos saudables e de benestar nas praias.  

    Xunto a “Verán Deportivo”, a Deputación de Pontevedra tamén está a colaborar ao longo deste ano con outras actividades entre as que se atopan a “Epic Race”, o Costa Atlántica Triple Coroa de natación, o Trail League BTT e a Golden River Race de piragüismo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.